Abertas as inscricións para a INTERRUNNING – CAE 2026, unha das maiores carreiras populares de Galicia

  • O Porriño acollerá o próximo 20 de setembro a XV edición da Interrunning e a IV Carreira de Empresas de Galicia.
  • Durante todo este mes de xuño hai unha promoción especial de lanzamento de 6 euros.

O Porriño, 26 xuño de 2026. Xa están abertas as inscricións para a INTERRUNNING – CAE 2026, un dos eventos de running popular máis importantes de Galicia, que se celebrará o próximo 20 de setembro no Porriño. O evento está organizado polo Clube Interrunning en colaboración co Concello do Porriño.

A proba acadará en 2026 dous fitos moi especiais: a XV edición da Interrunning, consolidada como unha das carreiras populares de referencia en Galicia, e a IV edición da Carreira de Empresas de Galicia, unha competición que ano tras ano reúne a centos de traballadores e empresas comprometidas coa saúde, o deporte e o traballo en equipo.

Como promoción especial de lanzamento, a organización estableceu un prezo único de inscrición de tan só 6 euros durante todo o mes de xuño, unha oportunidade única para asegurar o dorsal nunha proba que cada tempada reúne a miles de participantes.

“Estamos ante unha cita única en Galicia que logra fusionar o deporte popular, a cultura empresarial e o compromiso solidario, destinando unha parte dos fondos recadados a apoiar o labor destas tres entidades sen ánimo de lucro”, explica o alcalde, apuntando que a  Interrunning vai moito máis alá dunha simple competición

Un evento para todos os públicos

La INTERRUNNING – CAE 2026 mantén o seu carácter aberto, inclusivo e familiar, ofrecendo modalidades para corredores, caminantes e nenos de todas as idades:

  • Interrunning 10K
  • Interrunning 5K
  • Andaina Popular 8K
  • Carreiras infantís Chupetes
  • Carreiras infantís Pitufos

A proba está aberta tanto a atletas populares experimentados como a persoas que desexan iniciarse no running o desfrutar dunha xornada deportiva en familia.

A gran festa del running popular galego

Ao longo das súas quince edicións, a Interrunning converteuse en moito máis ca unha carreira. O seu espectacular percorrido, o ambiente festivo, a implicación do tecido social e empresarial e a gran participación cidadá situárona entre as carreiras populares máis destacadas de Galicia.

A organización agarda unha importante presenza de corredores procedentes de toda Galicia e do norte de Portugal, consolidando ao Porriño como un dos grandes puntos de encontro do deporte popular na comunidade.

A Carreira de Empresas continúa medrando

A IV Carreira de Empresas de Galicia volverá ser un dos grandes atractivos do evento. Empresas, institucións e organizacións poderán formar equipos e compartir unha experiencia deportiva que fomenta valores como a saúde laboral, a motivación, o compañeirismo e o traballo en equipo.

Cada ano son máis as compañías que apostan por esta iniciativa, convertendo a proba nunha referencia dentro do ámbito do deporte corporativo galego.

Unha carreira comprometida coa solidariedade

Ademais de promover o deporte, os hábitos de vida saudables e a participación cidadá, a INTERRUNNING – CAE 2026 mantén o seu firme compromiso coa solidariedade.

Un ano máis, o evento colaborará con tres entidades de gran relevancia social, contribuíndo a dar visibilidade ao seu labor e apoiando os seus proxectos en favor das persoas que máis o precisan.

No plano solidario, a organización mantén o seu compromiso con:

  • ACEESCA, entidade centrada na inclusión social e a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual.
  • AFAGA, asociación que traballa no apoio e acompañamento de persoas afectadas polo Alzhéimer e outras demencias, así como dos seus familiares e coidadores.
  • AECC (Asociación Española Contra o Cancro), referente nacional en investigación, prevención, atención e acompañamento a pacientes oncolóxicos e as súas familias.

Desta forma, cada inscrición convértese tamén nun xesto de apoio a causas que contribúen a construír unha sociedade máis inclusiva, solidaria e comprometida.

Programa do evento

  • 📍 O Porriño
  • 🕘 09:30 h – Andaina Popular 8K
  • 🏃 11:30 h – Interrunning 5K e 10K
  • 👦 12:45 h – Carreira Pitufos
  • 👶 12:50 h – Carreira Chupetes
  • 🏆 13:00 h – Entrega de premios

Inscricións abertas

As inscricións xa poden formalizarse a través da páxina oficial do evento.

