O persoal da Unidade Asistencial de Drogodependencias vacinouse hoxe

O persoal da Unidade Asistencial de Drogodependencias (U.A.D) do Concello do Porriño informa que acudiu hoxe ao Hospital Alvaro Cunqueiro para vacinarse coa primeira dose do inxectable de “Pfizer”. 
Os cinco traballadores da unidade municipal deberán recibir o 16 de de marzo, a segunda dose para a súa plena inmunización. 

Actualmente nesta unidade recíbense uns vinte pacientes por dia, xa sexa para consulta, tratamento ou control. Antes da pandemia, a media de persoas que acudían a esta unidade eran ó redor de 60 diarios pero os protocolos de seguridade anti-covid establecidos polo Servizo Galego de Saúde obrigaron a reducir.

A UAD do Porriño ten a súa dirección na rúa Domingo Bueno, 15- sótano, atende diariamente de luns a venres en horario matinal e de xeito gratuíto. Ofrece tratamento integral personalizado e multidisciplinar.

Atende a persoas con calquera tipo de adicción, xa sexa de sustancias legais (tabaco, alcohol) ou ilegais (cocaína, cannabis, opiáceos, etc) así como ludopatias e outras adiccións e que pertenzan a calquera concello da nosa área sanitaria.

 

 

68 vendedores instaláronse hoxe no mercado ambulante que se restaurou

Hoxe instaláronse 68 postos de venda na zona peonil de Porriño con motivo da reanudación do mercado ambulante que levaba tres semanas suspendido por decisión municipal.

Só instalaron vendedores con postos impares.  O vindeiro martes 2 de marzo corresponderá aos que teñan un número par. O acordo do goberno municipal é que o mercado volva celebrarse con 50% dps vendedores de cada quenda.

Sergio Casal, concelleiro de mercados, valorou “o resultado da reanudación dun xeito satisfactorio”. Considerou “moi positivo que os vendedores ambulantes poidan volver ao traballo e a vila se revitalice de novo” e eloxiou “a colaboración dos vendedores na observación das medidas de seguridade e distancia “, concluíu Casal Quintas.

O Concello pretende crear unha bolsa de emprego regular co sector da automoción local

David Alonso, concelleiro de Emprego está a manter reunións telemáticas con empresas do sector da auto moción con diversas propostas de colaboración que inclúen o establecemento dunha bolsa de emprego regular en atención ás necesidades do sector da automoción na comarca.

Asistiron á primeira reunión representantes das empresas “Ti Automotive”, “Tbsi Injectión”, “Magna Seating” e “Gestamp.”

Os contactos estabelecense a través do programa “Porriño Accede” aproveitando a colaboración mutua que manteñen desde hai tempo o Concello e este sector tan importante na economía local.

“Porriño Accede” é un programa dirixido a persoas desempregadas que ten como obxectivo proporcionar formación e prácticas en empresas cara a súa inserción laboral.

Dende o ano 2017 e por quinto ano consecutivo, empresas da automoción e o Concello colaboran con este cometido. A Concellería de Emprego e Formación propuxo un ciclo de reunións virtuais para tratar cuestións relativas ao Programa, que inclúen  a creación desa bolsa de emprego regular.

O Concello decide restaurar o mercado ambulante a partir deste martes

O Concello do Porriño anuncia que a partir de mañá martes restaurarase o mercado ambulante que leva tres semanas suspendido.

Segundo a decisión adoptada e comunicada hoxe aos restantes grupos da corporación local presentes na Comisión de Seguimento Municipal da Covid, o mercado restablecerase coa metade dos postos para garantir o cumprimento dos protocolos de seguridade e distancia.

Sergio Casal, concelleiro de mercados indicou que a Policía Local patrullará durante a mañá para garantir o cumprimento das medidas de seguridade.

O Concello agradece a colaboración e comprensión da veciñanza coa campaña de vacinación anti-Covid

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Seguridade, agradece “a colaboración e a paciencia dos cidadáns para que a campaña de vacinación para maiores de 80 anos que comezou hoxe no Centro de Saúde transcorra sen aglomeracións”, segundo a concelleira, Lourdes Moure.

No Centro de Saúde están convocados dende hoxe e nos vindeiros días, veciños de Porriño, Mos e Salceda, maiores de 80 anos, para vacinarse coa primeira dose.

A Policía Local habilitou a marxe dereita da rúa Doutor Paz Varela para o estacionamento de coches que transportan a estas persoas e que poden esperar a que remate o proceso de vacinación.  Esta circunstancia facilitou hoxe a espera que tiveron que manter os convocados para vacinarse, xa que o camión frigorífico que traía as vacinas chegou tarde e o proceso de vacinación comezou unha hora despois.

A este respecto, a concelleira de Seguridade “agradeceu a comprensión e a paciencia das persoas convocadas para ser vacinadas, así como das súas familias e acompañantes”, dixo Lourdes Moure.

Nova convocatoria de subvencións municipais ás comunidades de augas de consumo do Porriño


O Concello do Porriño anuncia as bases e convocatoria para a concesión de subvencións municipais ás comunidades de augas de consumo para o control sanitario, mantemento de instalacións e reparacións na rede de distribución durante o presente ano 2021.

A convocatoria, a través da Concellería de Infraestruturas e Urbanismo que dirixe Pedro Pereira, ten por obxecto apoiar e promover, en réxime de concorrencia competitiva, a concesión de subvencións entre as comunidades de usuarios de augas de consumo do Porriño que reúnan os requisitos establecidos nas bases.

