A Xunta executará ou activará 15,7 M€ en investimentos no que resta deste ano no Porriño

Os delegados territoriais da Xunta en Vigo e Pontevedra, Marta Fernández-Tapias e Luis López, anunciaron este mediodía que o Goberno galego executará ou activará investimentos por 15,7 millóns de euros no que resta do presente ano no Concello do Porriño, segundo se analizou na primeira sesión conxunta da Comisión Provincial de ambas delegacións territoriais, celebrada na casa consistorial deste municipio da Louriña.

“O Porriño é un dos concellos máis importantes de Galicia, cun gran valor estratéxico, moito peso empresarial e unha dinámica ascendente, xa que foi o último en incorporarse ao destacado grupo dos 23 concellos galegos de máis de 20.000 habitantes. Ademais dinamiza social e economicamente a unha ampla contorna, polo que dende a Xunta apostamos de xeito global polas súas necesidades cuns fortes investimentos, que son perfectamente visibles, que proceden de todas as consellerías con moita intensidade e que amosan o absoluto compromiso do Goberno galego para colaborar co seu desenvolvemento”, manifestou Marta Fernández-Tapias.

Os delegados territoriais, acompañados polas dúas secretarias territoriais e pola ducia de xefes territoriais das distintas consellerías que conforman este órgano, foron recibidos no Concello polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e por outros representantes municipais e agradeceron a acollida e a cesión deste espazo para celebrar esta comisión ao abeiro do seu percorrido itinerante por toda a provincia. Cómpre sinalar que, no marco da política de descentralización e cercanía da Xunta por todo o territorio, estas xuntanzas de traballo xa se celebraron anteriormente en municipios como Covelo, Oia, O Grove, Campo Lameiro, Lalín, Marín, Pontecesures ou Rodeiro e chegan por vez primeira á bisbarra da Louriña.

Na reunión fíxose un estudo de situación das principais cuestións da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra, abordando a situación sanitaria da pandemia da covid-19 e a inoculación da cuarta dose da vacina, o axeitado inicio de curso en todas as etapas educativas, a parte final do Xacobeo, -ao que lle restan 82 días-, a fase final da época de alto risco de lumes forestais ou as distintas liñas de axudas para incentivar o consumo e axudar ás familias durante o outono, como o Bono Turístico 2022, o Bono Activa Comercio ou o Bono Cultura, entre moitas outras cuestións.

Así mesmo, e tal e como se fai en cada municipio que acolle a comisión, analizáronse polo miúdo os investimentos da Xunta, neste caso os 15,7 millóns de euros para o Concello do Porriño, co obxectivo de trasladar diversos aspectos ás distintas consellerías para que a súa xestión sexa o máis áxil posible.

As actuacións máis destacadas para o que resta de ano enmárcanse, principalmente, en cuestións sanitarias, educativas, empresariais e de infraestruturas, xa que figuran a ampliación, xa en marcha, do centro de saúde ata os 3.000 m2 (4,5 millóns de euros); o vindeiro Centro de Fabricación Avanzada de Automoción (4,3 millóns de euros); a rehabilitación integral do IES Pino Manso e outras melloras nos CEIP Xosé Fernández e da Ribeira, así como a implantación do Ciclo Medio de Pedra Natural no IES Ribeira do Louro, que suman 2,1 millóns de euros; ou as tres sendas para mellorar a seguridade viaria nas estradas autonómicas PO-407, PO-510 e PO-329. Deste xeito, xa están redactados os proxectos, para a súa próxima contratación, dos itinerarios peonís entre Budiño e o límite con Salceda (1 millón de euros), da vía cara ao municipio de Mos (200.000 euros) e da zona urbana da PO-329 (1,2 millóns de euros).

Tamén figuran o recentemente iniciado obradoiro de emprego, dotado con 504.000 euros, os 1,55 millóns de euros en investimentos sociais para o Servizo de Axuda no Fogar, as prazas de atención ao Alzhéimer, o Risga ou o Plan Concertado, aos que haberá que engadir o importe pola gratuidade de 396 prazas nas seis escolas infantís do municipio, as 40 prazas de atención a maiores ou a mellora de equipamentos na ducia de centros sociais do Porriño. Finalmente, a Xunta destinará máis de 310.000 á mellora de camiños rurais a través do Plan Marco é á renovación de equipamentos e infraestruturas urbanas co Fondo de Cooperación Local, o Fondo de Compensación Ambiental ou a orde de infraestruturas de uso público.

