Eva García de la Torre e Pedro Ocampo, voceiro do Grupo Municipal de EU-SON, asinan un acordo para aprobar os orzamentos municipais de 2018

A alcaldesa maniféstase especialmente satisfeita” polo acordo asinado o sábado, día 10, con Pedro Ocampo, voceiro do Grupo Municipal de EU-SON no Concello do Porriño para a aprobación dos orzamentos municipais para o ano 2018.

Eva García de la Torre amósase segura de que as propostas presentadas por EU-SON “non so melloran os orzamentos, senón que serán beneficiosas para o conxunto das veciñas e veciños do Porriño”, salienta a “boa sintonía” que houbo durante as negociacións con Pedro Ocampo e agradece a súa disposición para chegar a un entendemento.

O acordo recolle distintas actuacións, unhas no eido económico e outras sociais, que estarán en marcha ao longo deste ano. Entre as primeiras un estudo para investimentos na mellora da Parroquia de Torneiros, que irá reflectido nos orzamentos; a creación dunha Oficina de Participación Cidadá que serva de enlace entre a veciñanza e o Concello; a elaboración da Ordenanza, aprobada en Pleno, para modificar a taxa para a utilización privativa, ou o aproveitamento especial do dominio público local; traballar na transparencia en todos os eidos da xestión municipal, ou que nos pregos de contratación que se realicen desde o Concello e as súas empresas dependentes se incorporen cláusulas sociais e ambientais.

Entre os compromisos económicos cabe salientar o investimento, cando menos, de 1 millón de euros na parroquia de Torneiros, ou que os contratos de Recollida de Residuos Sólidos Urbanos e da Limpeza Viaria se fagan polo mínimo tempo mentres se licita un estudio para a xestión directa por parte do Concello ou de xeito mancomunado con outros limítrofes: un ano prorrogable a dous no caso de Limpeza Viaria e catro anos no caso da Recollida de Residuos Sólidos Urbanos.

Eva García de la Torre agarda que sexa posible, así mesmo, acadar o apoio do Bloque Nacionalista Galego e, neste sentido mantivo varias xuntanzas moi proveitosas e útiles co seu voceiro, Pedro Pereira, nos días pasados, o mesmo que sumar a este acordo á representante do Grupo Municipal de Non Adscritos, Sabela Landín.

“Estamos moi preto de poder aprobar uns novos orzamentos por maioría, sen ter que acudir a outras posibilidades, como a Cuestión de Confianza vencellada aos presupostos a cal, dende logo, non dubidaría en presentar se fose necesario”, engade.

Sexa coma fose, a alcaldesa, como expresou ao voceiro de EU-SON, Pedro Ocampo, manterá o acordo asinado con él e co seu grupo, aínda no caso de que se vise obrigada a recorrer a esa Cuestión de Confianza.

Estudantes franceses de entre 14 e 17 anos, empezan este domingo unha visita de 6 días a O Porriño

Imaxe:Arquivo/Dende este domingo, día 11 de febreiro, e ata o vindeiro día 17, un grupo de estudantes franceses estarán no Porriño nun programa de intercambio impulsado pola Concellería de Educación, que dirixe Lourdes Moure.

As rapazas e rapaces, de entre 14 y 17 años, proceden da rexión francesa de Bordeos, e estarán aloxados en casas de alumnas e alumnos do IES Riberia do Louro, Colexio Santo Tomas e Colexio Hermanos Quiroga. Os estudantes porriñeses ‘devolverán’ a visita a Francia do 14 a0 18 de abril.

Segundo informa a Concellería de Educación, nos días de estadía- que empeza coa súa chegada este mesmo domingo ás 8 da tarde-, realizarán diferentes actividades nos devanditos centros e coñecerán diferentes eidos da vida económica, cultural, académica ou social da Louriña en xeral e, en  concreto, do Porriño.

