O Porriño acolle un contacontos ilustrado e musicado para homenaxear a Begoña Caamaño 

  • A actividade celebrarase o 8 de xullo na praza Arquitecto Antonio Palacios con narración, música, ilustración, un coloquio e un obradoiro creativo arredor da autora das Letras Galegas 2026 

O Porriño, 7 de xullo de 2026.- O Concello do Porriño acollerá o vindeiro mércores 8 de xullo, ás 10:30 horas, na praza Arquitecto Antonio Palacios, o contacontos ilustrado e musicado “As letras de Begoña Caamaño”, unha proposta cultural promovida pola Deputación de Pontevedra para achegar á cidadanía a figura da escritora e xornalista que xa foi homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

O espectáculo estrutúrase en tres partes nas que se combinarán a narración da biografía da autora, a creación dunha ilustración en directo e distintas interpretacións musicais. Ademais, ao remate desenvolverase un coloquio arredor da súa traxectoria e un obradoiro no que as persoas participantes poderán elaborar a súa propia caricatura da escritora.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, sinaloa que “o Concello continúa apostando por unha programación cultural diversa e de calidade que achegue á veciñanza o patrimonio literario e artístico de Galicia. Estas actividades permítenos render homenaxe a Begoña Caamaño e, ao mesmo tempo, crear un espazo de encontro arredor da lectura, a música e a creatividade”. 

A actividade forma parte dunha xira que percorrerá 35 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia de Pontevedra co obxectivo de dar a coñecer a vida e a obra de Begoña Caamaño a través dun formato aberto á participación e a partir de varias disciplinas artísticas.

Begoña Caamaño desenvolveu boa parte da súa carreira profesional na Radio Galega, onde destacou polo seu labor nos servizos informativos e culturais e pola dirección de programas como Andando a Terra ou Club Cultura. Como escritora, acadou un amplo recoñecemento con obras como Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, converténdose nunha das voces máis relevantes da literatura galega contemporánea e, ao mesmo tempo, nun referente polo seu compromiso coa lingua galega, o feminismo e a realidade social do país.

O Concello do Porriño continúa colaborando para difundir a cultura galega e para promover aquelas actividades que achegan á veciñanza ao legado das figuras máis destacadas das nosas letras.

A Coral do Porriño celebra o seu 30º aniversario: tres décadas de música, historia e futuro

  • A Coral chegou a actuar no Vaticano, ante o Papa Juan Pablo II no ano 1998.
  • Celebrarán este aniversario con toda a cidadanía, cun concerto este sábado día 11 na praza de San Sebastián, onde estarán acompañados da Banda de Música do Porriño, que á súa vez cumpre 10 anos de vida.

O Porriño, 7 de xullo de 2026. A Coral do Porriño está de parabéns. Este ano cúmprense tres décadas desde que en 1996 nacerase un proxecto musical que hoxe en día é un alicerce fundamental da cultura local. O que comezou como unha iniciativa da entón directora da Escola de Música Municipal, Raquel Sestelo, transformouse nunha agrupación consolidada que une a varias xeracións a través do canto.

Un despegue meteórico: de Galicia ao Vaticano

As orixes da coral están ligadas a un grupo de mozos e adultos da escola municipal con sólidos coñecementos de linguaxe musical. Este factor foi clave para o seu rápido crecemento. De feito, tan so dous anos despois da súa fundación, en 1998, a agrupación logrou un dos fitos máis importantes da súa historia: actuar na Basílica de San Pedro, en Roma, ante o Papa Juan Pablo II.

Naquela histórica viaxe, ademais de seren recibidos en audiencia e de interpretar pezas de canto gregoriano co acompañamento dun organista tamén galego, a coral fixo resoar o Himno de Galicia no Vaticano. Xunto ao himno, o repertorio habitual deses primeiros anos —guiado por Raquel Sestelo— incluía sempre composicións de Antonio Paz Valverde, un dos grandes referentes da música coral e fillo predilecto do Porriño, quen foi un fiel seguidor dos concertos da agrupación ata o seu falecemento. Na traxectoria da coral tamén deixou a súa pegada Javier Alonso, quen exerceu como director nunha etapa intermedia.

