Actividades do Punto SmartPeme do Porriño para o mes de novembro

O Punto SmartPeme do Porriño organiza este mes de novembro distintas  sesións de capacitación tecnolóxica, gratuitas, que terán lugar na súa sede no Multicentro do Concello do Porriño  en Torneiros.

O martes 7 de novembro ás 19:00: Facebook Ads; o xoves 9, á mesma hora: Fotografía e vídeo de espazos interiores; o mércores, día 15, tamén ás 7 da tarde:  Google Analytics: Iniciación á analítica web; o mércores 22, ás 17:30: Aprende a xestionar o teu negocio con follas de cálculo- obradoiro impartirase nas instalacións de AEMOS- e o martes 28 de novembro de 2017 ás 19:00 h: Guía de boas prácticas para redes sociais

Para asistir ós eventos é necesario reservar praza  empregando un dos seguintes canles: chamar ao teléfono 886 20 20 20; remitir un correo ao enderezo electrónico oporrino.smartpeme@depo.es ou ben entrar na web www.smartpeme.depo.es.

O Concello e os veciños do Porriño renden homenaxe aos 32 voluntarios de Protección Civil e Policía Local pos súa “excepcional entrega” durante os lumes do pasado día 15

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre xunto coa concelleira de Seguirdade, Lourdes Moure, a de Igualdade e Benestar, Soledad Girón, e o concelleiro de Limpeza, Orlando Mázquez, rendeu homenaxe, “no nome da Corporación e de todas veciñas e veciños”, aos 23 voluntarios de Protección Civil e 9 axentes da Policía Local do Porriño-co seu xefe, Daniel Rodríguez, a fronte- pola súa “excepcional actuación” durante a vaga de incendios dos pasado días 14 e 15 deste mes.

García de la Torre subliñou a “entrega, máis aló do seu deber” de cada un dos voluntarios e voluntarias de Protección Civil e integrantes da Policía Local que acudiron eses días a axudar e auxiliar a veciños de Gondomar, Salceda, Nigrán, Vigo e, por suposto O Porriño, que estaban nunha situación moi comprometida por mor das chamas.

13 dos integrantes dos dous corpos correron perigo físico, mesmo dous deles foron trasladados ao hospital-un axente da Policía Local por queimaduras e un voluntario de Protección Civil por  inhalación de fume– cando socorrían a varias persoas en lugares tan castigados polo lume coma Chandebrito-en Nigrán- ou Fragoselo- en Vigo-.

Todos eles acudiron ás chamadas de apoio do alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, para que que se achegasen a Vincios, onde finalmente salvaron varias casas do lume; outra chamada de auxilio da Policía Nacional, para que se unisen ás dotacións que actuaban en Chandebrito e Porto do Molle, en Nigrán; a Fragoselo, en Vigo, lugar no que había varias dotacións do Corpo Nacional de Policía e veciños cercados polas lapas, ademais de á parroquia de Chenlo, no límete entre O Porriño e Gondomar, e a zona de Mosteiro, en Budiño.

Eva García de la Torre fixo entrega aos 32 voluntarios e axentes dun galano como mostra do recoñecemento do Concello e comprometeuse a destinar unha partida orzamentaria para dotar a Protección Civil, “aínda que sexa competencia da Xunta de Galicia”, do material axeitado para a realización do seu labor que, subliñou “facedes de xeito totalmente altruísta”.

A alcaldesa agradeceu tamén o traballo de prevención, coa realización de rozado en incontábeis lugares do territorio municipal, acometido pola Concellería de Limpeza que, indicou, “fixo posible que no Porriño os danos causados polo lume fosen moito menores”.

Neste senso, o concelleiro Orlando Márquez reiterou que o Concello multará aos propietarios de montes e de fincas que non manteñan rozadas e limpas a súas propiedades, sancións que, advertiu, superan os 1.000€ e que, insistiu, son necesarias posto que o non retirar a maleza, tendo en conta as altas temperaturas e a falla de choiva, fai que aumenten os perigos en caso de incendio e pon en risco ao resto dos veciños.

A alcaldesa, que xa deu orde o pasado día 9 de poñer en marcha medidas para a restrición do consumo, pide aos veciños que aforren auga

Dende o pasado día 9 deste mes, o Goberno local do Porriño, dacordo coas recomendacións da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, está a aplicar as medidas contempladas no Plan Especial de Actuación en Situacións de Alerta e Eventual Seca, logo da alerta declarada pola propia Confederación Hidrográfica.

