Noemí García, finalista do concurso ‘La Voz Kids’, de Telecinco, actúa este domingo, ás 6 da tarde no Porriño, coma integrante de ‘Os MaiS’on fire’

Noemí García, finalista do concurso de Telecinco ‘La Voz Kids’, actúa este domingo, ás 6 da tarde, na Praza de Antonio Palacios, diante do Concello, coma integrante de ‘Os MaiS’on fire’,  un grupo de alumnos da Escola de Música e Danza MaiSon, do Porriño.

Xunto a ela forman parte ds ‘Os MaiS’on fire’, Alba-canto e piano-, Laura- canto, piano e guitarra-, Miguel-guitarra- e Íker – canto, piano, guitarra e percusión-.

@depo_es inicia as obras da glorieta do lugar da Costeira, na intersección de Cerquido-Budiño

A Deputación de Pontevedra vén de iniciar nesta semana as obras da nova glorieta de ordenación do tráfico no cruce  da intersección da estrada provincial EP-2405 Cerquido-Budiño con dúas vías municipais no lugar de A Costeira.

Segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, xa están derrubadas a antiga marquesiña de autobús e os galpóns expropiados para ampliar a zona de actuación, e tamén se están a realizar estudos sobre as canalizacións existentes na zona co que o persoal técnico denomina unha ‘toupeira’. Estímase, segundo o nacionalista, que se non se producen complicacións a obra poderá estar rematada no mes de xullo.

O concelleiro de Vías e Obras Manuel Carrera, que estivo visitando os traballos, subliña que os mesmos comezan logo de ser “longamente demandados por veciñas e veciños desta zona” e lembra que xa pedirá ao anterior goberno da Deputación, “sen que nos fixeran caso”, que acometeran esta obra.

Carrera agradece aos actuáis responsábeis do organismo provincial que tomaran en conta a reivindicación do Porriño, e salientou que ista é unha actuación “moi necesaria” dada a perigrosidade deste lugar , con “moi pouca visibilidade” e dificultades para circular sen correr riscos.

Hai que lembrar que as obras en A Costeira estaban paralizadas debido a que no momento en que a empresa adxudicataria, Construcciones Vale SL, asinara o contrato e pressentara a acta de replantexamento había unha climatoloxía moi adversa debido á chuvia. Unha vez mellorou o tempo a actuación comezou tan pronto a empresa estivo dispoñible.

O orzamento global do proxecto ascendeu a 220.336,36€, sendo 21.534 para expropiacións e o resto á execución da obra. Finalmente a licitación pechouse por un prezo menor: 132.719,68€.

Os traballos consisten na instalación dunha nova glorieta para reordenar o tráfico, suavizar o trazado e mellorar as condicións de visibilidade e manobra dos vehículos. Foi necesario ocupar dúas parcelas privadas e unha municipal, e víronse afectadas dúas construcións, un alpendre-almacén e unha marquesiña de bus na parcela municipal, cuxa demolición e nova instalación se incluíu no orzamento do proxecto.

Urbanizarase a zona con novas beirarrúas para prestar continuidade ao tránsito peonil, habilitaranse pasos de peóns e a limitación específica de velocidade baixará de 50 a 30 quilómetros hora. Tamén se instalarán oito novas luminarias tipo led que garantirán a correcta visibilidade na intersección.

@festivaldecans pon este venres, día 18, á venta as derradeiras entradas para as proxeccións de curtametraxes

Mañá, venres 18 de maio, o Festival de Cans, que este ano conta coa meriande achega do Concello na súa historia, porá á venda no Torreiro de Cans as derradeiras entradas para acudir á proxección das curtametraxes a concurso desta edición e a algunhas outras actividades de pago.

Este punto de venda, que se abrirá ás 7 da tarde, poñerá así os tickets do Festival á disposición da xente de Cans e quen queira achegarse, na que será a última oportunidade para adquirilos de xeito anticipado. No caso de non esgotarse, as entradas poderán mercarse tamén no posto de merchandising durante a celebración do evento, do mércores 23 ao sábado 26.