O obxecto das axudas comprenderá a contratación de obras de reparación, substitución de redes de distribución cando non superen os 20 metros, así como os gastos correspondentes a analíticas de control sanitario e os gastos de mantemento e conservación en captación de augas, sistemas de almacenamento e potabilización e mantemento das instalacións.Para estas axudas estableceuse un importe máximo de 95.000 euros cun límite de máximo de 8.000 euros por asociación.

Nas bases establécense os requisitos a cumprimentar polos solicitantes, a documentación que se achegará, os criterios para a concesión das subvencións e a comisión técnica que avaliará as solicitudes. Coa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOPDEPO) ábrese o prazo para presentar as solicitudes.

No ano 2020 repartíronse un total 59.976 euros nas achegas municipais que acadaron dez comunidades solicitantes, conforme a resolución final da comisión de avaliación que presidiu o concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira asistido por tres técnicos municipais.

A Policía Local colaborará para evitar aglomeracións no Centro de Saúde coa ocasión do inicio da vacinación aos maiores de 80 anos

A Policía Local colaborará a partir do vindeiro luns 22 para evitar aglomeracións no Centro de Saúde onde comezará a vacinación contra a Covd de persoas maiores de 80 anos dos concellos de Porriño, Mos e Salceda.

O SERGAS ten previsto que cada día se vacinen no centro de saúde do Porriño a 100 persoas que previamente están convocadas para este fin.  O calendario de vacinación está programado entre as 8.30 e as 14.30 horas.  Cada persoa vacinada debe esperar 15 minutos despois da inoculación para evitar calquera tipo de reacción.

Con estas premisas, a Policía Local habilitará a marxe dereita da rúa doutor Paz Varela para o estacionamento de coches que trasladen e agarden polas persoas chamadas a vacinar.  Unha patrulla de axentes municipais colaborará para manter os protocolos de seguridade e a distancia entre as persoas, tal e como planificaron hoxe Lourdes Moure, concelleira de Seguridade Cidadá e Jesús González, xefe accidental da Policía Local.

O Concello acordou a reapertura dalgunhas instalacións deportivas


A Concellería de Deportes informa que o Concello do Porriño acordou reabrir algunhas instalacións deportivas de titularidade municipal para a práctica de actividades deportivas federadas a nivel autonómico nos termos e restricións que actualmente determina a Xunta de Galicia.
Por medio dun decreto da Alcaldía comunícase a reapertura das instalacións deportivas que acollen actividades federadas, “os límites e consideracións que se recollen no decreto da Xunta deben ser respectados polos deportistas”.
A decisión permite reabrir, polo momento, os pavillóns do Polideportivo Municipal, as pistas de tenis e pádel así como as pistas de atletismo.

O Concello renovou a súa adhesión ao protocolo “Vioxén”

Pedro Pereira, como alcalde accidental, asinou co coronel Simón Venzal,  xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, e en presenza de Maica Larriba, subdelegada do Goberno na provincia, a renovación da adhesión do Concello do Porriño a o protocolo “Vioxén”.  Trátase do programa de vixilancia e protección integral para as mulleres vítimas de violencia de xénero. O protocolo establece a colaboración entre a Policía Local do Porriño e as outras forzas e corpos de seguridade do Estado.

Antes da sinatura da renovación do protocolo, a subdelegada do Goberno informou de que os casos activos de vítimas de violencia de xénero baixo este sistema de vixilancia son 69 no partido xudicial do Porriño: 34 correspondentes a Mos, 24 a Porriño e 11 a Salceda.

Maica Larriba definiu que este modelo de colaboración entre administracións para protexer ás vítimas de violencia de xénero “é un bó exemplo de cogobernanza”.  “Para o Goberno que represento, a loita contra a violencia de xénero é unha prioridade e quero transmitir a mensaxe a todas as mulleres de que non están soas”, dixo a subdelegada.

Pola súa banda, o alcalde accidental agradeceu “este eficaz modelo de cooperación no que debemos empregar todos os recursos necesarios e que nunca será suficiente mentres haxa unha muller vítima de violencia de xénero”, engadiu Pedro Pereira.

No acto, celebrado este mediodía no salón de plenos do concello porriñés, tamén participaron as concelleiras de Seguridade, Lourdes Moure e Igualdade, Cami Moreira;  a xefa da unidade “Viogén” na provincia Manuela Vilaboy; mandos do cuartel da Garda Civil do Porriño e o xefe accidental da Policía Local.

O Concello prepara unha bolsa de axudas directas aos sectores económicos locais por un total de 140.000€

As comisións informativas municipais de Urbanismo, Igualdade e Economía prepararán a orde do día do próximo pleno da corporación local que abordará como asunto máis relevante a creación do fondo de axudas económicas directas para hostaleiros, comercio e autónomos afectados pola crise derivada da pandemia.

Dúas das comisións municipais celebraranse mañá xoves 18 pola tarde e por vía electrónica.  O luns 22 terá lugar o resto.  Entre elas, a comisión de Economía, que informará sobre a operación de crédito extraordinario que creará este fondo de axuda para os sectores económicos do Porriño máis afectados pola crise.  O importe total que se propoñerá será de 140.000 €, dos cales unha parte, 57.000 € corresponde á achega da Deputación, con cargo ao 1% do orzamento da institución provincial, e o resto págao o Concello.

A aprobación deste asunto levase ao pleno municipal a celebrarse o vindeiro día 24. Esa sesión estará presidida por Pedro Pereira como alcalde accidental.

Por decreto Eva García cede temporalmente a alcaldía a Pereira Fernández, como consecuencia dunha baixa debido a unha intervención cirúrxica á que será sometida este xoves e a posterior convalecencia.