Este venres, empeza o ‘Entroido do Porriño 2018’ co concerto do Grupo América

Este venres, día 9, da comezo o Entroido do Porriño 2018 co concerto, ás 8 e media da tarde, na Praza de Antonio Palacios, do Grupo América.

https://www.facebook.com/AmericadeVigo/videos/1593468277404144/

Un ‘días grandes’ será mañá, sábado, 10, no que está previsto o pregón, á 1 da tarde, a cargo do cantante, crooner e showman Tony Lomba; seguirá o ‘Xantar do Entroido’, a celebración da 75ª edición do Xogo da Ola, o primeiro Desfile de Comparsas (dende as 6 da tarde), para o que están inscritas, ata este 13 de adultos e 3 infantís, e a ‘Gran Festa Rachada’, co grupo ‘Versionettes’.

Nos seguintes días seguirá a Festa Infantil, co Pallaso Popín (domingo, 11), o Grande Desfile de Comparsas (o martes, día 13) e, o mércores 14, chegará outro dos grandes intres deste Entroido co ‘Velorio da Sardiña’, no Centro Recreativo e Cultural (dende as 5 da tarde); o ‘Enterro da Sardiña’ (dende as 19 h.), a Lectura do Testamento, na Praza de Antonio Palacios, e a Queima da Sardiña, na Ponte do Valo.

Podes consultar toda a programación na web ecultura.net e tamén en oporrino.org e nas redes sociais do Concello, Facebook –Concello do Porriño– e Twitter-@PorrinoConcello-.

Cortes de tráfico e prohibicións de estacionamento polo Entroido

A Policía Local informa de que co gallo da celebración do Entroido, non se poderá estacionar na rúa Donantes de Sangue, a partir das 3 da tarde do sábado 10, dende a entrada á piscina ata Antonio Palacios. Esta rúa estará cortada ao tráfico dende as 5 ás 6 da tarde, coincidindo co desfile das comparsas.

Tamén se suspenderá a circulación en Antonio Palacios dende o cruzamento con Donantes de Sangue –pavillón- ata a rotonda de Aloques- rúa Domingo Bueno- dende as 6 da tarde.

Así mesmo, estará cortada a rúa Domingo Bueno, dende o número 1 ata o cruzamento da Pontenova, dende as 6 e cuarto da tarde; o mesmo pasará nos dous carrís da Avenida de Galicia– aínda que se permitirá o acceso a residentes-; tamén Pío XII e Ramón González, Manuel Rodríguez, dende o cruzamento de Xogo da Ola ata a Panadería Chinchina-nestas rúas tamén estará prohibido aparcar.

@festivaldecans impulsa un concurso de ‘booktrailers e booktubers’

O Festival de Cans, que terá lugar entre o 23 e 26 de maio-e que este ano recibirá o meirande apoio do Concello na súa historia, impulsará nesta XV edición un ‘concurso de booktrailers e booktubers’, que terá como obxectivo estimular a lectura en galego e a creación audiovisual entre persoas de todas as idades, pero sobre todo entre as máis novas e os máis novos. Estas pequenas pezas creativas, que consisten en resumir en poucos minutos de imaxes o contido dun libro, están a medrar cada vez máis na rede, ata o punto de que comeza a haber concursos específicos en festivais,adicados a esta modalidade.

Este concurso chamado “Ollo de vidro” enmárcase dentro dunha iniciativa da canle de youtube ‘Recoméndoche un libro’, impulsada en anos anteriores por varias institucións de Vigo como a Biblioteca Neira Vilas, O IES Castelao e a Escola Oficial de Idiomas, ademais da Asociación de Veciños de O Calvario, entidade patrocinadora do evento. Este ano incorpóranse tamén como promotoras do proxecto dúas institucións moi activas de O Porriño, como a Biblioteca Municipal, que depende directamente da Alcaldía, e o IES Pino Manso, aínda que a participación estará aberta a todas as persoas que o desexen de calquera punto de Galicia.

Nos últimos dous anos, o Festival de Cans está a desenvolver unha liña de contidos enfocada sobre todo ó público máis novo, onde busca visibilizar e impulsar a intersección creativa entre a literatura e o audiovisual. En anos anteriores, Cans tivo interesantes mostras de booktrailers, e polo festival pasaron autoras e autores e editores relevantes da literatura galega, así como realizadores a realizadoras especializados nos booktrailers.

Nesta edición, o certame “Ollo de vidro”, converterase nun concurso aberto á participación no que un xurado específico escollerá unha selección de finalistas, que serán proxectados en Cans. Durante o festival celebrarase esta gran final, na que se desvelarán os gañadores. O primeiro premio estará dotado con 400€, o segundo con 250€ e o terceiro premio cunha estancia en Cans con noite de hotel e entradas para asistir ao concurso de curtametraxes. Todos os premios teñen tamén dotacións en lotes de libros e esculturas e placas conmemorativas.

