Avanzan a bo ritmo as obras de humanización das rúas Bos Aires e Progreso

 

  • A conselleira de Infraestruturas e Mobildade, Ethel Vázquez, visitou hoxe O Porriño para comprobar esta actuación de reforzo da seguridade peonil e mellora da accesibilidade e da estética da vía, favorecendo a integración urbana
  • A execución prolongarase ata finais de ano incorporándose novos traballos referentes ás redes de saneamento e abastecemento

 

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo e a concelleira de Urbanismo, Antía Carrera, acompañaron esta mañá á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na supervisión dos traballos de humanización e mellora das rúas Bos Aires e Progreso, nas que a Xunta de Galicia inviste preto dun millón de euros.

Segundo puideron comprobar as obras “avanzan a bo ritmo” e prolongaranse algo máis do previsto debido a que se incorporan ao proxecto novos traballos a petición do propio Concello e do Consorcio de Augas do Louro “acometéndose unha necesaria renovación e ampliación das redes de saneamento e abastecemento”. Do mesmo xeito, outra das melloras que se aplicarán e confirmouse hoxe foi o emprego de pedra Rosa Porriño para a zona empedrada que transcorre entre o paso a nivel ata o cruce coa rúa  Avelino Villasuso, que será de sentido único para o tráfico rodado con amplas beirarrúas e elementos vexetais.

A previsión é que a finais deste ano este acceso ao centro do Porriño quede totalmente acondicionado e integrado co casco urbano, dando prioridade aos peóns. “Con esta actuación daremos vida a unha zona do centro urbano que precisa dinamizarse e acondicionaremos un dos principais accesos á vila que non reúne moitas das condicións de seguridade e accesibilidade, así reforzaremos a seguridade peonil, melloraremos a accesibilidade e tamén a estética de ámbalas dúas rúas, favorecendo a súa integración no centro urbano, e restrinxirase ademais o tráfico de vehículos pesados”, explica o alcalde. Na mesma liña, a conselleira puxo en valor “esta actuación transformadora da accesibilidade, da seguridade peonil e da estética da estrada PO-329 no Porriño”.

Os traballos, que deron comezo o pasado mes de xuño, comprenden a intervención nun treito de case 700 metros da estrada PO-329 ao seu paso pola vila da Louriña. Construiranse beirarrúas máis anchas, tendo en conta que nalgunha das zonas non podía pasar nin tan sequera un carriño de bebé ou cadeira de rodas, para o cal se reducirá a anchura dos carrís de circulación na reordenación das prazas de aparcamento; renovaranse os pavimentos; instalarase novo mobiliario urbano: dispoñeranse bancos, papeleiras e xardineira; plantaranse árbores e mellorarase a iluminación con 22 novos puntos de luz e con reforzos luminosos nos pasos de peóns para garantir unha maior seguridade.

Cinco treitos de actuación

Os traballos divídense en cinco treitos segundo as necesidades detectadas nos diferentes ámbitos. Así, comezouse pola zona da rúa Bos Aires, no treito final da actuación. Aquí, que comprende dende a glorieta coa PO-511 e a PO-331 ata o cruce co río Louro, pasando baixo a autovía A-55, os traballos están practicamente finalizados. 

Na zona máis próxima ao río, a prioridade era mellorar a seguridade peonil, colocando pasos elevados e adaptándonos á normativa de accesibilidade. 

Nas proximidades da glorieta, acométese unha actuación máis ampla, coa reordenación da calzada para gañar espazo para os peóns, reducindo o dos carrís, ademais de dispoñer sitio para os contedores e aparcadoiros, renovando e ampliando tamén as beirarrúas, a iluminación e a sinalización e dispoñendo mobiliario urbano.

A conselleira concretou que unha vez se rematen as obras neste treito nas vindeiras semanas, intensificaranse os traballos xa en execución na rúa Progreso, entre o límite con Mos e o paso a nivel coa vía férrea, onde se acometerán a reordenación da calzada a e a humanización da vía. 

Finalmente intervirase no treito máis complexo, entre o paso a nivel e o acceso á empresa Frigolouro, onde os técnicos se comprometen a actuar coa maior axilidade e coidado para minorar a afección e as molestias. 

O Concello do Porriño habilita un novo aparcamento no casco urbano con capacidade para un cento de vehículos

 

  • Trátase de dúas parcelas que suman unha superficie duns 2.000 m2, situadas preto do paso a nivel, a dous minutos a pé da praza de abastos e da zona peonil
  • A vila suma, no último ano medio, máis dun milleiro de prazas de estacionamento gratuíto

 

O Porriño suma preto dun cento de novas prazas de estacionamento gratuíto no casco urbano. No último ano e medio dende o Concello estase a xestionar a consecución de diversas parcelas, mediante a sinatura de convenios cos seus propietarios, co fin de habilitalas como aparcamento público de vehículos. Terreos todos eles situados en lugares estratéxicos, en diferentes puntos de acceso á vila ou incluso céntricos como é o último caso.

