Este xoves o Concello do Porriño celebrará cinco comisións municipais informativas preparatorias do vindeiro pleno ordinario da Corporación que terá lugar o día 25. As comisións están convocadas entre as 19 e as 20,30 horas e serán telemáticas.

Entre os asuntos que se abordarán cabe subliñar o expediente para levar a licitación o novo contrato da piscina municipal. Segundo informará na comisión correspondente o concelleiro de Deportes, David Alonso, o prezo base da licitación será un millón e medio de euros, a razón de 545.000 por exercicio xa que a vixencia do contrato será por un máximo de 3 anos.

Entre as condicións que se formularán no prego da licitación figuran a subrogación do persoal actual da piscina (máis de 20 traballadores). Asemade a empresa que resulte adxudicataria deberá asumir a prestación de clases de instrución e formación tanto na auga como no ximnasio da piscina.

Segundo estima o concelleiro responsable, se a tramitación do expediente non sufre atrancos, a licitación podería abrirse a primeiros do 2021.