O Concello non intervirá no Colexio de Budiño xa que a Xunta de Galicia asumirá as súas responsabilidades

 

A Concellería de Educación amosa a súa satisfacción de ter acadado que “en 24 horas a Xunta de Galicia asuma as súas responsabilidades” e, polo tanto, atenda o urxente arranxo da cuberta do CEIP da Cruz, en Budiño que presenta un risco importante, segundo acreditou un informe da arquitecta municipal.
A directora do devandito colexio, despois de recibir esta mañá a visita ao centro do xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, solicitou á concelleira Moure Varela que non envíe aos Bombeiros pasado mañá venres para a desmontaxe das partes da cuberta que se atopa en peor estado. A directora do CEIP indicoulle á concelleira de Educación que a Unidade Técnica da Consellería de Educación da Xunta manifestoulle que vai facer unha valoración da situación do inmoble e emitir un informe”.
Deste xeito, o Concello do Porriño “considerase eximido de calquera responsabilidade que poida acontecer” e, por outra banda, “quedamos ca plena tranquilidade de ter actuado en canto se nos demandou”, segundo valorou a concelleira, Lourdes Moure.

Porriño renovou a súa adhesión ao Programa Galego de Control da Vespa Velutina

O Concello do Porriño renovou a súa adhesión ao Programa Galego de Vixilancia e Control fronte a vespa velutina. Este programa é produto dun convenio creado no ano 2020 entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para coordinar actuacións fronte a esta plaga. 

Sergio Casal, concelleiro de Medio Ambiente informou que o Concello do Porriño adheríuse por segundo ano consecutivo. A alcaldesa Eva Garcia firmou esta semana o correspondente decreto. 

O Programa garante a retirada e destrucción dos niños de velutina coa colaboración do Concello. A veciñanza que atope niños nas suas propiedades o nas cercanías, deben comunicar co número de teléfono 012, servizo de Atención e Información á Cidadanía da Xunta de Galicia e premer na tegra número 1, para dar aviso.

Persoal da empresa pública “SEAGA” encargase da retirada sempre que estean a menos de 25 metros do chan e de facelo nun prazo de 5 días laborais.

O Concello de O Porriño recibirá e canalizará, a través do rexistro xeral, as chamadas dos veciños que alerten da existencia de niños e comunicará a información á Xunta de Galicia.  

 

 

Aberta inscrición para asistir á proxección da película “As silenciadas”

 
O vindeiro sábado 17, ás 19 horas, no Centro Cultural Municipal terá lugar a proxección do filme documental “As silenciadas”, programada pola Concellería de Cultura coa ocasión do 90 aniversario da II República.
Polos protocolos Covid, o aforo será restrinxido e previa inscrición, a través de correo electrónico no enderezo: cultura@oporrino.org
Ata o venres 16 de abril, ás 00:00 h., as persoas asistentes terán que enviar un correo electrónico ao enderezo cultura@oporrino.org indicando o nome, apelidos, teléfono de contacto e como asunto “As silenciadas”, para facer reserva dunha cadeira o día da proxección do filme, levando control do aforamento e poder contactar en caso de que xurda algún gromo da Covid-19.
A inscrición está unicamente destinada a persoas adultas, debido ao contido desta película.
No caso de non completarse aforamento coas reservas enviadas ao correo electrónico, completarase coas persoas que se acheguen o día da proxección, recollendo, igualmente, os datos de nome, apelido e teléfono de contacto.
Para máis información deixamos ligazón coa páxina web de Cultura.
 

O Concello insta á Xunta a mudar a cuberta do Colexio de Budiño que se vai desmontar en parte para evitar riscos

Lourdes Moure, concelleira de Educación inspeccionou hoxe xunto co enxeñeiro municipal e persoal do Parque de Bombeiros, o estado da cuberta do Colexio da Cruz, en Budiño. Dúas zonas do tellado do centro escolar supoñen un serio risco, segundo acreditou un informe da arquitecta municipal que o Concello xa remitiu á Consellería de Educación para que a Xunta de Galicia acometa a correspondente reparación. Tamén a dirección do Colexio solicitou formalmente á Consellería o arranxo urxente da cuberta.

Namentres hoxe procedeuse a sinalizar e valar a zona de máis risco ata que o venres se desmonte a cuberta, a partir das 10 horas. Persoal do parque comarcal de Bombeiros do Porriño en colaboración cos servizos técnicos municipais realizarán a desmontaxe das partes da cuberta que se atopan en peor estado.

A dirección do CEIP da Cruz notificará aos pais e nais de alumnos desta circunstancia e dos cambios nos itinerarios de entrada e saída do centro.

A Alcaldesa denegou un pleno extra que solicitaba o PP, “ao non constar acreditada a autenticidade das firmas dos concelleiros”

A Alcaldía de O Porriño denegou a convocatoria de pleno extraordinario que ven de solicitar o grupo municipal do Partido Popular “ao non constar acreditada a autenticidade das firmas e a vontade dos concelleiros solicitantes”. Como consecuencia a solicitude de pleno “non ven correctamente firmada polo número necesario de concelleiros” (unha cuarta parte dos membros da corporación).

A resolución da Alcaldía basease no exame da solicitude de pleno e da acreditación dos concelleiros firmantes al cotexalos con outros documentos existentes no Concello. Do que resulta que “só o voceiro, Alejandro Lorenzo presenta solicitude e firma electrónica con certificado recoñecido”.

A resolución da Alcaldía é concluínte ao engadir que “respecto da acreditación da identidade, firma e declaración do resto de concelleiros firmantes, só consta un garabato ou simulacro de firma ao final do documento”. E precisa as seguintes irregularidades: “non se identifica a autenticidade dos firmantes co seu nome e apelidos; non se identifica a autenticidade dos firmantes co seu DNI e non se formula a solicitude mediante documento ou firma electrónica como alternativa”.

