- O alcalde, Alejandro Lorenzo, e os directores xerais de Amtega e Mobilidade visitaron hoxe o punto informativo na Avenida de Galicia para comprobar o funcionamento desta aplicación que permite pagar o autobús co móbil.
O Porriño, 21 de abril de 2026. O Concello do Porriño dá un paso decisivo na modernización do seu transporte público. O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, xunto co director xeral de Amtega, Damián Rey, e a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, visitaron esta mañá o punto informativo instalado na parada de autobuses da Avenida de Galicia para presentar a implantación da Plataforma Galega de Mobilidade 4.0 MoBT no municipio.
Esta ferramenta, impulsada pola Xunta de Galicia, permite aos veciños e veciñas do Porriño planificar as súas rutas e, como principal novidade, realizar o pago do billete directamente a través do teléfono móbil. Con este sistema elimínase a necesidade de portar unha tarxeta física, de acudir a oficinas bancarias ou de depender de recargas en caixeiros automáticos. Ademais o planificador de rutas permitirá atopar traxectos alternativos.
Ademais os descontos son automáticos no momento do pago, sen necesidade de tarxeta física e sen ter que desprazarte a caixeiros nin a oficinas.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, agradeceu a implicación da Xunta para que O Porriño se sume a esta iniciativa que comezou fai uns meses como proxecto piloto e que xa está activa en máis do 50% dos desprazamentos interurbanos da comunidade e que prevé acadar o 100% da rede autonómica antes de que remate o ano. “O Porriño séguese movendo”, aseguraba o alcalde.
“O obxectivo fundamental é mellorar a experiencia do usuario e fomentar o transporte público como unha alternativa real, eficiente e sostible para os porriñeses e porriñesas”, sinalou Lorenzo, quen animou á veciñanza a descargar a aplicación e comezar a utilizar este sistema de pago “máis áxil e cómodo”.
No Porriño, das 95 liñas da Xunta de Galicia está implantado xa en 90, segundo informaba Judit Fontela. Detacaba o sistema de planificación da viaxe tamén Damián Rey, como novidade. “Avances que permitirá a cidadanía utilizar mellor o transporte interurbán”.
Un moedeiro virtual e planificación multimodal
Segundo explicaron os representantes autonómicos durante a visita, a plataforma MoBT ofrece ás persoas usuarias unha conta na nube cun moedeiro virtual asociado. O saldo pode consultarse en tempo real e recargarse de forma sinxela desde a propia aplicación, dispoñible tanto para dispositivos Android como Apple.
Ademais do pago mediante códigos QR, a APP integra funcionalidades avanzadas como o buscador avanzado para facilitar a planificación multimodal de todos os desprazamentos por Galicia; a xestión de viaxes, cun histórico de traxectos e xestión de recargas en liña ou servizos baixo demanda, poidendo facer reservas de prazas para servizos que así o requiran.
Vantaxes para a xuventude: MoBT Xente Nova
Durante a presentación ante os medios, destacouse especialmente o impacto desta medida para os menores de 21 anos. A partir de setembr, coa solución MoBT Xente Nova, os beneficiarios da tarxeta homónima só precisarán rexistrarse na aplicación para gozar das 60 viaxes gratuítas ao mes, facilitando o acceso ao transporte público a este colectivo mediante unha interface 100% dixital.
A implantación desta solución, financiada con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, sitúa ao Porriño na vangarda da mobilidade intelixente en Galicia.

