O Encontro de Rondallas do Porriño reunirá a 10 agrupacións o vindeiro domingo

As rondallas volven ser as protagonistas do Nadal porriñés. O vindeiro domingo 8 de xaneiro a vila do Louro acollerá o tradicional Encontro de Rondallas do Porriño, no que se darán cita dez agrupacións.

Participarán a Rondalla da Asociación de Veciños Galiñeiro de Vincios (Gondomar), a Rondalla Nosa Merced de Chaín (Gondomar), a Rondalla Santiago de Parada (Nigrán), a Asociación Club Rondalla Santiaguiño de Guizán (Mos), a Rondalla Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos (Mos), Rondalla Círculo Recreativo e Cultural de Torroso (Mos), Rondalla Círculo Recreativo e Cultural de Herville (Mos), a Asociación Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro (Tui) e as anfitrionas, a Rondalla da Asociación Recreativa Santa Eulalia de Atios  e a Asociación Cultural Musical Rondalla de Pontellas.

Será como cada ano no Pavillón Municipal e, no caso de que a choiva non o impida, estará precedido dun pasarrúas no que participarán todas as rondallas e que dará comezo ás 17 h. 

A entrada é libre e de balde ata completar aforo.  As portas do municipal abriranse ás 17:15 h. 

45 porriñesas formáronse xa no programa Galegas Dixitais

45 porriñesas participaron xa no programa de formación para a dixitalización das mulleres “Galegas Dixitais”. A segunda quenda desta acción formativa, que se iniciara o pasado mes de novembro,  finalizou esta semana e, tras o éxito obtido e a gran demanda, porase en marcha unha terceira edición para que as interesadas en participar que aínda non puideron facelo non perdan esta oportunidade.

Dará comezo a finais do presente mes de xaneiro ou principios de febreiro e poderán participar todas aquelas mulleres interesadas que se atopen en situación de desemprego ou que teñan solicitada a mellora de emprego, co fin de aumentar as súas capacidades e incrementar a empregabilidade.

Como nas pasadas edicións, todas as participantes recibirán gratis un ordenador portátil co que realizar o curso e tamén poñer en práctica o que aprenderon unha vez finalizado.

Lembramos que o programa formativo contempla tres bloques, de 40 horas de duración cada un deles: Competencias Dixitais Básicas, Competencias Dixitais Avanzadas e Competencias Dixitais para o Emprendemento. As interesadas poden inscribirse xa enviando un email a orientacion@porremprego.org ou orientacion@oporrino.org, tamén presencialmente nas oficinas de Porremprego ou chamando ao teléfono 604 039 575

A Cabalgata dos Reis Magos encherá de maxia O Porriño o 5 de xaneiro

O Concello do Porriño ten o pracer de anunciar a visita das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente. Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán ao Porriño en camello o día 5 de xaneiro. Irán acompañados dun enorme séquito formado polos seus paxes reais, a rondalla de Atios, a rondalla de Pontellas, o Tren do Nadal,  os seus amigos da Patrulla Canina e moitos persoaxes que farán as delicias dos máis pequenos e pequenas na noite máis máxica do ano.

Os Reis sairán nas súas carrozas cara o centro ás 18 h da rúa Doantes de Sangue. Percorrerán Antonio Palacios, continuarán por Domingo Bueno, Fernández Areal, Manuel Rodríguez e Ramón González ata chegar á praza Arquitecto Antonio Palacios.  As súas Maxestades repartirán 1000 kg de caramelos sen glute para os nenos e nenas.

Unha vez alí, subirán á Casa Consistorial onde recibirán ás nenas e nenos que se acheguen a saudalos, escoitarán os seus desexos, collerán as súas cartas e conversarán con eles antes da máxica visita que lles farán pola noite.

Recomendacións de seguridade

  1. Non utilizar o paraugas para recoller os caramelos. O seu mal uso pode ser perigoso.
  2. Non baixen das beirarrúas nin salten os valados de seguridade. Manterse a unha distancia prudencial das carrozas é sempre unha boa opción.
  3. Lembren que unha carroza parada pode poñerse en marcha en calquera momento, así que é mellor non deixar que as crianzas se acheguen a elas.
  4. É importante colocar ás crianzas en lugares seguros e a unha distancia prudente das carrozas.
  5. Non distraer aos conductores que levan os vehículos da Cabalgata.
  6. Non perder de vista ás crianzas. Pode soar obvio pero telos localizados en todo momento evitará algún que outro susto.
  7. É recomendable que as crianzas leven anotado nunha pulseira ou tarxeta o seu nome e un teléfono de contacto por sí se perden.
  8. Explicar aos nenos e nenas que deben facer no case de perderse: dirixirse a un axente da Policía Local ou a un voluntario de Protección Civil.

