@depo_es aproba novas achegas para O Porriño, por importe de 715.427€, dentro do ‘Plan Concellos 2018’

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novas achegas para o concello do Porriño dentro da Liña 1 do “Plan Concellos 2018”, por importe de  715.427,49€.

Máis polo miúdo, o concello recibe por parte da Deputación unha achega de 463.007,15€ para financiar a beirarrúa A Pontenova-A Guia-Atios e outra axuda de 252.420,34€ para a rotonda en A Pontenova.

Con esta achega, O Porriño xa ten recibido 1.165.255,69€ do Plan Concellos 2018, é dicir, o 61.8 % do plan provincial.

O Concello inviste 15.000€ nas obras da cuberta e dos baños do CEIP de Atios que, lembra a alcaldesa, debería de facer a Xunta de Galicia

Coma sinalara a alcaldesa hai uns días, e dacordo co compromiso que adquirirá o pasado día 7 coa Asociación de Nais e Pais (ANPA) do CEIP Plurilingüe de Atios, o Concello do Porriño iniciou xa as obras de mellora do tellado do centro que, subliña Eva García de la Torre, “asume na súa totalidade o Concello, por medio da Concellería de Educación, maila que a competencia de realización das mesmas é da Xunta de Galicia, como establece o regulamento”.

No mesmo centro, e como a alcaldesa asegurara ás Nais e Pais e ao director do CEIP de Atios,  o Goberno local fixo unha avaliación do estado no que se atopan os baños e, así mesmo, realizará os traballos de substitución dos mesmos.

En total, subliña Eva García de la Torre, o Concello do Porriño investirá máis de 15.000€ nestas obras que, insiste, son competencia da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, o mesmo que os danos estruturais nas fachadas que causan filtracións de auga provocando curtocircuítos no sistema eléctrico.

A alcaldesa repite queo Goberno local fará todo canto sexa preciso para que  as nenas e nenos que estudan nos centros educativos do Porriño acudan a clase coa máxima seguridade e que estuden en colexios en perfectas condicións, algo que, polo que se ve, non preocupa moito á Xunta”.

Os mellores pilotos de drons do panorama nacional e internacional, entre eles Álex Zamora, no Porriño esta fin de semana para disputar o ‘Campionato de España F3U’

O concelleiro de Deportes do Porriño, Manuel Carrera, e o presidente do Club Furaventos, Gerardo Martínez, presentaron este martes o ‘Campionato de España F3U’ e o ‘Campionato da Liga Galega de Drones’ que organiza o club porriñés por delegación de Real Federación Aeronáutica Española e a Federación Aeronáutica Galega.

A proba, á que acoden 56 pilotos, dende nun circuíto especificamente creado para esta proba, no ‘campo de voo’ de  Furaventos na  parroquia de Pontellas, que o presidente do club cualifica de “moi vertical”, con obstáculos artificiais, e mixto, xa que conta cunha parte de pista e outra de monte, algo anovador nesta competición e que é especialmente atractivo para os participantes que consideran o circuíto porriñés como “un dos mellores de España”.

Manuel Carrera salientou o “excelente labor que con moi poucos recursos e moitos azos” está a levar adiante o Club Furaventos que, lembrou, “dende este ano conta cunha achega da Concellería de Deportes do Porriño”.

Carrera subliñou a “espectacularidade” desta modalidade deportiva e, especialmente, deste campionato onde, sinalou, tomarán a saída drons que “poden pasar de 0 a 100 quilómetros por hora en menos de 2 segundos e chegan a velocidades de ata 140 quilómetros por hora”.

Programa

O programa da proba empezará o venres, día 29, cos adestramentos libres; o sábado, día 29, será o intre das probas clasificatorias e o domingo, pola mañá, chegará a hora das finais das que sairán os campións de cada unha das categorías.

O ‘neno prodixio’ Alex Zamora entre os participantes

Por si o voo destas máquinas non fose incriblemente espectacular, cos pilotos guiando as mesmas utilizando unhas gafas pantalla dende as que poden seguir o trazado (grazas á cámara de a bordo que manda as imaxes en tempo real), outra das grandes ‘atraccións’ desta cita é a participación do cuarto mellor piloto do mundo, o novísimo Álex Zamora, de so 10 anos de idade, e do Erick Carratala, actual campión de España.

Os dous tentarán facer un bo papel nunha proba que é “crucial” dado que os primeiros do campionato chegan moi axustados na clasificación e, ademais, xóganse puntos decisivos para poder facerse cun dos 5 postos na Selección española que disputará o vindeiro mes de outubro, en China, o Campionato do Mundo.