Durante o período de venda online, que se pechou onte mércores, esgotáronse as entradas para o documental Casamance, la banda sonora de un viaje e para a sesión ExtraCans, pero aínda é posible acudir aos diferentes pases da Sección Oficial e ao resto de actividades. As entradas para ver as curtas de Ficción e Animación (en sesión de mañá ou de tarde) costan 12€, mentres as de FuraCans – Non ficción costan 5€.

As propostas do Invernadoiro, o novo espazo do Festival de Cans, tamén teñen aínda algúns billetes á venda: o evento que xunta a actuación de Kevin Weatherill de Immaculate Fools co avance do seu documental biográfico Kevin vs. Ray ten un prezo de 5€, mentres que a estrea de Sevilla y Gomorra de Ángel Filgueira e o concerto de Pantis con retrospectiva de clips de Rubén Domínguez costan 3€ respectivamente.

Por último quedan entradas, tamén a un prezo de 3€, para as tres actividades infantís de pago de MiniCans: o espectáculo O cinematomago, a proxección didáctica Therefilme e o contacontos ilustrado de Polo Correo do Vento.

Rematadas as obras na cuberta do Pavillón Municipal, anunciadas polo concelleiro de Deportes, e que supuxeron na práctica a reforma de todo o teito do mesmo

Tal  e como adiantara o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, as obras de mantemento que precisaba a cuberta do Pavillón Municipal quedaron rematadas a finais do mes pasado logo de que “fose posible acometelas unha vez que as condicións climatolóxicas o permitiron”.

Carrera subliña que estes traballos precisaban para a súa realización “varios días seguidos sen choiva”, como explicara xa a usuarios do pavillón, veciños e á Corporación en resposta a preguntas formulada no Pleno da mesma.

As obras, explica Manuel Carrera, realizáronse sobre as dúas ‘alas’ do pavillón, de 250 metros cadrados cada unha, e requiriron a retirada da anterior impermeabilización, a malla que había debaixo dela e picar unha cuberta de formigón de 20 centímetros de groso. Logo de rematada esta tarefa, procedeuse á substitución das tubaxes de fibrocemento por unhas novas de pvc, á cobertura da parte superior do inmoble cunha primeira capa de ‘polibreal’, a colocación doutra de ‘geotextil’, un material permeábel e flexible de fibras sintéticas, principalmente polipropileno e poliéster, unha segunda capa de ‘polibreal’ e, finalmente, pedregullo.

Así mesmo a nova cuberta conta cunha chapra illante que, ao mesmo tempo, protexe o teito  contra a acción dos paxaros, do sol e das correntes de aire.

Rematados os traballos, elimináronse, finalmente, as goteiras nos baños, a cafeterías, a oficinas adicadas ao balonmán, salas e a oficina do encargado xeral do pavillón.

A alcaldesa denuncia que os buses que fan o traxecto O Porriño-Vigo teñen no interior espazos reservados para cadeiras de rodas pero non contan cunha rampla que permita ás cadeirs subir aos mesmos

O Goberno local do Porriño vén de esixir á Xunta de Galicia que corrixa de xeito inmediato a actual situación que teñen que soportar os porriñeses con diversidade funcional que non poden empregar os autobuses de ‘Faibus’  para desprazarse de Vigo a O Porriño.

A alcaldesa, Eva García de la Torre, facéndose eco das denuncias de numerosas persoas, cualifica de “intolerable e inxustificable” o feito de que os autocares que fan este servizo conten no seu interior con espazos acaídos para persoas con diversidade funcional e non estean preparados para que estas persoas poidan subir ao bus con unha cadeira de rodas.