Presente e relevo xeracional

Na actualidade, a batuta está en mans de Jacobo García, quen cumpre dez anos á fronte da dirección. Baixo a súa guía, a coral conta hoxe con 40 compoñentes que defenden un repertorio polifónico de catro voces mixtas, abarcando desde a música sacra ata a zarzuela, sen esquecer nunca as raíces locais e as homenaxes a Paz Valverde.

“Somos unha gran familia onde convive xente desde os trinta e pico anos ata compoñentes que xa cumpren os 90”, destaca o director, subliñando o carácter interxeracional do grupo.

Ademais, destaca que a coral vive un momento de madurez e expansión, en parte, explica, grazas ao respaldo do Concello. Desde a agrupación salientan que a apertura do novo auditorio suporá un antes e un despois, dinamizando enormemente a actividade cultural do municipio. Agardan con ilusión tamén o vindeiro 14 de maio, cando se celebre o primeiro certame dedicado a Antonio Paz Valverde, onde esperan ter un papel fundamental.

Neste senso, o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, afianza o apoio incondicional do goberno local tanto á coral como á Escola de Música onde deu os seus primeiros pasos. “Apoiamos firmemente este proxecto porque cremos no poder da música como motor social e cultural. A coral é un exemplo perfecto de dinamización interxeracional”, destacando ademais que “este éxito non se entende sen a Escola de Música Municipal, un lugar onde seguen nacendo vocacións e sendo un referente cultural.”

Con actuacións habituais por toda Galicia (como as recentes visitas a Redondela, Mos ou Xinzo de Limia) e frecuentes intercambios co norte de Portugal, a Coral do Porriño celebra estes 30 anos mirando ao futuro con optimismo, orgullo polas súas raíces e moita música por compartir.

Esta gran celebración será con toda a cidadanía, cun concerto este sábado día 11 na praza de San Sebastián, onde estarán acompañados da Banda da Escola de Música do Porriño, que á súa vez cumpre 10 anos de vida.

Así interpretarán por primeira vez un programa conxunto no que os 35 compoñentes da banda tambén poderán celebrar a súa década de vida. Tamén unha agrupación interxeneracional con compoñentes que van dende os 13 aos 80 anos e que se ten creado dende a Escola  para ser, explica o seu director, David Trasoy., “un referente pedagóxico e social”.  A escola conta na actualidade con 1,500 alumnos.

PROGRAMA CONXUNTO

– Porriño (pasodobre)..…………..R. Groba, instrumentación. D.

Trastoy

– Dónde estarán nuestros mozos (Zarzuela: La del Soto del

Parral).……………………………….…………….… .. R. Soutullo

e J.Vert

– Las Lagarteranas (Zarzuela: El huésped del Sevillano)

………. Jacinto Guerrero, arr. Nicanor.

– Medley boleros..……………..…………………….. arr. J. Molina

– Mi gran noche ……………….………….Raphael,arr. D.Trastoy

– No dudaría .………………………………. A. Flores. Arr. D. Trastoy

– Alaska…………………………..….. (popurrí) Arr. Azael Tormo

– Terriña galega (popurrí)….…………..……… Arr. Javier Borrrajo

– A Santiago Vou………….……………..………Arr. Javier Blanco

– Porriñeira…………………..………………….Javier Domínguez

Porriño pasodoble e Porriñeira (primeira e última peza)

as interpreta só a Banda de Música.

No caso de pedir Bis, interpretaremos conxuntamente

Mi gran noche

O Concello do Porriño presenta unha ampla programación dixital pensada na conciliación e na seguridade

  • A programación estréndese ata setembro en Torneiros cun dobre obxectivo: ofrecer un espazo de lecer intelixente para os máis mozos e dar ferramentas de protección tecnolóxica a toda a veciñanza.
  • A oferta inclúe robótica, impresión 3D e videoxogos para os nenos, mentres que os adultos poderán formarse en ciberseguridade fronte á Intelixencia Artificial ou mellora do emprego.

