O Concello do Porriño investirá máis de 188.000 euros na mellora de firmes, pavimentos e prazas en seis zonas do municipio

  • O proxecto contempla humanización da Costeira en Mosende e actuacións na Rúa Coruña, Cans, Atios-Rocha, Abelenda, e San Diego cun prazo de execución estimado de catro meses.

O Porriño, 13 de agosto de 2026. —O Concello do Porriño segue a investir na mellora da seguridade viaria, a mobilidade e a accesibilidade cun novo paquete de asfaltados en diferentes puntos do municipio, en concreto na Rúa Coruña, Cans, Atios-Rocha, Abelenda, Mosende-Costeira e San Diego. Trátase dunha intervención que acaba de saír a licitación e que suporá un investimento total de 188.407,74 euros cun prazo de execución previsto de catro meses.

O obxectivo principal destas obras é renovar o pavimento e rehabilitar os firmes en seis espazos públicos e vías do municipio que precisaban dunha posta a punto, pero tamén humanizar espazos da veciñanza. De feito, a maior actuación realizarase no Campo da Festa de Mosende-Costeira, cun investimento de 70.353,53 € onde, ademais do asfaltado, humanizarase este espazo reordenando a praza, dotándoa de zonas verdes e pavimento en formigón e granito.

Ademais, na Rúa Coruña investiranse 13.824,94 € para rozamento de marxes, fresado do firme actual, aplicación de rego de adherencia e a extensión dunha nova capa de asfalto. A intervención completarase coa posta a cota de pozos e arquetas, xunto coa renovación da sinalización viaria. Actuacións similares realizaranse no Camiño en Cans, Camiño en Atios-Rocha, Camiño en Abelenda e Campo da Festa de San Diego.

“Seguimos a mellorar as nosas zonas rurais, porque investir nos camiños é investir en seguridade”, asegura o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, puntualizando que “o noso compromiso é clave: atender as necesidades de todas as parroquias e de toda a veciñanza”.

O Porriño acolle esta fin de semana o Campionato de España de Maquetas de Aeromodelismo

  • O Club Furaventos reunirá en Pontellas pilotos procedentes de distintos puntos de España nunha competición que combina a fidelidade das maquetas coa precisión dos voos.

O Porriño, 12 de agosto de 2026.- O Porriño será este fin de semana escenario do Campionato de España de Maquetas de Aeromodelismo, unha cita organizada polo Club Furaventos nas súas instalacións de Quintela, en Pontellas, e unha oportunidade para ver auténticas xoias da aviación en pequena escala.

A competición comezará este venres coa recepción dos pilotos e os voos de proba nos que porán as máquinas a punto para as probas dos vindeiros días.  O sábado 15 concentrará a maior parte da actividade competitiva: a partir das primeiras horas da mañá realizaranse as avaliacións de voo e a valoración estática das aeronaves por parte dos xuíces, sendo un dos principais criterios de cara a determinar a fidelidade da maqueta con respecto ao modelo orixinal. Outro criterio importante é a achega de documentos que verifiquen as similitudes entre a maqueta e o avión; todo o que evidencie a correcta adaptación do vehículo á escala escollida significará unha maior puntuación neste apartado.

Finalmente, o domingo 16 quedarán reservadas as probas que non puidesen completarse o día anterior, ademais de voos de exhibición e despedida, estando previsto que a actividade remate ao mediodía para permitir aos pilotos conciliar as obrigas da competición cos seus viaxes de retorno.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de que o municipio acolla unha competición destas características: “É unha satisfacción que o Club Furaventos poida organizar no Porriño un Campionato de España despois de tantos anos perseguindo a oportunidade. É unha mostra do nivel de compromiso e da capacidade de organización que temos no municipio, e unha oportunidade para que a veciñanza poida coñecer de preto unha disciplina tan espectacular e interesante como o aeromodelismo”.

Unha competición tamén para o público

O evento ofrece tamén a oportunidade de achegarse ao mundo do aeromodelismo, xa que durante os descansos o público poderá ver as aeronaves de preto, coñecer os pilotos e fotografarse cos aparellos.

As maquetas destacan pola súa fidelidade aos avións reais e polos seus voos lentos e precisos, acompañados polo son dos motores, deseñados para reproducir na medida do posible o comportamento dos orixinais.