Promoción especial de lanzamento: 6 euros durante todo o mes de xuño.

A organización (Clube Interrunning e Concello do Porriño) anima a corredores, caminantes, familias e empresas a reservar canto antes a súa praza para formar parte dunha edición histórica que celebrará os 15 anos da Interrunning e o crecemento constante da Carreira de Empresas de Galicia. 

Máis información e inscricións: Ligazón de inscrición de Emesports

Podes consultar o regulamento da competición premendo aquí.

O Porriño consolídrase como escenario clave do 59º Rallye Recalvi Rías Baixas

  • A baixada a Chenlo volve a poñer o espectáculo no tramo Gondomar- O Porriño

O Porriño, 25 xuño de 2026. O Rallye Recalvi Rías Baixas xa ten definido o percorrido oficial para a súa 59ª edición, que se celebrará os días 2, 3 e 4 de xullo. O trazado deste ano mantén unha estrutura similar á de edicións anteriores, sumando case 127 quilómetros cronometrados, pero introduce interesantes axustes para elevar a emoción.

Entre os puntos fortes do itinerario, de novo O Porriño volve situarse como unha das paradas imprescindibles para os afeccionados ao motor e tamén para os pilotos, xa que no municipio estará a zona de reagrupamento. Na xornada do sábado, a zona técnica emprazarase na rúa Donantes de Sangue.

Ese día, ademais, o tramo Gondomar-O Porriño deixaranos, no termo municipal, a espectacular baixada de Chenlo ata a zona de San Xoán; un tramo onde se habilitará unha finca de uns 50 metros cadrados, converténdose nunha grada natural para o público, onde poder ver e gozar dun dos puntos máis atractivos do percorrido de xeito seguro.

Durante a presentación, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou  que “é unha nova oportunidade para demostrar a nosa capacidade organizativa e a hospitalidade da nosa xente”, convidando a   toda a veciñanza e aos afecionados de Galicia a gozar dun espectáculo seguro e inesquecible”.

Precisamente, os detalles desta gran cita deportiva foron presentados oficialmente na sala de comunicacións do Concello do Porriño. O acto contou coa participación de Damián Giráldez, presidente da Escudería Rías Baixas; o piloto José Antonio Martínez del Río; e o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo. Como limiar do que deparará o rally, os pilotos Jorge Pérez e Alex Alonso expuxeron os seus vehículos na praza do Concello, espertando a expectación dos veciños e afeccionados. Todos expresaron a súa vontade de que algún dos tramos poida discurrir polo Porriño íntegramente a próxima edición.

Resto do percorrido

Non hai cambios en canto ao programa de carreira, con dúas etapas e un venres centrado no contorno da localidade de Ponte Caldelas. Nesta primeira xornada, os participantes percorrerán as especiais de Ponte Caldelas – Vilarchán (13,720 km) e Ponte Caldelas – Anceu (8,160 km). Se ben a primeira delas é idéntica á de 2025, a de Anceu cambia por completo na metade inicial do seu percorrido.

A saída da etapa do venres 3 de xullo será desde o parque de asistencias de Samil, ás 16:00 horas, mentres que o final da xornada terá lugar no parque pechado de Policarpo Sanz, a partir das 23:24 horas. Durante todo este tempo, os participantes no volverán a Vigo, pois contarán cunha asistencia remota no Parque Empresarial A Reigosa, en Ponte Caldelas.

Un sábado sen respiro

Un día despois (sábado 4 de xullo), o percorrido contará cun total de catro tramos a dobre pasada. As especiais serán as de Vigo – Nigrán (14,770 km), que cambia na saída e introduce unha nova variante cara á metade do tramo; Gondomar – O Porriño (11,450 km), idéntico ao do pasado ano, e a novidade desta edición: Salceda – Ponteareas. Un novo tramo, cun percorrido inédito de 12,810 km de lonxitude e que unirá ambas as localidades.

A especial urbana do Castro (2,430 km) volverá ser outro dos puntos de atención do 59 Rallye Recalvi Rías Baixas. Cambian os xiros que terán que efectuar os participantes nalgunhas das rotondas, así como o sentido no que se abordarán as chicanes habilitadas ao longo do percorrido dunha cronometrada que volverá poñer o broche de ouro a unha edición máis do Rías.