O Porriño, 06 de xuño 2026. A seguridade nas novas tecnoloxías é posible, só hai que escoitar aos que saben. Durante todo o verán esta información e formación estará na Aula CeMIT do Porriño, emprazada en Torneiros. Ademais os cursos de verán teñen unha ampla oferta para todas as idades pensada na conciliación e no divertimento dos máis mozos da casa que poderán aprender a deseñar videoxogos ou imprimir en 3D.

Unha intensa programación estival deseñada especificamente como un espazo de conciliación familiar, entretemento seguro e protección dixital para todas as idades.

A seguridade nas novas tecnoloxías é posible se escoitamos aos que saben. Por iso, mentres os máis novos da casa se divirten deseñando os seus propios videoxogos ou experimentando coa impresión 3D, os adultos teñen a oportunidade de poñerse ao día en ciberseguridade, protección de datos e habilidades clave para o mercado laboral actual.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “a Aula CeMIT é unha ferramenta fundamental para achegar as tecnoloxías á veciñanza de forma útil, ademais de xeito toalemnte gratuito”. Pola súa banda, a concelleira de Emprego e Formación, Teresa Veloso, subliñou que “Este verán apostamos por dar solucións ás familias para conciliar, ofrecendo un lecer práctico, gratuíto e de calidade para os mozos, ao mesmo tempo que protexemos e formamos aos nosos maiores nas ferramentas do día a día”.

Axenda de cursos e horarios (Xullo – Setembro)

Aínda que as primeiras actividades xa arrincaron, o calendario de vindeiros cursos inclúe opcións atractivas para todos os perfís:

Do 20 ao 24 de xullo (09:00 a 10:30 h): Obradoiro “Ciberseguridade na época da Intelixencia Artificial”. Centrado na protección de datos persoais, navegación segura e os retos da IA.

Do 3 ao 7 de agosto (11:00 a 12:30 h): Curso “Crear un videoxogo con Scratch 3”. Unha cita de lecer intelixente ideal para os máis novos.

Do 3 ao 14 de agosto (09:00 a 10:30 h): Curso “Navegadores de Internet: manexo en Internet e busca de emprego”. Mellora de habilidades dixitais para atopar novas oportunidades laborais.

Do 3 ao 14 de agosto (Dúas quendas): Curso “Seguridade en Internet, buscas e información”. Primeira semana de 12:30 a 14:00 h; segunda semana de 11:00 a 12:30 h.

Do 10 ao 14 de agosto (12:30 a 14:00 h): Curso “Blender e modelado 3D”. Deseño dixital con prácticas directas na impresora 3D da aula.

Do 17 ao 21 de agosto (09:00 a 10:30 h): Curso “Uso dun móbil intelixente e as súas posibilidades”. Clave para mellorar a autonomía tecnolóxica diaria.

Do 17 de agosto ao 4 de setembro (11:00 a 12:30 h): Curso “Scratch Jr., aprender a usar unha tablet e a programar”.

Do 17 ao 28 de agosto (12:30 a 14:00 h na primeira semana; 11:00 a 12:30 h na segunda): Curso “Crear un videoxogo con Arcade MakeCode”.

Do 24 ao 28 de agosto (12:30 a 14:00 h): Curso “Modelado e impresión 3D con Tinkercad”.

Aulas Abertas (Do 24 de agosto ao 4 de setembro, de 09:00 a 10:30 h): Espazo de acceso libre para consultas e titorías dixitais.

Do 31 de agosto ao 4 de setembro (12:30 a 14:00 h): Nova edición de “Blender e modelado 3D”.

O Concello do Porriño media na folga do lixo e avanza os detalles da nova licitación do servizo

  • A prioridade do Concello é garantir a prestación dun servizo público esencial e defender o interese xeral da cidadanía e dos traballadores, esixindo á empresa o cumprimento estrito das súas obrigas contractuais e laborais.

