Aberto o prazo de incrición para os Cursos de Accións Formativas para Persoas Desempregadas que pon en marcha o Concello do Porriño

Logo de 2 anos de ‘seca’, sen concesión algunha de accións formativas para o concello do Porriño, “aínda sabendo a importancia das mesmas para as persoas que están sen traballo”, finalmente a Concellería de Emprego e Formación, que dirixe Soledad Girón, ven de conquerir da Consellería de Economía, Emprego e Industria  de Goberno de Galicia  tres cursos AFD ( Accións Formativas para Persoas Desempregadas), cunha subvención de 96.174€.

Soledad Girón lembra que O Porriño é un concello de 20.000 habitantes cunha taxa de paro que foi baixando nos dous últimos anos do 26,3%-porcentaxe no que estaba cando o actual Goberno local tomara posesión- ao 18,2%-ao peche de agosto: máis dun 8% en total, grazas á posta en marcha de distintos programas formativos, impulsados e financiados polo propio Concello, e os acordos asinados con representantes do mundo empresarial, coma “Porriño Accede”, os plans de emprego co-financiados coa Deputación de Pontevedra e, “agora mesmo, pendentes da concesión do PIEM ( Plan Integral de Emprego para Mulleres), plan no que temos posto gran entusiasmo, investindo tempo e recursos, máis de 100.000€ se finalmente se nos concedese”.

Os cursos impartidos polo Concello do Porriño serán: Servizos de Restaurante (HOTRO608), de nivel 2; Operacións Básicas de Restaurante e Bar (HOTRO208), de nivel 1 e, finalmente,  Operacións Básicas de Cociña (HOTRO108), tamén de nivel 1.

Dende a Concellería de Emprego e Formación lémbrase ás veciñas e veciños que xa está aberto o prazo de inscrición, que o lugar para cumprimentar a mesma é a Oficina de Emprego do Porriño e que o único curso que esixe un nivel de estudos mínimo –ESO ou similar- é o de Servizos de Restaurante, que é do nivel 2.

Por último, Soledad Girón subliña que impulsar medidas para reducir o desemprego “non é só labor do Goberno local do Porriño o é, especialmente, da Xunta de Galicia, que ten competencia para elo, e as dúas administracións temos o deber e a obriga de entendernos, á marxe de posturas políticas diferentes pois cando gobernamos facémolo para os cidadáns”.

A Concellería de Igualdade atende á demanda e amplía os talleres de ‘Crecemento Persoal e Adquisición de Habilidades Sociais, con perspectiva de xénero’

A Concellería de Igualdade do Concello do Porriño, logo da importante demanda dos mesmos, ven de ampliar os talleres de ‘Crecemento Persoal e Adquisición de Habilidades Sociais, con perspectiva de xénero’.

Os mesmos, o último dos cales clausurouse o pasado venres, día 1 de setembro, no Centro Cultural Municipal, subliñou a necesidade de “aumentar a conciencia sobre as nosas vidas, a realización persoal e individual, descubrir as diferencias, compartilas, crear novos camiños, atopando ferramentas para afrontar doutro xeito a experiencia da vida e empoderarse”, sinala a concelleira Soledad Girón.

A ampliación do taller está programada para a segunda semana deste mes, chegando ás parroquias, empezando coa primeira parte de ‘Descóbrete: unha nova ollada de ti’, con grupos reducidos, sobre o que pode obterse máis información no Centro de Información á Muller (CIM) do Concello ou chamando ao teléfono 986 337 429.

A concelleira lembra, unha vez máis, que o obxectivo destes talleres “non é outro que o de incrementar e favorecer a participación da cidadanía en favor da igualdade”.

Aberto o prazo para inscribirse nas actividades que ofrece, de balde, a Biblioteca Municipal do Porriño

A Biblioteca Municipal do Porriño segue a súa programación de cursos e actividades para 2017, co obxectivo de que a mesma siga a ser un espazo de aprendizaxe, encontro e inserción social e un servizo público de importancia na sociedade actual.

Con esta finalidade, vense de abrir as inscricións para cursos e actividades de balde-con prazas limitadas- nas que teñen prioridade as persoas empadroadas no Porriño.

As mesmas son:  Club de lectura de adultos, que terá lugar luns alternos de 6 e media a 8 da tarde; Club de Lectura Infantil, para rapazas e rapaces de entre 8 e 12 anos, que será os venres alternos de 6 e a 7 e media da tarde;  Grupo de Conversa en alemán, os martes entre as 18:30 y las 19:30. Este grupo non precisa inscrición previa; Grupo de Conversa en inglés, os martes entre as 18:00 e 19:00 h. (nivel básico)  entre as 19:15 e 20:15 h. (nivel medio).

