Preto de 200 familias do Porriño recibirán nos próximos días as axudas enmarcadas no Bono Enerxético, o programa de axudas de directas para paliar as situacións de pobreza enerxética no municipio. Cando aínda non finalizou o prazo de solicitude, os Servizos Sociais do Concello do Porriño resolveron xa 171 solicitudes o outras 26 se atopan en tramitación.

O concelleiro de Benestar Social, Abel Estévez, lembro que as persoas beneficiarias do programa recibirán unha axuda directa de 300 euros, que no caso das familias numerosas ascenderá a 450 euros, e tamén que o prazo para solicitar as mesmas continúa aberto.

As axudas poden solicitarse aínda ata o 15 de novembro de 2023 presentando unha solicitude no Rexistro Municipal do Concello do Porriño. Os impresos para facelo están a disposición da veciñanza nas oficinas do departamento de servizos sociais municipais (3º andar do edificio consistorial).

Poderán solicitala as persoas titulares dun contrato de subministro eléctrico ou enerxético, con vivenda habitual no Porriño, que figuren clasificadas nalgunha das modalidades de bono social eléctrico na data de solicitude.

Tamén outras persoas en situación de pobreza enerxética, como aquelas que non atopándose nalgún dos colectivos anteriores reúnan os requisitos de nivel de renda familiar de bono social eléctrico, pero non o teñan acadado por cuestións non imputables á propia persoa solicitante. Poderán tamén acceder ás axudas persoas que precisen do mantemento do subministro eléctrico para garantir a correcta cobertura de tratamentos médicos.

“Somos conscientes dos efectos que o contexto económico actual está a ter na veciñanza e que está a agravar a situación de vulnerabilidade de moitas familias do Porriño”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “É importante priorizar a atención que se lles presta con recursos e medidas que lles axuden a continuar”.