 

O Porriño, 4 de xullo de 2026. Ante o anuncio da folga de lixo convocada por CIG Servizos para os días 8,9, 10, 11 e 12 de xullo debido á parálise na negociación do convenio colectivo, o Concello do Porriño está a interceder entre a empresa concesionaria e os empregados. O goberno local busca evita1o grave prexuízo que este paro suporá para as veciñas e veciños, malia tratarse dun conflito estritamente laboral e interno da empresa.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, asegurou que o executivo municipal entende perfectamente a reivindicación de mellora salarial dos traballadores, aos que cualificou como “bos profesionais que merecen unhas mellores condicións”. Por este motivo, o Concello está a interceder ante a concesionaria para que escoite as súas peticións. De feito, Lorenzo apuntou que no estudo de custos do servizo xa se contempla unha partida suficiente destinada a mellorar as condicións laborais do persoal, polo que é obriga e responsabilidade única da empresa cumprir cos traballadores e destinar eses recursos a acadar un acordo.

O rexedor explica  tamén que a empresa concesionaria solicitou ao Concello o restablecemento do equilibrio económico do contrato e, subsidiariamente, a súa resolución, ao considerar que non podía continuar prestando o servizo nas condicións inicialmente pactadas. Sen embargo, esta solicitude foi rexeitada polos servizos xurídicos municipais ao non concorrer os supostos legais que xustifican o restablecemento do equilibrio económico do contrato.

Mentres o procedemento de resolución contractual continúa a súa tramitación, o contrato segue plenamente vixente. En consecuencia, a empresa concesionaria ten a obriga de cumprir integramente co contrato, prestando o servizo nas condicións establecidas nos pregos técnicos e administrativos e conforme á oferta coa que resultou adxudicataria no ano 2021.

En paralelo, o Concello está a impulsar unha nova licitación para garantir a continuidade e a calidade dun servizo esencial, á vista dos incumprimentos detectados e da propia solicitude de resolución presentada pola empresa.

Cómpre lembrar tamén que o estudo de custos da futura licitación contempla unha partida económica importante destinada aos custos salariais do persoal do servizo de recollida de residuos. Corresponderá á empresa concesionaria, no marco das súas obrigas como empregadora, destinar eses recursos e alcanzar os acordos que procedan coa representación dos traballadores e traballadoras.

O Concello esixe á empresa concesionaria que cumpra coas obrigas asumidas no contrato e que respecte os dereitos dos seus traballadores e traballadoras. A responsabilidade da organización do servizo, do cumprimento das condicións laborais e da negociación co persoal corresponde á empresa, que debe actuar coa máxima responsabilidade para evitar que un conflito laboral prexudique á veciñanza.

A prioridade do Concello é garantir a prestación dun servizo público esencial e defender o interese xeral da cidadanía, esixindo á empresa o cumprimento estrito das súas obrigas contractuais e laborais.

Chamamento á colaboración cidadá

Ante a posibilidade de que a convocatoria de folga se manteña firme para as xornadas do 9, 10 e 11 de xullo, desde o Concello pídeselle á cidadanía paciencia e comprensión. Así mesmo, solicítase a colaboración de toda a veciñanza para que intenten evitar a proliferación e acumulación de residuos nas rúas durante eses días, colaborando na medida do posible para manter a salubridade do municipio.

O Concello do Porriño abre o 3 de xullo o prazo de prematrícula nas Escolas Infantís Municipais de Pontellas e Budiño

O Porriño, 3 de xullo de 2026. O Concello do Porriño abre hoxe, venres, 3 de xullo, o prazo de presentación de solicitudes para a prematrícula nas Escolas Infantís Municipais de Pontellas e Budiño para o curso 2026-2027. O período de inscrición permanecerá aberto ata o 13 de xullo, ambos os dous incluídos.

As familias interesadas poderán presentar a súa solicitude a través do Rexistro Xeral do Concello do Porriño ou da Sede Electrónica municipal.

As dúas escolas infantís municipais ofrecerán unha atención educativa dirixida a nenos e nenas de entre 0 e 3 anos, contribuíndo á conciliación da vida familiar e laboral e garantindo un servizo educativo de proximidade e calidade. Coa incorporación das novas escolas de Pontellas e Budiño, o Concello amplía de maneira significativa a oferta pública de prazas para o primeiro ciclo de Educación Infantil.

