Comeza “Louriña TV Escolar”, unha canle de televisión escolar municipal por internet

A Consellería de Educación e a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX)anunciaron a posta en marcha, a partir deste mes de marzo, de “LOURIÑA TV ESCOLAR”, unha canle de televisión escolar municipal por Internet no Porriño.

Lourdes Moure, concelleira de Educación explicou que “esta canle online pretende ser un proxecto colectivo de innovación educativa, no que poidan estar implicados tódolos centros de ensino do Concello ao elaborar os seus propios programas de televisión”.

Moure enmarcou esta iniciativa, que definiu como “unha actividade súper innovadora” na “vocación do departamento que dirixo para seguir progresando no camiño que iniciamos coa consecución do título de Cidade Amiga da Infancia, coa celebración anual dos plenos infantís e dos numerosos programas de actividades que mantemos en colexios e institutos”, engadiu.

O desenvolvemento do proxecto realizase en colaboración coa entidade “Atelier Social”, representada na roda de prensa celebrada hoxe no Concello por Rubén Varela e Pedro Iglesias. Segundo explicaron o lanzamento desta canle virá acompañado dun obradoiro de formación audiovisual e de xornalismo para o alumnado participante, cos recursos e coñecementos suficientes para que os propios rapaces e rapazas sexan quen de realizar as distintas pezas audiovisuais.


“A primeira fase do proxecto se realizará de xeito experimental dende este mes e ata final de curso, con cada un dos centros participantes elaborando un programa piloto. A segunda fase arrancará ao comezo do curso que vén, cunha programación semanal estable”, segundo subliñou Pedro Iglesias.

 

 

O Concello comunica a súa “preocupación” polos atrasos na vacinación do persoal do SAF

 

 

O Concello do Porriño trasladou a súa “preocupación” á Dirección da Área Sanitaria de Vigo polos atrasos na vacinación do persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), atribuídos a “problemas técnicos”.

Na carta enviada hoxe desde a Alcaldía, indicase que “a día de hoxe cónstannos que soamente foron vacinados cinco traballadores dun total de cincuenta e cinco”.

A misiva que firma Pedro Pereira como alcalde accidental, remata solicitandolle “celeridade no proceso” a Javier Puente, xerente da Área Sanitaria de Vigo.

Presentada a II “Batalla de Debuxantes Improvisdado”, un certamen único e singular organizado polo Concello

Hoxe presentouse a segunda edición da “Batalla de Debuxantes Improvisdado”, un certame “singular e único que organiza o Concello do Porriño coa intención de crear novas formas de expresión artística, querendo romper estándares e normas non escritas da arte”, segundo anunciou Cami Moreira, concelleira de Cultura, Mocidade e Festas.

Para esta segunda edición “vaise simplificar o método de inscrición a través dun formulario nunha páxina web específica do concurso Improvisdados que ademais terá vídeos da edición anterior e un capítulo de preguntas frecuentes”, explicou Pablo Castiñeira, responsable de “Vella Escola”, entidade produtora do certame. A páxina web estará dispoñible de xeito inmediato.

Outra dúas novidades serán o aumento da bolsa de premios para os finalistas e o escenario onde terá lugar a final, que este ano representará un taller mecánico, cun coche incluído, como se pode ver na maqueta nunha imaxe adxunta. Precisamente ese escenario da final mudará este ano. Trasladase ao Parque do Cristo.

Cami Moreira manifestou que “no Porriño temos certa tendencia a localizar moitos eventos na praza do Concello e pensamos que é bo explorar outras zonas a ver como funcionan cun evento de visualización tan plástica”, segundo a concelleira.

Este concurso lanzouse no 2020, no primeiro estado de alarma como un estímulo para os creativos, para que puideran traballar dende as súas casas pese ao confinamento. Realizouse unha convocatoria por redes sociais para debuxantes que, de xeito profesional ou aficionado, desenvolveran algunha disciplina artística relacionada coa pintura. Entre os debuxos presentados, seleccionáronse seis artistas que concorreron á final celebrada nas Festas do Cristo nun escenario habilitado na praza do Concello. O artista alcumado “O Ras”, de Pontevedra foi o gañador daquela.

