Xa están en execución tres das doce actuacións previstas no Plan de Mellora de Viarios Públicos

A concelleira de Vías e Obras, Lourdes Moure, xunto co enxeñeiro municipal e técnicos das empresas adxudicatarias, inspeccionaron a posta en marcha de tres das obras incluídas no Plan de Mellora de Viarios Públicos. Trátase dunha ducia de actuacións de asfaltado, saneamento e mellora dos servizos municipais nas parroquias do municipio.

Os primeiros traballos xa se están a realizar en Madorras-Mosende, na Pontenova-Atios e na chamada curva de “Smurfit” en Os Eidos, no polígono industrial.

Ademais das tres mencionadas, esta primeira fase do Plan de mellora de Viarios Públicos inclúe actuacións de saneamento e asfaltado na Serra da Auga-Carracido; en Casal-Budiño; pavimentación en Parada-Chenlo e acondicionamento de acceso desde a estrada PO-331 ata a curva de Lonza, en Torneiros.

Así mesmo, programouse o asfaltado en Portela do Souto-Atios; A Ribeira-Torneiros; A Pereira-Torneiros; Orbenlle-Budiño e na rúa Fernández Areal, no centro de Porriño.

O importe total destas doce actuacións é de 729.478 euros, partida que foi aprobada por unanimidade pola corporación no pleno ordinario do 28 de xullo, despois das negociacións que Lourdes Moure, concelleira de Vías e Obras mantivo cos grupos municipais.

Unha empresa doa un gran motor para instalar nunha rotonda do PPI 5

A empresa “RS Motor Power Solutions”, situada no polígono PPI 5, informou á alcaldesa Eva García de que doarán un gran motor para instalalo na rotonda situada fronte ás instalacións da compañía na Granxa. 

A alcaldesa, acompañada por Lourdes Moure, concelleira de Vías e Obras, e José Antonio Olmedo, xefe de persoal, visitaron o almacén de “RS Motor” onde foron recibidos por Ramón Gómez Rúa e Agustín Alonso, socios propietarios, xunto con Celia Villar, xefe de administración e Analía Martínez, community manager da firma.
A alcaldesa agradeceu no nome do Concello a doazón que fará a empresa. A comitiva comprobou no lugar o punto onde se instalará, na rotonda onde conflúen tres estradas.
O motor, un “Deutz” de 10 toneladas que foi retirado dunha depuradora, será restaurado pola propia empresa para a súa posterior instalación na rotonda, en colaboración cos servizos técnicos municipais.

Completase a limpeza exterior do Concello


Os traballadores da empresa “Naturgalia” retirarán o valado exterior e a maquinaria que rodea o edificio do Concello, unha vez rematada la limpeza das fachadas. Durante os últimos días, realizouse unha hidrolimpeza e aplicouse unha imprimación para evitar novas humidades, co fin de preservar o edificio, deseñado polo arquitecto Antonio Palacios.


Non obstante, continúan os traballos de reparación do tellado dunha das torres, nas fiestras e continuarán no interior, na zona que ocupa o departamento de Servizos Sociais, para solucionar graves problemas de humidade e filtracións que se producen coas choivas.


Esta actuación, promovida pola concelleira de Vías e Obras, Lourdes Moure, está financiada co remanentes do Plan Concellos, da Deputación de Pontevedra. O importe das obras ascende a 31.000 euros.

 

 

 

Acceso provisional ao Concello a través da rúa Antonio Palacios

Como consecuencia das obras de hidro-limpeza nas fachadas da casa consistorial, dende hoxe e ata o venres 17 permanece pechado o acceso principal ao Concello. Así, o acceso ao Concello faise pola entrada lateral da rúa Antonio Palacios.

Os traballos de limpeza do edificio municipal, a cargo da empresa Naturgalia, encargados polo departamento de Vías e Obras que dirixe Lourdes Moure, retomáronse esta semana.

Segundo a previsión da compañía, a tarefa de limpeza concluirá esta semana e eliminarase o valado de seguridade. Nas semanas seguintes continuarán cos traballos de reparación do tellado do edificio.