Nesta segunda xornada, o primeiro participante tomará a saída desde Policarpo Sanz ás 9:20 horas, estando prevista a chegada do primeiro deles a este mesmo punto a partir das 20:30 horas.

Tampouco haberá cambios en canto ao tramo de probas shakedown e tramo de cualificación, no que se determina a orde de saída para o 59 Rallye Recalvi Rías Baixas. Este volverá ter lugar na estrada que une o pavillón de deportes da parroquia de Bembrive e o parque forestal de Beade, nas inmediacións do Campus Universitario vigués.

“Sobre unha base xa coñecida de edicións anteriores”, apunta Damián Giráldez, presidente da Escudería Rías Baixas, “quixemos introducir algúns cambios que sempre supoñan un novo reto para todos os participantes.

O Xoán, Marlen Soto e Hermen & Gildo protagonizan o Porriño Orgulloso 2026

  • A bandeira arcoiris luce xa na fachada da Casa Consistorial
  • A programación inclúe a charla “Diversidade para todes”

O Porriño, 24 de xuño de 2026. A bandeira do Orgullo luce xa na fachada da Casa do Concello do Porriño. Un xesto de visbilidade aínda importante e sinal de que estamos na semana de O Porriño Orgulloso, que se celebrará  os días 28 e 30 de xuño de 2026, con unha programación que combina celebración, arte e reflexión en torno á diversidade e aos dereitos LGTBI+.

Así o propio domingo 28 de xuño a partir das 20:30 h, a praza Antonio Palacios acollerá unha noite especial con tres propostas escénicas: o espectáculo de Marlen Soto, humor con Hermen & Gildo e música con O Xoán.

A drag queen Marlen Soto abrirá a velada cunha actuación que mestura espectáculo, humor e reivindicación. Cando non está en escea é Oliver Santiago, un mozo de 31 anos que leva 12 no mundo do transformismos nun dos lugares onde máis triunfan, en Canarias, onde gañou diversos conrusos.

O dúo Hermen & Gildo presentará un monólogo sobre a igualdade, unha peza que aborda con intelixencia e humor a diversidade afectivo-sexual e os retos que aínda persisten.

O peche musical correrá a cargo de O Xoán, artista galego recoñecido recentemente co Premio Mestre Mateo a Mellor Actor polo seu traballo en Antes de Nós, onde deu vida a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Lonxe de contradicirse, O Xoán expande o seu universo artístico desde un pop emocional, performativo e profundamente contemporáneo.

O artista presenta en directo “Fállame a chola”, single de pop electrónico en galego sobre o desexo, a contradición e a liberdade de deixar de esconderse. A canción, lanzada ás portas do Mes do Orgullo, xa conta cun videoclip que mestura camp, humor e emoción, protagonizado xunto a seis drag queens galegas — Moira Lutar, Yasmine Lutar, Syndra, Liteah, La Kristopher e Ashley Ferreira — nunha viaxe de transformación persoal entre o exceso e a vulnerabilidade. O single foi presentado en directo no escenario de Los40 Pop Santiago antes do seu lanzamento.

O martes, o Orgullo toma forma de diálogo. A charla “Diversidade para todes” propón un espazo de reflexión e debate sobre identidade, diversidade e dereitos, dirixida a toda a cidadanía.

“Con esta programación, o Concello de O Porriño reafirma o seu compromiso cunha sociedade máis inclusiva, plural e libre”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo, que lembra que o orgullo non só e festa é  reivindicación e é visibilidade.

 

A Xunta activa o aviso para os tratamentos contra o insecto vector da flavescencia dourada na vide

A Consellería do Medio Rural, a través do Servizo de Sanidade e Produción Vexetal, vén de emitir un aviso fitosatitario no que se establece o inicio dos tratamentos contra o Scaphoideus titanus, o insecto encargado de transmitir a flavescencia dourada da vide. Esta medida forma parte das tarefas habituais de seguimento, control e erradicación que o Goberno galego realiza dende o pasado mes de maio.

Segundo informan as autoridades, as ninfas deste insecto atópanse nestes momentos no seu estado máis avanzado de desenvolvemento, o que supón o momento ideal e máis eficaz para aplicar os insecticidas. Por este motivo, os tratamentos pasan a ser obrigatorios na zona demarcada e recomendados nas áreas vitícolas limítrofes.