Ábrese prazo de inscrición para unha bolsa de formación e emprego, por acordo do Concello e empresas de automoción

O Concello do Porriño vén de reunirse en segunda sesión con empresas do sector da automoción para lanzar unha bolsa de formación e emprego no sector. David Alonso, concelleiro de Emprego mantivo hoxe unha reunión telemática con representantes de empresas do sector como “Ti Automotive”, “Magna Seating” e “Gestamp”.

As accións de preselección e formación dos interesados realízanse ao abeiro do programa “Porriño Accede” que convocará accións formativas e prácticas en empresas cara a inserción laboral das persoas participantes.

A partir do día de hoxe as persoas interesadas poderanse anotar na bolsa de formación, a través da páxina web de Porremprego ou enviando un correo electrónico á dirección formacion@porremprego.org.

Esta bolsa está dirixida a personas desempregadas.

Mañá presentase a segunda edición do certame “Batalla de Debuxantes Improvisdado”

A Concellería de Cultura e Festas que dirixe Cami Moreira anuncia a presentación mañá xoves, en roda de prensa, da segunda edición do certame “Batalla de Debuxantes Improvisdado”. A comparecencia terá lugar ás 12 horas no salón de plenos do Concello e xunto coa concelleira, participarán Noelia de la Fuente, responsable da Oficina Municipal de Información á Xuventude (OMIX) e Pablo Castiñeira, responsable de “Vella Escola”, entidade productora do certame.

Este concurso lanzouse por primeira vez no 2020, no primeiro estado de alarma “como un estímulo para os creativos, para que puideran traballar dende as súas casas pese ao confinamento”, como explicou entón Cami Moreira. Realizouse unha convocatoria por redes sociais para debuxantes que, de xeito profesional ou aficionado, desenvolverán algunha disciplina artística realacionada coa pintura. Entre os debuxos presentados, seleccionaronse seis artistas que concorreron á final  celebrada nas Festas do Cristo nun escenario habilitado na praza do Concello. O artista alcumado “O Ras”, de Pontevedra foi o gañador daquela.

Segunda quenda do ciclo “Marzo de Sábados Teatrais” coa representación de “Interferencia varada”

 

O vindeiro día 13 terá lugar a segunda quenda do ciclo “Marzo de Sábados Teatrais”, espectáculo teatral en liña, coa representación da peza “Interferencia varada”, a cargo de “Xerpo”, a partir das 21 horas.

Require inscrición previa. Ata a media noite do venres 12, as persoas interesadas terán que enviar un correo electrónico ao enderezo xerpoteatro@xerpocultural.com indicando o nome, apelidos e teléfono de contacto para facer a reserva.

Deixamos ligazón coa web do departamento de Cultura

Ciclo “Marzo de sábados teatrais”. Obra: “#InterferenciaVarada”

Xa está aberto o prazo para presentar solicitudes ás subvencións municipais para as comunidades de augas de consumo do Porriño

O Concello do Porriño informa de que xa está aberto o prazo para presentar as solicitudes para beneficiarse das subvencións municipais ás comunidades de auga potable, que este ano 2021 teñen un importe total de 95.000 €.

A convocatoria publicouse o pasado martes 2 no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO), entrou en vigor a partir do día seguinte e polo tanto, por un período de dous meses.

A convocatoria, a través da Concellería de Infraestruturas e Urbanismo que dirixe Pedro Pereira, ten por obxecto apoiar e promover, en réxime de concorrencia competitiva, a concesión de subvencións entre as comunidades de usuarios de augas de consumo do Porriño que reúnan os requisitos establecidos nas bases.

O obxecto das axudas comprenderá a contratación de obras de reparación, substitución de redes de distribución cando non superen os 20 metros, así como os gastos correspondentes a analíticas de control sanitario e os gastos de mantemento e conservación en captación de augas, sistemas de almacenamento e potabilización e mantemento das instalacións.

Para estas axudas estableceuse un importe máximo de 8.000 euros por asociación.

No ano 2020 repartíronse un total 59.976 euros nas achegas municipais que acadaron dez comunidades solicitantes, conforme a resolución final da comisión de avaliación que presidiu o concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira asistido por tres técnicos municipais.