Entregados os premios do II Concurso de Postais de Nadal

O Centro Cultural acolleu onte o acto de entrega dos premios aos/as gañadores/as do II Concurso de Postais de Nadal convocado pola concellería de Educación e Normalización Lingüística. Os premiados en cada categoría foron:

1. O 1º premio foi para Uxía Rodríguez Mouriño, o 2º para Uxía Pérez Alonso e o 3º para Alba Saavedra Ferreira.

2. O 1º premio foi para Eva Vila Comesaña, o 2º para Aldara Pereira e o 3º para Roberto. Accesit para Manuel

3. Os premiados foron Alberto Francisco Machado e Noemi Martíns de Jesús

Os premios están basados en lotes de material escolar.

Parabéns!!

365 días traballando por unha igualdade real e efectiva

A concellería de Igualdade, que dirixe Carolina González, vén de facer balance do camiño percorrido no último ano.

“Dende o inicio entendemos que esta era unha área á que non se lle estaba a dar a importancia que ten e apostamos pola introdución transversal da perspectiva de xénero en todas as políticas municipais”,  explicou a concelleira, Carolina González,  “En definitiva, estamos  a facer da igualdade o eixo vertebrador da nosa liña de goberno para dar pasos reais e efectivos”.  

“Non imos limitarnos a reivindicar ou conmemorar dous días ao ano”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Plantexamos un plan de intervención e traballo anual e continuo xa que a igualdade e os dereitos das mulleres deféndense todos os días”.

Para facelo posible, o novo executivo duplicou a inversión nesta área destinando máis de 40.000 euros.

A conciliación e corresponsabilidade, a atención especializada e eficaz ás mulleres vítimas da violencia de xénero, a concienciación e sobre todo, a educación, marcaron a folla de ruta en materia de igualdade.

No tocante á conciliación e corresponsabilidade, reactiváronse os campamentos en períodos non lectivos co fin de fomentar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar nos que participaron preto de 400 nenas e nenos de entre 3 e 12 anos de idade.  Desenvolveuse o campamento de semana santa, o de verán e o de Nadal, púxose en marcha por primeira vez o servizo de ludoteca durante os meses de outubro e novembro e nestas vacacións de Nadal estase a desenvolver os talleres de fomento da corresponsabilidade dirixidos á infancia e á adolescencia. “Estas actividades dan resposta á demanda das familias de contar cun recurso de conciliación durante as vacacións escolares e incluso como actividade extraescolar”, apuntou a concelleira.

Pero xunto con estas, celebráronse outras dirixidas directamente ao alumnado adolescente, como o Escape Room que se celebrou nos institutos con motivo do 8M. Tamén se deu voz á toda a cidadanía para que aportaran as súas achegas e opinións coa iniciativa “Voces na rúa” que acadou unha gran participación de mulleres, homes nenas/os e adolescentes.

 

A atención especializada, eficaz e inmediata ás mulleres foi e segue ser un obxectivo da Concellería de Igualdade do Concello do Porriño, para o cal se impulsou a participación do persoal técnico encargado desa atencion en accións formativas ao longo do 2022 , para a súa reciclaxe e mellora nas intervencións para con elas. Destacar que o número de atencións neste senso aumentou considerablemente.

 

Este ano ademais coa participación do departamento da Policía Local e de igualdade, ubicouse en lugar extratéxicos durante as festas locais ,o 8 M e o 25 N , un  Punto violeta para informar e no seu caso, intervir recurrindo ao persoal técnico e profesional axeitado para dar unha resposta rápida e axeitada ante unha agresión.

 

Como non podía ser doutra forma, en días sinalados como son o 8M e o 25M, impulsáronse programacións específicas para seguir apostando pola concienciación e visibilización desta realidade.

 

 

O Pre-Fin de ano trasládase á rúa Domingo Bueno, onde se instalará unha gran carpa para festexar pese á choiva

Ante as previsións meteorolóxicas para o vindeiro venres 30 a celebración do Pre Fin de Ano no Porriño trasládase á rúa Domingo Bueno. Alí, instalarase unha gran carpa de preto de 1.000 m2 que acollerá todas as actividades da programación.

Como estaba previsto a festa dará comezo ás 11:30 h da mañá cos pequenos e pequenas como protagonistas xa que terán o seu Pre Fin de Ano Infantil con actividades e animación a cargo das As Maimiñas, unha sesión DJ Mini e concurso de atuendo polo que é importante que veñan ben elegantes para participar. Por suposto, as doce badaladas soarán para despedir o ano a cargo do grupo porriñés King Kids, que farán unha previa do concerto que ofrecerán pola tarde. Haberá cotillón especial para todos!.