O calendario estipulado para estas tarefas organízase en tres quendas:

  • Primeiro tratamento: Do 19 ao 26 de xuño de 2026.
  • Segundo tratamento: 15 días despois do primeiro.
  • Terceiro tratamento: Un mes despois do segundo.

Recomendacións para os viticultores

Para garantir unha correcta aplicación e evitar a dispersión do insecto, Medio Rural aconsella:

  • Aplicar os tratamentos preferentemente na primeira hora do día. No caso de empregar piretrinas, realizar a aplicación na última hora do día, debido á súa sensibilidade á luz solar.
  • Garantir unha aplicación uniforme, mollando especialmente o envés das follas e os brotes basais ou chupóns, así como a parte baixa das cepas, zonas habituais de refuxio das ninfas.
  • Extremar as precaucións no movemento entre zonas vitícolas, evitando o transporte accidental de ninfas ou adultos por parte de persoal de campo e outros axentes.

As Canteiras do Porriño prepáranse para o Petra Rosa Festival cun primeiro día de talento local e entrada gratuíta

  • O festival arranca este xoves cunha xornada de balde dedicada aos grupos locais, antes de dar paso a grandes nomes do panorama nacional como Pablo López, Antonio Orozco e Sergio Dalma.

O Porriño, 23 de xuño de 2026. A conta atrás xa comezou. Do 25 ao 28 de xuño, as Canteiras do Porriño acollerán catro xornadas consecutivas de música en directo nunha contorna única en Galicia, converténdose por primeira vez no escenario do agardado Petra Rosa Festival.

Como apertura, e para que todo o mundo poida gozar do entorno úinco que supoñen as canteiras, o concello ven de anunciar unha primeira xornada con entrada de balde e talento local. Sera o xoves, coas actuacións do músico e compositor porriñés Iker Fauré (20:30 h), que presentará os seus temas máis recentes tras o seu paso por varios estudios de televisión, seguido por Noemi (21:30 h), a recoñecida voz porriñesa que destaca pola súa proxección internacional e a súa participación en certames como La Voz Kids ou o Tour Music Fest. Para pechar a noite por todo o alto, o produtor e DJ Samu Pexe (23:00 h) fará vibrar as canteiras cos seus enérxicos sets que mesturan ritmos afro, sons tribais e o mellor tech house actual. Adeais o toque tradicional estará presente coas actuacións dos gaiteiros Penediños e A Forna.

Grandes nomes nacionais para as seguintes xornadas

Tras a inauguración local, o festival continuará os días seguintes da man dunha produtora musical, traendo ás canteiras un cartel que reunirá a algúns dos artistas máis destacados do panorama nacional, con propostas para públicos moi diversos.

O venres de xuño será a quenda de Pablo López, que ofrecerá un concerto no que interpretará algúns dos temas máis destacados da súa traxectoria. O cantante e compositor malagueño protagonizará unha das actuacións máis agardadas do festival nunha contorna especialmente concibida para gozar da música en directo.

O sábado 27 de xuño, aprogramación continuará coa actuación de Antonio Orozco. O artista catalán chegará ao Porriño cun repertorio que inclúe algúns dos grandes éxitos da súa carreira, consolidada como unha das máis recoñecidas do pop español contemporáneo.

O domingo 28 de xuño o peche do festival terá lugar con Sergio Dalma, encargado de poñer o broche final a esta primeira edición. O seu concerto completará un cartel que reúne a algunhas das figuras máis populares do panorama musical nacional.

Impulsado polo Concello do Porriño e a promotora Emotional Events, e co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia no marco de Concertos do Xacobeo, Petra Rosa Festival nace co obxectivo de situar ao Porriño no mapa dos grandes ciclos musicais de Galicia e contribuír á dinamización cultural, turística e económica do territorio.

Porriño transformará o parque Alcalde Ordóñez nun referente de accesibilidade cun 70 % de financiamento da Xunta de Galicia

  • O proxecto de reforma integral, deseñado pola arquitecta María Fandiño, recuperará 2.280 metros cadrados de espazo público a través do Plan Hurbe, baseándose na economía circular, a eliminación de barreiras e a creación dun novo pulmón verde articulado en torno a unha lámina de auga central.
  • A intervención reordenará todo o enclave salvagardando a memoria histórica e a identidade do parque mediante a restauración e posta en valor de todos os seus elementos artísticos e escultóricos preexistentes.

