A Concellería de Emprego e Benestar, que dirixe Soledad Girón, impulsa a sinatura de 20 contratos laborais a outras tantas veciñas e veciños do Porriño que na actualidade están percibindo a Renda de Inserción Social de Galicia (RISGA).

A diferencia doutros anos, nesta ocasión a duración dos contratos aumenta ata 1 ano e serán a tempo completo. Ata o dagora os mesmos eran por un período de 7 meses e abranguían o 75% da xornada laboral.

Soledad Giron explica que para facer posible este incremento de duración, á cantidade que aporta o Goberno galego para a realización dos mesmos, 119.463,4€, o Concello do Porriño, por medio da Concellería de Emprego, engade 160.000€ máis que cobren, os 5 meses de duración dos traballos que quedaban ata completar o ano, e o 25% que restaba para que a contratación pasase do 75% a ser a xornada completa.

A concelleira salienta a importancia que ten a dobre ampliación da duración destes contratos dado que as persoas que traballen este ano a tempo completo adquirirán, ademais da experiencia laboral, uns dereitos, á finalización do contrato, que son moi distintos aos que outorgaban contratos de 7 meses ao 75% da xornada.

Soledad reitera, de novo, que “a creación de emprego segue a ser a principal prioridade do Goberno local” e que neste eido fará todos os esforzos e impulsará, coma ven facendo, todas as iniciativas que faciliten a creación de postos de traballo no Porriño.

Por último, indica que as persoas que asinen estes contratos empezarán a traballar xa en outubro.