A xuízo de García de la Torre, esta situación é “denigrante e vexatoria e subliña que dentro dos buses está sinalizada unha parte reservada para estas cadeiras, e que as mesmas contan cos métodos de subxección e os botóns de aviso para solicitar as paradas adaptados a persoas con diversidade funcional, pero que, coma recoñecen os mesmos condutores destes vehículos, os mesmos non teñen rampla de acceso para que sexa posible que as persoas en cadeira de rodas suban ao bus algo que é “ridículo e vergoñento”.

A alcaldesa  lembra que hai xa dous anos que veciños do Porriño con diversidade funcional manifestáronse para esixir que rematase esta discriminación que os obriga a empregar un coche particular, ou a ir en taxi, cando teñen que ir a Vigo para facer algún trámite ou acudir ao médico, e insiste en que neste tempo a Xunta non tomou medida algunha”.

García de la Torre sinala que á Xunta “éncheselle a boca falando das bondades do transporte metropolitano que, por certo, pagamos en unha porcentaxe moi importante os concellos, pero non garante que poidan beneficiarse do mesmo todas as persoas por igual”.

Na súa opinión, o Goberno de Galicia limitouse a poñer en marcha un plan de transporte procurando, unicamente, que “fose o máis barato posible, pero non se preocupou de que todos os cidadáns puidesen facer uso del”.

@festivaldecans, que este ano conta coa meirande achega do Concello na súa historia, reforza a súa programación infantil co ‘MiniCans’ máis completo

O Festival de Cans continúa nesta 15ª edición-na que a achega do Concello é a meirande da historia do certame– a súa aposta por atender a todos os públicos, e faino reforzando e ampliando MiniCans, a súa programación infantil.

O entorno do Parque do Río e espazos emblemáticos do festival como o Cuberto de Antonio, o Baixo de Carlos ou o Cuberto de Pato acollerán o venres 25 e o sábado 26 toda unha serie de actividades pensadas para que as gocen as familias e, en particular, as nenas e nenos de máis de 3 anos.

Dende as 5 da tarde do venres haberá obradoiros, música, proxeccións, maxia e ata unha degustación de Galletas Mariñeiras cortesía de Daveiga. A área do Parque, deseñada pola veciña de Cans e interiorista Isis Rodríguez, contará con postos de comida e parque infantil, todo elo pensado para facilitar o desfrute e participación da rapazada. Tanto o Parque como as salas permiten a total accesibilidade con carros de bebé, e o Festival poñerá autobuses adaptados dende o centro do Porriño ata Cans para facilitar o acceso á aldea. As entradas para as actividades de pago (O cinematomago, Therefilme e Unha vida de cine) están dispoñibles xa a un prezo de 3€ en tenda.festivaldecans.com, ata as 23:59 deste mércores.

A Concellería de Vías e Obras remata a reforma integral da estrada no lugar da Lomba, no barrio de Vitureira, en Budiño, incorpora saneamento, tubaxes de pvc e aumenta o ancha da vía ata os 8 metros

A Concellería de Vías e Obras vén de rematar no lugar da Lomba, no barrio de Vitureira, na parroquia de Budiño, a reforma integral da estrada que pasa por esta zona, “cumprindo cunha vella demanda dos residentes nesta parte do Porriño”.

O tenente de alcalde, Manuel Carrera, subliña que este proxecto, financiado na súa totalidade con cargo ao ‘Plan Concellos 2017’ da Deputación de Pontevedra, foi posible “grazas a cesión voluntaria e de balde por parte de varios veciños de parte das súas fincas para poder ampliar a calzada”.

A mesma pasou dun ancho de 3,5 ou 4 metros, nalgún treito, a 7,5 e 8 metros, nunha actuación sobre 500 metros lineais, na que ademais do asfaltado, “que non se realizaba dende hai máis de 30 anos”, levouse a cabo a instalación dun novo colector de saneamento, que completa o existente, con 168 metros de tubaxes de pvc de 350 milímetros, con acometidas a vivendas con 290 metros de mangueiras de auga e recollidas de pluviais, amais da reconstrución dos muros de peche das fincas.