Antes de firmar o decreto de denegación, a alcaldesa reuniuse e consultou o caso co Secretario Xeral do Concello. O voceiro do PP, Alejandro Lorenzo xa ten coñecemento da denegación da que foi informado polo Secretario.

O Delegado de Zona Franca entregou as chaves do local que acollerá a futura gardería infantil dos polígonos industriais do Porriño

David Regades, delegado do consorcio Zona Franca entregou este mediodía, en presenza da alcaldesa, Eva Garcia, as chaves do local que acollerá a futura gardería infantil dos polígonos industriais da Granxa e das Gándaras.

O local atópase no centro de servizos do Consorcio Zona Franca, no polígono da Granxa.

Beatriz Cabaleiro, directora da firma de centros de educación infantil “Trastes”, recibiu as chaves co propósito de axeitar as instalacións para a súa apertura no vindeiro setembro cunha capacidade para 74 nenos e nenas.

Desde xeito atendese unha demanda histórica da Entidade de Conservación de A Granxa e da Asociación de Empresarios de As Gándaras que por fin será implementada.

Inaugurada a exposición “Texturas dunha guerra invisible” no Centro Cultural Municipal

A concelleira de Cultura, Cami Moreira presentou a inauguración da exposición “Texturas dunha guerra invisible”, celebrada onte á noite no Centro Cultural Municipal.

O Porriño recibe esta mostra adicada ao conflito do Sáhara, da artista multidisciplinar Galia Baba Chamah, que chega ao abeiro da programación cultural do Concello para este mes de abril, promovida pola Concellería de Cultura.

A inauguración contou coa presenza da artista Galia Baba Chamah que xunto coa concelleira e outros asistentes visitaron a mostra. Ademais o acto contou coa actuación da pianista Ana Belén Rodríguez e a cantante Noelia Álvarez.

Inauguración da exposición “Texturas dunha guerra invisible” sobre o conflito do Sáhara

O Porriño recibe a exposición “Texturas dunha guerra invisible”, adicada ao conflito do Sáhara, da artista multidisciplinar Galia Baba Chamah, que chega no abeiro da programación cultural do Concello para este mes de abril, promovida pola Concellería de Cultura.

A inauguración será mañá sábado 10, ás 20:00 h., no vestíbulo do Centro Cultural Municipal. A presentación será a cargo da concelleira de Cultura, Cami Moreira Fontán e intervirá tamén a artista Galia Baba Chamah. De seguido haberá unha visita a exposición.

Esta actividade é máis que unha exposición converténdose nunha xornada de arte e música en directo, coa actuación da pianista Ana Belén Rodríguez e a cantante Noelia Álvarez que interpretarán cancións como “Aleluya” de Leonard Cohen; Lela, “Memory” de la banda sonora de Cats; e Sahara da Banda Tongo xunto con Nadhira Mohamed Buhoy.

Comeza o xogo “A Miña Avoa”, unha iniciativa do Concello para estimular o consumo no comercio e na hostalería do Porriño

A partir de mañá, sábado 10 de abril comeza o xogo “A Miña Avoa”, unha iniciativa do Concello en colaboración coas asociacións de comerciantes “ACIPOR” e de hostaleiros “AHOSPOR”, para estimular o consumo dos porriñeses no comercio de proximidade e na hostalería local.
A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) organiza este certame que promove o Concello, a través da Concellería de Festexos e co apoio da Concellería de Comercio e coa producción a cargo da firma “Especialistas Hípica Celta”.
O xogo, aberto a toda a cidadanía da vila, consiste na procura dun “tesouro”, premios de 50€ para consumir no comercio e na hostalería locais. Da protagonismo á economía local, non só coa súa implicación, senón tamén, porque os premios reverten no consumo das propias empresas locais.

É imprescindible para participar, facer previamente algunha compra nos establecementos asociados e dispor do ticket de compra correspondente. 


O xogo consiste en localizar páxinas dun xornal vello polos establecementos adheridos á iniciativa. Cada folla do xornal conteñen 3 enigmas distintos. A través deles, a veciñanza ten que adiviñar onde se atopa o “tesouro” escondido. Poida que se xogue ao engano, pero só na primeira ollada, posto que non é imposible de acertar.
En total son 145 establecementos do Porriño os que participan desta iniciativa que durará como máximo ata o 8 de xuño,
Deixamos ligazón co pdf das bases para maior información. e coa páxina web de de Cultura

https://ecultura.net/wp-content/uploads/2021/04/BASES_A-MINA-AVOA.pdf

 

Xogo “A miña avoa”

 

O Concello amosa a súa condolencia polo falecemento de Alvaro Cunqueiro que fora xefe da Policía Local

A alcaldesa, Eva Garcia; a concelleira de Seguridade, Lourdes Moure e o Inspector Xefe da Policía Local, Daniel Rodríguez acudiron esta mañá ao Tanatorio de Redondela a dar testemuña da condolencia do Concello do Porriño pola perda de Alvaro Cunqueiro, falecido onte aos 78 anos. Tamén esta tarde, unha delegación municipal acudirá ao funeral que se celebrará na igrexa de Santa María do Viso (18 horas). 

Cunqueiro chegou a Porriño procedente de Vigo e estivo en activo 25 anos, período no que fora xefe da Policía Local do Porriño ata a súa xubilación en 2008.

Na imaxe adxunta, sen dúbida histórica, aparece xunto co anterior alcalde, Xosé Manuel Barros, o anterior presidente da Xunta, Gerardo Fernández Albor; o viceprresidente, Xosé Luis Barreiro Rivas e co gobernador civil da provincia, daquela Virginio Fuentes.