Arredor das 19 h dará comezo o concerto dos  King Kids e de seguido comezará a soar baixo a carpa a música das rondallas de Atios e Pontellas. Pero a festa non para e de seguido comezará a soar a música da orquestra La Fórmula que, xunto a actriz Rebeca Stones e ao reputado dj Michael Chenlo, que actuará despois, serán os encargados de de dar as badaladas coas que diremos adeus ao 2022 e recibiremos o novo ano. Por suposto haberá uvas e cotillón para facelo por todo o alto.

O Porriño contratará a 21 persoas para reforzar os servizos municipais

O Concello do Porriño abre o proceso de selección para a contratación de 21 persoas desempregadas que desenvolverán funcións en diferentes servizos municipais.

Serán concretamente 1 oficial de carpintería, un de soldadura, un de albanelería, un tractorista-condutor con guindastre e dous peóns de obra pública para o Departamento de Obras;  8 peóns forestais para o Departamento de Parques, xardíns e limpeza; 1 auxiliar de enfermería para a Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) e 6 conserxes para diferentes departamentos municipais.

Estas contratacións efectuaranse con cargo ao Plan Concellos 2023 da Deputación de Pontevedra e o Concello do Porriño fará unha aportación de preto de 50.000 euros.

“Para nós é unha prioridade contar con persoal para poder prestar os servizos públicos aos que á cidadanía ten dereito e neste momento os nosos medios son insuficientes. Por iso estas contratacións non só servirán para incorporar ao mundo laboral a 21 persoas que se atopan en situación de desemprego, senón que permitirá ao Concello atender ás necesidades da veciñanza como corresponde”, sinalou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

Hai que destacar que as persoas que se van contratar terán que estar inscritas no Servizo Público de Emprego que será o encargado de facer a preselección, por iso é importante que todas as persoas interesadas se inscriban nos seguintes códigos de ocupación  para cando se presenten as correspondentes ofertas de emprego:

  • 1 Oficial 1ª de carpintería: 71311049
  • 1 Oficial 1ª soldador: 73211020
  • 1 Oficial 1ª de albanelería: 71211015
  • 1 Oficial 1ª tractorista-condutor con grúa e outros servizos: 83221013
  • 2 Peóns de obra pública: 96011029
  • 9 Peóns forestais: 95431028
  • 1 Auxiliar de enfermería: 56111013
  • 6 Conserxes: 58331022

O II Concurso de Postais de Nadal do Porriño xa ten gañadoras/es

A segunda edición do Concurso de Postais de Nadal do Porriño xa ten gañadores. O xurado, presidido polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e formado pola concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Carolina González, o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, a técnico de normalización lingüística, Andrea González, e o deseñador gráfico e publicista, Juancho, ditaminou hoxe por unanimidade outorgar os premios ás seguintes gañadoras/es en cada categoría:

 

  • Categoría 1: de 3 a 6 anos. O 1º premio é para Uxía Rodríguez Mouriño (3 anos), o 2º é para Uxía Pérez Alonso (3 anos) e o 3º para  Alba Saavedra Ferreira (6 anos)
  • Categoría 2: de 7 a 11 anos. O 1º premio é para Eva Vila Comesaña (7 anos), o 2º é para Aldara Pereira (9 anos) e o 3º é para Roberto (9 anos)
  • Categoría 3: de 12 a 14 anos. Dado que só se presentaron dúas postais nesta categoría outórganse dous premios iguais ás dúas persoas participantes. Un deles a Alberto Francisco Machado (12 anos) e o outro a Noemi Martíns de Jesús (12 anos)

O xurado acordou tamén, por unanimidade, conceder un accésit dentro da categoría 2 a Manuel (7 anos).

Lembramos que o acto de entrega dos premios terá lugar o martes 3 de xaneiro de 2023 ás 17 h no Centro Cultural Municipal.

A licitación as obras de humanización das rúas Buenos Aires e Progreso, que suporán un investimento de case 1M€ e comezarán a executarse na primavera

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañada polo alcalde, Alejandro Lorenzo, avanzou hoxe a licitación das obras de humanización das rúas Buenos Aires e Progreso, que suporán un investimento da Xunta de case 1 M€ e comezarán a executarse na primavera. Executaranse

Vázquez Mourelle achegouse esta mañá ata O Porriño para presentar na zona da avenida Buenos Aires a reforma integral que vai realizar a Xunta na vía autonómica PO-329 ao seu paso polo centro urbano. O obxectivo dos traballos, tal e como salientou, é “transformar unha estrada nunha rúa na que os coches ceden protagonismo en favor dos peóns”.

