A alcaldesa, Eva García de la Torre, acompañada pola concelleira de Educación, Lourdes Moure, e os concelleiros de Vías e Obras, Manuel Carrera, e Urbanismo, Marcelino Coto,acudiu este martes pola tarde ao CEIP da Ribeira, en Torneiros, centro no que por mor dunhas filtracións de auga, desprendeuse parte do teito nunha aula do último piso, empregada coma salón de actos, e onde apareceron importantes fendas noutra das dependencias empregada para dar as clases de música.

“Afortunadamente ninguén sufriu dano algún, aínda que sí quedou á vista a falla completa de mantemento deste centro e os danos ocasionados pola auga no teito de escaiola e  en varias paredes, polo cal tomamos a decisión de pechar toda a terceira planta do colexio”, sinalou a alcaldesa.

García de la Torre, quen adiantou que “mañá mesmo”, acudirá ao centro a arquitecta municipal para estudar o estado desta planta, esixiu á Xunta de Galicia que “asuma as súas competencias e, cando menos, se faga cargo do mantemento dos colexios que é o seu traballo”.

A alcaldesa lamentou que o Goberno galego que non preste atención algunha aos centros educativos do Porriño, “non só considerando que é a súa obriga, senón á vista de que somos o concello que máis medra de toda Galicia”, un abandono que transcende a outros eidos, que tamén son competencia da Xunta, como é “o centro de saúde, que ademais de carecer do persoal que precisa, como veñen de denunciar os veciños en constantes manifestacións, tamén sofre un considerable deterioro pola falla de mantemento, como puxo de manifesto a caída de varias lousas da súa fachada hai poucos días”.