Seguindo as ordes da alcaldesa, puxéronse en marcha restricións e prohibicións no subministro non prioritarios, como o rego de xardíns ou o baldeo de rúas; tamén reduciuse a presión nocturna no subministro, para evitar fugas, reforzáronse os controis de potabilidade da auga para o abastecemento e aumentou a vixilancia no funcionamento das plantas de depuración.

Eva García de la Torre subliña que o Concello está preparado para realizar cortes de subministro pola noite, se a situación causada pola seca o fixese necesario, para asegurar que os veciños teñan garantido o abastecemento de auga.

Así mesmo, nos vindeiros días rematarase a revisión de todo o sistema de subministro para evitar perdas e se fixará un máximo de 12 horas para facer a calquera reparación no mesmo, dende o momento no que se teña coñecemento dunha avaría.

A rexedora, que tamén preside o Consorcio de Augas do Louro, lembra que a Oficina Técnica da Seca de Augas de Galicia tamén ten declarado a situación de alerta por seca en 6 dos 19 sistemas hidrolóxicos de Galicia, entre os que se atopa o  sistema do cal provén a auga que abastece a O Porriño, Mos e Salceda de Caselas.

Ante esta situación, pide ás veciñas e veciños que consuman responsablemente e que aforren auga tomando medidas como ducharse, non bañarse, pechar a billa mentres se enxaboan e se cepillan os dentes, non lavar o coche, regar plantas e xardíns dúas veces á semana, a primeira hora ou pola noite, non baleirar de cote as cisternas ou  non usar  as lavadoras e lavalouzas ata que estean ao máximo da súa capacidade.  

Simulacro de incendio no IES Ribeira do Louro, dirixido polo xefe da Policía Local e no que interviron membros de Protección Civil do Porriño

Alumnos e profesores do IES Ribeira do Louro participaron nun simulacro, non comunicado, de incendio dirixido polo xefe da Policía Local, Daniel González,no que interviron membros de Protección Civil do Porriño.

O mesmo , como sinalou a concelleira de Educación, Lourdes Moure, tiña coma finalidade avaliar a capacidade de reacción ante un lume e “tomar nota do cumprimento das normas básicas de seguridade que deben de seguirse no caso dun sinistro semellante”.

Utilizando un xerador de fume, o xefe da Policía Local e os membros de Protección Civil comprobaron se soou a alarma de incendios,se o centro estaba desaloxado en 4 minutos, se as alumnas e alumnos saíron ordenadamente e en ringleiras, se o fixeron co material escolar na man, se empregaron os ascensores, se foi preciso, e se fixo así, axudar a algún alumno que o precisase, se alumnos e profesores, no caso de detectar fume saíron agochados, se algún profesor vixiou que non quedasen persoas en cada planta-incluindo os baños-, se a directora levaba unha prenda  que a identificase ou se houbo unha comprobación, no punto final de encontro, de que non faltase ningunha alumna ou alumnos.

Estas son as directrices que hai que cumprir no caso de que houbese lume no centro, sinalou o xefe da Policía Local, quen salientou a importancia de coñecer e seguir as mesmas xa que, no caso de que houbese lapas, poden salvar moitas vidas.

Daniel González deu prioridade ao feito de saír axiña, pero con orde, do edificio, deixar sempre atrás as mochilas e o material escolar, axudar a quen estea en dificultades ou non poida chegar so ao exterior, comprobar que non queda ninguén nas aulas e nos baños, e seguir en todo momento as indicacións dos membros dos servizos de Emerxencia.

Este mesmo exercicio farase en cada un dos centros de ensino do Porriño, e membros da propia Policía Local e de resto dos corpos de Emerxencia impartirán formación ás rapazas e rapaces para que teñan claro cómo teñen que comportarse ante un incendio.

A Biblioteca Municipal do Porriño distinguida nos ‘Premio María Moliner 2017’ polo seu labor de animación á lectura

A Biblioteca Municipal, que depende directamente da Alcaldía do Porriño, é unha das bibliotecas distinguidas nos Premios María Moliner 2017 de animación á lectura. No conxunto de Galicia o número de bibliotecas seleccionadas foi de 14.

Este concurso de carácter estatal, convocado polo Ministerio de Cultura, ten por obxectivo premiar a aquelas bibliotecas municipais que leven a cabo un proxecto que inclúa as accións de animación á lectura, a eficiencia e labor bibliotecaria, a integración social na súa comunidade, así como o uso das novas tecnoloxías.