Trátase de dúas parcelas que suman unha superficie aproximada duns 2.000 metros cadrados situadas en paralelo á vía do tren, próximas ao paso a nivel, con acceso dende as rúas Avelino Villasuso e Foz. “Coa apertura deste novo aparcamento damos resposta ao comercio da zona peonil e sobre todo tamén á praza de abastos ”, subliña o alcalde Alejandro Lorenzo. Xunto co habilitado na rúa Progreso, este é o máis preto ao mercado, situándose a uns escasos 200 metros, apenas un par de minutos a pé.

Estes días estase a levar a cabo a posta a punto dos terreos con labores de desbroce e limpeza, aproveitando que están tamén en activo as obras de humanización e mellora das rúas Bos Aires e Progreso.

Con este novo cento de prazas novas son xa máis dun milleiro as dispoñibles na vila, distribuídas en varias parcelas que se localizan en tres zonas. Ao norte, próximas á autovía A-52 e á N-120, habilitáronse dúas que dan servizo a toda esta área onde se sitúan dous colexios, un instituto e preto tamén do centro de saúde, xulgados e escola infantil. Na parte sur da vila disponse de catro parcelas na rúa Leandro Diz. E no acceso próximo á autovía A-55 e ao nó coa PO-331 están este da rúa Avelino Villasuso e o da rúa Progreso, o máis grande, de máis de 14.000 metros cadrados.

“O problema de aparcamento que había no Porriño prexudicaba gravemente ao tecido comercial e hostaleiro e tamén á veciñanza, que cando quería vir ao casco urbano atopábase sempre con dificultades para aparcar”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo. Con todos estes novos espazos, acondicionados para o estacionamento de vehículos, erradícase o problema, facilitando así á cidadanía o seu desprazamento ao centro da vila, o que á vez beneficia tamén ao comercio, hostalería e a todos os negocios da localidade.

 

Avanza a bo ritmo a segunda fase da mellora do Parque da Alameda

  • Coa primeira fase xa executada, o Concello do Porriño continúa co acondicionamento deste espazo coa substitución do pavimento existente e a impermeabilización do soporte estrutural

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, comprobaron de primeira man os avances da segunda fase das obras de mellora e humanización que se están a desenvolver no parque da urbanización Alameda, na Avenida de Galicia.

As continuas filtracións que se daban neste espazo de uso público estaban a causar danos estruturais no soporte da praza e afectando ao garaxe que se atopa baixo a mesma, algo que estaba a causar numerosos perxuízos aos usuarios destas prazas de aparcamento.

Co fin de resolver este problema, o Concello do Porriño acometeu as obras de impermeabilización deste espazo, que abrangue unha superficie de 2.000 metros cadrados, aproveitando a actuación para levar a cabo a humanización da outra parte da praza e o seu acondicionamento como espazo público de lecer, creando un novo parque infantil para disfrute dos máis pequenos.

“Coa primeira fase xa executada, continuamos coa humanización da praza cunha segunda intervención de substitución do pavimento existente e a impermeabilización do soporte estrutural da propia praza”, explicou Lorenzo, “Ademais, facilitarase a accesibilidade ás vivendas e baixos comerciais con acceso ao interior da praza, xa que algún deles presentaba desniveis que dificultaban a accesibilidade”.

O orzamento desta segunda fase do proxecto ascende a 83.182,61 euros. A humanización e mellora desta céntrica praza supuxo unha inversión de 138.868 euros, financiada na súa totalidade a través dun convenio de colaboración asinado coa Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia.

Danos ao mobiliario urbano

Dende as concellerías de Parques e Xardíns e Limpeza denuncian que nos últimos días téñense producido unha serie de danos contra o mobiliario urbano, aparecendo pintadas nos elementos de xogo dos parques infantís, colectores de lixo, marquesinas e outros elementos que se atopan na vía pública.

Isto conleva que teñan que ser inutilizados para a súa reparación e un perxuízo económico que pagamos todos, o mobiliario urbano é patrimonio de todas as veciñas e veciños do Porriño. Por iso, dende o Concello do Porriño facemos un chamamento ao civismo e a que non se repitan estas accións que perxudican ao conxunto da cidadanía.

Lembramos que estes feitos son constitutivos de infracción administrativa, contemplando sancións económicas que van dende os 100 aos 600 euros

Comezan as obras de humanización e mellora das rúas Buenos Aires e Progreso

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, supervisou hoxe o inicio das obras de humanización e acondicionamento das rúas Buenos Aires e Progreso, acompañado polo concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, técnicos do departamento autonómico de Infraestruturas e da empresa adxudicataria.

Os traballos, que contemplan a reforma integral da PO-329 ao seu paso polo centro urbano transformándoa nunha rúa na que os coches ceden protagonismo aos peóns, deron comezo hoxe e teñen un prazo máximo de execución de 5 meses.

