A deputada Leticia Gallego trasladará no Parlamento a demanda do Concello para reactivar a ampliación do Centro de Saúde

 

A deputada autonómica do PSdG-PSOE, Leticia Gallego recolleu hoxe diversas solicitudes da alcaldesa Eva García e concelleiros socialistas do goberno municipal para darlles traslado ante o Parlamento de Galicia. A parlamentaria realizou unha visita ao Concello e mantivo unha reunión de traballo coa alcaldesa e cos concelleiros Lourdes Moure, Sergio Casal e David Alonso.

Entre as peticións recollidas, a principal é a ampliación do Centro de Saúde, demandada dende hai unha década. O Concello do Porriño cedeu os terrenos para acometer a execución do proxecto comprometido polos sucesivos gobernos de Alberto Núñez Feijóo. Precisamente a alcaldesa informou á deputada que no pasado mes de setembro solicitou unha entrevista ao novo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña para interesarlle polo estado dese proxecto e que aínda non tivo resposta.

Leticia Gallego tamén recolleu outras demandas do goberno municipal como a construcción dun novo colexio que sustitua ao actual CEIP Fernández López, totalmente desfasado e que soporta o maior número de escolares entre os centros docentes da vila. Asimesmo a deputada informouse tamén do problema da descontaminación por lindano e tomou nota da petición do Concello porriñés para demandar que a Xunta de Galicia habilite unha partida orzamentaria para executar os traballos na parroquia de Torneiros, segundo o compromiso adquirido en 2018 pola administración autonómica.

O encontro serviu tamén para que a deputada informase do ocorrido o pasado mércores 4, na Comisión de Industria do Parlamento coa ocasión de debaterse a situación da empresa porriñesa “Maderas Iglesias”. Leticia Gallego explicou que os votos do Partido Popular que ten a maioría, impediron que prosperase unha proposición non de lei do PSOE que instaba ao vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde a convocar unha reunión de urxencia co comité de empresa cara a paralizar a poxa desta firma.

A alcaldesa Eva García e a deputada Leticia Gallego lamentaron que “esta mostra de falta de empatía e sensibilidade do Partido Popular vaia impedir unha solución para 150 traballadores, na súa meirande parte mulleres abocandolles a unha situación sen retorno”, segundo valoraron.

A Concellería de Deportes reitera a orde de que os eventos deportivos sexan sen público

 

A Concellería de Deportes enviou unha comunicación aos clubs porriñeses que esta fin de semana terán partidos como locais nas súas respectivas competicións, reiterándolles que segue en vigor a orde de que se celebren sen público.

A comunicación informa que segue en vigor o decreto municipal do pasado 22 de outubro que determinaba, entre outras medidas restritivas anti-Covid, que os eventos deportivos se celebren a porta pechada, xa sexan en recintos cubertos como ao aire libre.

Esta comunicación reiterouse ao C.D. Pontellas que xoga como local o domingo en San Campío. E tamén indicóuselle ao Porriño Baloncesto Base que celebra partido no Polideportivo Municipal da Liga EBA que se retoma.

A alcaldesa recibiu ao ministro de Sanidade, Salvador Illa que visitou “Biofabri” en Torneiros

 

A alcaldesa Eva Garcia recibiu hoxe, a primeira hora da mañá ao ministro de Sanidade do Goberno de España, Salvador Illa que acudiu a visitar as instalacións da factoría “Biofabri” do grupo empresarial “Zendal”, sita en Torneiros. O ministro manifestou que tiña un especial interese en coñecer o traballo que está a desenvolver para a fabricación dunha das vacinas contra a Covid que xa está en pleno proceso de fabricación.

Xunto co ministro e a alcaldesa do Porriño acudiron á visita das instalacións Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade; Abel Caballero, alcalde de Vigo e presidente da FEMP; a directora da Axencia Española dos Medicamentos, María Jesús Lamas e Javier Losada, delegado do Goberno de Galicia. Na visita ás instalacións de “Biofabri” tiveron como anfitrións a Pedro Fernández Puentes, presidente do grupo “Zendal”; Andrés Fernández, conselleiro delegado e Ricardo Troncoso, director da factoría.

O ministro mantivo unha reunión de traballo coas autoridades presentes e os directivos do grupo “Zendal” na que a alcaldesa do Porriño reclamou ás administracións competentes “unha maior axilidade nos procedementos urbanísticos para facilitar o crecemento das instalacións de Biofabri no Porriño”. Precisamente o presidente do grupo empresarial agradeceu a Eva García “a estreita colaboración e as facilidades que a alcaldesa do Porriño nos dispensa dende que ela chegou ao cargo”.

 

O Concello expresa o seu fondo pesar polo falecemento do profesor Moncho Iglesias

 

O goberno municipal no nome do Concello do Porriño expresa o seu fondo pesar polo falecemento do profesor Moncho Iglesias.

A alcaldesa Eva García lembrou a inestimable colaboración que o profesor mantivo co Concello nos traballos que se editaron ao longo destes últimos anos sobre a obra e figura do arquitecto Antonio Palacios.