O calendario do proceso continuará coa publicación das listas provisionais o 22 de xullo, un prazo de reclamacións do 23 ao 30 de xullo, a publicación da lista definitiva o 13 de agosto e a formalización das matrículas entre o 16 e o 27 de agosto. O inicio do curso está previsto para o 4 de setembro de 2026.

O Concello anima ás familias interesadas a consultar as bases da convocatoria para e a presentar a súa solicitude dentro do prazo establecido.

Preme aquí para acceder ás bases do proceso de prematriculación.

O Concello do Porriño reforza a vixilancia e prevención de incendios forestais ante a alerta por altas temperaturas

  • A Policía Local empregará un dron para realizar labores de vixilancia nas áreas de difícil acceso ou maior concentración de masa forestal

O Porriño, 3 de xullo de 2026. Ante a nova vaga de calor e coa activación por parte da Xunta de Galicia do nivel 3 (vermello) de alerta por episodio de calor en gran parte da provincia, o Concello do Porriño, a través da Policía Local e de Protección Civil, reforza o dispositivo especial de vixilancia e prevención de incendios forestais no municipio.

O operativo centrarase especialmente nas zonas forestais, espazos periurbanos e áreas de maior risco, co obxectivo de detectar de forma temperá calquera conato de incendio e previr condutas neglixentes ou intencionadas que poidan poñer en risco a contorna natural e a seguridade da cidadanía.

Como parte deste dispositivo, a Policía Local empregará un dron para realizar labores de vixilancia aérea naqueles puntos de difícil acceso ou con maior concentración de masa forestal. Esta ferramenta permitirá ampliar a capacidade de observación dos axentes e facilitar unha resposta máis rápida ante calquera incidencia.

Pola súa banda, Protección Civil do Porriño colaborará nas tarefas preventivas mediante patrullas de vixilancia, apoio loxístico e presenza nos puntos considerados de maior risco, reforzando a coordinación coa Policía Local e co resto dos servizos de emerxencias.

Desde ambos os servizos faise un chamamento á responsabilidade da cidadanía para extremar as precaucións durante estes días de altas temperaturas, evitando calquera actividade que poida provocar un incendio e respectando as recomendacións e restricións vixentes en materia de prevención.

Así mesmo, lémbrase que, ante a presenza de fume, lume ou calquera comportamento sospeitoso en zonas forestais, débese avisar de inmediato ao 112 ou á Policía Local do Porriño, xa que a rapidez na comunicación resulta fundamental para minimizar as consecuencias de calquera emerxencia.

A Policía Local e Protección Civil do Porriño manterán este dispositivo especial mentres persistan as condicións de risco, reafirmando o seu compromiso coa protección do medio natural e coa seguridade de toda a veciñanza.

O Concello do Porriño súmase á campaña de verán para fomentar a doazón de sangue

  • A unidade móbil de ADOS estará instalada os días 3 e 4 de xullo na Avenida Domingo Bueno para facilitar a participación da veciñanza nun acto solidario que salva vidas

O Porriño, 3 de xullo de 2026.- O Concello do Porriño convida a colaborar coa Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) na campaña especial de verán de doazón de sangue, unha iniciativa que busca garantir as reservas necesarias nos hospitais galegos durante unha das épocas do ano con maior demanda e máis dificultades para manter un nivel suficiente de doazóns.

Con este obxectivo, a unidade móbil de ADOS desprazarase ao municipio os días venres 3 e sábado 4 de xullo, situándose na Avenida Domingo Bueno, ao carón do Centro Cultural. O venres estará operativa de 10:00 a 14:30 horas e de 16:00 a 21:00 horas, mentres que o sábado atenderá ás persoas doantes de 10:00 a 15:00 horas.