Esta cita contará ademais coa participación dun representante do propio Club Furaventos, Manuel Rodríguez, natural do Porriño e máis coñecido como Ivo. O porriñés participou este pasado mes de xullo no Campionato Mundial de Maquetas celebrado en Inglaterra. No seu palmarés tamén podemos atopar un Subcampeonato a nivel nacional no ano 2025, e agora busca amplialo cunha victoria aproveitando que se está a celebrar o campionato na súa parroquia.

Desde o Concello do Porriño ponse en valor a capacidade do Club Furaventos para atraer ao municipio competicións de ámbito nacional e internacional e para seguir situando O Porriño como un referente dentro do aeromodelismo.

Voluntarios e voluntarias de toda España traballan na rexeneración ambiental da ribeira do río Louro

  • O alcalde do Porriño recibiu na casa consistorial aos 11 participantes do campo de voluntariado “Sendeiros do Louro” no seu primeiro día e desprazouse tamén ata o río para coñecer de preto as súas tarefas

O Porriño, 12 de agosto de 2026. A ribeira do río Louro e os seus afluentes contan dende esta semana cun equipo de traballo moi especial. Un grupo de 11 mozos e mozas, de entre 18 e 30 anos e procedentes de diversos puntos da xeografía estatal —como Galicia, Madrid, Andalucía, Comunidade Valenciana, Castela-A Mancha, Aragón ou Estremadura—, que se atopan no Porriño participando no Campo de Voluntariado “Sendeiros do Louro”.

Con motivo do inicio dos traballos, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, recibiunos na casa consistorial o día da súa chegada para darlles a benvida, amosarlles as instalacións municipais e trasladarlles o seu agradecemento polo seu compromiso ambiental e social. Ademais, o rexedor desprazouse ata a contorna do río Louro para visitar aos voluntarios in situ e comprobar de primeira man como se están a desenvolver os traballos de rexeneración.

“O río Louro é un dos nosos bens naturais máis prezados. Con este campo de voluntariado, ‘Sendeiros do Louro’, non só melloramos e protexemos a ribeira e a vexetación autóctona, senón que tamén sensibilizamos sobre a necesidade de manter vivos e limpos os nosos ecosistemas fluviais”, asegurou Lorenzo, quen amosou o seu orgullo por “recibir no Porriño a un grupo de mozas e mozos tan comprometidos co medio ambiente e co ben común”.

Acción directa no contorno natural

O Campo de Voluntariado Internacional “Sendeiros do Louro”, é un proxecto impulsado polo Concello do Porriño a través da Concellería de Voluntariado, coa colaboración das áreas de Cultura, Educación, Deportes e da OMIX.

O obxectivo deste campo de voluntariado é contribuír á conservación e posta en valor da ribeira do Louro mediante accións de eliminación de especies exóticas invasoras, protección da vexetación autóctona, limpeza de residuos e sensibilización ambiental, favorecendo ao mesmo tempo o intercambio cultural entre participantes.

A iniciativa foi deseñada pola cooperativa de educación, lecer e cultura Avada, entidade con cinco anos de experiencia no desenvolvemento de programas educativos e de participación xuvenil, que será a encargada da coordinación e execución da actividade. O proxecto conta ademais coa colaboración da asociación ecoloxista Verdegaia, que achega o seu coñecemento técnico nas actuacións de conservación do río Louro e os seus afluentes.

Durante doce días as e os voluntarios conviven nas instalacións do CEIP Ribeira de Torneiros. Polas mañás desenvolven as accións de voluntariado ambiental e, polas tardes, participarán nun amplo programa de actividades de lecer educativo, excursións, visitas culturais e dinámicas de convivencia organizadas por Avada (@avada.gal), promovendo valores como a cooperación, a participación e o respecto polo patrimonio natural e cultural galego.

Esta actividade inclúese na Campaña de Verán 2026 da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, presentada baixo o lema “Modo Verán Activo”, que este ano oferta máis de 11.900 prazas en toda Galicia para a mocidade.

