A concelleira de Turismo do Porriño, Vanessa Ucha, participou onte na reunión mantida por representantes de todos os concellos que conforman o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño , do que forma parte O Porriño.

O Xeodestino acadou unha subvención de fondos europeos por valor de 1,5 millóns de euros ao abeiro da convocatoria extraordinaria do ano 2022 de Plans de Sostibilidade Turística en Destino PSTD, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e do Fondo Next Generetion EU.

Na xuntanza sentáronse as bases e concretouse a folla de ruta dos vindeiros meses, constituiuse un equipo de traballo e preparouse a firma do convenio que permitirá seguir avanza na execución do PSTD “A Despensa de Galicia”, que poñerá en valor a calidade e diversidade dos produtos do territorio.

Deste xeito, os concellos que conforman o Xeodestino pechan o mes de xullo dando un paso máis na súa estratexia turística común.