Manuel Carrera subliña o “compromiso deste  Goberno local e, particularmente o meu, coa mellora das comunicacións das parroquias e con proxectos que permitan facer chegar a todas elas a rede de saneamento e abastecemento municipal”.

O tenente de alcalde agradece “moi especialmente, a súa xenerosidade ás veciñas e veciños de Vitureira que cederon parte das súas fincas para que esta nova estrada ampliada e todas as melloras que abrangue sexa unha realidade”.

Alcadesas e alcaldes reiteran no Porriño o seu compromiso co futuro de Maderas Iglesias e, especialmente, co mantemento de 250 postos de traballo

As alcaldesas e alcaldes de Mos, Nidia Arévalo, As Neves,  Xosé Manuel Rodríguez, Salceda, Marcos Besada, Ponteareas, Xosé Represas, Mondariz, Xoán Carlos Montes, O Porriño, Eva García de la Torre, e  a tenente de alcalde de Salvaterra, Marta Valcarcel, mantiveron este venres unha xuntanza no Concello do Porriño, a petición do representante do Comité de Empresa de Maderas Iglesias, Vicente Molares, para ter información de primeira man, e polo miúdo, da situación actual da compañía e das xestións realizadas ata o momento para afrontar a difícil situación que atravesa a firma.

Os rexedores amosaron o seu interese por estreitar os contactos e saber o que acontece con Maderas Iglesias, que dende hai varios meses vive unha situación moi complicada, e manter as súa contribución para que se asegure a continuidade da empresa e, especialmente, os 250 postos de traballo.

O Porriño celebra este domingo, día 13 de maio, a tradicional ‘Festa dos Cachos’

O Porriño celebra este domingo, día 13 de maio, a tradicional ‘Festa dos Cachos’ na que se agarda que centos de persoas dean conta de centos de pratos deste crustáceo, “digno de reis”, como sinalou a alcaldesa, Eva García de la Torre, durante a presentación.

Marcelino Coto, concelleiro de Comercio, acompañado por José Manuel Fortes, presidente da Asociación de Hostaleiros do Porriño, co-organizadora da festa, e Sindo Lago, vicepresidente da Asociación de Veciños de San Benito e San Sebastián, impulsora desta festa, lembrou que foi esta asociación veciñal a que recuperou hai tres anos esta celebración, que data de 1810, e que se celebra “no lugar mesmo na que a sitúa a tradición: no Cristo dos Cachos, un lugar emblemático do Porriño”.

O concelleiro sinalou que as pasadas edicións foron un “éxito” e que agardaba que neste 2018 seguise na mesma liña. Para facelo posible, engadiu, conta coa colaboración “total” do Concello que este ano, ademais da animación na rúa, coa actuación de charangas, tamén farase cargo da colocación dunha carpa de 150 metros cadrados, do sistema de son e do corte do tráfico, por medio da Policía Local. Ademais, haberá inchábeis, de balde, para que as cativos e cativas “poidan divertirse, tamén”.

O programa deste ano empezará ao mediodía coa ‘sesión vermú’ e a apertura da carpa para dar paso, dende a 1 da tarde ao servizo nos restaurantes participantes nesta edición: Val da Louriña, Maracaibo, Cólleo con Pinzas, O Carreteiro, La de Chato, Adega de Montero e Restaurante Manolo e O Xantar da Pepa.

José Manuel Fortes indicou que os prezos serán de 6€, para as persoas que acudan a degustar os cachos á carpa, e de 7€ para quen o fagan nos restaurantes participantes. O presidente dos hostaleiros subliñou que este ano a previsión é que a cantidade de persoas que se acheguen ao Porriño sexa maior que en 2017, ao cal contribuirá a previsión do tempo, xa que agárdanse ceos despexados, sol e boas temperaturas para o domingo.