O primeiro tenente de alcalde de O Porriño, Pedro Pereira trasladou hoxe a unha representación veciñal da Vaquería a impresión de que o goberno municipal “está parcialmente satisfeito” do resultado da reunión que onte mantivera con Francisco Menéndez, director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas para tratar do proxecto da varíante.

A reunión, reiteradamente solicitada polo Concello do Porriño, “confirmou o compromiso da Xunta de que acometerá a obra aínda que sabemos que é un proxecto complexo e que levará 4 ou 5 anos ata que sexa completado”, valorou Pereira Fernández.

O concelleiro trasladou aos veciños de Budiño a información concreta que lle proporcionou Menéndez sobre as características da varíante. O vial terá un 1 quilómetro 400 metros e suporá unir a Autovía A-55 coa estrada PO-510 o que suporá a eliminación do tráfico tan intenso que hoxe en día soporta a travesía de A Vaquería. Debido ás afeccións o proxecto aínda terá unha longa tramitación.

Unha das principais trabas é o alto custe da obra que se estima en 27 millóns de euros polo que a Xunta de Galicia estuda o seu posible financiamento en varias anualidades. A primeira partida orzamentaria será de 300.000 euros que será o custe aproximado da redacción do proxecto definitivo para a súa licitación.

Namentres o compromiso acadado por Pereira con Menéndez é que a Xunta de Galicia acometerá obras de calmado do tráfico e mellora da seguridade viaria da actual travesía na estrada PO-510.

O concelleiro e os representantes veciñais de Budiño acordaron manter unha interlocución permanente coa Consellería de Infraestruturas da Xunta para que o proxecto non se demore.