O Concello do Porriño reafirma a súa colaboración coas ANPAS

O Concello do Porriño vén de resolver as axudas municipais dirixidas a asociacións e entidades sen ánimo de lucro que desenvolven accións no eido da educación. A administración local dispuxo un total de 21.000 euros para axudas ás ANPAS do municipio e efectuou xa o primeiro pago -80%- ás asociacións beneficiarias.
 
En total foron tres as Anpas que solicitaron e xustificaron as axudas: a ANPA do CEIP Plurilingüe de Atios que o fixo para o Aula Madruga, a do CEIP Cruz Budiño, para actividades extraescolares e saídas culturais, ANPA Alborada para actividades extraescolares e a ANPA Oliveira para saídas culturais.
 
Cabe destacar que estas achegas suspendéranse os dous últimos cursos escolares pese a contar con partida no orzamento. O novo executivo local decidiu retomalas ao consideralas vitais para o correcto funcionamento da comunidade educativa.
 
A concelleira de Educación, Carolina González, quixo destacar “o fundamental labor que desenvolven as asociacións de nais e pais dentro da comunidade educativa, sobre todo no tocante á organización de actividades extraescolares tan importantes para os alumnos e alumnas e para facilitar a conciliación familiar”.

ECOYOUTH impulsa a sustentabilidade no Porriño con actividades dirixidas á mocidade

O Porriño acolle esta semana múltiples actividades dirixidas á mocidade no marco do proxecto europeo ECOYOUTH, no que participa o IES Ribeira do Louro.

A primeira delas será un seminario sobre reciclaxe que se desenvolverá mañá mércores, de 11 h a 13 h, no Centro Cultural Municipal. O obxectivo desta actividade é crear conciencia e ensinar aos mozos e mozas hábitos de reciclaxe, sobre todo nas zonas rurais.

Participa como moderador Rafael Alonso, enxeñeiro municipal do Concello do Porriño; Ana Pazó, licenciada en Bioloxía, Mestra Composteira; Amador Ordóñez, profesor do IES Ribeira do Louro e coordinador do proxecto europeo ECOBUILD. _Playing to Ecobuild for learning to protect Environment_,  e Manuel Viñas, enxeñeiro forestal xefe de servizo de FCC Aqualia e delegado dos servizos para o Consorcio de Augas do Louro.

O venres, ás 14:30 h no Restaurante Manolo,  celebrarase unha mesa redonda centrada na xestión de residuos industriais, contaminación ambiental e aforro enerxético. Na mesma compartiranse opinións e melloras e falarase de futuras colaboracións entre a industria e o Concello do Porriño a tal fin. Participarán Amador Ordóñez e Juana Ibernón, profesores do IES Ribeira do Louro, José Angel Lorenzo, gerente do Cluster do Granito, David Sobral, secretario xeral da FEGAPE, Carolina González e Rafael Alonso, en representación do Concello do Porriño e representantes de ACIPOR e AHOSPOR.

Por último, o luns 10 de outubro terá lugar a Andaina ECOYOUTH que sairá ás horas do Concello do Porriño e está dirixida á mocidade, a partir dos 14 anos de idade. A andaina, que ten o obxectivo de promover o valor paisaxístico e cultural da zona, estará guiada por persoal experto en sendeirismo e na natureza para profundizar nos puntos máis importantes do seu percorrido, entre eles as Gándaras de Budiño.

Para participar nas actividades é necesaria inscrición previa que pode facerse a través das seguintes ligazóns.

Seminario de Reciclaxe:

https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScZby-XSnACZDreJjeFmQOqnjonvMUt3j3W8OfvbTIPHkEPmA/viewform?usp=sf_link

Mesa Redonda:  https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScj-5eF1FH24PNKypbDMw2MDOEJMIdhLiCt1RTqC3B3zG_8Fw/viewform?usp=sf_link  

Andaina ECOYOUTH: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSdsV23yiWoN32CK38AS_PN1AnCTOn9cJ9gURX24ek0j3FJTcA/viewform?usp=sf_link

Arranca o curso de `Galegas Dixitais´ no Porriño

Hoxe deu comezo o curso Galegas Dixitais no que participan 20 mulleres do Porriño. Unha oportunidade única para adquirir coñecementos e competencias dixitais útiles para o seu día a día, mellorar a empregabilidade e emprendemento.
 