Obras en Eiras interrumpirán a subministración da presa durante todo o xoves 13 de agosto

  • O Consorcio de Augas do Louro pide un consumo responsable a veciños e empresas de Mos, O Porriño e Salceda porque as reservas de auga son limitadas

O Porriño, 11 de agosto . Este xoves ás 8:00 h, a presa de Eiras deixará de subministrar auga para poder realizar unha actuación nos condutos de saída da presa, unha obra previa ao cambio definitivo das válvulas do encoro. A duración estimada dos traballos é   8:00 h a 14:00 h pero a Consorcio de Augas do Louro estima que a volta á normalidade  do sistema de abastecemento demorarase ata as seis da tarde, porque hai que coordinar o enchido dos depósitos segundo o seu estado no momento de apertura de válvulas.

Por este motivo, dende o Consorcio piden —especialmente á veciñanza do Porriño e de Mos, ao contar con depósitos máis pequenos— que se extremen as medidas de aforro de auga. Solicítase evitar o rego, o enchido de piscinas ou o lavado de vehículos, xa que deste aforro dependerá a duración desas reservas. Na mesma liña, dependendo das reservas de auga ás 14:00h do propio xoves, se fose necesario, estudiarase o peche dos polígonos empresariais afectados: A Granxa, As Gándaras e Veigadaña. Neste senso, permitiranse os traballos esenciais en horario de mañá, pero trasladouse  xa aos grandes consumidores  que minimicen o seu uso.

Aínda que non haberá un corte de subministración efectivo, o feito de que estes municipios poidan quedar sen auga dependerá do consumo que se faga durante ese intervalo, entre o peche e a reapertura de Eiras.

“Se as empresas e a veciñanza son responsables, poderemos ter auga para o esencial durante todo o día”, explica Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño e presidente do Consorcio de Augas do Louro, que aclara que “esta é unha obra fundamental para o abastecemento, dunha gran complexidade técnica”

A obra de reparación das válvulas, financiada pola Xunta, ascenden a 2,3 millóns de euros.  A actuación consiste na substitución das catro válvulas de toma de auga -dúas delas moi danadas- que regulan o fluxo de auga que se envía á estación de tratamento de auga potable (ETAP) do Casal como paso previo ao subministro á poboación do contorno, máis de 400.000 persoas entre os concellos de Vigo, Cangas, Moaña, Redondela, Soutomaior, O Porriño, Mos, Salceda de Caselas e Vilaboa. A maiores, tamén se reporán as bases de formigón, a renovación de todo o sistema de cables e a posta en servizo de todos os equipamentos aparellados.

O Concello do Porriño porá autobuses gratuitos entre o casco urbano e o Monte Faro para ver a eclipse

  • Os autobuses sairán cada 45 minutos dende a Avenida de Galicia e a N-550 ata o Faro de Budiño. Moi preto da zona de avistamento haberá dous aparcamentos para vehículos
  • Repartirase unha primeira remesa de gafas aos nenos e nenas menores de 18 anos empadronados no Porriño o propio mércores en horario de mañá
  • Haberá posto de bebida y comida

O Porriño, 11 de agosto de 2026. Para facilitar a chegada das persoas que queiran contemplar a eclipse desde o Monte Faro de Budiño, o Concello do Porriño habilitará un servizo de transporte en autobús gratuito desde o casco urbano. Debido á orografía do terreo, o transporte deixará ás persoas usuarias a uns dous quilómetros do cumio. Ese último tramo deberá facerse a pé.

Os autobuses sairán desde a Avenida de Galicia e a N-550 ás 17:00, 17:40 e 18:25 h e regresarán desde o Faro, logo da eclipse, ás 22:15, 23:00 e 23:45 h. Trátase de dar servizo ás persoas que non teñan un medio de transporte alternativo. Son 37 prazas en cada viaxe que se encherán por estrita orde de chegada.

No Faro habilitaranse tamén dúas zonas de aparcamento para vehículos para dar cabida a todo aquel que queira subir a este entorno único para contemplar o evento e participar nas actividades programadas polo concello.

Reparto de gafas

O Concello repartirá 1.000 gafas homologadas no Faro de Budiño para as persoas que decidan contemplar desde aí a eclipse, pero ademais repartirá 750 ese mesmo mércores pola mañá aos nenos e nenas menores de 18 anos que estean empadronados no Porriño.