O prazo de inscripción está aberto ata o 23 de abril e as bases da convocatoria e o concurso poden seguirse en www.recomendocheunlibro.com

Cortes de electricidade, para realizar traballos de mantemento e mellora da rede, o domingo día 11, en A Rocha, O Covelo, A Guía e Cavadas, na parroquia de Atios

O Concello informa de que, coa finalidade de realizar traballos de mantemento e mellora da rede eléctrica, precisos para atender as necesidades do subministro da zona, o vindeiro domingo, día 11 de febreiro, entre as 7 e media e as 11 da mañá, Fenosa deixará fora de servizo varias instalacións, o cal pode causar cortes de luz nesas horas.

As devanditas instalacións afectan as seguintes rúas e lugares da parroquia de Atios: A Rocha, O Covelo, A Guía, e Cavadas.

Dende o Concello pídense desculpas por calquera molestia que poidan ocasionar ás veciñas e veciños estes traballos e lembra que para calquera aclaración e consulta teñen á súa disposición o teléfono 900 333 999.

O concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, visita o novo circuito de Calistenia e Street Workout que funciona xa no Porriño

O concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, fixo unha visita ao novo circuíto de Calistenia e Street Workout que funciona xa no Porriño e que permitirá a aquelas persoas que o desexen, en xeral, e en especial os practicantes destes destas disciplinas, poder exercitarse neste ‘perímetro’, especialmente deseñado e pensado para estas modalidades.

O mesmo, situado no parque da ‘Travesía do Matadoiro’, para a realización de “exercicios específicos e outros complementarios para persoas que practican deporte ao aire libre”, salientou Manuel Carrera, quen lembrou que este circuíto pódese incluír en zonas de fitness ampliando a variedade de exercicios e “facendo unha rutina de adestramento máis completa”, algo que, subliñou fora moi demandado por rapazas e rapaces do Porriño.

Coma demostraron varios dos deportistas que acudiron ao novo parque a exercitarse, o mesmo conta con ‘barras altas’, que están pensadas para tonificar a musculatura de brazos, ombreiros e costas; un banco de abdominais, para mellorar a forza e os músculos superiores do abdome, ou unha estrutura de flexións, con dúas barras horizontais de distinta altura para realizar flexións de brazo.

Carrera lembrou a “aposta incesante, decidida e constante” do Goberno local polo exercicio e a actividade física e por todas as modalidades “que fan que O Porriño sexa recoñecido coma o ‘Concello do Deporte’ por excelencia en Galicia, algo que, sinalou, pódese ver “na calidade dos nosos equipos, das súas xogadoras e xogadores, dos nosos atletas, adestradores e árbitros”.

Saúde Mental Feafes, colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia, desprazarase a O Porriño para prestar os seus servizos

Saúde Mental Feafes Galicia, prestará o seus servizos no despacho que vén de poñer á súa disposición,  no Multiusos de Torneiros, a Concellería de Emprego, Igualdade e Servizos Sociais, que dirixe Soledad Girón.

Un técnico especializado realizará accións de información, orientación e asesoramento para a busca de emprego, diagnóstico e determinación do perfil profesional do demandante, deseño e xestión de Itinerarios Personalizados de Inserción, motivación, intermediación laboral con empresas e, en  resumo, todas aquelas actuacións que favorezan a inserción laboral das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Saúde Mental Feafes Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro que defende os dereitos das persoas con problemas de saúde mental tratando de mellorar a súa calidade de vida e a dos seus familiares. Entre os seus servizos, Feafes Galicia ofrece orientación laboral especializada onde se atende a demandantes de emprego cunha enfermidade mental co obxectivo de mellorar a súa situación no mercado laboral.

As persoas que desexen ser atendidas poden solicitar unha cita previa, a través do número de teléfono  986 485 784, ou ben medio dos Servizos de Emprego ou Sociais do Concello. 

Ademais para realizar calquera consultan teñen ao seu dispor a oficina de Feafes en Vigo a través do teléfono 986 485 784 ou do enderezo electrónico feafesvigo@feafesgalicia.org.

O cantante, ‘crooner’ e showman Tony Lomba será o pregoeiro do ‘Entroido do Porriño 2018’

O cantante, ‘crooner’ e showman Tony Lomba será o encargado de dar o pregón do Entroido do Porriño o vindeiro sábado, día 10 de febreiro, á 1 da tarde na Praza do Arquitecto Antonio Palacios.

Lomba, coñecido por ter sido integrante de grupos como ‘Unión Penosa’, ‘Los 3 Sudamaricones’  e ‘Tony Lomba & Elio dos Santos’, entre outros, domina coma poucos a música, de Raphael a Nino Bravo, de Marvin Gaye a Vicente Fernández ou de Rod Stewart á música lixeira italiana, unha autoridade á que suma a enerxía e a pegada que transmiten as súas  actuacións en directo.

