O vindeiro sábado, día 23, ás 12 e media do mediodía, na Praza de Antonio Palacios, o escritor Diego Giráldez, será o encargado de ler o pregón co que darán comezo as Festas do Cristo 2017.

Diego Giráldez (O Porriño, 1976), é licenciado en Historia da Arte, exerceu o xornalismo en distintos medios escritos e dixitais. Durante cinco anos, traballou na redacción do xornal ‘A Peneira’ dirixindo unha das súas cabeceiras comarcais e coordinando o seu suplemento cultural, ‘Kalaikia’ a nivel galego. Ao tempo, colaboraba como columnista de opinión cos xornais ‘A Nosa Terra’ e ‘Xornal de Galicia’ e, a través de reportaxes culturais, co El País. Na actualidade, escribe no diario Praza Pública -formando parte do seu consello de redacción- e na revista ‘Luzes’.

Ten varios libros publicados relacionados coa historia do Porriño, dirixiu a revista de recuperación histórica local ‘Malladoura’ e fundou e dirixiu o ‘CanZine’, a publicación oficial do Festival de Cans.

En 2016, a editorial Xerais publicou o seu primeiro traballo literario “Galería de saldos”.

En 2010, recibiu o Premio Literario “José Saramago” de relato curto. En 2011, no Porriño, concedéronlle o Premio Círculo “Cultura”. En 2015, fíxose co primeiro accésit do Certame Nacional de Narracións Breves “Modesto R. Figueiredo” e en 2016 gañou o premio literario “Manuel Murguía”, o máis importante certame de relato curto de Galicia. Nos premios “Fervenzas Literarias” de 2016, o seu libro “Galería de saldos” foi elixido polos lectores o segundo mellor traballo de narrativa galega e Diego Giráldez “mellor autor galego do ano”.