A Biblioteca Municipal do Porriño foi galardoada polo conxunto de actividades que desenvolve ao longo do 2017 que teñen coma obxectivo tentar que a nosa biblioteca municipal se converta nun espazo de aprendizaxe, encontro e inserción social e acreditarse como un servizo de relevancia na sociedade actual.

Cabe mencionar que a Biblioteca Municipal do Porriño ten sido seleccionada nestes premios 13 veces desde o ano 2002, conquerindo, en 2006 o 1º Premio Nacional María Moliner de Animación á Lectura e unha Mención Especial do mesmo premio no ano 2008.

A alcaldesa participou en Ourense na xornada técnica ‘Perspectivas de futuro para o sector mineiro galego’

A alcaldesa do Porriño participou este mércores en Ourense na xornada técnica ‘Perspectivas de futuro para o sector mineiro galego’, que coincidiu coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da reforma da Lei de Minas por medio da Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais en Galicia.

Na xornada estiveron presentes o director xeral de Industria e Minas da Xunta de Galicia, Ángel Bernardo Tahoces, e representantes dos sectores extractivos da louza e do granito,  particularizado no Porriño que, como salientou Eva García de la Torre, é o referente non so galego senón estatal desta industria.

A alcaldesa participou nunha mesa redona xunto á rexedora de Carballeda de Valdeorras, María del Carmen González Quintela, e o alcalde de Sandiás, Felipe Traveso García, concellos nos que a lousa é unha das súas industrias punteiras.

A xuízo de García de la Torre, a reforma da lei permitirá, “ademáis de acabar con duplicidades inútis, axilizar e simplificar os trámites que hai que completar para obter permisos de explotación”, modernizando un sector que, como é o caso do Porriño, “constitúe, ademáis un dos sinais da súa identidade, unha importante fonte de riqueza para a nosa vila”.

A alcaldesa salientou que esta redución a burocracia non suporá unha diminución das esixencias que as empresas teñen que cumprir en relación coa seguridade laboral e de respecto ao medio ambiente, e sí servirán de axuda para que “non suceda o que estamos a ver noutros eidos, coma por exemplo a mobilidade de empresas dende Galicia ao norte de Portugal, país no que, sen renunciar a manter os necesarios controis para garantir a defensa da saúde e seguridade laboral, da legalidade e o respecto ao encorno, si reduciron esas xestións de xeito para favorecer o emprendemento e a competencia”.

Este luns, día 23, O Porriño máis ao oeste que nunca

O Centro Cultural Municipal do Porriño acolle o vindeiro luns, día 23 de outubro (7 da tarde) a proxección do documental ‘M.L..Estafanía. Galicia máis oeste que nunca”, e posterior charla co seu director, José Ballesta de Diego.

 “M.L Estefanía. Galicia, máis Oeste que nunca”, é unha longametraxe documental, en galego e castelán de 100 minutos de duración que, mediante testemuños e material de arquivo achégase á figura de Marcial Lafuente Estefanía, popular autor de novelas do Oeste, que comezou a súa carreira en Vigo nos anos 40, da man da Editorial Cíes, a primeira galega da posguerra.

Entre os participantes destaca Federicio Lafuente, fillo de Marcial que segue escribindo as noveliñas do pai, e con profundos lazos con Vigo ao transcorrer aquí a súa infancia e adolescencia. Xunto a él entrevístase a escritores como Fernando Sabater, Xosé Luis Mendez Ferrín, ex director da Real Academia da Lingua Galega, Francisco G. Ledesma, Eduardo Mendicutti ou Domingo Villar; especialistas como Carlos Abraham, Fernando Eguidazu e Pedro Puialto; ou á popular autora de novela rosa Corín Tellado, falecida en 2009, e que concedeu a súa última entrevista para este documental.

O mesmo inclúe o considerado primeiro western galego ou grelos- western, ‘Naipe de sangue’,  estrenado no Festival de Cans, en maio de 2010 e protagonizado por Silvia Superstar e Eladio Santos entre outros.

Concello e Sogacsa asinan un convenio que permitirá formar a 15 porriñesas e porriñeses que están sen traballo dándolles unha posibilidade sólida de atopar un emprego

A alcaldesa Eva García de la Torre, e o presidente de Sogacsa, César Fernández Álvarez, asinaron este venres un convenio que permitirá que 15 persoas do Porriño que están en  situación de desemprego, participen nun programa formativo, que combina instrución teórica e prácticas non laboráis, que terán coma finalidade a posibilidade de que os mesmos poidan entrar a traballar na propia empresa.

