A concelleira de Seguridade entregou as tarxetas acreditativas das voluntarias da campaña de control da poboación felina

Lourdes Moure, concelleira de Seguridade, asistida por Daniel Rodríguez, inspector xefe da Policía Local, entregou hoxe as tarxetas acreditativas ás voluntarias e voluntarios que participan na campaña de control da poboación felina que promove o Concello.  Deste xeito, existe un rexistro de control para o coñecemento da Policía Local e para cumprir o que esixe a normativa vixente da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outra banda, a concelleira informou de que o acordo para a esterilización da poboación felina xa se renovou por segundo ano.  Contratouse cunha clínica veterinaria local que nesta ocasión será “Lupus”, á que se adxudican 3.000 euros por estes traballos.

Un contedor amarelo xigante fronte á Casa Consistorial explica o reto “Recicla e Supérate”

Un contedor amarelo xigante instalado fronte á Casa Consistorial, actuando de expositor efémero para aprenderlle á cidadanía como reciclar adecuadamente no colector amarelo e así superar o reto “Recicla e Supérate”, promovido dende Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en colaboración coa entidade sen ánimo de lucro, dedicada á reciclaxe e á economía circular, Ecoembes.

Esta acción de impacto na rúa desenvólvese de simultaneamente nos 15 concellos galegos convocados nesta segunda edición do reto que ten como obxectivo último incrementar a conciencia de reciclaxe e seguir afianzando o hábito continuado entre a poboación.

Este reto ten unha premisa sinxela: os concellos participantes que melloren, cando menos un 10% a súa achega ao contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks) entre o 1 de febreiro e o 30 de abril, comparado co mesmo período do ano anterior, conseguirán un premio de 2.000 euros para dedicar a unha causa social local da súa elección.

O reto está convocado nos 15 concellos que participan nesta segunda edición e que terán que superarse a si mesmos. Concretamente, <<Recicla e supérate. Únete ao reto!>> desenvólvese en Ourense, Ferrol, Arteixo, Carballo, Ribeira, Ponteareas, Lalín, O Porriño, Boiro, Teo, A Estrada, Sanxenxo, Tui, Viveiro e Cambados.

Para conseguir que os concellos superen o Reto, están programadas unha serie de accións de comunicación coas que preténdese comprometer aos concellos e á cidadanía na mellora das cifras de reciclado de envases de plástico, latas e briks, nos seus respectivos municipios.

É por isto que durante os 3 meses de duración do reto, desenvolveranse diferentes actividades de comunicación como a instalación de contedores amarelos xigantes e stands/colectores, a planificación de intensas campañas en medios de comunicación e redes sociais etc. que teñen como finalidade animar á cidadanía a participar á vez que se lles aprende como reciclar mellor.

A xunta de voceiros coñeceu o plan de axudas Covid para a hostalería, autónomos e micro empresas que se levarán ao próximo pleno municipal

O goberno municipal confía en que a corporación aprobe no próximo pleno municipal que se celebrará na última semana do mes, as bases do plan de axuda económica directa aos sectores máis afectados pola pandemia.

“Temos que comunicar que todos os grupos políticos expresaron o seu acordo con esta convocatoria de axudas á hostalería, empresas, autónomos e outras actividades que estaban pechadas total ou parcialmente”, dixo David Alonso, concelleiro de Promoción Económica en relación ao debate celebrado na reunión de portavoces municipais celebrada na tarde de onte.

“Agardamos as achegas que os grupos municipais poidan facer nos próximos días e confiamos en que este plan de axudas dotado con 140.000 euros sexa aprobado no pleno deste mes que celebraremos en breve”, engadiu Alonso Bargiela.

 O concelleiro de Promoción Económica que presentou a proposta na xunta de portavoces, sinalou que entre as liñas de axuda, “Porriño incorpora como novidade o que chamamos” liña 4 “que permitirá destinar a subvención municipal para sufragar os gastos de compra de mercadoría relacionada coa reapertura da actividade económica “, declarou.

As outras tres liñas que aparecen nas bases da convocatoria son para gastos de aluguer e gastos xerais (dende o 1 de xaneiro deste ano); gastos relacionados á implantación do comercio on-line; e para amortizar gastos correntes do cumprimento da normativa sanitaria anti-Covid.

