O Porriño convida formalmente ao Papa León XIV a visitar o municipio para coñecer as súas raíces

  • O alcalde, Alejandro Lorenzo, envioulle unha carta institucional e un monólito de granito rosa a través da Asociación Discamino, con un convite formal

O Porriño, 5 de xuño de 2026. O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, fixo chegar unha carta formal e un agasallo institucional ao Papa León XIV co obxectivo de convidalo oficialmente a visitar a vila. Fíxoo grazas á viaxe e colaboración da Asociación Discamino e Ángeles Costa Lomba, nai de Gerardo Fernández Costa, “Gerardiño”, que actuou como embaixadora do pobo do Porriño no Vaticano. Segundo a propia Ángeles explicou despois ao rexedor, o Santo Padre “acolleu con gratitude o agasallo e sorriu, puxo cara de ilusión” .“Isto fainos gardar a esperanza de que o Santo Padre poida atopar un oco na súa axenda, quizais no vindeiro ano Xacobeo, para visitar O Porriño”, asegurou Lorenzo.

Esta invitación chega, de feito, logo de que recentes investigacións históricas levadas a cabo polo canónigo arquiveiro da Catedral de Tui, Avelino Bouzón Gallego, confirmen que os antepasados maternos do Santo Padre proceden, precisamente, da parroquia porriñesa de San Salvador de Torneiros: Benito Bastos Lorenzo, bautizado no Porriño o 1 de decembro de 1639.

Na misiva enviada ao Papa, Alejandro Lorenzo trasladoulle o “orgullo inmenso” que supón para os porriñeses saber que comparten unha orixe común, engadindo que “sería unha inmensa dita poder recibilo na nosa terra para que poida coñecer de preto as orixes da súa familia e o cariño da nosa xente”. Xunto á misiva, o Papa recibiu en nome da cidadanía do Porriño un monolito de pedra Rosa Porriño “como material que define a identidade porriñesa, xa que representa a fortaleza dun pobo traballador e humilde”, e na que vai gravada a imaxe do arquitecto Antonio Palacios, outro insigne porriñés, e a vieira do Xacobeo, así como o punto quilométrico 100 do Camiño Portugués, símbolo do orgullo do Porriño como lugar de acollida de peregrinos. Tamén o escudo do Concello, que reflicte a súa historia e tradicións.

O Goberno local agarda que o Papa León XIV poida valorar con agarimo esta proposta de cara ao próximo Ano Santo Xacobeo en 2027, o que suporía un fito histórico inesquecible para toda a comarca da Louriña.

Gerardiño fixo posible este encontro

Tras ver o vídeo da entrega, Lorenzo, lembrou con especial gratitude e emoción a figura de Gerardo Fernández Costa, “Gerardiño”, falecido recentemente aos 47 anos. O rexedor destacou que Gerardo, xordocego de nacemento, foi o gran impulsor e a alma de Discamino en 2009, cando cumpriu o seu soño de subir a un triciclo xunto a Javier Pitillas para realizar o Camiño de Santiago. “Agora, dende onde estea,  fai posible que O Porriño chegue ao mismísimo Papa”, asegurou Lorenzo, agradecendo a asociación e en concreto a Ángeles Costa, a nai de Gerardinho a entrega. Destacou tamén “a gran labor de integración” que se segue a facer dende esta entidade.

A Caravana Municipal do Porriño volve saír á rúa: tramitacións e atención directa sen saír da parroquia 

  • Arranca en Cans un percorrido que visitará todas as parroquias ata xullo 

O Porriño, mércores 4 de xuño. O Concello do Porriño iniciou esta mañá na parroquia de Cans unha nova rolda de visitas da súa Caravana Municipal de Atención Cidadá. Esta oficina móbil, impulsada polo goberno local, ten como obxectivo prioritario achegar os servizos administrativos ao rural e facilitar que a veciñanza poida realizar trámites directamente desde a súa contorna sen necesidade de desprazarse ata o centro urbano. O alcalde, Alejandro Lorenzo, estivo presente neste primeiro encontro para recoller de primeira man as peticións de cada residente.