Alfabetización dixital, os mércores de 10 a 11 e media da mañá. Está pensado para adultos con coñecementos moi básico sobre o uso de ordenadores; Fotografía Dixital, para iniciarse neste mundo e mellorar a técnica: os venres 20 e 27 de outubro de 5 a 8 da tarde.

As persoas interesadas poden dirixirse á propia Biblioteca Municipal ou entrar na súa páxina web: https://bibliotecadoporrino.com/.

O Goberno Local inicia os traballos de asfaltado e conexión á rede municipal de saneamento no barrio da Costeira-Mosende

A concellería de Vías  e Obras, que dirixe Manuel Carrera, ven de iniciar traballos de asfaltado e de conexión á rede de saneamento  no barrio da Costeira- Mosende, cun orzamento de 60.440€, con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

O concelleiro subliña que “na Costeira era necesario realizar un asfaltado urxente das vías e decidiuse  dotar, previamente, ás casas da zona do servizo de saneamento”.

Cando finalicen as obras, nun prazo aproximado dun mes e medio, 15 familias poderán conectarse directamente aos colectores do Consorcio do Louro.  Pola súa banda, indica Manuel Carrera, a mellora das estradas suporá a renovación de 2.000 metros cadrados de asfalto, ademais do pintado e sinalización vertical dos  mesmos.

Hai que lembrar que so no último mes, o Goberno Local  puxo en marcha, con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, o labor de conexión á rede de saneamento na  Costeira-Mosende,  Albarín-Atios e A Pereira-Contrasto, “que permitirán que un total de 75 vivendas estean unidas á rede municipal”.

Festas en Carracido en honra á Virxe dos Milagros

Carracido celebra os vindeiros sábado, domingo e luns, días 2, 3 e 4 de setembro, a Festa en Honra á Virxe dos Milagros.

Durante eses días os asistentes poderán goar das actuacións de Alabama Show, Nievla, o concertó da Banda de Música Xuvenil de Torroso, os grupos Costa Blanca e Nostalgias, a Banda de Música Municipal de Redondela, ademáis de Gram Casino e Trovadores.

A programación completarase con verbenas e xogos para nenas e nenos.

Aumenta, un ano máis, o número de peregrinos que durmiron no albergue do Porriño: 3.154 ata xullo, 464 máis que en 2016

Nos primeiros sete meses deste ano durmiron no albergue do Porriño  3.154 peregrinos, 464 máis que nos mesmos meses de 2016, o que sinala un incremento do 17,2% en relación cos 2.695 que estiveran ata xullo do ano pasado.

Xullo, con 833 persoas que pasaron a noite, abril, con 664, xuño, con 658 e maio, con 656, foron os mellores meses, ata hoxe, superando en todos os casos o número de peregrinos a Compostela que pasaran hai un ano.

Estes datos, a falla dos que  faltan ata finais de ano, adiantan que en 2017 superaranse os  5.214 camiñantes que pararon no Porriño en 2016 e que xa superaran  en 386 os de 2015, o que supuxo un incremento do 8% e un feito descoñecido ata entón: un aumento dous anos seguidos no número de persoas que durmiron na vila de camiño a Santiago.

Xa no ano 2015 houbo 1.435 persoas máis que usaran o albergue que no ano anterior, un 42% máis que en 2014, cando atoparan acomodo no albergue 3.393 camiñantes. Isto sinala que en apenas dous anos o uso do mesmo aumentou en 1.821 persoas, un 53,4% máis, unha porcentaxe que, de seguir a progresión actual, podería superar o 70% a finais deste 2017.

A maioría das persoas que chegan ao albergue son españois, fundamentalmente madrileños, andaluces, vascos e cataláns; en segundo lugar, os máis numerosos son os portugueses, seguidos dos alemáns, franceses, británicos e italianos, aínda que chegan nacionais de Xapón, Australia, Estados Unidos, Corea, China, Rusia ou Canadá.

Hai que lembrar que O Porriño ocupa un lugar sobranceiro no ‘Camiño Portugués’ xa que é o final da primeira etapa do itinerario que vai de Tui e Compostela. Por iso, a vila conta, segundo subliña o propio Goberno de Galicia, cun dos albergues máis modernos do país, no Parque do Rubio, con 52 prazas en total e “unha variada oferta de servizos para peregrinos”, entre eles “conexión a Internet, zonas verdes e calefacción, lavandería, comedor ou dereito a cociña”.