A concelleira de Vías e Obras inspecciona a execución de traballos no Polígono da Granxa e no lugar de Carreira, en Cans

 

Lourdes Moure, concelleira de Vías e Obras inspeccionou este mediodía a execución de diversos traballos de arranxo de beirarrúas no Polígono Industrial de A Granxa que está a realizar o departamento que dirixe con medios propios e persoal contratado coa colaboración do Plan Concellos da Deputación.
Os traballos de arranxo desenvólvense en dous tramos da Avenida Principal do Polígono atendendo ao compromiso acadado pola concelleira Moure Varela coa asociación empresarial “Entidade Urbanística de Conservación A Granxa”. Despois de levantar as beirarrúas en mal estado, aplícase unha capa de formigón co resultado que se pode apreciar en algunha das imaxes.

Por outra banda, a concelleira de Vías e Obras tamén comprobou o desenvolvemento dos traballos para levantar un muro de contención de 47 metros de perímetro no lugar de Carreira, en Cans que se está a executar polo seu departamento. “Trátase de resolver o perigo que existía para o acceso ás vivendas pola caída dunha parede, atendendo a unha petición da veciñanza”, manifestou Lourdes Moure.

Iniciáronse hoxe a limpeza das fachadas e posterior arranxo da cuberta do Concello

 

Operarios da empresa “Naturgalia” comezaron hoxe a hidro limpeza das fachadas do Concello, iniciando os traballos polo lateral do edificio consistorial que cara á rúa Antonio Palacios. A previsión é que en sete días laborais a hidro limpeza estea rematada.

Cando seque a pedra, realizarase unha imprimación das fachadas para preservar o edificio, deseñado polo arquitecto Antonio Palacios.

A concelleira responsable de Vías e Obras, Lourdes Moure explicou que elixira estas datas porque “o mes de agosto tradicionalmente hai menos veciñanza en Porriño polas vacacións e deste xeito teremos o edificio do Concello limpo e arranxado para as festas do Cristo, na quincena final de setembro.

A ocupación de vía pública na contorna do Concello deberá terse rematada para o venres que ven, segundo as previsións da adxudicataria dos traballos.

Os traballos de conservación da casa consistorial continuarán ao longo do mes de agosto co arranxo da cuberta para resolver as filtracións que cando chove afectan ao departamento de Servizos Sociais. Na última fase, acometerase a impermeabilización da cuberta e o selado das fiestras, que remataran na primeira quincena de setembro.

A corporación aprobou por unanimidade o gasto de máis de 700.000€ en asfaltados e saneamentos; duplicar a achega ao Festival de Cans e retomar a atención presencial no Concello

A corporación municipal do Porriño aprobou por unanimidade dispoñer o gasto de 729.478 euros para obras de asfaltado e saneamento de vías municipais, segundo acordou o pleno ordinario de xullo celebrado onte. Trátase da primeira fase dun plan de actuación plurianual máis ambicioso valorado en máis de 2 millóns de euros.

Este primeiro paquete de actuacións financiase con remanente de tesourería. Foi negociado pola concelleira de Vías e Obras, Lourdes Moure cos demais grupos políticos da corporación local. A concelleira agradeceu nomeadamente ao Partido Popular e ao seu voceiro que “sexamos quen de chegar a acordos entre forzas políticas tan antagónicas” namentres Alejandro Lorenzo agradeceu á concelleira de Vías e Obras que “accedera a introducir as nosas propostas”.

BNG e EU SON votaron a favor, aínda que a voceira de Esquerda Unida, Patricia Sío expresou a súa discrepancia por non ter negociado a través da xunta de voceiros, en lugar de reunións bilaterais.

Ao remate da votación, a alcaldesa Eva García felicitou a concelleira de Vías e Obras polo consenso acadado.

 

Tamén por unanimidade, a corporación porriñesa aprobou duplicar a achega ao Festival de Cans, que pasará de 20.000 a 40.000 euros anuais, segundo a proposta que defendeu Cami Moreira, concelleira de Cultura. A cambio do incremento, o Concello deixará de gastar en prestar apoio loxístico ao Festival en valados, sinalización, carpas e outras; realizaranse polos responsables do Festival unha ducia de proxeccións en parroquias e barrios ao longo do ano, e haberá unha maior visibilidade nos actos do Festival do apoio institucional do Concello.