O Porriño, 22 de xuño de 2026. O ambicioso proxecto de reforma urbana, paisaxística e de accesibilidade do do emblemático parque Alcalde Ordóñez, conta co respaldo económico da Xunta de Galicia: o Consello da Xunta ven de aprobar a súa inclusión no Plan Hurbe, e polo tanto a financiación do 70 por cento do seu coste, logo de comprobar que o proxecto busca, ademais de converter este espazo nun entorno máis verde e humano, eliminar as barreiras arquitectóncias actuais e cohesionalo no espazo no que está emprazado.

A intervención, deseñada pola arquitecta paisaxista galega María Fandiño, expón unha metamorfose integral dun espazo de 2.280 metros cadrados. O núcleo da proposta radica en dar unha resposta contemporánea ás necesidades do centro urbano, pero espectando os seus elementos máis característicos.  Asi, o novo deseño erradica as importantes barreiras arquitectónicas actuais mediante un sistema de ramplas suaves de pendentes controladas (de entre o 0,5% e o 8%), integrando de forma natural os desniveis no percorrido lúdico e de estancia do parque.

Outro dos alicerces fundamentais da obra será a aplicación de criterios de economía circular. O proxecto contempla o desmantelamento de pavimentos obsoletos e da antiga fonte de auga, pero lonxe de refugar os materiais, os formigóns limpos extraídos serán triturados in situ para conformar as novas subbases dos chans.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliña que esta reforma “non só modernizará a estética urbana da vila, senón que será un paso importante na accesibilidade, creando ademais un novo pulmón verde, un novo espazo con vexetación, chorros,  e unha lámina de auga central, salvagardando a memoria histórica do parque”. Elementos de alto valor artístico e identitario, como as dez esculturas dispostas nos muros de cantería exteriores e as dúas esculturas da fonte orixinal, serán minuciosamente protexidas, restauradas e integradas de forma harmoniosa na nova paisaxe, apuntou.

Máis vexetación e conservación de elementos artísticos

O aspecto natural e paisaxístico dará un envorco cualitativo grazas á implantación dunha densa trama de vexetación deseñada especificamente para o clima local. O novo parque contará con parterres xeométricos de plantación, taludes verdes e unha estrutura de mallas para o guiado de especies trepadoras. Este pulmón verde articularase en torno a unha lámina de auga central na que se instalarán os elementos escultóricos a preservar, concibida como o elemento dinamizador e refrescante do espazo público.

De feito, preservarase todo aquelo que caracteriza a este parque, entre elo,as dez pezas escultóricas que actualmente están integradas nos muros exteriores de mampostería. Serán restauradas e reubicadas en paramentos verticais específicos na nova configuración. Tamén as columnas de farolas. Neste caso desmontaranse e restauraranse. Tamén os báculos de iluminación ou os muros perimetrais.

Entre as incorporacións ao proxecto, ademais da eliminacion das barreiras ou aumentar as zonas verdes, está a presencia do granito para as zonas de lecer.

Cohesión urbana

Dende a súa inauguración no ano 1991, o parque experimentou un deterioro progresivo debido en gran parte ao seu deseño pechado. Pola súa ubicación, actúa case como unha barreira física que separa o centro da vila co barrio da Malladoura e xera un entorno inseguro, con baixa visibilidade e áreas de difícil acceso. Por iso, o Concello do Porriño proxectou a súa mellora, recuperando o parque para a veciñanza e convertíndoo nun pulmón verde que impulse a dinamización da zona.

 

O Porriño convoca as becas Antonio Palacios á excelencia académica para os mellores expedientes da PAU

  • O Concello destinará un total de 4.500 euros para recoñecer o esforzo e o talento do alumnado empadroado no municipio que acade as mellores cualificacións nas probas de acceso á universidade.

O Porriño, 22 de xuño de 2026 – O Concello do Porriño volve apostar polo recoñecemento ao talento e ao esforzo dos seus mozos e mozas. O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) publicou hoxe a nova convocatoria de premios dirixidos aos estudantes do municipio que obteñan un rendemento excelente nas Probas de Acceso á Universidade (PAU) deste ano 2026.

Cun investimento total de 4.500 euros, a administración local concederá un total de 15 premios de 300 euros cada un para as notas máis destacadas do expediente académico.

Requisitos para os aspirantes

Para poder optar a un destes recoñecementos, o alumnado debe cumprir os seguintes requisitos:

  • Empadroamento: Estar empadroado/a no termo municipal do Porriño.
  • Nota mínima: Ter participado na presente convocatoria da PAU 2026 e acadar unha nota mínima de 8,50 puntos na fase xeral (obrigatoria) do exame.

