O concelleiro de Deportes do Porriño, Manuel Carrera, e o presidente do Club Furaventos, Gerardo Martínez, presentaron este martes o ‘Campionato de España F3U’ e o ‘Campionato da Liga Galega de Drones’ que organiza o club porriñés por delegación de Real Federación Aeronáutica Española e a Federación Aeronáutica Galega.

A proba, á que acoden 56 pilotos, dende nun circuíto especificamente creado para esta proba, no ‘campo de voo’ de  Furaventos na  parroquia de Pontellas, que o presidente do club cualifica de “moi vertical”, con obstáculos artificiais, e mixto, xa que conta cunha parte de pista e outra de monte, algo anovador nesta competición e que é especialmente atractivo para os participantes que consideran o circuíto porriñés como “un dos mellores de España”.

Manuel Carrera salientou o “excelente labor que con moi poucos recursos e moitos azos” está a levar adiante o Club Furaventos que, lembrou, “dende este ano conta cunha achega da Concellería de Deportes do Porriño”.

Carrera subliñou a “espectacularidade” desta modalidade deportiva e, especialmente, deste campionato onde, sinalou, tomarán a saída drons que “poden pasar de 0 a 100 quilómetros por hora en menos de 2 segundos e chegan a velocidades de ata 140 quilómetros por hora”.

Programa

O programa da proba empezará o venres, día 29, cos adestramentos libres; o sábado, día 29, será o intre das probas clasificatorias e o domingo, pola mañá, chegará a hora das finais das que sairán os campións de cada unha das categorías.

O ‘neno prodixio’ Alex Zamora entre os participantes

Por si o voo destas máquinas non fose incriblemente espectacular, cos pilotos guiando as mesmas utilizando unhas gafas pantalla dende as que poden seguir o trazado (grazas á cámara de a bordo que manda as imaxes en tempo real), outra das grandes ‘atraccións’ desta cita é a participación do cuarto mellor piloto do mundo, o novísimo Álex Zamora, de so 10 anos de idade, e do Erick Carratala, actual campión de España.

Os dous tentarán facer un bo papel nunha proba que é “crucial” dado que os primeiros do campionato chegan moi axustados na clasificación e, ademais, xóganse puntos decisivos para poder facerse cun dos 5 postos na Selección española que disputará o vindeiro mes de outubro, en China, o Campionato do Mundo.