Haberá​ tamén un posto de comida e bebida xestionado pola Comisión de Festas de San Blas.

Esta iniciativa forma parte da programación especial “Sombra e luz. Vive a eclipse no Faro de Budiño”, organizada para o vindeiro 12 de agosto.

Así, quen queira contemplar a eclipse desde un lugar privilexiado pode facelo desde aquí cunha ampla programación que permitirá, máis alá da propia observación do fenómeno astronómico, combinar divulgación científica, posta en valor do patrimonio natural e actividades dirixidas a toda a familia nun dos espazos máis emblemáticos do Concello.

“Esta iniciativa supón unha oportunidade extraordinaria para seguir dando a coñecer o enorme patrimonio natural do noso municipio a través dunha experiencia diferente, pensada para todas as idades”, asegura Alejandro Lorenzo, alcalde do municipio, que cruza os dedos para ter unha tarde despexada: “Queremos que O Porriño sexa un referente para vivir esta eclipse e que quen nos visite descubra tamén un espazo único como é o Monte Faro de Budiño”, apunta tamén a concelleira de Turismo, Vanessa Ucha.

A programación dará comezo ás 17:15 horas cun roteiro circular polo Monte Faro de Budiño, unha actividade guiada con prazas limitadas que permitirá descubrir os valores ambientais, paisaxísticos e xeolóxicos desta contorna singular.

Ás 18:15 horas desenvolverase un obradoiro infantil, tamén con inscrición previa, no que os máis pequenos poderán participar nunha actividade de pintacaras e na elaboración de chapas conmemorativas inspiradas na eclipse.

Posteriormente, entre as 19:00 e as 19:45 horas, realizarase a entrega de lentes homologadas e material divulgativo para garantir unha observación segura da eclipse, antes do inicio do fenómeno astronómico.

As persoas interesadas en participar no roteiro ou no obradoiro deberán formalizar previamente a súa inscrición no Rexistro Xeral do Concello do Porriño, de forma presencial ou telemática para garantir a seguridade e o aforo neste espazo habilitado para ese día.

Desde o Concello recoméndase acudir con roupa cómoda e calzado deportivo e lémbrase que a observación da eclipse deberá realizarse exclusivamente mediante lentes homologadas, que serán entregadas gratuitamente durante a actividade.

O Concello do Porriño agradece a colaboración da Deputación de Pontevedra, así como a disposición da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común San Salvador de Budiño, que facilita o desenvolvemento da actividade nun enclave privilexiado para a observación deste fenómeno astronómico.

A Caravana de Saneamento do Porriño chegará este martes á parroquia de Mosende

  • Concello iniciou en Cans un novo percorrido informativo en horario de tarde que percorrerá todas as parroquias do municipio para atender de primeira man as dúbidas e necesidades da veciñanza

O Porriño, 10 de agosto. O Concello do Porriño continúa a avanzar no seu compromiso coa mellora das infraestruturas básicas do municipio. Co saneamento integral como unha das máximas prioridades do goberno local, arrincou en Cans a Caravana de Saneamento, unha iniciativa itinerante deseñada para achegar a xestión municipal ás distintas parroquias e atender de xeito individualizado aos veciños e veciñas. A vindeira parada desta rolda informativa terá lugar este martes, 11 de agosto, en Mosende.

Este calendario de visitas nace co obxectivo de garantir que toda a cidadanía teña acceso directo á información sobre o estado dos proxectos nas súas zonas. Durante o primeiro encontro celebrado en Cans, no que participou o concelleiro de Saneamento, Marcos Martínez, explicáronse actuacións clave e irrenunciables para a zona, como os proxectos previstos nos Eidos e na Graña-Sequeiras.

“Cada parroquia, cada veciño e veciña son prioridade”, asegura o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, destacando a importancia non só de ter o concello aberto á veciñanza, senón de achegarse a ela con estas iniciativas.

Atención personalizada e servizos municipais

A iniciativa destaca pola súa proximidade, resolvendo cuestións específicas que afectan ao día a día da veciñanza. No encontro de Cans, ademais de abordar os plans de saneamento e as xestións para a solicitude de enganches á rede xa executada, tratáronse asuntos como as axudas para sistemas de bombeo e servizos de baleirado de fosas sépticas, o estado dos  permisos solicitados ao Ministerio de Fomento; a reformado lavadoiro, o desenvolvemento do novo carril bici, a instalación dun asador no parque do río ou o proxecto da casa parroquial cedida ao Concello.