Sogacsa, concesionario oficial Linde para Galicia, radicada no Polígono de As Gándaras, líder no sector de carretillas elevadoras e maquinaria de manutención, atópase en fase de expansión o que fixo que o seu plantel pasase de 83 traballadores en 2016 a 102 na actualidade.

Coma sinalou o seu director, Sogacsa  ten un grande interese nesta colaboración co Concello do Porriño dado que “esta formación, que abrangue practicas  na empresa, é a ferramenta máis axeitada para conquerir os mellores especialistas” e conquerir que a aprendizaxe se axuste ás necesidades da compañía.

Pola súa banda, a alcaldesa subliñou que a iniciativa, impulsada dende o Goberno local, de chegar a acordos coas empresas radicadas nos polígonos da vila por medio do programa ‘Porriño Accede’, permitiu que no último ano “ducias de veciñas e veciños volvesen ao mercado laboral ou empezasen a traballar”.

García de la Torre sinalou que o Concello asume o custo da formación de veciñas e veciños que están sen emprego, “preparación que se imparte por parte das empresas que precisan traballadores e que forman a estas persoas cos coñecementos precisos para poder acceder a un posto na propia empresa”.

Esta iniciativa, xunto cos ‘Plans de Emprego’, que foron posibles logo da sinatura dun acordo coa Deputación de Pontevedra, e do investimento de fondos municipais, de máis de 600.000€ no que vai deste ano, así como o feito de chegar a entendementos con outras Administracións, coma a Xunta de Galicia, o cal facilitou a obtención de axudas e subvencións, que serviron para incrementar as probabilidades de empregabilidade de moitas persoas, conseguiron que no Porriño descendese o paro un 5,4% en so un ano.

“Cando este Goberno empezou a súa xestión, había 2.139 veciñas e veciños estaban na procura dun posto de traballo, o 24% dos que formaban a nosa poboación activa, a finais de setembro ese número reduciuse en preto de 500 persoas, deixando a taxa de paro no 18,6% e liderando a creación de emprego en toda a Área Metropolitana de Vigo”, salienta a alcaldesa.

“O Goberno local do Porriño ten coma primeira prioridade a creación de postos de traballo”, reitera Eva García de la Torre, que lembra, de novo, que este obxectivo pasa “sen dúbida, como estamos a ver, pola formación que aumenta as posibilidades de atopar un emprego das porriñesas e porriñeses que están no paro”.

O Porriño súmase á ‘Semana Europea do Código’ na que participan máis de 180 países e millóns de estudantes

O CEIP Antonio Palacios do Porriño súmase á Semana Europea do Código coa celebración este xoves, día 19, de varias actividades nas que participaron as alumnas e alumnos do centro de Torneiros, unha programación que conta co apoio do Concello do Porriño, coma sinalou no propio centro a concelleira de Emprego, Benestar e Igualdade, Soledad Girón.

A Semana Europea do Código é unha actividade organizada a nivel global a que participan máis de 180 países e millóns de estudantes, ademais de persoas interesadas no eido da computerización e a programación.

O obxectivo desta actividade é levar a codificación e a alfabetización dixital a todos dunha forma divertida  e para iso hai programadas, dende o pasado luns e ata este venres, día 20 de outubro, distintas propostas que involucrarán a nenos e nenas de 4º de Educación Infantil, e de 5º e 6º de Primaria, que traballaran con ‘Scratch’ deseñando varios proxectos

Este xoves o centro conta coa colaboración da empresa Ledisson AIT, que achegara ao CEIP Antonio Palacios varios robots cos cales ensinarán aos estudantes  distintas facetas da robótica que descoñecen e que servirán para achegarlles a esta beira das novas tecnoloxías.

O Goberno local reforma completamente as escaleiras de Cans que estaban en moi mal estado

Unha reforma “completa” das escaleiras de Cans, que viñan reclamando dende hai tempo as veciñas e veciños, dado o estado das mesmas “que estaba a poñer en perigo a integridade daquelas persoas que as utilizaban”.

Este é a obra que está a rematar a Concellería de Vías e Obras, un traballo que, como explica o seu titular, Manuel Carrera, conta cun orzamento de 6.000€ e abrangue a colocación dun novo pavimento, a rebaixa da altura dos chanzos, a incorporación de dous ‘descansos’, a creación dun muro latera, a colocación dun banco, unha varanda de seguridade e as necesarias melloras do acceso da parte superior.

Este mesmo mércores, Manuel Carrera, acompañado polo presidente da Asociación de Veciños de Cans, David Alonso, visitou as obras e comprobou que as mesmas “cumpren coas necesidades plantexadas polos veciños”.