A proposta presentada polo goberno municipal porriñés contempla unha contía destinada a esta liña de subvencións cun importe total de 140.000 euros.

Cóntase coa axuda da Deputación Provincial que autoriza a utilización do 20% da liña 1 do Plan Concellos para financiar achegas económicas directas por importe de 57.861,02 euros, aportando o Concello dos recursos propios a cantidade de 82.138,98 euros ata acadar a cifra total na presente convocatoria de 140.000 euros o que supón un 1% do orzamento municipal total en vigor.

O límite por beneficiario establécese na cantidade de 1.500 euros para aqueles sectores que sufriron o peche total e 1200 euros para aqueles outros que estiveran limitados no horario de apertura ao público ou sufriran perdas significativas.

Este programa de axudas económicas directas, caso de acadar a súa aprobación no próximo pleno da corporación municipal, publicarase no BOPPO, e de seguido, abriríase o prazo para presentar as solicitudes.

A páxina web do concurso “Improvisdado” xa está dispoñible

 

A segunda edición do concurso “Batalla de debuxantes Improvisdado” xa ten o seu propio sitio web.
Foi realizado pola entidade “Vella Escola”, produtora do certame, organizado polo Concello de Porriño, a través da Concellería de Cultura e Xuventude.

A través desta ferramenta, proporcionaráselle a todas as persoas interesadas información sobre a convocatoria, o acceso á inscrición e incluso a carteira co deseño para presentar á selección dos finalistas que participarán no concurso, en setembro durante as Festas do o Cristo.

Deixamos ligazón

 

https://www.vellaescola.com/improvisdado/

O Concello únese á conmemoración do Día Internacional da Narración Oral

 

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Cultura, súmase á conmemoración do Día Internacional da Narración Oral que se celebrará o vindeiro sábado 20 de marzo. Por este motivo, celebrarase un espectáculo cun aforo restrinxido a 50 persoas, no auditorio ao aire libre do Centro Cultural Municipal (18.00 horas) a cargo da actriz Vero Rilo.

Narración oral por Vero Rilo: “E a ti… que che contaban?”. Conmemoración do Día Internacional da Narración Oral

A xunta de voceiros municipais estuda o programa de axudas económicas pola crise derivada da pandemia

A xunta de portavoces municipais do Concello estudará este martes na reunión convocada a partir das 18:00 horas, as bases e a convocatoria para a concesión de axudas económicas extraordinarias a autónomos, microempresas e pequenas e medianas empresas situadas en Porriño.  Trátase de minimizar a grave situación social e económica que teñen que soportar os empresarios que resultaron afectados na súa actividade mediante o cese total ou parcial dos seus negocios polas sucesivas restricións.

A proposta que leva o goberno municipal porriñés á consideración dos voceiros dos grupos da corporación, contempla unha contía destinada a esta liña de subvencións cun importe total de 140.000 euros.

Cóntase coa axuda da Deputación Provincial que autoriza a utilización do 20% da liña 1 do Plan Concellos para financiar achegas económicas directas por importe de 57.861,02 euros, aportando o Concello dos recursos propios a cantidade de 82.138,98 euros ata acadar a cifra total na presente convocatoria de 140.000 euros o que supón un 1% do orzamento municipal total en vigor.

 O límite por beneficiario establécese na cantidade de 1.500 euros para aqueles sectores que sufriron o peche total e 1200 euros para aqueles outros que estiveran limitados no horario de apertura ao público ou sufriran perdas significativas.

 Este programa de axudas económicas directas preténdese levar ao próximo pleno da corporación municipal para a súa aprobación.  Despois da súa publicación no BOPPO, abriríase o prazo para presentar as solicitudes.

 

Comeza “Louriña TV Escolar”, unha canle de televisión escolar municipal por internet

A Consellería de Educación e a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX)anunciaron a posta en marcha, a partir deste mes de marzo, de “LOURIÑA TV ESCOLAR”, unha canle de televisión escolar municipal por Internet no Porriño.

Lourdes Moure, concelleira de Educación explicou que “esta canle online pretende ser un proxecto colectivo de innovación educativa, no que poidan estar implicados tódolos centros de ensino do Concello ao elaborar os seus propios programas de televisión”.

Moure enmarcou esta iniciativa, que definiu como “unha actividade súper innovadora” na “vocación do departamento que dirixo para seguir progresando no camiño que iniciamos coa consecución do título de Cidade Amiga da Infancia, coa celebración anual dos plenos infantís e dos numerosos programas de actividades que mantemos en colexios e institutos”, engadiu.