A caravana funciona como unha extensión do propio consistorio e ofrece unha ampla carteira de servizos públicos integrados. A través desta oficina itinerante, os veciños teñen a posibilidade de realizar diversas xestións administrativas, tramitar solicitudes oficiais e acceder de forma áxil a información municipal de interese. A cercanía as súas vivendas posibilita que poidan achegase sen coller o vehículo pero ademáis permite poder visitar no momento o espazo concreto das súas demandas. 

Así, ademais do alcalde, nesta xornada estiveron presentes na caravana Bárbara Troncoso, concelleira de atención cidadá e protocolo; Marcos Martínez, concelleiro de parroquias, comunidades de augas e montes e parques infantís; Bienvenido Estévez, concelleiro de cultura, festas e novas tecnoloxías; Carlos González, concelleiro de parques e xardíns, cemiterios, limpeza viaria e lixo; e Teresa Veloso, concelleira de emprego e formación. 

Seguintes paradas

Tras esta primeira parada en Cans, a caravana municipal continuará o seu itinerario polas demais parroquias do municipio ao longo das vindeiras semanas en horario de mañá. O calendario oficial proseguirá o vindeiro xoves 11 de xuño en Atios, mentres que a seguinte cita terá lugar o luns 15 de xuño en Mosende. Posteriormente, a oficina móbil visitará Carracido o xoves 25 de xuño e desprazarase a Budiño o xoves 2 de xullo. O percorrido polos núcleos rurais do Porriño pecharase durante o mes de xullo coas visitas programadas a Torneiros o xoves 9, a Pontellas o xoves 16 e, finalmente, á parroquia de Chenlo o xoves 23 de xullo.

Máis de 180 escolares do Porriño desfrutan do deporte e o coidado do mar en Patos coa ‘Operación Ola’

  • A iniciativa, organizada por Educación e a OMIX, desenvolveuse este luns e este mércores co alumnado de 5º e 6º de Primaria de sete centros educativos do municipio

Un total de 185 alumnos e alumnas do Porriño veñen, un ano máis, de desfrutar dunha experiencia de surf na praia de Patos coa ‘Operación Ola’. Trátase dunha actividade impartida por monitores cualificados na que moitos destes rapaces e rapazas tiveron o seu primeiro contacto con este deporte e que lles serve, ademais, para aprender hábitos de vida saudables e outro tipo de valores como a concienciación ecolóxica ou o desenvolvemento persoal, xa que se trata dunha experiencia nova, emocionante e enriquecedora que favorece o seu crecemento físico e emocional.

A segunda das xornadas desta ‘Operación Ola’ desenvolveuse o luns coa participación de 46 alumnos do colexio Xosé Fernández López, 17 do CEIP Atios e 14 do CEIP da Ribeira. Con eles estivo o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, que destacou o éxito desta iniciativa que saca as aulas fóra dos centros tradicionais “con hábitos de vida saudables e aprendendo a traballar en equipo nun entorno único como é a nosa costa”. Neste senso, apuntou que ‘Operación Ola’ “non é só unha actividade de lecer, foi deseñada como unha oportunidade para que fagan comunidade, compartan experiencias con compañeiros doutros colexios e descubran o deporte como unha ferramenta de unión e superación persoal”.

“A finalidade deste programa é achegar aos mozos aos recursos naturais e deportivos, promovendo unha educación integral que combine aprendizaxe, benestar e contacto co medio ambiente”, sinala a concelleira de Educación do Concello do Porriño, Carolina González.

Na xornada do luns, os afortunados foron os alumnos e alumnas do CEIP Antonio Palacios, o CEIP da Cruz Budiño, o CPR Santo Tomás e Hnos. Quiroga. Así, para garantir o correcto funcionamento e a seguridade na praia, os participantes foron repartidos en diferentes quendas e grupos ao longo desta primeira quincena do mes.

 

Este programa do Concello do Porriño articúlase a través da Concellería de Educación e a OMIX, un programa de actividades deseñado para promocionar o deporte e a ocupación saudable do tempo libre entre a mocidade que demostrou, explican desde a OMIX, que serve tamén para potenciar o traballo en equipo, xerando un ambiente de compañeirismo, empatía e colaboración mutua.