Moncho Iglesias tiña un extraordinario coñecemento sobre Palacios como acredita a súa bibliografía na que hai varios títulos sobranceiros adicados ao arquitecto porriñés. De feito coa colaboración do Concello editáronse a propia tese doutoral de Iglesias que adicou a Palacios e o libro “Antonio Palacios, unha viaxe por Galicia”, no que se recompilan un cento de bocetos, debuxos e apuntes dos cadernos de campo, totalmente inéditos, que o arquitecto realizou nas súas viaxes

A alcaldesa lamentou que a desaparición de Moncho Iglesias impida a súa participación nos actos que ata o 27 de outubro de 2021 celebrará o Concello coa ocasión do “Ano Arquitecto Antonio Palacios”

Pola súa banda, tamén Lourdes Moure, concelleira de Educación recoñeceu no nome da comunidade educativa porriñesa a intensa traxectoria pedagóxica e o gran legado que deixa o profesor Iglesias como docente que foi do Instituto de Ensino Secundario Pino Manso da nosa vila ata a súa recente xubilación.

Desconvocase a concentración da Vaquería ante o anuncio da Xunta de que informará do proxecto o luns 16

 

O Concello do Porriño anuncia que decidiu desconvocar a concentración de protesta que ía celebrarse o xoves 12 na Vaquería ante o anuncio da Xunta de Galicia de que o luns 16 informará sobre o proxecto de reforma e mellora da seguridade viaria desa travesía.
Este mediodía, recibiuse no Concello a chamada da Axencia Galega de Infraestruturas indicando que o seu director xeral, Francisco Menéndez recibirá o luns 16, ás 10 horas a Pedro Pereira, primeiro tenente de alcalde e responsable municipal de infraestruturas. Trátase da entrevista solicitada e varias veces reiterada por parte municipal para coñecer o estado do proxecto comprometido hai meses pola administración autonómica.
En consecuencia, o Concello ven de comunicar á Subdelegación do Goberno a desconvocatoria da concentración para a que tiña solicitada autorización.

Corte de subministro de auga en Torneiros por reparacións

O Concello do Porriño informa que HOXE MÉRCORES 4 de novembro, a partir das 23.30 horas terá lugar un corte no subministro de auga que afectará a toda a parroquia de TORNEIROS.

Trátase da reparación dunha avaría na rede principal de abastecemento, segundo informan os servizos técnicos municipais.

A previsión é que o corte de auga durará ata as 4 da madrugada do xoves 5.

Rogamos desculpen as molestias.

Aberta a Aula “Cemit” no Multiusos Municipal de Torneiros


A Concellería de Novas Tecnoloxías comunica que a Aula CEMIT do Concello do Porriño xa está aberta ao público nas instalacións do Multiusos Municipal de Torneiros.


Está ao dispor de calquera usuario en horarios de luns a xoves, de 9:00 a 14:00 horas e de tarde, entre as 16:00 e as 19:00. Os venres tan só en quenda matinal, de 8:00 a 15:00.

As persoas que acudan a empregar estas instalacións contarán coa axuda dun encargado da Aula. Tamén informase que en breve impartiranse cursos de informática gratuítos de iniciación e outros para persoas que xa teñan coñecementos.

Os interesados poderán seguir as diferentes convocatorias a través da páxina de Facebook da Aula Cemit O Porriño ou ben acudir ás instalacións no Multiusos de Torneiros.

O Concello e veciños convocan unha concentración para demandar o proxecto pendente para a travesía de A Vaquería

 

O goberno municipal de Porriño e a veciñanza de A Vaqueria acordaron convocar unha concentración de protesta para demandar á Xunta de Galicia o proxecto pendente de reforma da travesía da estrada PO-510 ao seu paso por este barrio de Budiño.

O acordo de pasar ás mobilizacións adoptouse polo primeiro tenente de alcalde, Pedro Pereira cos veciños despois dunha reunión mantida hai poucos días e de solicitar por varias veces e sen resultado, unha entrevista ao director da Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia. Ese departamento comprometeuse hai meses a redactar o proxecto da Variante de A Vaquería. Este proxecto ten unha indubidable importancia tanto para a mellora da seguridade viaria nese tramo como tamén pola súa influencia na trama viaria do Porriño en relación co tráfico cara a outros concellos limítrofes e coa Autovía A-55.

O Concello ven de solicitar autorización á Subdelegación do Goberno para celebrar a concentración que terá lugar o xoves 12, a mediodía.

 

Adíase ata o mércores a reunión da comisión municipal de seguimento do covid á espera do que decida a Consellería de Sanidade

 

A Alcaldesa Eva García decidiu adiar para mañá mércores a reunión telemática que manterá a Comisión Municipal de Seguimento do Covid, á espera do que decida e comunique a Consellería de Sanidade esta tarde. A Consellería celebrará a partir das 18 horas, a reunión co comité científico que lles asesora e despois informará das decisións que se adopten e que poderían afectar ao Porriño, no que atinxe á área sanitaria de Vigo.

Por esta razón decidiuse adiar ata mañá ás 13 horas a reunión da Comisión Municipal que integran xunto coa alcaldesa, os cinco concelleiros do goberno local; os voceiros de PP, EU SON e UDDL, o Inspector Xefe da Policía Local, o responsable da Agrupación de Protección Civil e o secretario municipal.

Namentres O Porriño cumpre o noveno día en máximo nivel de contaxios ou alerta vermella. Eva García demandou hoxe novos datos á Consellería de Sanidade que lle informou que no Porriño, ata onte luns 2, hai 63 contaxios activos.