A conselleira explicou que a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe o inicio da contratación dos traballos para actuar nun treito de case 700 metros desta vía autonómica, na que se reforzará a seguridade a pé dos veciños, ademais de mellorar a accesibilidade e tamén o aspecto estético deste treito da vía, favorecendo a súa mellor integración urbana. As empresas interesadas teñen ata o vindeiro 23 de xaneiro para presentar as súas ofertas.

A previsión da Xunta é poder adxudicar as obras a finais de marzo para poder inicialas xa na primavera, co que se prevé ter rematadas as actuacións para o desfrute dos veciños a finais do 2023, xa que contan cun prazo de execución de 5 meses. A titular de Infraestruturas precisou que esta nova actuación na PO-329 dálle continuidade á intervención xa executada no treito inicial da vía autonómica. Trátase, en definitiva, dunha actuación “transformadora da accesibilidade, da seguridade peonil e da estética da PO-329 no Porriño”, concluíu Ethel Vázquez.

O alcalde, pola súa banda, agradeceu a Xunta “esta intervención de gran importancia para O Porriño xa que se trata dun dos principais accesos ao centro urbano” e ademais “contribuirá a dinamizar unha zona que pese a ser céntrica non era moi concurrida nin habitable polo estado no que se atopaba”. Trátase dunhas obras “moi demandadas dende hai tempo que transformarán por completo a contorna”

Actuacións

En liñas xerais, os traballos consistirán na execución de beirarrúas máis anchas, para o que se reducirá un pouco a anchura dos carrís de circulación; na reordenación das zonas de aparcadoiro en todo o treito de actuación; na renovación dos pavimentos, tanto das beirarrúas como dos aparcadoiros; e na rehabilitación da calzada.

Completarase a intervención coa dotación de mobiliario urbano: disporanse bancos, papeleiras, xardineiras e árbores; ademais de mellorar a iluminación con 22 novos puntos de luz e con 12 reforzos luminosos nos pasos peonís, para garantir unha maior seguridade.

Os traballos dividiranse en cinco treitos, en función das necesidades de actuación detectadas en cada un deles.

No primeiro tramo, entre as dúas interseccións coa rúa dos Muíños, que chega ao comezo do peche protexe as vías do tren, aumentarase o ancho da beirarrúa, reducíndose os carrís e deixando as prazas de aparcadoiro na marxe dereita.

No segundo treito, desde o comezo do peche de Adif ata o paso a nivel, reordenarase a sección actual da calzada para aumentar o ancho das beirarrúas, manténdose tamén aquí os aparcadoiros na marxe dereita.

O tramo tres vai desde o paso a nivel ata o cruce coa rúa Ponte do Valo, onde se proxecta unha plataforma compartida a nivel, de sentido único de circulación desde o mesmo paso a nivel ata a rúa Avelino Villasuso.

No cuarto treito, que descorre cruzando o río Louro e pasa baixo a autovía A-55, vaise mellorar a seguridade peonil, colocando pasos elevados e adaptándose á normativa de accesibilidade.

E no quinto treito, que acaba na glorieta da PO-331, reordenarase a calzada para gañar espazo para os peóns, reducindo o dos carrís, ademais de dispoñer sitio para os contenedores e aparcadoiros.

“O PORRIÑO PEQUE FEST” abre as súas portas con inchables, obradoiros e moitas actividades para os nenos e nenas

A ilusión das nenas e nenos son o motor do Nadal e por iso, o Concello do Porriño preparou unha gran festa infantil para poñer o broche e final ás celebracións: O Porriño PequeFest.

Así, o día 7 de xaneiro o pavillón municipal (pista 2) abrirá as súas portas para que os pequenos e pequenas disfruten de inchables, obradoiros, photocall con mascotas, animación e xogos.

O acceso será gratuíto en horario continuado de 12 a 20 h.  “Nestas datas tan especiais queremos ofrecer alternativas de ocio aos nenos e nenas para que disfruten das súas vacacións escolares”, afirmou a concelleira de Educación, Carolina González, “Gran parte da nosa programación de Nadal vai dirixida a eles/as, como non podía ser doutra forma, xa que son os pequenos/as os que poñen a maxia a estas datas “.

Pola súa banda,  o alcalde, Alejandro Lorenzo, convidou “a todos os nenos/as do Porriño a visitar O Porriño Peque Fest e disfrutar dunha xornada que nace por e para eles, para que poidan compartir e disfrutar xuntos do Nadal do noso pobo antes de volver ao cole”.