O Porriño pon á disposición das persoas peregrinas as credenciais oficiais do Camiño de Santiago

  • As credenciais poden adquirirse na Oficina de VIDE, situada na rúa Ramón González, e entregaranse nun estuche conmemorativo como recordo da súa saída desde O Porriño
  • Cada vez son máis as persoas que deciden comezar no Porriño, quilómetro 100, o Camiño Portugés

 

O Porriño, 2 de xuño de 2026.- O Concello do Porriño informa de que, a partir de hoxe, as persoas que desexen iniciar o seu percorrido polo Camiño Portugués a Santiago poderán adquirir as súas credenciais oficiais no municipio.

As credenciais estarán dispoñibles na oficina de VIDE, situada na rúa Ramón González, facilitando así aos milleiros de peregrinos que cada ano escollen O Porriño como punto de partida a posibilidade de iniciar a súa experiencia xacobea coa documentación necesaria para obter posteriormente a Compostela.

Desde o Concello quérese agradecer especialmente a colaboración e as xestións realizadas polo párroco de Santa María do Porriño, Don Ángel, que fixeron posible que este servizo poida ofrecerse no municipio.

O Camiño Portugués continúa a consolidarse como unha das rutas xacobeas máis importantes. Durante o ano 2025 rexistrou un total de 100.831 peregrinos, dos cales 3.646 iniciaron o seu percorrido no Porriño, completando os 100 quilómetros mínimos esixidos para obter a Compostela.

Co obxectivo de ofrecer unha mellor acollida ás persoas peregrinas e de reforzar a identidade do municipio como porta de entrada ao Camiño, cada credencial entregarase acompañada dun estuche conmemorativo cos símbolos oficiais do Camiño de Santiago e unha mensaxe de benvida e bo camiño.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “O Porriño é un punto de partida elixido por milleiros de peregrinos procedentes de todo o mundo. Queremos que a súa experiencia comece aquí da mellor maneira posible e que leven consigo un recordo do noso concello, da nosa hospitalidade e da nosa vinculación histórica co Camiño de Santiago”.

Pola súa banda, a concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, sinalou que “a posta á disposición das credenciais no propio municipio era unha demanda necesaria para seguir mellorando os servizos que ofrecemos ás persoas peregrinas. O Porriño é Camiño, pero tamén é destino, e queremos que quen nos visita garde unha lembranza especial da súa saída desde a nosa vila”.

Con esta iniciativa, o Concello do Porriño continúa traballando na mellora da atención ás persoas peregrinas e na promoción do Camiño Portugués como un dos principais recursos turísticos e culturais do municipio.

A III Mostra de Ciencias na Rúa pon o foco no envellecemento e o talento local do Porriño

  • O certame celebrarase o 3, 4 e 5 de xuño de 2026 e terá como fío condutor o “Envellecemento”.
  • Científicos de prestixio internacional como Marisol Soengas, Anxo Carracedo ou Sonia Villapol daranse cita na vila.
  • A mestra porriñesa Susana Fernández Moreira será a Madriña desta edición, que pechará coa súa gran Feira Científica escolar.

 

O Porriño,1 de xuño de 2026. A vila do Porriño volverá inzar as súas rúas de ciencia e coñecemento esta  primeira semana de xuño coa celebración, na praza do Concello e as súas contornas, da III Mostra de Ciencias na Rúa do Porriño ‘Acienciacerta’, unhas xornadas educativas e culturais que se desenvolverán o mércores 3, xoves 4 e venres 5 de xuño. Organizado polo Concello do Porriño e a Asociación Cultural Acienciacerta, o evento conta este ano co patrocinio de Zendal Group e a Fundación “la Caixa”, ademais da colaboración da Universidade de Vigo, Aguas de Mondariz, AIMEN e CTAG.