Prazo e presentación de solicitudes

O prazo para presentar a documentación e o anexo incluído na convocatoria será de quince días hábiles, contados a partir   deste martes 23 de xuño (o día seguinte ao da publicación do extracto no BOPPO).

As solicitudes deberán tramitarse xunto co correspondente modelo oficial que aparece nas bases:

BASES REGULADORAS – BILINGUE

Máis de 20 fogueiras iluminarán no Porriño a noite de San Xoan

  • O dispositivo municipal para a noite do 23 de xuño xa está preparado para garantir o correcto desenvolvemento dunha das celebracións máis esperadas do calendario festivo

O Porriño, 20 de xuño de 2026.- O Concello do Porriño ultima o dispositivo especial para a celebración da noite de San Xoán no municipio. Ata o momento xa foron autorizadas 21 fogueiras, entre públicas e privadas, distribuídas por distintas parroquias do termo municipal.

Haberá fogueiras en todas as parroquias e no centro urbano impulsadas polo tecido asociativo,  como as impulsadas pola Asociación de Veciños San Benito e San Sebastián, a Asociación Cultural A Forna, a Sociedade Cultural Recreativa Mosteiro Budiño, a Asociación de Veciños O Castelo, a Asociación Cultural As Mimosas Carracido, a Asociación Comisión de Festas da Costeira en Mosende, a Asociación de Festas San Benito Covelo, en Atios, e a Asociación Cultural de Pontellas.  En total, dez cacharelas públicas onde o lume convivirán coa gastronomía e a tradición. O “Meigas fóra!” volve a ter no Porriño diferentes espacios.

Desde o Concello lémbrase que todas as fogueiras autorizadas deben cumprir as condicións recollidas no bando regulador, que establece as medidas de seguridade necesarias para protexer ás persoas, os bens e o medio natural. “Queremos que, como sempre, sexa unha noite máxica no municipio, pero primando a seguridade”, asegura o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo. Entre outras condicións, as fogueiras deberán situarse en lugares despexados e manter unha distancia mínima de 15 metros respecto de vivendas, árbores ou outras instalacións. A súa estrutura non poderá superar os catro metros de diámetro nin os dous metros de altura e unicamente poderá empregarse madeira natural, quedando prohibida a queima de plásticos, pneumáticos, espumas, aceites, sprays ou calquera outro material contaminante ou perigoso.

“San Xoán é unha das noites máis especiais do ano para a nosa veciñanza. Queremos que siga sendo unha celebración de encontro, de convivencia e de tradición, pero tamén unha festa segura, organizada e respectuosa coas normas que nos permiten gozala con total tranquilidade”, engadiu o alcalde. 

Abel Estévez, concelleiro de Seguridade, explica que  dispositivo municipal contará coa coordinación da Policía Local, Protección Civil e dos diferentes servizos municipais, co obxectivo de garantir o correcto desenvolvemento da noite de San Xoán en todo o termo municipal.

Listaxe definitiva de admitidos e admitidas no Campamento de Verán 

Podes consultar a continuación a listaxe de admitidos e admitidas nas diferentes quendas do Campamento de Verán do Concello do Porriño.

LISTADO 10 ª SEMANA CAMPAMENTO DE VERÁN

LISTADO 9ª SEMANA CAMPAMENTO DE VERÁN

LISTADO 8ª SEMANA CAMPAMENTO DE VERÁN (1)

LISTADO 7ªSEMANA CAMPAMENTO VERÁN

LISTADO 6ª SEMANA CAMPAMENTO DE VERÁN

LISTADO 5ª SEMANA CAMPAMENTO VERÁN

LISTADO 4ª SEMANA CAMPAMENTO DE VERÁN

LISTADO 3ª SEMANA DO CAMPAMENTO DE VERÁN

LISTADO 2ª SEMANA CAMPAMENTO VERÁNLISTADO

1ª SEMANA CAMPAMENTO DE VERÁN (2)

Máis de 240 deportistas participan no Porriño este sábado no torneo 3×3 con pase directo ao Marisquiño

  • A cita reunirá a 60 equipos procedentes das catro provincias galegas, con idades comprendidas entre os 12 e os máis de 40 anos.
  • O evento contará coa participación de tres equipos FIBA do circuíto oficial e despregará catro pistas simultáneas, trasladando os concursos de tiro e triples ao centro da vila, diante do Concello.
  • Este sábado o Pavillón do Porriño acolle tamén o Campionato autonómico Show de patíns

O Porriño, 19 de xuño de 2026. O Porriño prepárase para vivir este sábado unha xornada histórica de deporte e cultura urbana coa celebración do Torneo 3×3 de Porriño Baloncesto Base. A vila converterase no epicentro do baloncesto galego cun éxito absoluto de convocatoria: un total de 60 equipos e máis de 240 deportistas inscritos que encherán de ritmo, intensidade e talento as rúas do municipio.