Este luns, día 12, farán unha visita ás canteiras e á fábrica de pedra Levantina; o martes, día 13, e o mércores, día 14, as familias de ‘acollida’ acompañarás aos estudantes aos actos do desfile de comparsas do Entroido; o xoves, día 15, pola mañá, participarán en diferentes actos de benvida en cada un dos centros escolares e, dende as 7 da tarde, poderán presenciar no Centro Cultural distintas manifestacións do folclore galego, amenizado polo Centro Cultural de Mosende.

O venres, día 16, pola mañá, acudiran acudirán aos diferentes centros e pola tarde, dende as 6, diante do Concello, participarán nunha clase de ‘Hip Hop’; o sábado, día 17,  ás 9 da mañá, viaxarán a Porto, onde collerán o avión de volta a Francia, ás 11 da mañá, hora oficial de Portugal.

Este venres, empeza o ‘Entroido do Porriño 2018’ co concerto do Grupo América

Este venres, día 9, da comezo o Entroido do Porriño 2018 co concerto, ás 8 e media da tarde, na Praza de Antonio Palacios, do Grupo América.

https://www.facebook.com/AmericadeVigo/videos/1593468277404144/

Un ‘días grandes’ será mañá, sábado, 10, no que está previsto o pregón, á 1 da tarde, a cargo do cantante, crooner e showman Tony Lomba; seguirá o ‘Xantar do Entroido’, a celebración da 75ª edición do Xogo da Ola, o primeiro Desfile de Comparsas (dende as 6 da tarde), para o que están inscritas, ata este 13 de adultos e 3 infantís, e a ‘Gran Festa Rachada’, co grupo ‘Versionettes’.

Nos seguintes días seguirá a Festa Infantil, co Pallaso Popín (domingo, 11), o Grande Desfile de Comparsas (o martes, día 13) e, o mércores 14, chegará outro dos grandes intres deste Entroido co ‘Velorio da Sardiña’, no Centro Recreativo e Cultural (dende as 5 da tarde); o ‘Enterro da Sardiña’ (dende as 19 h.), a Lectura do Testamento, na Praza de Antonio Palacios, e a Queima da Sardiña, na Ponte do Valo.

Podes consultar toda a programación na web ecultura.net e tamén en oporrino.org e nas redes sociais do Concello, Facebook –Concello do Porriño– e Twitter-@PorrinoConcello-.

Cortes de tráfico e prohibicións de estacionamento polo Entroido

A Policía Local informa de que co gallo da celebración do Entroido, non se poderá estacionar na rúa Donantes de Sangue, a partir das 3 da tarde do sábado 10, dende a entrada á piscina ata Antonio Palacios. Esta rúa estará cortada ao tráfico dende as 5 ás 6 da tarde, coincidindo co desfile das comparsas.

Tamén se suspenderá a circulación en Antonio Palacios dende o cruzamento con Donantes de Sangue –pavillón- ata a rotonda de Aloques- rúa Domingo Bueno- dende as 6 da tarde.

Así mesmo, estará cortada a rúa Domingo Bueno, dende o número 1 ata o cruzamento da Pontenova, dende as 6 e cuarto da tarde; o mesmo pasará nos dous carrís da Avenida de Galicia– aínda que se permitirá o acceso a residentes-; tamén Pío XII e Ramón González, Manuel Rodríguez, dende o cruzamento de Xogo da Ola ata a Panadería Chinchina-nestas rúas tamén estará prohibido aparcar.

@festivaldecans impulsa un concurso de ‘booktrailers e booktubers’

O Festival de Cans, que terá lugar entre o 23 e 26 de maio-e que este ano recibirá o meirande apoio do Concello na súa historia, impulsará nesta XV edición un ‘concurso de booktrailers e booktubers’, que terá como obxectivo estimular a lectura en galego e a creación audiovisual entre persoas de todas as idades, pero sobre todo entre as máis novas e os máis novos. Estas pequenas pezas creativas, que consisten en resumir en poucos minutos de imaxes o contido dun libro, están a medrar cada vez máis na rede, ata o punto de que comeza a haber concursos específicos en festivais,adicados a esta modalidade.