O porriñés Ricardo Baz, campión de España de Jiu Jitsu no seu peso e bronce en ‘kimono’

O porriñés Ricardo Baz segue a darnos satisfacción despois de facerse co Campionato de España de Jiu Jitsu, acadando o ouro do seu peso (Nogui) e pendurándose o bronce en ‘kimono’.

Baz, veciño de Atios, xa se fixera con dúas medallas no Campionato de Europa de Jiu Jitsu disputado o 23 de marzo en Roma: unha de bronce na categoría absoluta e a de prata en Peso Medio, levando o nome do Porriño e do seu deporte ao máis alto en Europa.

A alcaldesa lamenta que o PP local adique o seu esforzo a defender os intereses da Xunta de Galicia e non os das rapazas e rapaces que estudan nos centros públicos do Porriño

Á vista das declaracións do Partido Popular do Porriño sobre o estado dos colexios públicos da vila, asegurando que o seu mal estado e os arranxos dos mesmos son competencia exclusiva do Concello, Eva García de la Torre fai varias  preguntas que agrada que o PP conteste ás veciñas e veciños.

En primeiro lugar a alcaldesa quere que o PP do Porriño explique a razón pola cal se non é competencia da Xunta de Galicia a Consellería de Educación prometeu, en numerosas ocasións, arranxar a cuberta do CEIP de Atios, obra que finalmente foi asumida polo Concello.

“¿Por qué, se non é competencia da Xunta, Educación destina a cada centro unha partida, paupérrima, iso si, para mantemento que a dirección de cada un deles inviste no que considera oportuno?”. Se a Xunta de Galicia non ten competencia, “¿por qué en lugar de arranxar as garderías da Galiña Azul construíu unha nova en Mos á que acoden, na súa maioría, nenas e nenos do Porriño?”.

García de la Torre pregunta ao Partido Popular do Porriño “¿por qué, se non é competencia da Xunta de Galicia, a Consellería de Educación decide onde constrúe os centros, cal ten comedor, cal non, ou por qué inviste en colocar un elevador no CEIP Fernández López?”.

A alcaldesa agarda que o PP do Porriño explique as veciñas e veciños  ¿por qué, se a Xunta de Galicia non ten competencia no arranxo das gravísimas deficiencias dos centros públicos de ensino, non tivo máis remedio que reparar o teito do CEIP da Ribera, en Torneiros, que se viu abaixo pola desidia e o desinterese da propia Consellería de Educación?”.

Por último , Eva García de la Torre quere saber se o Partido Popular do Porriño pode explicar as nais e país “¿por qué defende os intereses da Xunta de Galicia e non os das rapazas e rapaces do Porriño que estudan nos centros públicos da nosa vila e non esixe á Consellería de Educación que deixe de ignorar as súas gravísimas eivas ?”.

A alcaldesa reitera, á vista das accións, as iniciativas e os orzamentos municipais, o seu compromiso e o do Goberno local cos centros públicos do Porriño, “moito máis alá das competencias municipais, como saben ben as ANPAS, e suplindo as obrigas da Xunta”, e subliña que, coma é ben doado de comprobar, “o PP do Porriño non amosou, ni cando tiña responsabilidades de goberno nin en máis de tres anos deste mandato, preocupación algunha polos nosos centros de ensino, agás agora para saír en defensa dos intereses do Goberno galego, que está xestionado polo Partido Popular”.

O Porriño honra a figura de don Fidenciano Palacín na súa ’10ª Festa do Chouripán’ que se celebra este sábado, día 23 de xuño

A Praza de San Sebastián acolle este sábado, día 23 de xuño, dende as 7 da tarde, a ’10ª edición da Festa do Chouripán’ na que os asistentes poderán degustar o tradicional “chouripán”-a 2,5€ con bebida- elaborado de xeito artesanal con producto do país e co tradicional “Pan do Porriño”, que suministran varias panaderías da vila.

Coma xa é tradición, a  Festa do Chouripán contará coa súa fogueira de San Xoan, que acenderase as 12 da noite,  e con animación musical e cultural para facer máis agradable a experiencia.

Este ano a Festa terá un evento especialmente emotivo: a colocación da placa da nova praza Fidenciano Palacín. Trátase dunha inicativa que a asamblea de socios da Asociación de Veciños aprobou no ano 2016, e que reivindica a figura de don Fidenciano Palacín, veciño do barrio, impulsor de moitas iniciativas sociais e culturais  e moi coñecido por ser o antigo carteiro do Porriño.

A solicitude da Asociación de Vecilños foi aprobada en Pleno da corporación municipal do Porriño por unanimidade de todos os grupos da corporación local e asumida polo goberno local, a través da concellería de Urbanismo, que dirixe Marcelino Coto.