O torneo destaca polo seu carácter integrador e a súa gran proxección autonómica, atraendo a xogadores e xogadoras chegados desde as catro provincias de Galicia. Cunha vertente interxeracional única, a competición abranguerá categorías desde a base ata os veteranos, con idades que van desde os 12 ata os máis de 40 anos. O gran nivel deportivo está máis que garantido grazas á confirmación de tres equipos FIBA de alto nivel que forman parte do circuíto oficial e que elixiron O Porriño como parada estratéxica.

Ademais este ano, os gañadores da categoría Masculina Pro teñen acceso directo ao 3×3 do Festival O Marisquiño que se celebra en agosto. Só hai catro pases directos en toda España para participar nesta proba. E as gañadoras da categoría Sénior Feminina, teñen o pase directo ao 3X3 de Cangas.

Toda a competición da tarde vaise a transmitir polas redes sociais da organización e do Concello do Porriño.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, amosou o seu orgullo por acoller un evento desta magnitude e asegurou que “o noso municipio volve demostrar a súa enorme capacidade para organizar citas deportivas de primeiro nivel que dinamizan a vila e enchen de vida as nosas rúas”. O rexedor subliñou o compromiso total do Concello co deporte base e a cultura urbana, destacando que “este sábado imos vivir unha xornada inesquecible onde os valores do compañeirismo, o esforzo e a saúde serán os grandes protagonistas, consolidando ao Porriño como un referente deportivo en toda Galicia”

Catro pistas simuláneas

Para dar cabida ao intenso calendario de partidos, a organización despregará catro pistas de xogo simultáneas. A pista 2 do  Pavillón Municipal acollerá dúas das canchas, mentres que o ambiente rueiro trasladarase ao exterior cunha pista situada nunha praza interna da rúa Pinar e a gran pista principal emprazada en San Sebastián.

Será precisamente nesta pista central de San Sebastián onde se concentre o momento cumio da xornada. Alí disputaranse as grandes finais das categorías U15, U17, Classic e Pro, asegurando un espectáculo visual e competitivo de primeiro nivel para todo o público asistente.

Concurso de tiro diante do Concello

Co obxectivo de facer partícipe a toda a cidadanía, o evento estenderase máis alá das pistas de competición. Durante todo o día, a praza situada diante do Concello albergará os espectaculares concursos de tiro e de triples. Esta actividade aberta promete converter o corazón do Porriño nunha auténtica festa do basket onde a música e o dinamismo urbano serán os grandes protagonistas.

Desde o Porriño Baloncesto Base convídase a todos os veciños, veciñas e afeccionados ao deporte de Galicia a achegarse este sábado para gozar dunha xornada vibrante, apoiar o talento dos nosos deportistas e vivir en directo a emoción do baloncesto 3×3 na súa máxima expresión.

A proba é posible grazas ao apoio da Xunta, a Diputación e o Concello, así como de diversos colaboradores locais.

Un sábado redondo para o deporte porriñés co Campionato Galego de Patinaxe

A xornada festiva e deportiva do sábado complementarase cunha gran cita sobre rodas. O Pavillón do Porriño (Pista 1) acollerá, a partir das 16:00 h, o Campionato Autonómico Show de Patíns. O espectáculo está máis que asegurado coa participación de 30 grupos de Show chegados de toda Galicia, entre os que destaca o anfitrión, o Club Patín Porriño, que competirá na categoría de grupos pequenos coa ilusión de deixar o pavillón no máis alto ante a súa afección.

Desde o Porriño Baloncesto Base convídase a todos os veciños, veciñas e afeccionados ao deporte a achegarse este sábado para gozar dunha xornada vibrante, apoiar o talento local e vivir en directo o mellor do baloncesto 3×3 e da patinaxe artística.