Este concurso chamado “Ollo de vidro” enmárcase dentro dunha iniciativa da canle de youtube ‘Recoméndoche un libro’, impulsada en anos anteriores por varias institucións de Vigo como a Biblioteca Neira Vilas, O IES Castelao e a Escola Oficial de Idiomas, ademais da Asociación de Veciños de O Calvario, entidade patrocinadora do evento. Este ano incorpóranse tamén como promotoras do proxecto dúas institucións moi activas de O Porriño, como a Biblioteca Municipal, que depende directamente da Alcaldía, e o IES Pino Manso, aínda que a participación estará aberta a todas as persoas que o desexen de calquera punto de Galicia.

Nos últimos dous anos, o Festival de Cans está a desenvolver unha liña de contidos enfocada sobre todo ó público máis novo, onde busca visibilizar e impulsar a intersección creativa entre a literatura e o audiovisual. En anos anteriores, Cans tivo interesantes mostras de booktrailers, e polo festival pasaron autoras e autores e editores relevantes da literatura galega, así como realizadores a realizadoras especializados nos booktrailers.

Nesta edición, o certame “Ollo de vidro”, converterase nun concurso aberto á participación no que un xurado específico escollerá unha selección de finalistas, que serán proxectados en Cans. Durante o festival celebrarase esta gran final, na que se desvelarán os gañadores. O primeiro premio estará dotado con 400€, o segundo con 250€ e o terceiro premio cunha estancia en Cans con noite de hotel e entradas para asistir ao concurso de curtametraxes. Todos os premios teñen tamén dotacións en lotes de libros e esculturas e placas conmemorativas.

O prazo de inscripción está aberto ata o 23 de abril e as bases da convocatoria e o concurso poden seguirse en www.recomendocheunlibro.com

Cortes de electricidade, para realizar traballos de mantemento e mellora da rede, o domingo día 11, en A Rocha, O Covelo, A Guía e Cavadas, na parroquia de Atios

O Concello informa de que, coa finalidade de realizar traballos de mantemento e mellora da rede eléctrica, precisos para atender as necesidades do subministro da zona, o vindeiro domingo, día 11 de febreiro, entre as 7 e media e as 11 da mañá, Fenosa deixará fora de servizo varias instalacións, o cal pode causar cortes de luz nesas horas.

As devanditas instalacións afectan as seguintes rúas e lugares da parroquia de Atios: A Rocha, O Covelo, A Guía, e Cavadas.

Dende o Concello pídense desculpas por calquera molestia que poidan ocasionar ás veciñas e veciños estes traballos e lembra que para calquera aclaración e consulta teñen á súa disposición o teléfono 900 333 999.

O concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, visita o novo circuito de Calistenia e Street Workout que funciona xa no Porriño

O concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, fixo unha visita ao novo circuíto de Calistenia e Street Workout que funciona xa no Porriño e que permitirá a aquelas persoas que o desexen, en xeral, e en especial os practicantes destes destas disciplinas, poder exercitarse neste ‘perímetro’, especialmente deseñado e pensado para estas modalidades.

O mesmo, situado no parque da ‘Travesía do Matadoiro’, para a realización de “exercicios específicos e outros complementarios para persoas que practican deporte ao aire libre”, salientou Manuel Carrera, quen lembrou que este circuíto pódese incluír en zonas de fitness ampliando a variedade de exercicios e “facendo unha rutina de adestramento máis completa”, algo que, subliñou fora moi demandado por rapazas e rapaces do Porriño.

Coma demostraron varios dos deportistas que acudiron ao novo parque a exercitarse, o mesmo conta con ‘barras altas’, que están pensadas para tonificar a musculatura de brazos, ombreiros e costas; un banco de abdominais, para mellorar a forza e os músculos superiores do abdome, ou unha estrutura de flexións, con dúas barras horizontais de distinta altura para realizar flexións de brazo.

