Á vista das declaracións do Partido Popular do Porriño sobre o estado dos colexios públicos da vila, asegurando que o seu mal estado e os arranxos dos mesmos son competencia exclusiva do Concello, Eva García de la Torre fai varias  preguntas que agrada que o PP conteste ás veciñas e veciños.

En primeiro lugar a alcaldesa quere que o PP do Porriño explique a razón pola cal se non é competencia da Xunta de Galicia a Consellería de Educación prometeu, en numerosas ocasións, arranxar a cuberta do CEIP de Atios, obra que finalmente foi asumida polo Concello.

“¿Por qué, se non é competencia da Xunta, Educación destina a cada centro unha partida, paupérrima, iso si, para mantemento que a dirección de cada un deles inviste no que considera oportuno?”. Se a Xunta de Galicia non ten competencia, “¿por qué en lugar de arranxar as garderías da Galiña Azul construíu unha nova en Mos á que acoden, na súa maioría, nenas e nenos do Porriño?”.

García de la Torre pregunta ao Partido Popular do Porriño “¿por qué, se non é competencia da Xunta de Galicia, a Consellería de Educación decide onde constrúe os centros, cal ten comedor, cal non, ou por qué inviste en colocar un elevador no CEIP Fernández López?”.

A alcaldesa agarda que o PP do Porriño explique as veciñas e veciños  ¿por qué, se a Xunta de Galicia non ten competencia no arranxo das gravísimas deficiencias dos centros públicos de ensino, non tivo máis remedio que reparar o teito do CEIP da Ribera, en Torneiros, que se viu abaixo pola desidia e o desinterese da propia Consellería de Educación?”.

Por último , Eva García de la Torre quere saber se o Partido Popular do Porriño pode explicar as nais e país “¿por qué defende os intereses da Xunta de Galicia e non os das rapazas e rapaces do Porriño que estudan nos centros públicos da nosa vila e non esixe á Consellería de Educación que deixe de ignorar as súas gravísimas eivas ?”.

A alcaldesa reitera, á vista das accións, as iniciativas e os orzamentos municipais, o seu compromiso e o do Goberno local cos centros públicos do Porriño, “moito máis alá das competencias municipais, como saben ben as ANPAS, e suplindo as obrigas da Xunta”, e subliña que, coma é ben doado de comprobar, “o PP do Porriño non amosou, ni cando tiña responsabilidades de goberno nin en máis de tres anos deste mandato, preocupación algunha polos nosos centros de ensino, agás agora para saír en defensa dos intereses do Goberno galego, que está xestionado polo Partido Popular”.