Nesta terceira edición, o eixo central e fío condutor das actividades será o Envellecemento, un concepto que articulará as conferencias e protagonizará a imaxe gráfica do certame. Nos tres días de duración, volverase poñer en valor a ciencia e a divulgación científica con actividades participativas, experimentos, científicos e científicas internacionais e unha madriña de excepción.

“A III Mostra de Ciencias na Rúa pon este ano de novo o foco en tres piares: o talento local, a visibilización da muller na ciencia e a procura de novas vocacións entre a mocidade” destacou o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacando que “nun municipio coma o noso, que conta con empresas de peso internacional no ámbito da ciencia como Zendal, espertar vocacións na cativada é fundamental. Isto pode ser o seu futuro laboral pero, se pensamos no Porriño, é tamén o noso futuro coma vila industrial e tecnolóxica.”

Pola súa banda, a concelleira de Educación, Carolina González, sinalou o gran valor didáctico da cita xenerando curiosidade e pensamento crítico: “Queremos que a ciencia saia das aulas e dos laboratorios para inundar as rúas, demostrando que o coñecemento é accesible e fascinante para todos. O gran valor desta mostra é que une a experiencia de científicos que son referentes mundiais coa ilusión do noso alumnado, que leva meses traballando con moito esforzo nos seus proxectos para a Feira Científica.”

A Madriña: Susana Fernández Moreira

Este ano a Madriña de Acienciacerta é Susana Fernández Moreira, Licenciada en Químicas pola Universidade de Santiago de Compostela e porriñesa. Leva acompañando en Matemáticas, Física e Química a sucesivas xeracións de porriñesas e porriñeses dende o ano 1983. O papel que representa na ciencia, ten sido fundamental para centos de alumnas e alumnos que, posteriormente, e grazas a esta “fontaneira” da educación (así se considera ela, por desatascar tapóns de dúbidas), puideron emprender carreiras científicas ou simplemente dar un salto cualitativo no seu curso, ou no seu expediente, grazas a un traballo rigoroso, perseverante e eficaz, no enfoque destas materias. O seu perfil é dunha muller brillante que traballa na sombra sendo imprescindible para familias porriñesas de todo tipo. As súas clases de apoio durante décadas teñen salvado situacións académicas límite, e mesmo ten dado clases particulares a nais ou pais, fillas e fillos e mesmo netas e netos na mesma familia, polo que Acienciacerta neste 2026, onde o tema central será o paso do tempo, desexa visibilizar e, de paso, renderlle unha xusta homenaxe a unha figura, a mestra de clases de apoio, tan determinante para tantas persoas na etapa educativa e, sen embargo, tan pouco recoñecida pola sociedade.

ACTIVIDADES POR DIAS

Mércores 3

A mostra arrancará o mércores ás 19:00 h co simbólico ‘Brinde pola Ciencia’ (con Aguas de Mondariz) na histórica Botica Nova de Palacios. Media hora máis tarde, ás 19:30 h, na súa contorna, acollerá un diálogo a tres bandas titulado “Números, arquitectura e bioloxía do avellentamento”. Nela participarán tres mulleres que son referentes científicos internacionais: Teresa Táboas Veleiro, Vicepresidenta da Unión Internacional de Arquitectos e exConselleira de Vivenda; Elena Vázquez Cendón,  Catedrática de Matemática Aplicada na USC e Premio María Josefa Wonenburger; e

Marisol Soengas González,  Xefa do Grupo de Melanoma do CNIO e Premio María Larcher da EACR.

Xoves 4

A xornada do xoves comezará cun acto de benvida a Marisol Soengas, que ofrecerá unha charla didáctica para o alumnado. Pola tarde, o programa inclúe:

18:30 h: José María Faílde, doutor en Neuropsicoloxía e presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, presentará a candidatura de Ourense para ser recoñecida como a sexta Blue Zone (Zona Azul) do mundo pola lonxevidade dos seus habitantes.

19:30 h: O prestixioso catedrático de Medicina Legal e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Anxo Carracedo, impartirá unha das conferencias máis agardadas da mostra.

O broche de ouro do xoves será transversal e artístico. Mentres os creadores do festival DesOrdes Creativas e membros de Dios Ke Te Crew, Møu e Sokram, reflexionan sobre o paso do tempo, o recoñecido ilustrador porriñés Sr Reny executará unha obra gráfica con temática científica en directo.