A campaña de verán, que se desenvolve entre o 15 de xuño e o 31 de agosto, pretende sensibilizar á cidadanía sobre a importancia da doazón nun período no que aumenta a mobilidade da poboación e, ao mesmo tempo, continúan as necesidades asistenciais dos hospitais. Durante estes meses, ADOS mobilizará dez unidades móbiles que percorrerán máis de 170 concellos galegos para achegar este xesto solidario á veciñanza.

Na actualidade, os hospitais de Galicia precisan máis de 400 doazóns de sangue cada día para atender intervencións cirúrxicas, tratamentos oncolóxicos, transplantes, urxencias e outras necesidades asistenciais. Ademais, dunha única doazón pódense obter tres compoñentes —glóbulos vermellos, plasma e plaquetas— que permiten axudar a máis dun paciente.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo,  anima á veciñanza a participar nesta iniciativa solidaria, contribuíndo cun pequeno xesto que resulta fundamental para manter as reservas de sangue e garantir a atención sanitaria das persoas que o precisan en toda Galicia.

As Festas de San Bieito chegan cargadas de tradición e música

  • Volve o Mano de Santo DJ Festival e as agrupacións musicais do Porriño vístense de longo co 30º Aniversario da Coral Polifónica EMMUS e o décimo aniversario da Agrupación Musical do Porriño.

O Porriño, 2 de xullo de 2026. O Concello do Porriño presentou esta mañá a programación das Festas de San Bieito 2026, que se celebrarán os días 10, 11 e 12 de xullo, cun cartel que combina tradición, música e actividades para todas as idades.

Trátase dunha festa marcada pola devoción e cun forte arraigo no municipio, nunha das zonas máis antigas da vila que mantén viva a paixón por un dos santos máis milagreiros, especialmente en cuestións relacionadas coa pel, como as verrugas. Ademais, no Porriño existe unha tradición única que se repetirá este ano: a poxa das uvas. Acontece logo da misa e a tradicional procesión. É outro dos milagres do 11 de xullo, ter un acio de uvas maduras, polo que a xente poxa ata límites insospeitados, acadando o pasado ano a cifra de 250 euros. Estes cartos, xunto a outros obxectos que se poxan, son doados logo á AECC do Porriño. O total de 2025 ascendeu a 635 euros.

“Estas tradicións son parte da nosa identidade”, asegurou o alcalde, Alejandro Lorenzo, durante a presentación, acompañado polo concelleiro de Cultura, Festas e Novas Tecnoloxías, Bienvenido Estévez; representantes da Asociación de Veciños de San Bieito e San Sebastián e representantes do Mano de Santo DJ Festival, que seguen a crecer nestas festas.

Programación musical

Precisamente o Mano de Santo DJ Festival é un dos pratos fortes desta festa, cun cartel que une a Kid Mount, Shameless e Juan Demarco na Praza de San Sebastián este 10 de xullo a partir das 22:30 h. “Queremos unhas festas para todos os públicos e, sobre todo, queremos que a xente moza quede no Porriño para desfrutar delas”, explicou Lorenzo xunto a André Vázquez, o organizador deste evento.

“Kid Mount está considerado unha das voces emerxentes da música urbana de Galicia”, explicou André Vázquez, que destaca que desde 2021 consegue fusionar xéneros como o trap, o reguetón e o hip hop con letras en galego, apostando por un estilo persoal que combina emoción, identidade cultural e sons contemporáneos. Actuará xunto a dous DJs locais cunha forte presenza escénica como son Shameless e Juan Demarco.

Aniversarios musicais

Musicalmente, estas Festas de San Bieito déixannos tamén un fito importante coa celebración do 30º Aniversario da Coral Polifónica EMMUS e o décimo aniversario da Agrupación Musical do Porriño. Será nun concerto que reunirá uns setenta participantes o sábado ás 20:00 h. No caso da Coral, é a herdeira desa gran tradición que hai no Porriño que nacerara da man de Antonio Paz Valverde. No caso da banda, naceu tamén no berce da Escola de Música, pero pronto tomou o seu propio camiño. Unha escola que tamén está de aniversario, xa que foi creada no 96 para dar saída a esas vocacións novas do Porriño que tiñan que desprazarse a Vigo para acudir ás clases ou a Pontevedra para facer os exames.