 

A través dunha moción presentada polo grupo EU SON e apoiada polos restantes grupos políticos, o pleno da corporación acordou por unanimidade recuperar a atención presencial nas oficinas do Concello e prescindir da obrigatoriedade da cita previa para diversos trámites. En consonancia, a alcaldesa Eva Garcia anunciou que convocará a comisión municipal de seguimento da Covid para determinar as actuacións a seguir e valorar a estrea de novas restricións na hostalería local, xa que O Porriño entra a partires do sábado 31, en nivel alto, por decisión da Xunta de Galicia.

Proxectase instalar lombos e pasos de peóns sobreelevados na estrada provincial 2401, entre Porriño e Mosende

O Servizo de Infraestruturas da Deputación de Pontevedra fixo chegar ao Concello do Porriño as actuacións previstas no “III Plan Móvese” para aumentar a seguridade viaria nas estradas provinciais que, no que atinxe a este municipio, proxectan instalar “lombos” e pasos de peóns sobreelevados, na E.P. 2401. Concretamente nun treito de 5 quilómetros entre O Porriño e Mosende, proxéctanse 5 redutores físicos de velocidade (lombos) e 8 pasos de peóns sobreelevados.

Ademais estas actuacións de calmado do tráfico levarán aparelladas pequenas reformas dos tramos de beirarrúas e dos espazos de aparcadoiro ao carón dos pasos de peóns para facilitar a visibilidade neses treitos da estrada., como se pode apreciar no gráfico adxunto

As actuacións definidas polos técnicos da Deputación son produto dun proceso participativo co Concello do Porriño e despois dun traballo de campo para analizar as necesidades demandadas para deseñar as solucións técnicas en cada caso.

A concelleira Lourdes Moure anuncia a construción dun novo centro cultural para Mosende que atenderá unha vella demanda veciñal

A concelleira de Vías e Obras, Lourdes Moure anuncia que “a parroquia de Mosende disporá dun novo Centro Cultural en condicións, atendendo deste xeito unha vella demanda veciñal que esta concelleira asumiu como un compromiso político e persoal”, segundo manifestou a segunda tenente alcalde.

O contrato sairá a licitación nas vindeiras semanas cun prezo base de 381.150 euros (IVE incluído). As obras deberán ter un prazo de execución de 9 meses.

A actuación pretende corrixir o problema de espazo actual no centro social existente e prestar un mellor servizo á parroquia de Mosende. A mellora do equipamento tal e como propón o anteproxecto encargado pola concelleira Moure, “permitirá dotar dunha moderna e cómoda instalación na que usuarios como visitantes dispoñan dos servizos axeitados ás súas necesidades”, declarou a edil socialista.

O anteproxecto propón un novo Centro Cultural no que se pretende ubicar un salón multiusos e unha aula polivalente nun novo inmoble de planta baixa nos terreos ao carón do centro social preexistente.

Pretendese executar unha nova edificación, formado por dous bloques, un para un gran salón multiusos e o outro como aula polivalente. Segundo o anteproxecto “trátase dun sólido con cuberta plana de 14 m x 15 m para o salón multiusos e conectado, outro sólido con cuberta plana de 6 m x 13 m para aula polivalente cos aseos e instalacións axeitadas para cubrir as necesidades para persoas con mobilidade reducida que utilicen este equipamento que ocupará una superficie total de 300 metros cadrados.

 

Un zafarrancho de reparacións comezou hoxe pola praza do Concello e a rúa peonil

Esta mañá operarios do Servizo de Vías e Obras do Concello iniciaron un zafarrancho de reparacións de beirarrúas que se estenderá ao longo das vindeiras semanas polo centro urbano, parroquias e polígonos industriais.
Comezaron co arranxo e reposición de baldosas de pedra na praza Arquitecto Antonio Palacios e na rúa peonil. “Demos preferencia á contorna do Concello pola maior afluencia de peóns que está a notarse co incremento dos peregrinos e visitantes” subliñou a alcaldesa Eva García.

Indicou que “de seguido continuarán co zafarrancho por outras rúas do centro urbano e despois pasarán a reparar beirarrúas en parroquias e nos polígonos industriais, nomeadamente, na Granxa onde hai moitas deterioradas”, engadiu a alcaldesa.
Estes traballos realízanse grazas á incorporación de novos traballadores ao Servizo Municipal de Vías e Obras, contratados por seis meses, a través da achega do Plan Concellos 2021 da Deputación.