“Non”. Esa foi a resposta que deu a maioría da Corporación do Porriño, este xoves á directora xeral de Explotación e Construción de ADIF, Isabel Pardo de Vera, na xuntanza que mantivo no Concello coa alcaldesa, Eva García de la Torre, e os voceiros dos grupos políticos municipais.

ADIF traía coma proposición a de “encaixar” o paso a nivel que atravesa o centro do Porriño, que os peóns cruzasen por baixo da vía, por un paso soterrado ao que accederían nun ascensor, e os coches circulasen por un paso elevado situado a uns metros do paso a nivel.

A alcaldesa, que foi a única que compareceu ente os xornalistas, subliñou que esa pretensión de ADIF non é aceptábel e que o único que faría é que a actual situación do paso a nivel se alongase “cen anos máis”.

Para García de la Torre non hai máis solución que un cambio do trazado da vía o cal, lembrou, os responsábeis de ADIF vían posible en 2006, contando para elo co acordo entre o Goberno do Estado, o Goberno de Galicia e os concellos de Mos e O Porriño.

Ate que non se atope unha solución definitiva, a Corporación do Porriño esixiu que as medidas de seguridade sexan extremas, logo de moitas incidencias e fallos nas barreiras do paso a nivel e grande velocidade –de ata 150 quilómetros por hora- á que circulan os trens polo centro do Porriño.