Calendario de visitas nas parroquias

O goberno municipal manterá estas xuntanzas en horario de tarde ao longo das vindeiras semanas para acadar unha cobertura completa do municipio. O calendario previsto para as vindeiras datas é o seguinte:

  • Mosende: 11 de agosto
  • Pontellas: 18 de agosto
  • Atios: 25 de agosto
  • Budiño: 1 de setembro
  • Chenlo: 8 de setembro
  • Torneiros: 15 de setembro

O alcalde do Porriño oficia a súa voda número 500

  • Alejandro Lorenzo sopra as velas tras anos unindo parellas en hospitais, fincas e emblemáticos espazos do municipio de xeito gratuíto
  • Chegou a casar a sete parellas en 24h

O Porriño, 8 de agosto de 2026.-  Hai pouco máis dun ano, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, oficiaba 15 vodas en 15 días. Se ben é certo que aquel mes de xullo foi de récord, non hai semana na que o rexedor non case a, polo menos, unha parella. “Normalmente son máis”, explica Lorenzo, que ten como récord diario 7 vodas en 24 horas, así que non sorprende que esta fin de semana teña chegado á súa “voda 500”. Unha cifra que lle fai ilusión, porque “facer feliz á xente é unha máxima” e “que tantas parellas confíen en min para acompañalas nun momento tan especial segue a ser un orgullo persoal e institucional”, apunta. Por iso, tamén el celebrou esta cifra soprando as velas dunha torta.

Foi logo de casar a María e Gabriel. Dous mozos que se coñeceron fai cinco anos nunha asociación de Torneiros, no Porriño, e que agora emprenden unha nova etapa da súa vida. O fan “o 8 do 8, unha data que me parece máxica porque é o número infinito”, di María, aínda emocionada, asegurando que ese infinito representa o seu amor.

O que non chega ao infinito, senón que seguirá sumando, é Lorenzo, que ten programadas sete vodas máis nos próximos 15 días, rebasando axiña esta cifra redonda, a das 500 vodas, logo de casar en practicamente todos os lugares posibles. Unha das máis emocionantes e cheas de amor, explica o rexedor, foi hai pouco, no hospital Povisa. Unha parella cumpría os desexos da nai del cando apenas lle quedaban unhas horas de vida. A voda foi na habitación do hospital, ante a mirada atenta desa muller que  levou consigo o gozo de ver ao seu fillo e á súa parella unidos.

O certo é que dende que asumiu a Alcaldía en 2022, Lorenzo casou moitos lugares: en restaurantes, en fincas particulares, no concello ou baixo o Templete de San Luis, un lugar único, esencia de Antonio Palacios e unha zona recén humanizada no municipio, ideal tamén para as reportaxes fotográficas.

Tamén hai que sumar a estas 500 vodas civís a renovación dos votos, cada vez máis habitual no municipio.

Casarse no Porriño é sinxelo e gratuíto

En 2022, o Concello aprobou a supresión da taxa de 100 euros por oficiar vodas, o que facilitou o acceso a este servizo a todas as parellas. Desde entón, o número de expedientes tramitados non deixou de medrar.

“Non cremos que deban existir taxas por formalizar o amor”, explica o rexedor que, dende que entrou na alcaldía, eliminou estes impostos e deixou conxelados o resto. “A felicidade non consiste en facer o que un quere, senón en querer o que un fai”, é unha das frases que habitualmente lles lanza ás parellas, pero tamén unha premisa do propio rexedor, que este sábado, na súa voda 500, asegurou sentirse así, feliz.

O Porriño mellora a seguridade vial e os accesos con novos asfaltados xa en marcha

  • Xa arrancaron as obras no Camiño da Relva, mentres que os traballos no Coto do Muíño, O Regueiro e dous treitos en Contrasto comezarán nos vindeiros días.

O Porriño, 07 de agosto de 2026. O Concello do Porriño continúa avanzando no seu plan de mellora da rede viaria co obxectivo de incrementar a calidade de vida e a seguridade da veciñanza que habita no medio rural. Coa posta en marcha dun novo paquete de asfaltados cun orzamento que supera os 125.500 euros, o Concello transforma vías de terra ou en mal estado en estradas seguras e mellor sinalizadas.