Carrera lembrou a “aposta incesante, decidida e constante” do Goberno local polo exercicio e a actividade física e por todas as modalidades “que fan que O Porriño sexa recoñecido coma o ‘Concello do Deporte’ por excelencia en Galicia, algo que, sinalou, pódese ver “na calidade dos nosos equipos, das súas xogadoras e xogadores, dos nosos atletas, adestradores e árbitros”.

Saúde Mental Feafes, colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia, desprazarase a O Porriño para prestar os seus servizos

Saúde Mental Feafes Galicia, prestará o seus servizos no despacho que vén de poñer á súa disposición,  no Multiusos de Torneiros, a Concellería de Emprego, Igualdade e Servizos Sociais, que dirixe Soledad Girón.

Un técnico especializado realizará accións de información, orientación e asesoramento para a busca de emprego, diagnóstico e determinación do perfil profesional do demandante, deseño e xestión de Itinerarios Personalizados de Inserción, motivación, intermediación laboral con empresas e, en  resumo, todas aquelas actuacións que favorezan a inserción laboral das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Saúde Mental Feafes Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro que defende os dereitos das persoas con problemas de saúde mental tratando de mellorar a súa calidade de vida e a dos seus familiares. Entre os seus servizos, Feafes Galicia ofrece orientación laboral especializada onde se atende a demandantes de emprego cunha enfermidade mental co obxectivo de mellorar a súa situación no mercado laboral.

As persoas que desexen ser atendidas poden solicitar unha cita previa, a través do número de teléfono  986 485 784, ou ben medio dos Servizos de Emprego ou Sociais do Concello. 

Ademais para realizar calquera consultan teñen ao seu dispor a oficina de Feafes en Vigo a través do teléfono 986 485 784 ou do enderezo electrónico feafesvigo@feafesgalicia.org.

O cantante, ‘crooner’ e showman Tony Lomba será o pregoeiro do ‘Entroido do Porriño 2018’

O cantante, ‘crooner’ e showman Tony Lomba será o encargado de dar o pregón do Entroido do Porriño o vindeiro sábado, día 10 de febreiro, á 1 da tarde na Praza do Arquitecto Antonio Palacios.

Lomba, coñecido por ter sido integrante de grupos como ‘Unión Penosa’, ‘Los 3 Sudamaricones’  e ‘Tony Lomba & Elio dos Santos’, entre outros, domina coma poucos a música, de Raphael a Nino Bravo, de Marvin Gaye a Vicente Fernández ou de Rod Stewart á música lixeira italiana, unha autoridade á que suma a enerxía e a pegada que transmiten as súas  actuacións en directo.

O ‘alter ego’ de Germán Fandiño, sinala que “é un grato pracer” de ser o pregoeiro do Entroido deste ano, “sobre todo porque gardo unha ligazón moi especial con Cans, onde teño unha familia adoptiva á que síntome moi vencellado…e que fai que poida dicir que síntome un fillo ‘puta-tivo’ do Porriño, escrito así: co guión no medio”.

Confesa que xa empézalle a bulir pola cabeza por onde irá o pregón e axiña deixa claro que non será algo corrente, “fareino excéntrico e cantando algunha canción de ‘Paquita la del Barrio’, coma ‘Rata de dos patas’…Paquita é una mexicana que sufriu un mal de amores moi grande e que canta rancheiras machacando aos tíos…e gustaríame cantar esta canción coma resposta ás agresións de xénero…amosando que hai mulleres moi fortes que poden enfrontarse a individuos destes e que espero que o día de mañá sexan todas…e tamén buscarei un xeito de cantar outra centrándome no Porriño…o que non vou facer, porque si algo sé é de cantar, é soltar un ‘megamonólogo’ porque eu son un pouco máis histriónico”.