Venres 5

O venres 5 de xuño concentrará o groso das actividades coa Feira Científica dos centros educativos. Ao longo de todo o día (de 10:00 a 13:30 h e de 17:00 a 20:00 h), dez colexios e institutos do municipio competirán nun concurso de proxectos científicos (categorías de -12 e +12 anos).

Outros fitos da xornada serán:

12:00 h: Lectura do manifesto a cargo da Madriña de Acienciacerta.

17:30 h: Eloy Santos Pujol, investigador do Instituto Josep Carreras que participou no estudo da muller máis lonxeva do mundo (María Brañas), falará sobre epixenética.

18:15 h: A neurocientífica luguesa Sonia Villapol (desde o Texas Medical Center de Houston) ofrecerá a charla “Cerebro en modo ON”, enfocada en dar claves á mocidade sobre saúde mental, neurociencia e o coidado do cerebro.

19:15 h: Espazo dedicado á Banda Deseñada coas autoras Inés Vázquez e Sandra Lodi (Premio Castelao 2024), que analizarán a eclosión do cómic feminino en Galicia e retos actuais do sector como a IA.

A mostra pecharase ás 20:00 h coa entrega de premios do Xurado e do Voto do Público.

O  Xurado Científico

Este ano de novo haberá un  Concurso de Proxectos Científicos dos centros educativos da vila. O concurso ten dúas categorías: -12 anos e +12 anos, e os premios serán decididos por un xurado científico, aínda que tamén existe un Premio do Voto do Público.

A composición deste xurado é a seguinte:

Susana Fernández Moreira (Madriña de Honra e Xurado): Licenciada en Químicas e porriñesa. Desde 1983 foi a “fontaneira da educación”susana na sombra para xeracións de porriñeses en Matemáticas, Física e Química. A mostra rendelle homenaxe a esta figura clave para espertar vocacións científicas e salvar situacións académicas límite.

Dra. Teresa Pérez Iglesias (Xurado Científico): Primeira catedrática universitaria do Porriño e Catedrática en Física pola UVigo. Experta en propiedades dieléctricas de materiais complexos e responsable das Olimpiadas de Física na Universidade de Vigo.

Dr. Miguel Gil Coto (Xurado Científico): Doutor en Ciencias do Mar e científico titular no Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC. Foi xefe da Base Antártica Española Juan Carlos I e obtivo o Premio IG Nobel de Física en 2023.

A Caravana Municipal do Porriño volve partir de xuño a percorrer todas as parroquias

  • A primeira parada realizarase en Cans o 4 de xuño, para seguir por Atios, Mosende, Carracido, Budiño, Torneiros, Pontellas e Chenlo.

O Porriño, 29 de maio de 2026. – O Concello do Porriño inicia un novo percorrido da súa caravana de atención cidadá, un proxecto que achega os servizos municipais ás parroquias. A primeira parada desta edición terá lugar o día 4 de xuño en Cans, en horario de 9:00 h a 13:00 h. Alí, veciños e veciñas poderán realizar xestións administrativas sen desprazarse ao centro urbano.

A oficina móbil ofrece atención directa en urbanismo, obras públicas, rexistro de documentos, limpeza, saneamento ou información xeral. “Trátase de que os veciños e as veciñas, sobre todo os que máis dificultades teñen para desprazarse, non teñan que achegarse ao casco urbano para facer este tipo de xestións”, asegura o alcalde, Alejandro Lorenzo, engadindo que o Concello do Porriño reafirma así o seu compromiso cunha administración próxima, participativa e humana, que escoita e dá protagonismo á súa xente.

Esta tempada da caravana proseguirá o 11 de xuño en Atios, o 15 en Mosende e o 25 en Carracido. Xa no mes de xullo, achegarase o día 9 a Torneiros, o 16 a Pontellas e o 23 a Chenlo.