Ese mesmo sábado actuará, tamén na praza de San Sebastián, a orquestra Salsarena ás 21:30 h, á que seguirá unha sesión discoteca a cargo de Disquetoca e DJ Places a partir das 23:45 h. O domingo, a música estará a cargo da orquestra Miramar, a partir das 21:30 h.

Durante a presentación, resaltouse o espírito participativo das festas, que volven ser un punto de encontro da veciñanza porriñesa e unha cita obrigatoria do verán. Alejandro Lorenzo animou a todos os asistentes “a desfrutar dunhas festas no barrio de San Bieito que combinan o mellor da nosa tradición co espírito alegre e familiar que caracteriza ao Porriño”.

O rexedor tivo tamén un recordo moi especial para Ofelia Méndez Souto, falecida recentemente e unha das veciñas de San Bieito que sempre colaborou coa organización da festa e que sempre acompañaba a Asociación de Veciños nas presentacións.

Actos relixiosos

Os actos relixiosos comezan o xoves 2 de xullo coa subida do Santo á Igrexa logo da misa de nove, e co inicio da novena ás 19:30 h ata o 10 de xullo. O venres 10 haberá misa ás 9:00 h na capela de San Bieito, e o sábado 11 de xullo haberá misas ás 9:00 h de novo na capela, ás 10:00 h e ás 20:00 h na igrexa de Santa María e misa solemne ás 12:00 h tamén na Igrexa con procesión ata a capela.

Programación:

Do xoves 2 ao mércores 9 de xullo

  • 19:30 h – Inicio da novena (repítese cada día ata o 10 de xullo).

Venres 10 de xullo

  • 09:00 h – Misa na capela de San Bieito.
  • 19:30 h – Novena.
  • 22:30 h – Mano de Santo DJ Festival (con Kid Mount, Shameless e Juan Demarco) na Praza de San Sebastián.

Sábado 11 de xullo

  • 09:00 h – Misa na capela de San Bieito.
  • 10:00 h – Misa na igrexa de Santa María.
  • 12:00 h – Misa solemne na igrexa de Santa María, seguida da tradicional procesión ata a capela e a posterior poxa das uvas (e outros obxectos) a beneficio da AECC do Porriño.
  • 20:00 h – Misa na igrexa de Santa María.
  • 20:00 h – Concerto especial polo 30º Aniversario da Coral Polifónica EMMUS e o 10º Aniversario da Agrupación Musical do Porriño.
  • 21:30 h – Actuación da orquestra Salsarena na Praza de San Sebastián.
  • 23:45 h – Sesión discoteca a cargo de Disquetoca e DJ Places.

Domingo 12 de xullo

  • 21:30 h – Actuación da orquestra Miramar para pechar as festas.

O Concello do Porriño convida a toda a cidadanía a participar activamente nestas festas, agradecendo a colaboración da Asociación de Veciños de San Benito e San Sebastián e de todas as entidades que fan posible esta celebración ano tras ano.

O Concello do Porriño acolle unha charla sobre seguridade viaria para persoas maiores

  • A actividade, de carácter preventivo, forma parte do ‘Plan Mayor Seguridad’ da Garda Civil.
  • Terá lugar o vindeiro martes, 7 de xullo, ás 10:30 horas no salón de plenos municipal.

O Porriño, 01 de xullo de 2026.- O Concello do Porriño acollerá o vindeiro martes, 7 de xullo, unha charla informativa sobre seguridade viaria dirixida especificamente ás persoas maiores. O encontro desenvolverase ás 10:30 horas no salón de plenos da casa consistorial e estará impartido por un axente especializado da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra.

Esta iniciativa enmárcase dentro do Plan Mayor Seguridad, unha campaña preventiva impulsada pola Secretaría de Estado de Seguridad do Ministerio do Interior e desenvolvida de forma conxunta pola Garda Civil e a Policía Nacional. O obxectivo xeral deste programa é previr os principais riscos que afectan á seguridade dos maiores, fomentando a súa confianza nas forzas de seguridade e perfeccionando a resposta institucional ante calquera incidente.