Itinerarios formativos “Labora 2020” para persoas desempregadas

A Concellería de Emprego informa dos itinerarios formativos do programa “Labora 2020” da Deputación de Pontevedra. Trátase dun proxecto cofinancíado polo Fondo Social Europeo, de interese para persoas desempregadas do Porriño.

Son cursos que se imparten de xeito gratuito e destinados para quen se atope en algunha das seguintes situacións:  persoas desempregadas de longa duración; mozas e mozos menores de 30 anos non atendidos no Programa de Emprego Xuvenil; persoas maiores de 55 anos; persoas con discapacidade; inmigrantes; minorías étnicas e comunidades marxinadas.

Tamén a convocatoria abrangue a persoas sen fogar ou afectadas pola exclusión en materia de vivenda; vítimas de violencia de xénero, vítimas de discriminación por orixe racial ou étnico, orientación sexual e identidade de xénero; solicitantes de asilo; persoas con problemas de adicción; persoas reclusas e ex reclusas; persoas perceptoras de rendas mínimas ou salarios sociais; persoas con fracaso ou abandono escolar; e finalmente, outras persoas en situación de vulnerabilidade acreditada por un informe dos servizos sociais. 

Para solicitar a preinscrición son necesarios os seguintes pasos: 

•             Solicitar a formación correspondente na oficina de emprego correspondente ou no portal da Consellería de Economía, Emprego e Industria (http://emprego.xunta.gal).

•             Facendo a preinscrición na sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal/web/public/catalog/catalog-details.xhtml?idbduacproceduretype=72018166&siacode=2148482)

Os itinerarios formativos do proxecto Labora 2020 dispoñen dunha axuda económica de 13,45€ por día de asistencia para aquelas persoas que non teñan ingresos individuais de calquera natureza superiores ao 75% do IPREM e asistan ao 90% da formación.

 

O Concello realizou unha nova entrega de trampas contra a velutina

A Concellería de Medio Ambiente, a través do seu responsable, Sergio Casal, entregou a José Porto, en representación dos apicultores do Porriño, materiais para a loita contra o avance da vespa velutina.

O concelleiro entregou 120 litros de líquido atractivo e 30 trampas para protexer as colmeas da abella autóctona e a produción do mel galego.

Sergio Casal explicou que con esta nova achega xa hai máis de 300 trampas instaladas e distribuídas entre os produtores de todo o municipio para combater a praga da avespa velutina.

8M: Conmemoración do Día Internacional da Muller

O Día Internacional da Muller é unha data que se celebra en moitos países do mundo. Cando as mulleres de todos os continentes, a miúdo separadas por fronteiras nacionais e diferenzas étnicas, lingüísticas, culturais, económicas e políticas, únense para celebrar o seu día, poden contemplar unha tradición de non menos de noventa anos de loita en prol da igualdade, a xustiza, a paz e o desenvolvemento.

O Día Internacional da Muller refírese ás mulleres correntes como artífices da historia e afunde as súas raíces na loita plurisecular da muller por participar na sociedade en pé de igualdade co home. Na antiga Grecia, Lisístrata empezou unha folga sexual contra os homes para poñer fin á guerra; na Revolución Francesa, as parisienses que pedían “liberdade, igualdade e fraternidade” marcharon cara a Versalles para esixir o sufraxio feminino.

A idea dun día internacional da muller xurdiu ao final do século XIX, que foi, no mundo industrializado, un período de expansión e turbulencia, crecemento fulgurante da poboación e ideoloxías radicais.

A Carta das Nacións Unidas, asinada en 1945, foi o primeiro acordo internacional para afirmar o principio de igualdade entre mulleres e homes. Desde entón, a ONU axudou a crear un legado histórico de estratexias, normas, programas e obxectivos acordados internacionalmente para mellorar a condición das mulleres en todo o mundo.

Cos anos, a ONU e os seus organismos técnicos promoveron a participación das mulleres en condicións de igualdade cos homes no logro do desenvolvemento sustentable, a paz, a seguridade e o pleno respecto dos dereitos humanos. O empoderamento da muller segue sendo un elemento central dos esforzos da Organización para facer fronte aos desafíos sociais, económicos e políticos en todo o mundo.