O Camiño da Relva, xa en marcha

As actuacións xa son unha realidade no Camiño da Relva. Ata hai uns días, este treito era un camiño de terra que dificultaba a mobilidade diaria. Coas obras actualmente en execución, o vial pasa a contar cunha superficie asfaltada de 318 metros de lonxitude e un ancho medio de 5 metros, transformándose nun acceso totalmente accesible e cómodo para os veciños.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitou esta mañá esas obras acompañado do concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto. “Coidar as nosas parroquias é seguir traballando por mellorar a calidade de vida de quen habita nelas”, asegurou Alejandro Lorenzo, puntualizando que “isto implica mellorar as súas conexións e a seguridade viaria”. “Este camiño da Relva pasa a ser un vial asfaltado que une lugares, pero tamén persoas”, concluíu.

Próximas actuacións nas parroquias

O plan de asfaltado non se detén na Relva. Nos vindeiros días está previsto o inicio dos traballos en novos puntos clave do municipio, como no Camiño Coto do Muíño, onde se acondicionará unha vía de 368 metros de lonxitude e un ancho medio de 4,5 metros; os Camiños Contrasto 1 e 2 en Torneiros, de 64 e 66 metros respectivamente, con anchos de entre 4 e 5 metros, ou o Camiño O Regueiro, en Mosende, cunha actuación integral nun total de 128 metros, divididos en dous tramos diferenciados segundo a súa anchura.

Con estas intervencións, a intención do Goberno local do Porriño é continuar desenvolvendo este tipo de obras de mellora nas distintas parroquias, avanzando xa na preparación de novos proxectos que se atopan actualmente en fase de licitación.

O Concello do Porriño intensifica as medidas aforro de auga

  • O municipio limita os regos non esenciais, intensifica o control de fugas e pide a colaboración de veciños e empresas ante a prealerta

O Porriño, 6 de agosto de 2026. O Concello do Porriño ven de intensificar as medidas para protexer as reservas de auga do municipio. Ante a escaseza de precipitacións e altas temperaturas, o Concello puxo en marcha xa fai semanas diferentes medidas centradas na vixilanza e na xestión da rede de abastecemento, que se intensifican agora. Así, incrementouse  o control para detectar usos inadecuados ou captacións ilegais e reduciuse as presións de subministración en diversos sectores e campañas específicas para a detección e reparación de fugas. Pero ademais, deuse orde xa de limitar os regos  en parques, xardíns ou campos de fútbol xunto con outros usos considerados non esenciais.

Pediuse tamén aos grandes consumidores do municipio para que apliquen plans de redución de consumo nas súas instalacións.

Desde o Concello insístese en que a prevención e a concienciación son a clave nas vindeiras semanas se non hai precipitacións. Por iso, pídese a colaboración directa tanto das empresas como dos veciños e veciñas para adoptar hábitos de uso responsable: evitar ou limitar o rego de xardíns e zonas verdes privadas, pospoñer o lavado innecesario de vehículos, evitar o enchido de piscinas particulares ou reutilizar a auga sempre que sexa sobrible e revisar as instalacións propias para corrixir calquera pequena fuga doméstica.

As medidas adoptadas en situación de prealerta buscan anticiparse a un posible episodio de escasez máis severo, así como concienciar a empresas e cidadanía sobre a necesidade de realizar un uso eficiente e sostible da auga. Ademais, o Consorcio de Augas do Louro realizará un seguimento permanente da evolución dos recursos hídricos dispoñibles e adoptará, en coordinación coas administracións competentes, cantas medidas adicionais resulten necesarias para meirande garantía do abastecemento á poboación.

Así, trasladan consellos báiscos para a cidadanía.