Obxectivos principais do plan

Máis alá da seguridade viaria para peóns, o Plan Mayor Seguridad busca protexer de forma integral a este colectivo fronte ás principais ameazas detectadas na actualidade, entre as que destacan:

  • Prevención de estafas: Evitar o uso fraudulento de propiedades, fondos, contas e cartillas de aforro por parte de terceiras persoas.
  • Seguridade contra roubos e furtos: Protexer os maiores tanto nos seus domicilios como na vía pública, poñendo especial atención ao contorno das entidades financeiras.
  • Erradicación do maltrato: Detectar e previr calquera tipo de abuso ou malos tratos nas súas distintas vertentes.

Con esta sesión, o Concello do Porriño e a Garda Civil colaboran de estreita man para ofrecer ferramentas prácticas e consellos clave que garantan o benestar e a tranquilidade dos veciños e veciñas de máis idade do municipio.

O Concello do Porriño licita por máis de 23.800 € o servizo de control e esterilización de colonias felinas

  • O prego recolle a posibilidade de prorrogar o contrato de forma anual por dous anos máis , ascendendo o valor estimado total do servizo ata os 59.100,00 € sen IVE.
  • Na actuaidade o concello ten un total de 286 pasaportes felinos, expedidos dende o ano 2024

O Porriño, 01 de xullo de 2026 – O Concello do Porriño volve licitar o servizo para a xestión, control sanitario e aplicación do método C.E.S. (Captura, Esterilización e Solta) nas colonias felinas do municipio. O obxectivo prioritario desta actuación é garantir o benestar animal e supervisar de xeito ético as poboacións de felinos locais.

O orzamento base de licitación aprobado ascende exactamente a 23.837,00 € co IVE incluído  para o primeiro ano de duración. O prego recolle a posibilidade de prorrogar o contrato de forma anual por dous anos máis , ascendendo o valor estimado total do servizo ata os 59.100,00 € sen IVE.

O Concello do Porriño con esta licitación non soamente está aplicando o método C.E.S. senón que da un paso máis cara ao benestar animal. E dicir, ademais de incluír a captura dos felinos para proceder a súa esterilización e posteriormente a súa devolución a colonia ou calquera outro punto determinado para a súa solta, inclúe tamén a atención veterinaria dos gatos e gatas que aparecen feridos ou enfermos. Pero isto non é todo, xa que este concello quere seguir mellorando polo que tamén inclúe a organización de talleres formativos anuais  para concienciar e informar á poboación local. “Para controlar a estas colonias é importante a colaboración de todas e de todos por iso non me quero esquecer da gran labor que fan os voluntarios e voluntarias deste municipio”, explica o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacando a importancia de esta labor de concienciación e asimilación de boas prácticas.

286 pasaportes

Explica o Concelleiro de Medio Ambiente, Carlos Porto,  que na actualidade o concello ten un total de  286 pasaportes felinos, expedidos dende o ano 2024.Isto significa que o municipio xa ten identificados, rexistrados e censados un número importante de gatos a través deste documento oficial, o cal facilita o seguimento sanitario e o control das colonias sobre o terreo dentro do marco legal de benestar animal.

De feito, no municipio están identificados os emprazamentos das principais colonias, e alí colocaranse as casetas felinas que se realizaron durante o festival “O Porriño Animal Fest”.   Os creadores Eva Casais, Emma Suárez, Anxo Facal, Xabela García Rionegro, Sheila Viqueira, Miriam Benítez, El Taller de la Musa e Bruno Vázquez xunto aos seus alumnos da Escola de Arte de Ponteareas plasmaron o seu talento sobre seis colectores que foron adaptados e transformados en casetas de refuxio para as colonias felinas do municipio. Estas pezas artísticas non só embelecerán a vila, senón que garantirán un espazo digno e seguro para os gatos comunitarios. Colocaranse nas inmediacións do Centro de saíde, na rúa Ourense (xa colocado), na zona de caravanas de Leandro Diz (xa colocado) e no Multiusos de Torneiros.