O programa, ao que se uniu o Concello do Porriño, está organizado por Beproject e Ara Formación e financiado polos Fondos Europeos NextGenerationEU e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
 
A actividade é totalmente gratuíta e agrúpase nos seguintes bloques:
  • Competencias dixitais básicas con 40 horas de duración
  • Competencias dixitais avanzadas con 40 horas de duración
  • Competencias dixitais para o emprendemento con 40 horas de duración

Noemí Fernández, gañadora de `Tes Talento?´

A porriñesa Noemí Fernández alzouse onte co primeiro premio desta edición do concurso musical Tes Talento?: 500 euros e a grabación dun tema.

O xurado deu como gañadora a esta moza tras unha interpretación maxistral do tema de Dreamgirls, “One night only”. “Todas as voces que escoitamos eran marabillosas, pero a de Noemí preponderaba sobre as demais e emocionounos a todos nas súas dúas intervencións”, destacou o voceiro do xurado, Carlos Tresandí. 

O segundo posto foi para o mosense Iker Faure, que conquistou ao público e xurado cun tema da súa autoría “Hasta que tú quieras” e o terceiro para a porriñesa Lucía Samoelle e a súa persoal interpretación de “La despedida”.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, foi o encargado de entregar os galardóns e aproveitou para dar a noraboa “a todos e todas as participantes que demostrastes que sen dúbida algunha aquí hai talento” e destacou “a boa acollida que teñen iniciativas como este concurso musical e todas aquelas actividades culturais que se propoñen, mostra de que O Porriño e a súa veciñanza ten unha enorme inquedanza cultural e, dende o Concello o respaldaremos”.

En total foron 12 os artistas que disputaron a final tras clasificarse nas dúas semifinais celebradas. O xurado, formado por Carlos Tresandí, Bienvenido Estévez, Carla Lourdes, Miriam Rodríguez e Felix da Silva, destacou a calidade artística de todas as propostas.

Xavi Arós, gañador do concurso infantil

Na modalidade infantil o gañador foi Xavi Arós, que se impuxo ao resto dos participantes coa súa interpretación do tema “SloMo”. En segudo lugar un grupo formado por Antón Pedreira, Fabio Ocampo, Javier Muíños e Mateo Pallares, os Generación M, que brillaron con “Miña Terra Galega”. Por último, Nora Rivas ocupou o terceiro posto tras interpretar “The one that got away”.

 

Inicia a súa actividade a Oficina Itinerante de Información Catastral do Concello do POrriño nas parroquias

O Concello do Porriño pon en marcha a partir da próxima semana a oficina de información e tramitación catastral que se instalará nas diferentes parroquias do municipio, en resposta ás demandas da cidadanía que estes días está a recibir os recibos do pago das cuotas do IBI resultantes da revisión da valoración catastral levada a cabo no ano 2020 polo Catastro (Ministerio de Facenda).

O servizo, no que se ofrecerá asesoría e facilitarán os trámites á veciñanza, percorrerá as parroquia de maneira alterna en horarios de tarde e de mañá.

As dúas primeiras quendas son as que siguen:

O Porriño  (Salón de plenos do Concello)

  • Luns 3 de outubro de 16 h-19 h / Mércores 12 de outubro de 11 h-14 h

Torneiros (Multiusos) 

  • Martes 4 de outubro de 16 h-19 h / Xoves 13 de outubro de 11 h-14 h

Atios (Centro Cultural)

  • Mércores 5 de outubro de 16 h-19 h / Venres 14 de outubro de 11 h-14 h

Pontellas (Centro Cultural)

  • Xoves 6 de outubro de 16 h-19 h / Luns 17 de outubro de 11 h-14 h

Budiño (Centro Cultural A Forna)

  • Venres 7 de outubro de 16 h-19 h / Martes 18 de outubro de 11 h-14 h

Chenlo (Centro Cultural)

  • Luns 10 de outubro de 16 h-19 h / Mércores 19 de outubro de 11 h-14 h

Carracido (Centro Culrual As Mimosas)

  • Martes 11 de outubro de 16 h-19 h / Xoves 20 de outubro de 11 h-14 h

 

As vindeiras quendas publicaranse nos centros culturais das parroquias e informarase nas redes sociais e páxina web do Concello.