  • Asegúrate de pechar ben as mecheiras/grifos e evitar goteos. Aforro estimado: ata 30 litros ao día.
  • Escolle a ducha en lugar do baño. Aforro estimado: ata 60 litros.
  • Recolle a auga mentres esperas a que saia quente ou fría e reutilízaa para outros usos. Aforro estimado: entre 15 e 25 litros por minuto.
  • Pecha a auga mentres te ensaboas ou lavas o cabelo.
  • Pecha a mecheira/grifo mentres te meadas os dentes. Aforro estimado: entre 5 e 10 litros por minuto.
  • Lava froitas e verduras nun recipiente en lugar de facelo baixo a auga corrente.
  • Utiliza a lavadora a plena carga. Aforro estimado: ata 200 litros por lavado.
  • Non utilices o inodoro como papeleira e meuda descargas innecesarias.
  • Minimiza a rega de xardíns e adapta o consumo ás necesidades reais das plantas.

“Sombra e luz”: O Porriño convida a vivir o eclipse no Faro de Budiño cunha experiencia única de natureza, ciencia e lecer

  • O Concello organiza unha programación especial o vindeiro 12 de agosto para gozar dun dos fenómenos astronómicos máis destacados do ano desde un dos mellores miradoiros naturais do municipio.

O Porriño, 6 de agosto de 2026.– O Concello do Porriño presentou esta mañá “Sombra e luz. Vive o eclipse no Faro de Budiño”, unha proposta coa que o municipio quere converter o Monte Faro de Budiño nun punto de encontro para veciñanza e visitantes durante a observación do eclipse parcial de Sol do próximo 12 de agosto.

A iniciativa nace co obxectivo de ofrecer unha experiencia que vai máis alá da propia observación do fenómeno astronómico, combinando divulgación científica, posta en valor do patrimonio natural e actividades dirixidas a toda a familia nun dos espazos máis emblemáticos do Concello.

A programación dará comezo ás 17:15 horas cun roteiro circular polo Monte Faro de Budiño, unha actividade guiada con prazas limitadas que permitirá descubrir os valores ambientais, paisaxísticos e xeolóxicos desta contorna singular.

Ás 18:15 horas desenvolverase un obradoiro infantil, tamén con inscrición previa, no que os máis pequenos poderán participar nunha actividade de pintacaras e na elaboración de chapas conmemorativas inspiradas no eclipse.

Posteriormente, entre as 19:00 e as 19:45 horas, realizarase a entrega de lentes homologadas e material divulgativo para garantir unha observación segura do eclipse, antes do inicio do fenómeno astronómico.

As persoas interesadas en participar no roteiro ou no obradoiro deberán formalizar previamente a súa inscrición no Rexistro Xeral do Concello do Porriño, de forma presencial ou telemática para garantir a seguridade e o aforo neste espazo habilitado para ese día.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que esta iniciativa supón “unha oportunidade extraordinaria para seguir dando a coñecer o enorme patrimonio natural do noso municipio a través dunha experiencia diferente, pensada para todas as idades. Queremos que O Porriño sexa un referente para vivir este eclipse e que quen nos visite descubra tamén un espazo único como é o Monte Faro de Budiño. O eclipse convértese nunha magnífica oportunidade para achegar a ciencia á cidadanía dun xeito atractivo e participativo, ao tempo que seguimos promovendo os nosos recursos naturais como espazos de encontro e desfrute responsable “

Pola súa banda, a concelleira de Turismo Vanessa Ucha, explicou que “‘Sombra e luz’ representa a nosa forma de entender a promoción turística: crear experiencias que conecten natureza, divulgación, patrimonio e convivencia. Este evento permitirá descubrir o Faro de Budiño desde unha nova perspectiva e reforza a aposta do Concello por ofrecer actividades de calidade vinculadas ao noso territorio.”

Desde o Concello recoméndase acudir con roupa cómoda e calzado deportivo e lémbrase que a observación do eclipse deberá realizarse exclusivamente mediante lentes homologadas, que serán entregadas gratuitamente durante a actividade.

O Concello do Porriño agradece a colaboración da Deputación de Pontevedra, así como a disposición da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común San Salvador de Budiño, que facilita o desenvolvemento da actividade nun enclave privilexiado para a observación deste fenómeno astronómico.

Con “Sombra e luz. Vive o eclipse no Faro de Budiño”, o Concello reafirma a súa aposta por unha programación que combina natureza, turismo, educación e divulgación científica, ofrecendo unha proposta singular para vivir un acontecemento excepcional nun dos espazos naturais máis representativos do municipio.