O ‘alter ego’ de Germán Fandiño, sinala que “é un grato pracer” de ser o pregoeiro do Entroido deste ano, “sobre todo porque gardo unha ligazón moi especial con Cans, onde teño unha familia adoptiva á que síntome moi vencellado…e que fai que poida dicir que síntome un fillo ‘puta-tivo’ do Porriño, escrito así: co guión no medio”.

Confesa que xa empézalle a bulir pola cabeza por onde irá o pregón e axiña deixa claro que non será algo corrente, “fareino excéntrico e cantando algunha canción de ‘Paquita la del Barrio’, coma ‘Rata de dos patas’…Paquita é una mexicana que sufriu un mal de amores moi grande e que canta rancheiras machacando aos tíos…e gustaríame cantar esta canción coma resposta ás agresións de xénero…amosando que hai mulleres moi fortes que poden enfrontarse a individuos destes e que espero que o día de mañá sexan todas…e tamén buscarei un xeito de cantar outra centrándome no Porriño…o que non vou facer, porque si algo sé é de cantar, é soltar un ‘megamonólogo’ porque eu son un pouco máis histriónico”.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e a alcaldesa, Eva García de la Torre, visitan a sede de SmartPeme no Porriño

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e a alcaldesa, Eva García de la Torre, compañadas polo deputado responsable de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, e a concelleira de Emprego, Igualdade e Servizos Sociais, Soledad Girón, visitaron este xoves o punto SmartPeme do Porriño, situado no Multiusos de Torneiros.

A presidenta salientou o traballo que está a facer SmartPeme, organismo dependente da Deputación, no asesoramento e axuda activa ás e aos emprendedores. Silva salientou “o valor” das persoas que deciden poner en marcha unha idea empresarial e engadiu a importancia das ideas para xerar actividade económica e crear emprego.

A presidenta, que coñeceu varios dos proxectos que están a impulsarse dende SmartPeme do Porriño, felicitou ao seu equipo porque en 2017 asistiron ás súas clases 452 persoas, un 32% máis que en 2016, organizáronse 80 talleres e acometéronse 378 asesoramentos, “o que supón un crecemento do 66% en relación ao ano pasado”.

Carmela Silva quixo destacar o “traballo espectacular que está a facer o Goberno local do Porriño para crear emprego” na vila que, engadiu, é un exemplo de xestión dende a administración local no eido laboral.

A alcaldesa felicitou a SmartPeme por “derrubar as barreiras tecnolóxicas e apostar polas polas persoas e lembrou que O Porriño é un concello industrial e emprendedor que aprecia ás ideas innovadoras.

Eva García de la Torre subliñou a aposta que está a facer o Goberno local por chegar a acordos coas empresas para facilitar a integración laboral das veciñas en veciños que están no paro, e lembrou que “apostamos por un cambio completo no xeito de xestionar o emprego dende o Concello”, unha iniciativa que “permitiu baixar a taxa de pparo no Porriño do 26% que había cando chegamos ao Goberno local ao 17,4% do pasado mes de decembro”.

Logo de deixar SmartPeme, a presidenta e a alcaldesa, xunto cos deputados provinciais, aos que sumouse David Regades, visitaron a sede de Aimen.

A Policía Local detivo en 15 días a seis persoas acusadas da presunta comisión dos delitos de Roubo con forza

Axentes da Policía Local do Porriño procederon á detención, no termo municipal de Mos, de  J.M.R.V. y J.L.V.M., coma presuntos autores da comisión  dun delito contra o Patrimonio e a Orde Socioeconómica- roubo con forza-.

A Policía Local indica que os feitos ocorreron ás 02:25 horas de hoxe: na Xefatura recibiuse unha chamada na que unha persoa informaba da comisión dun feito delituoso en Mos. O denunciante, sinalou que estaba vendo coma persoas descoñecidas cargaban material de unha vivenda en construción.

Ante estas circunstancias, os axentes deron aviso, axiña, á Garda Civil, que desprazou ao lugar a varios axentes.

Xa no lugar os policías puideron comprobar a veracidade dos feitos e proceder á detención destas dúas persoas que foron entregadas aos gardas civís, que eran aos que lles correspondía a competencia territorial e iniciar as dilixencias xudiciais pertinentes.

Con esta actuación, os axentes da Policía Local do Porriño suman 6 detidos, en 15 días, pola presunta comisión dos delitos de Roubo con forza.

O xefe da Policía, subliña, unha vez máis, que “a colaboración cidadá é imprescindible e fundamental para esclarecer este tipo de condutas delituosas” e pide a calquera veciño que detecte algunha conduta que considere estraña que non dubide en comunicarllo ás unidades policiais.