Esta iniciativa comezou a realizarse en  xaneiro de 2024. Un proxecto pioneiro para  achegar a administración local e os trámites municipais a través dunha autocaravana aos veciños das diferentes parroquias do medio rural, facilitando as xestións especialmente ás persoas maiores ou con problemas de mobilidade.

Desde entón, a caravana vai realizando diferentes campañas e rutas organizadas ao longo das distintas tempadas do ano.

 

 

O Porriño convértese nun laboratorio urbano para que a mocidade deseñe a súa “Vila do Mañá”

  • Deste proxecto nace GEOPorriño: unha serie de códigos QR situados en diferentes puntos significativos da vila, para crear un percorrido que permitirá descubrir e redescubrir espazos vinculados á obra de Antonio Palacios e á identidade do municipio

O Concello do Porriño pon en marcha “A Vila do Mañá”, unha innovadora proposta educativa, cultural e urbana que busca que as nenas, nenos e adolescentes do municipio sexan suxeitos activos na construción da súa vila. O proxecto, que conta co apoio do Ministerio de Cultura, utiliza o patrimonio histórico e a arquitectura local como ferramentas para imaxinar novos xeitos de habitar o espazo público.

 

E como non podía ser doutro xeito no municipio, Antonio Palacios, porriñés ilustre e referente da arquitectura  do século XX, é o fío condutor que vincula a memoria e a identidade local coas ideas de futuro das novas xeracións. Todo nun laboratorio urbano que vincula percepción, xogo, arquitectura e creación, que se converten en ferramentas pedagóxicas para activar a vila desde a ollada das novas xeracións.

Un proceso coa vila como taboleiro

O proxecto estivose a desenvolver  ao longo de catro a seis semanas en horario lectivo, coa participación directa de entre 150 e 200 alumnos do IES Ribeira do Louro, IES Pino Manso, Colexio Hermanos Quiroga, Ribeira e Colexio Santo Tomás. 

Así, durante este tempo os participantes estivo identificando espazos simbólicos e significativos do municipio e deseñando dende as aulas un gran taboleiro   de xogo simbólico inspirado nos elementos locais. Este taboleiro plasmarase a escala real nos patios dos coles Quiroga, Ribeira e Santo Tomás; pero tamén, os alumnos e alumnas de Pino Manso e Ribeira do Louro, os inserirán   na propia vila a través do proxecto GEOPorriño,  unha serie de códigos QR situados en diferentes puntos significativos da vila, para crear un percorrido que permitirá descubrir e redescubrir espazos vinculados á obra de Antonio Palacios e á identidade do municipio. Unha ruta xeoocalizada, fomentando o movemento pola vila e invitando á cidadanía a observar o seu contorno desde unha nova mirada. 

A proposta foi ideada polo alumnado mediante procesos participativos, sendo tamén eles e elas quen colaborarán na construción e colocación dos elementos da intervención.

A acción funciona como un xesto colectivo de apropiación do espazo público, no que a cidade se transforma nun xogo común feito coa mirada das xeracións máis novas. 

Prímase neste proxecto a integración de elementos patrimoniais únicos de Antonio Palacios; a aposta por materiais de proximidade e reutilizables, como madeira, cartón, tecidos ou elementos naturais; o traballo directo co tecido urbano industrial e residencial do Porriño; a incorporación das redes sociais e medios dixitais como espazo de documentación e visibilización  

 

O Porriño clausura o curso de Atención Sociosanitaria con alta demanda laboral

  • Segundo avanzaron os responsables municipais, está previsto que o próximo mes arranque unha nova edición desta mesma especialidade. Todas as persoas interesadas en dar un xiro ao seu futuro profesional nesta rama xa poden solicitar a súa praza.

O Porriño, 28 de maio de 2026. O Concello do Porriño acolleu hoxe o acto de clausura do curso de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais, unha acción formativa de nivel 2 (AFD) que contou co financiamento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.

Ao acto oficial de peche asistiron o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e a concelleira de Emprego, Teresa Veloso, que acompañaron aos alumnos e alumnas que completaron con éxito esta etapa formativa.