“Con esta actuación daremos vida a unha zona do centro urbano que precisa dinamizarse e acondicionaremos un dos principais accesos á vila, reforzando a seguridade peonil, mellorando a accesibilidade e a estética e favorecendo a integración urbana, ademais de retirar o paso de vehículos pesados da zona”, explicou o alcalde.

Os traballos comprenden a intervención nun treito de case 700 metros desta vía, na que se reforzará a seguridade a pé dos vecinos, ademáis de mellorar a accesibilidade e tamén o aspecto estético deste treito da vía, favorecendo a súa mellor integración urbana. En concreto, os traballos consistirán na execución de beirarrúas máis anchas, para o que se reducirá un pouco a anchura dos carrís de circulación na reordenación das zonas de aparcadoiro en todo o treito de actuación, na renovación dos pavimentos, tanto das beirarrúas como dos aparcadoiros; e na rehabilitación da calzada. Completarase a actuación coa dotación de mobiliario urbano: dispoñeranse bancos, papeleiras, xardineiras e árbores; ademáis de mellorar a iluminación con 22 novos puntos de luz e con 12 reforzos luminosos nos pasos peonís, para garantir unha maior seguridade.

Os traballos proxectados polo departamento de Infraestruturas da Xunta dividiranse en cinco treitos, en función das necesidades de actuación detectadas en cada un deles. NO primeiro tramo, entre as dúas interseccións coa rúa dos Muíños, que chega ao comezo do peche protexe as vías dotren, aumentarase o ancho da beirarrúa, reducíndose os carrís e deixando as prazas de aparcadoiro na marxe dereita. No segundo treito, desde o comezo do peche de Adif ata o paso a nivel, reordenarase a sección actual da calzada para aumentar o ancho das beirarrúas, manténdose tamén aquí os aparcadoiros na marxe dereita.

O tramo tres vai desde o paso a nivel ata o cruce coa rúa Ponte do Valo, onde se proxecta nunha plataforma compartida a nivel, de sentido único de circulación desde o mesmo paso a nivel ata a rúa Avelino Villasuso. No cuarto treito, que descorre cruzando o río Louro e pasa baixo a autovía A-55, vaise mellorar a seguridade peonil, colocando pasos elevados e adaptándose á normativa de accesibilidade. E no quinto treito, que acaba na glorieta da PO-331, reordenarase a calzada para gañar espazo para os peóns

Máis de 300 veciños do Porriño terán servizo de saneamento antes de fin de ano

O comité directivo do Consorcio de Augas do Louro, presidido por Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño, aceptou a proposta de adxudicación para a contratación de seis obras en materia de saneamento no Concello do Porriño. As actuacións supoñen unha inversión de máis de 900.000 euros e darán servizo a preto de 300 veciños de distintas parroquias.

Serán unhas 80 vivendas as que a finais deste 2023, algunhas delas antes xa de rematar o verán, estarán conectadas ao sistema de saneamento do Louro. “Trátase de darlle á veciñanza un servizo básico que lle corresponde, que neste caso levamos a cabo con fondos propios do Consorcio, que non debemos esquecer que dependen dos recursos que aporta cada municipio (Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui), co pago dos impostos dos seus cidadáns, pero que dende todos os concellos debemos impulsar e dar prioridade a actuacións como estas, con axuda tamén doutras entidades supramunicipais, para dar resposta a todas as demandas”, explica o presidente Alejandro Lorenzo.

Estas seis actuacións no termo municipal do Porriño son: na Rebouza, parroquia de Atios, onde se instalarán 700 metros de tubaxe que conectarán á rede de saneamento a unha ducia de casas, beneficiando a máis de 40 veciños, cunha inversión de 145.436,17 euros. Outro dos proxectos engloba catro actuacións dúas en Atios (Portela de Souto e en A Rocha-Covelo), unha en Pontellas (Igrexa-Centeáns Arrotea) e outra en Torneiros (San Roque-A Areeira), nas cales a inversión chega aos 310.846,18 euros e suporán a posta en funcionamento de máis dun quilómetro de canalización, dando servizo a 19 casas e preto de 70 usuarios. Por último, a de maior magnitude en canto a inversión e beneficiarios, é a proxectada na estrada de Mosende a Tui, en Madorras, onde se instalarán seis colectores cunha lonxitude de 1.100 metros e unha estación de bombeo, ademais esta actuación permitirá anular un canon de vertido non autorizado da CHMS e poñer en servizo outros 1.200 metros lineais de canalizacións existentes posibilitando así a conexión á rede de medio cento de edificacións, entre as que se atopa tamén a Escola de Mosende, e preto de 200 habitantes; a inversión neste caso é de 450.460,17 euros.

Prevese que ao longo do vindeiro mes de xuño comecen a executarse os traballos de todas estas actuacións, quedando rematadas antes de que finalice o ano.

Con todo, Lorenzo volve facer fincapé en que “as inversións continuaranse nos próximos meses: máis proxectos, licitacións e recepcións de obras que irán completando e tecendo toda a rede de saneamento dos catro municipios para dar servizo á totalidade da veciñanza”.