 

 

 

 

 

 

O porriñés Gabri Veiga apadriña a XXIX Festa dos Callos 2022

Tras un mes completo de festas o domingo 2 de outubro, no Recristo como é tradición, a Festa dos Callos do Porriño poñerá o broche de ouro á celebración das festas patronais.

A festa gastronómica por excelencia do Porriño chega este ano á súa vixésimo novena edición e o fai cun padriño de luxo: o futbolista porriñés Gabri Veiga. O centrocampista do RC Celta de Vigo foi o encargado de presentar hoxe oficialmente o evento, nun acto no que estivo acompañado polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o presidente da asociación de hostaleiros AHOSPOR, José Manuel Fernández, a presidenta da asociación de comerciantes ACIPOR, Juana Pérez, e concelleiros e concelleiras do goberno local.

Veiga animou agradeceu a toda a organización, Concello, hostaleiros e comerciantes do Porriño, “que fagan posible esta festa tan nosa e que seguro durará moitos anos máis” e animou a todo o mundo a “participar e degustar os callos este domingo no Porriño”.

Pola súa banda, o presidente de AHOSPOR,  explicou que este ano “serán 30 os locais que participarán na festa ofrecendo racións de callos para todos os gustos, cada local ten a súa maneira de preparalos e haberá unha gran variedade de propostas”.

No mesmo sentido se manifestou a presidenta de ACIPOR, que destacou que “hai tantas propostas como locais” polo que animou “a todo o mundo a probalas para decidir cal é a súa favorita”.

O prezo da ración será de 7 euros e incluirá a tradicional cunca desta edición e pan do Porriño.

Antes de dar comezo a degustación que se ofreceu na praza e na que participaron moitos veciños e veciñas que se achegaron ao Concello e nenos e nenas do CEIP Antonio Palacios que acudiron á presentación, o alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo poñer en valor unha festa “que ademais de ser unha tradición para todos nós supón un verdadeiro revulsivo para a economía local, atraendo a miles de persoas ás rúas do noso pobo”. Lorenzo destacou que “os callos son un prato de gran arraigo no Porriño e hai tantas formas de cociñalos como fogares hai na vila. Neste sentido temos a honra de ser pioneiros na posta en valor deste prato e fomos os primeiros en celebrar unha festa na súa honra”.

O rexedor concluíu convidando a” toda a veciñanza do Porriño e da contorna a ateigar as rúas do Porriño o vindeiro domingo e degustar o manxar que a hostalería porriñesa propón para nós”.

Coque Malla trae ao Porriño “El viaje del astronauta gigante”

O artista madrileño Coque Malla actuará mañá venres 23 de de setembro (22 h) no exterior do pavillón municipal do Porriño para ofrecer un dos últimos concertos de ‘El viaje del astronauta gigante’. Será unha noite moi especial e a última oportunidade de ver a este artista referente do rock e o indie deste país en directo, polo menos durante un tempo, xa que anuncia un descanso indefinido nas súas xiras.

“A presenza e o impulso dun concerto como o de Coque Malla nas festas do Cristo dá á nosa  vila un plus de interese dentro da ruta do Camiño Portugués, e unha excusa perfecta para achegarse á gastronomía, ao patrimonio e, sobre todo, á cultura loca, que esa noite tamén terá presenza no escenario da man do artista local Raúl Ben”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

Coque Malla e a súa banda regresan coa súa nova xira ‘El viaje del astronauta gigante’ na que presentará as cancións do seu último disco. Un repaso a toda a súa traxectoria, desde o seu debut adolescente cos Ronaldos con cancións como ‘No puedo vivir sin ti’, ‘Adiós papá’ ou ‘Por las noches’, desde os grandes fitos da súa carreira en solitario, o camiño percorrido entre ‘Soy un Astronauta más’ e ‘La hora de los gigantes’ con grandes hits como ‘Me dejó marchar’”, ‘Berlín’ e ‘Un lazo rojo’, ata as súas colaboracións con outros artistas e, por suposto, os temas inéditos como ‘Una sola vez’, o seu último éxito.

Despois de tres anos moi intensos, cargados de concertos, esta xira é ademais unha última oportunidade para ver en directo a Coque Malla durante un tempo. Tras ‘El viaje del astronauta gigante’ Coque anuncia un descanso indefinido nas súas xiras, un punto de inflexión nos seus trinta e cinco anos de carreira, nos que o escenario foi sempre a súa gran paixón.