Unha formación integral con inserción real

Esta acción formativaestivo dirixida a persoas desempregadas co obxectivo de mellorar a súa cualificación e impulsar a súa inserción nun dos sectores máis demandados na actualidade. Cun total de máis de 500 horas de formación, o programa incluíu un módulo teórico de 450 horas e 80 horas de prácticas profesionais non laborais, realizadas en centros de atención social da zona que, a miúdo, se converten en portas de acceso directas ao mercado de traballo.

O alumnado adquiriu competencias fundamentais en comunicación, coidados básicos e avanzados, atención psicosocial, xestión de emerxencias e fomento da autonomía das persoas usuarias, ademais de habilidades transversais indispensables como a empatía e o traballo en equipo.

Ao tratarse dun curso de nivel 2 (que require como acceso o título de ESO ou un curso de nivel 1 da mesma rama), os participantes obteñen o Certificado de Profesionalidade. Esta titulación oficial, recoñecida a nivel nacional e internacional, non só os capacita para traballar en entidades sociais, residencias, centros de día ou centros de atención a dependentes, senón que, pola súa transversalidade, tamén abre as portas ao Servizo de Atención no Fogar (SAF) e á atención a domicilio.

Éxito de emprego e continuidade do programa

As perspectivas para os novos profesionais son excelentes, avaladas polo 65% de inserción laboral acadado na edición anterior. Dende o goberno local, o alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Emprego e Formación,Teresa Veloso, reiteraron o compromiso do Concello coas políticas activas de emprego que ofrecen formación gratuíta, homologada e con futuro real para a veciñanza.

Do mesmo xeito, a delegada da Xunta mostrou o compromiso da administración autonómica coa formación como medida efectiva de empregabilidade. 

Dada a alta demanda asistencial no sector, o Concello do Porriño non detén a súa actividade formativa. Segundo avanzaron os responsables municipais, está previsto que o próximo mes arranque unha nova edición desta mesma especialidade. Todas as persoas interesadas en dar un xiro ao seu futuro profesional nesta rama xa poden solicitar a súa praza.

O alcalde do Porriño recolle na Universidade de Albacete o Premio Nacional Rebiun polo proxecto “Contos que curan”

  • No seu discurso, o rexedor compartiu o éxito co persoal bibliotecario e destacou o impacto social de “Contos que curan”, unha iniciativa de biblioterapia infantil gratuíta e accesible

O Porriño, 27 de maio de 2026.— O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, recolleu hoxe no paraninfo da Universidade de Albacete o “Premio REBIUN ás boas prácticas en biblioteca”, outorgado á Biblioteca Municipal do Porriño polo seu innovador proxecto de biblioterapia infantil “Contos que curan”. No acto e sobre o escenario, estivo acompañado polos responsables deste proxecto, Albino Alonso e David Pérez.

Este prestixioso galardón de carácter único, concedido pola Red de Bibliotecas Universitarias y Científicas Españolas (REBIUN), está dotado con 3.000 euros e un diploma acreditativo. O seu obxectivo é recoñecer o mellor proxecto de boas prácticas levado a cabo por bibliotecas españolas non universitarias e organismos vinculados, poñendo o foco nesta ocasión no forte compromiso social e a calidade do servizo porriñés.

Un triunfo con nomes e apelidos

Durante a súa intervención ante as autoridades e o xurado de REBIUN, o alcalde asegurou que “este premio é froito do traballo dun gran equipo: Albino Alonso e David Pérez, xunto a todo o equipo da Biblioteca Municipal do Porriño” e agradeceu tanto a Rebium como a Baratz o apoio a este tipo de proxectos. Destacando “o seu traballo, a súa dedicación e o seu compromiso” e apuntando “que fan que O Porriño aposte polo futuro”.

O rexedor lembrou o “simbólico” momento no que se confirmou a noticia o pasado 23 de abril, Día do Libro. “Pilloume nas propias instalacións, rodeado de nenos e nenas que asistían, precisamente, a unha sesión de ‘Contos que curan’. Recibir este recoñecemento celebrando o poder da lectura foi a mellor recompensa posible ao esforzo de todo o persoal bibliotecario”.