O desenvolvemento do proxecto realizase en colaboración coa entidade “Atelier Social”, representada na roda de prensa celebrada hoxe no Concello por Rubén Varela e Pedro Iglesias. Segundo explicaron o lanzamento desta canle virá acompañado dun obradoiro de formación audiovisual e de xornalismo para o alumnado participante, cos recursos e coñecementos suficientes para que os propios rapaces e rapazas sexan quen de realizar as distintas pezas audiovisuais.


“A primeira fase do proxecto se realizará de xeito experimental dende este mes e ata final de curso, con cada un dos centros participantes elaborando un programa piloto. A segunda fase arrancará ao comezo do curso que vén, cunha programación semanal estable”, segundo subliñou Pedro Iglesias.

 

 

O Concello comunica a súa “preocupación” polos atrasos na vacinación do persoal do SAF

 

 

O Concello do Porriño trasladou a súa “preocupación” á Dirección da Área Sanitaria de Vigo polos atrasos na vacinación do persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), atribuídos a “problemas técnicos”.

Na carta enviada hoxe desde a Alcaldía, indicase que “a día de hoxe cónstannos que soamente foron vacinados cinco traballadores dun total de cincuenta e cinco”.

A misiva que firma Pedro Pereira como alcalde accidental, remata solicitandolle “celeridade no proceso” a Javier Puente, xerente da Área Sanitaria de Vigo.

Presentada a II “Batalla de Debuxantes Improvisdado”, un certamen único e singular organizado polo Concello

Hoxe presentouse a segunda edición da “Batalla de Debuxantes Improvisdado”, un certame “singular e único que organiza o Concello do Porriño coa intención de crear novas formas de expresión artística, querendo romper estándares e normas non escritas da arte”, segundo anunciou Cami Moreira, concelleira de Cultura, Mocidade e Festas.

Para esta segunda edición “vaise simplificar o método de inscrición a través dun formulario nunha páxina web específica do concurso Improvisdados que ademais terá vídeos da edición anterior e un capítulo de preguntas frecuentes”, explicou Pablo Castiñeira, responsable de “Vella Escola”, entidade produtora do certame. A páxina web estará dispoñible de xeito inmediato.

Outra dúas novidades serán o aumento da bolsa de premios para os finalistas e o escenario onde terá lugar a final, que este ano representará un taller mecánico, cun coche incluído, como se pode ver na maqueta nunha imaxe adxunta. Precisamente ese escenario da final mudará este ano. Trasladase ao Parque do Cristo.

Cami Moreira manifestou que “no Porriño temos certa tendencia a localizar moitos eventos na praza do Concello e pensamos que é bo explorar outras zonas a ver como funcionan cun evento de visualización tan plástica”, segundo a concelleira.

Este concurso lanzouse no 2020, no primeiro estado de alarma como un estímulo para os creativos, para que puideran traballar dende as súas casas pese ao confinamento. Realizouse unha convocatoria por redes sociais para debuxantes que, de xeito profesional ou aficionado, desenvolveran algunha disciplina artística relacionada coa pintura. Entre os debuxos presentados, seleccionáronse seis artistas que concorreron á final celebrada nas Festas do Cristo nun escenario habilitado na praza do Concello. O artista alcumado “O Ras”, de Pontevedra foi o gañador daquela.

Ábrese prazo de inscrición para unha bolsa de formación e emprego, por acordo do Concello e empresas de automoción

O Concello do Porriño vén de reunirse en segunda sesión con empresas do sector da automoción para lanzar unha bolsa de formación e emprego no sector. David Alonso, concelleiro de Emprego mantivo hoxe unha reunión telemática con representantes de empresas do sector como “Ti Automotive”, “Magna Seating” e “Gestamp”.

As accións de preselección e formación dos interesados realízanse ao abeiro do programa “Porriño Accede” que convocará accións formativas e prácticas en empresas cara a inserción laboral das persoas participantes.

A partir do día de hoxe as persoas interesadas poderanse anotar na bolsa de formación, a través da páxina web de Porremprego ou enviando un correo electrónico á dirección formacion@porremprego.org.

Esta bolsa está dirixida a personas desempregadas.