Ás 7 da tarde será a a inauguración pública da placa que vai renomear a praza anexa a capela de San Sebastián do Porriño, que pasará a denominarse, Praza Fidenciano Palacín. E que coma subliña a presidenta da Asociación de Veciños, Carmen Rodríguez, “faise realidade un acordo da nosa asamblea en recoñecemento á laboura dun veciño destacado e agradecemos a todos os partidos da corporación o seu apoio a esta proposta”.

A alcaldesa cumpre o seu compromiso coas Nais e Pais (ANPA) do CEIP de Atios e o Concello inicia os traballos na cuberta do colexio

Tal e coma se comprometerá coa Asociación de Nais e Pais (ANPA) do CEIP Plurilingüe de Atios, nunha xuntanza mantida o pasado día 7, a alcaldesa do Porriño informa do inicio das obras de mellora da cuberta do centro, “traballos que asume na súa totalidade o Concello, por medio da Concellería de Educación”.

No mesmo centro, e como adiantara García de la Torre ás Nais e Pais e ao director do mesmo, o Concello fará unha avaliación do estado no que se atopan os baños e, en vista do mesmo, decidirá sobre a actuación nos mesmos.

Eva García de la Torre vén denunciando, “insistentemente”, o estado de “abandono” no que a Xunta de Galicia ten os colexios públicos do Porriño, nalgúns casos, como o do CEIP de Atios, con “danos estruturais nas fachadas que causan filtracións de auga provocando curtocircuítos no sistema eléctrico”, sen que o Goberno galego “asuma as súas obrigas, aínda que teña a  competencia exclusiva nesta materia”.

A alcaldesa subliña que “o Goberno local velará pola seguridade das nenas e nenos que estudan nos centros da nosa vila e a calidade da educación que reciben, que ademais de na capacitación dos seus profesores e nas materias que imparten, tamén está en que dispoñan de colexios en perfectas condicións, algo que, polo que se ve, non preocupa á Xunta”.

García de la Torre comunicou, polo miúdo,  aos responsábeis de Educación da Xunta esta situación, a última ocasión o pasado día 8, ao xefe territorial da Consellería de Educación na provincia de Pontevedra, co gallo da inauguración do novo salón de actos do CEIP da Ribeira, en Torneiros, proxecto no que colaborou o Concello do Porriño, o mesmo que no mantemento, ata o día de hoxe, do comedor deste centro.

A Gardería da Galiña Azul en Torneiros nun “estado inaceptábel e intolerábel”

Na mesma parroquia de Torneiros, lembra a alcaldesa, , moi preto do CEIP da Ribeira, está a Gardería da Galiña Azul que, enfatiza Eva García de la Torre está nun estado “inaceptábel e intolerábel con “gravísimas deficiencias” que é “moi urxente” arranxar para “garantir a seguridade das cativas e cativos”, circunstancia coñecida pola Xunta que lonxe de acometer obra algunha, priva a O Porriño, “o concello que máis medra en poboación de Galicia” das  prazas de garderías que precisa abrindo  novos centros en Mos, “a onde teñen que desprazarse os pequenos da nosa vila”.

Traballos de mellora do subministro, este venres, día 22 de xuño, entre as 00:00 e as 05:30 h., que poden causar cortes de electricidade nos polígonos de As Gándaras e da Granxa

Coa finalidade de facer os traballos de mantemento e desenrolo da rede eléctrica para poder atender nas mellores condicións as necesidades de subministro da zona, este venres, día 22, entre as 00:00 e as 05:30 h., Unión Fenosa procederá a deixar sen servizo unha serie de instalacións o cal, advirte, pode causar un corte no subministro da electricidade nesas horas.

As instalación eléctricas sometidas a descargo afectan ás seguintes estradas e lugares: Budiño.- Polígono Industrial As Gándaras (Avenida nº 115; Cíes nº9999); Polígono Industrial A Granxa (Avenida Principal nº 141, 181, 184, 191, 237, 238, 9989; Calle C nº 139, 140, 197, 198, 199, 201, 203, 204, 205, 206, 9998; Cortegada nº 85; Calle D nº 85 ao 90, 92, 94, 95, 06, 124AP; Paralela 1, nº 55, 129, 156, 160 ao 166, 172 ao 177, 180, 256, ; Paralela 2 nº 171; Paralela 3 nº 142, 144, 154, 159, 193 ao 195.

Para calquera aclaración ou consulta,Fenosa pon a disposición dos seus clientes o número de teléfono 900 333 999.