Libros que protexen a saúde mental desde a infancia

O proxecto galardoado, “Contos que curan”, consiste nunha colección de boletíns temáticos publicados periodicamente tanto en formato físico coma dixital (en galego e castelán) para a súa descarga libre e gratuíta. A través do traballo de busca, selección e clasificación do persoal da biblioteca, fúndase un recurso documental aberto para que familias, colectivos educativos e profesionais da saúde dispoñan dunha guía práctica de “terapia con libros”.

A iniciativa está destinada a menores de entre 3 e 12 anos, unha etapa clave para previr, identificar e xestionar distintos problemas e trastornos mentais. Ata o de agora, tense editado material para abordar temáticas complexas como “Morte e loito”, “Acoso escolar” e “Timidez e fobia social”. O proxecto contempla ampliar proximamente a súa axenda cara a outras cuestións esenciais coma a sexualidade, o medo á escuridade, os malos tratos, a baixa autoestima ou a normalización da neurodiverxencia (autismo, dislexia, TDAH ou síndrome de Down).

Unha biblioteca viva e con proxección internacional

O xurado do premio REBIUN valorou moi positivamente que “Contos que curan” cumpra cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Axenda 2030, promovendo un acceso equitativo á información e mellorando os servizos bibliotecarios tradicionais. Ao estar dispoñible en formato dixital e en varias linguas, convértese nunha utilidade aberta a todo o mundo hispanofalante.

No peche do seu discurso, o alcalde amosou o seu agradecemento á organización: “Grazas de corazón a REBIUN por poñer en valor o impacto social das bibliotecas municipais, e a Baratz por impulsar e apoiar este premio. A nosa biblioteca, a do Porriño, está viva, os seus libros laten na rúa e os seus responsables merécense este premio”.

O Porriño celebra a campaña «Quere o teu mercado» cunha xornada de showcoking, música, sorteos e actividades infantís

  • A cita terá lugar este sábado, día 30, no Mercado de Abastos municipal co obxectivo de incentivar o consumo de proximidade.
  • O recoñecido cociñeiro Julio Mato ofrecerá un showcooking en directo con degustación de pratos elaborados con produtos locais.

O Porriño, 27 de maio de 2026. O Concello do Porriño súmase unha edición máis á campaña «Quere o teu mercado», cunha completa programación de actividades que se celebrará este sábado, día 30, co obxectivo de promover os mercados e prazas de abastos, incentivar o consumo de produtos frescos e poñer en valor a compra de proximidade, así como a profesionalidade e o bo facer das praceiras e praceiros.

Dentro da campaña, ás 12:00h haberá un Showcooking en directo e degustación : O recoñecido e televisivo cociñeiro Julio Mato será o encargado de guiar esta exhibición culinaria. Preparará diferentes pratos en directo utilizando alimentos que se poden adquirir no propio Mercado de Abastos. Ao finalizar, haberá unha degustación gratuíta para o público. Ademais a cativada poderá gozar dunha variada oferta de obradoiros infantís, e a divertida ruleta infantil, onde poderán xogar e levar pequenos agasallos. Os adultos non se quedarán atrás, e haberá tamén sorteo para eles e elas cunha tómbola con opción a gañar diferentes produtos.

A xornada estará amenizada con música en directo para encher de vida e dinamismo as compras de toda a veciñanza.

Impulso ao produto fresco e de calidade

A concelleira de Mercados, Antía Carrera destacou a importancia de apoiar o comercio tradicional a través destas iniciativas. “Queremos animar a unha actividade de fomento do Mercado de Abastos, onde se atopa produto fresco e de calidade. Animamos a que a xente acuda aos mercados, apoie o produto local e goce de todas as propostas programadas” 

No caso da praza de abastos do Porriño hai 44 postos ocupados, “terr 44 postos plenamente activo demostra a fortaleza e o motor económico que supón o comercio de proximidade para O Porriño”, asegura o alcalde, Alejandro Lorenzo, indicando que “cada compra que se fai na praza é un investimento directo na economía local, que fixa emprego e garante a viabilidade de ducias de familias autónomas e produtoras da contorna”