 

Contar cunha programación musical do Xacobeo 21·22 na vila, significa tamén ofrecer unha oferta atractiva para os peregrinos que necesariamente paran no pobo, ao ser fin dunha etapa e comezo da seguinte, con todo o que isto supón.  Ofrecerlles experiencias coma esta, en forma de música de calidade, de desfrute e goce na parada intermedia, ademais da gastronomía ou o patrimonio.

O concerto está programado para as 22 h e a entrada será libre ata completar aforo. Lembramos que, a continuación, celebrarase o “Louro Valley Festival”.

Volve o “Louro Valley Festival” con Maikel Delacalle como cabeza de cartel

O Porriño acolle mañá o regreso dun dos eventos musicais máis demandado, o “Louro Valley Festival”. O evento volve tras sete anos e o fai cun cartel de luxo: Maikel Delacalle, Groove Amigos, Traffic House, Khris Guez, Pitty, Diego Mariño e Samu Pexe.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, presidiu hoxe a presentación oficial do evento nun acto que contou coa presencia da Directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, os concelleiros Bienvenido Estévez e Carolina González, e os DJs André Vázquez, de Groove Amigos, e Khris Guez.

“Retomar este evento despois de sete anos é algo que me emociona, xa que nace da ilusión e da iniciativa de artistas locais de primeiro nivel que apostan por facer no seu pobo un evento á altura dos mellores”, explicou o alcalde,  “A mocidade e a veciñanza en xeral do Porriño merecen alternativas de ocio de calidade”.

No mesmo sentido se expresou André Vázquez, de Groove Amigos e un dos impulsores do festival que agradeceu o “respaldo do Concello do Porriño, que sempre apoia con especial agarimo estas iniciativas para que a xuventude do Porriño teña no seu pobo actuacións deste nivel que normalmente só se organizan en grandes ciudades” e tamén a disposición da Xunta de Galicia, e en concreto da dirección xeral de Xuventude que patrocina o evento, por “promover festivais como o Louro Valley e tender a man sempre para ofrecer o mellor”. “É un verdadeiro pracer estar aquí hoxe tras sete anos”, concluíu André.

Pola súa banda, a Directora Xeral de Xuventude, agradeceu ao alcalde que “tivese a ben facernos esta proposta que está pensada de xeito moi directo para que a mocidade poida ter unha alternativa cultural e de ocio no marco das súas festas e que ademais permite establecer dinámicas de amizade e compañeirismo que compre retomar tras a pandemia”.

O rexedor, concluíu agradecendo á Xunta de Galicia a súa colaboración xa que “sen eles non sería posible” e aos representantes do evento a “súa profesionalidade e empuxe”. “Só resta convidarvos a todos e todas a disfrutar do regreso do festival e decir ben alto: Longa vida ao Louro Valley e Longa vida ás Festas do Cristo”.

O evento celebrarase este venres 23 de setembro no exterior do Pavillón Municipal e a entrada é gratuíta. As portas abriranse ás 23:30 horas.

Continúa en Xylazel a rolda de encontros coas empresas para responder ás necesidades do tecido industrial

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Urbanismo e Medio Ambiente, Antía Carrera, visitaron hoxe a fábrica de Xylazel no Porriño dentro da rolda de encontros que están a manter coas empresas do municipio.

A empresa, fundada en 1975 por Zeltia,  foi adquirida no ano 2018  pola compañía holandesa AkzoNobel, que consolidou deste modo a súa aposta polo liderado en tratamento e pintura de madeira e metal, non só en España, senón no mercado mundial.

Con 40 persoas no cadro de persoal, parte importante deles veciños e veciñas do Porriño e a súa zona de influencia, as súas instalacións acollen na actualidade a planta de producción de dúas marcas do grupo: Xylazel, especializada no tratamento e pintura de madeira,e Oxirite, adicada á protección e pintura no metal.

“Que grandes compañías como AkzoNobel aposten por firmas do Porriño é sinal do potencial que ten a nosa industria”, afirmou o alcalde, “Xylazel garda unha estreita consolidade relación co municipio, o 90% dos seus provedores son empresas locais e  o groso da súa plantilla é do Porriño. Contan coa nosa man tendida, tanto eles como o resto de empresas dos nosos polígonos industriais, para que a industria do Porriño siga a ser un referente”.