Tal e coma se comprometerá coa Asociación de Nais e Pais (ANPA) do CEIP Plurilingüe de Atios, nunha xuntanza mantida o pasado día 7, a alcaldesa do Porriño informa do inicio das obras de mellora da cuberta do centro, “traballos que asume na súa totalidade o Concello, por medio da Concellería de Educación”.

No mesmo centro, e como adiantara García de la Torre ás Nais e Pais e ao director do mesmo, o Concello fará unha avaliación do estado no que se atopan os baños e, en vista do mesmo, decidirá sobre a actuación nos mesmos.

Eva García de la Torre vén denunciando, “insistentemente”, o estado de “abandono” no que a Xunta de Galicia ten os colexios públicos do Porriño, nalgúns casos, como o do CEIP de Atios, con “danos estruturais nas fachadas que causan filtracións de auga provocando curtocircuítos no sistema eléctrico”, sen que o Goberno galego “asuma as súas obrigas, aínda que teña a  competencia exclusiva nesta materia”.

A alcaldesa subliña que “o Goberno local velará pola seguridade das nenas e nenos que estudan nos centros da nosa vila e a calidade da educación que reciben, que ademais de na capacitación dos seus profesores e nas materias que imparten, tamén está en que dispoñan de colexios en perfectas condicións, algo que, polo que se ve, non preocupa á Xunta”.

García de la Torre comunicou, polo miúdo,  aos responsábeis de Educación da Xunta esta situación, a última ocasión o pasado día 8, ao xefe territorial da Consellería de Educación na provincia de Pontevedra, co gallo da inauguración do novo salón de actos do CEIP da Ribeira, en Torneiros, proxecto no que colaborou o Concello do Porriño, o mesmo que no mantemento, ata o día de hoxe, do comedor deste centro.

A Gardería da Galiña Azul en Torneiros nun “estado inaceptábel e intolerábel”

Na mesma parroquia de Torneiros, lembra a alcaldesa, , moi preto do CEIP da Ribeira, está a Gardería da Galiña Azul que, enfatiza Eva García de la Torre está nun estado “inaceptábel e intolerábel con “gravísimas deficiencias” que é “moi urxente” arranxar para “garantir a seguridade das cativas e cativos”, circunstancia coñecida pola Xunta que lonxe de acometer obra algunha, priva a O Porriño, “o concello que máis medra en poboación de Galicia” das  prazas de garderías que precisa abrindo  novos centros en Mos, “a onde teñen que desprazarse os pequenos da nosa vila”.