O Porriño presenta ao Plan Concellos un proxecto de humanización da rúa Manuel Rodriguez e tres novas redes de saneamento en Atios e Pontellas

O goberno municipal do Porriño presenta ao Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra catro proxectos que “apostan pola humanización das rúas e polo aumento da rede de saneamento nas parroquias”, segundo explicou Pedro Pereira, concelleiro de Infraestruturas.

Das catro propostas, a máis ambiciosa polo seu coste, é o proxecto de humanización da rúa Manuel Rodríguez. A actuación será no tramo desa rúa entre a confluencia coa rúa Xogo da Ola e a praza de San Sebastián.

 

As obras consistirán no levantamento do pavimento tanto na calzada coma nas beirarrúas; renovación das redes de pluviais e fecais; renovación da rede de alumeado público; renovación da rede de abastecemento; pre instalación para telecomunicacións e da rede de baixa tensión; nova pavimentación en granito e mobiliario e renovación da zona de xardíns.

O proxecto ten un orzamento de 391.322,95 € mais o IVE do 21% correspondente.

“Unha vez rematada a humanización deste tramo, a rúa Manuel Rodríguez terá un uso  totalmente peonil”, segundo avanzou o concelleiro de Infraestruturas.

O Concello tamén presentou para acollerse ás achegas da Liña 1 do Plan Concellos, tres actuacións nas parroquias “coas que seguimos avanzando no aumento da rede de saneamento no rural”, manifestou Pereira Fernández.

Son os seguintes:

Proxecto de saneamento no barrio da Portela do Souto en Atios, cun orzamento de 111.589,47 € mais IVE.

Proxecto de saneamento no Corzón en Pontellas cun orzamento de 46.388,42 € mais IVE

Saneamento de ampliación de rede no barrio da Arrotea – Lameira en Pontellas  cun orzamento de 95564,36 mais IVE.

Reparado un tramo da estrada principal do Polígono das Gándaras

A alcaldesa Eva García informou hoxe que o Concello do Porriño está a planificar e desenvolver nestes primeiros días de 2021, unha serie de obras de mellora das infraestruturas viarias nos polígonos industriais.

Esta semana, a través do departamento de Vías e Obras dirixido por Lourdes Moure, acometeu e concluíu esta semana a reparación dun tramo da estrada principal do Polígono das Gándaras.  Esta é a sección que discorre fronte ás instalacións da empresa “Gestamp”.

O vial atopábase en moi mal estado, polo que foi necesario fresar e renovar o pavimento.  A reparación realizouse cos medios propios do Concello. Executouse esta semana unha vez que o persoal de Vías e Obras reincorporouse despois das vacacións de Nadal.

O Concello anuncia que acometerá en breve a reparación mediante obra nova das dúas rotondas do polígono da Granxa,  a cargo do departamento de Infraestruturas dirixido por Pedro Pereira.  A primeira que se arranxará será a rotonda da gasolineira que se acometerá cando se obteña a autorización do Ministerio de Transportes e Mobilidade.

No abeiro destas actuacións, o vindeiro luns 18, ás 12,30 horas, a alcaldesa Eva García manterá unha reunión de traballo con Indalecio Cuevas, presidente da Entidade Urbanística de Conservación do Polígono da Granxa.

Diversas intervencións de Protección Civil por inundacións

 
O Grupo de Voluntarios de Protección Civil do Porriño realizou ao longo da madrugada e durante a madrugada varias intervencións a petición do 112 e da Policía Local, por balsas de auga e inundacións polas fortes choivas.
 
Segundo os rexistros da estación meteorolóxica de Atios, caeron máis de 62 litros de choiva por metro cadrado.
 
En Torneiros os voluntarios de Protección Civil do Porriño responderon a tres avisos. Levantaron coviñas para aliviar as concentracións de auga e colocaron sinais de perigo para alertar aos condutores.
 
Tamén interviñeron noutras inundacións en Eidos (Atios); na curva do campo de fútbol de Lourambal; na recta principal do polígono das Gándaras, ata “Nueva Pescanova”; no PPI 7 e no parque industrial da Granxa, onde tamén tiveron que axudar e remolcar dous vehículos atrapados.
 
 
Ningún destes incidentes tivo consecuencias importantes.
 
Por outra banda, Protección Civil colabora na vixilancia do río Louro que presenta unha notable enchente en diversos puntos ao seu paso polo municipio.

Pedro Pereira declara que o Concello “está parcialmente satisfeito” co compromiso da Xunta sobre A Vaquería

 

O primeiro tenente de alcalde de O Porriño, Pedro Pereira trasladou hoxe a unha representación veciñal da Vaquería a impresión de que o goberno municipal “está parcialmente satisfeito” do resultado da reunión que onte mantivera con Francisco Menéndez, director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas para tratar do proxecto da varíante.

A reunión, reiteradamente solicitada polo Concello do Porriño, “confirmou o compromiso da Xunta de que acometerá a obra aínda que sabemos que é un proxecto complexo e que levará 4 ou 5 anos ata que sexa completado”, valorou Pereira Fernández.

O concelleiro trasladou aos veciños de Budiño a información concreta que lle proporcionou Menéndez sobre as características da varíante. O vial terá un 1 quilómetro 400 metros e suporá unir a Autovía A-55 coa estrada PO-510 o que suporá a eliminación do tráfico tan intenso que hoxe en día soporta a travesía de A Vaquería. Debido ás afeccións o proxecto aínda terá unha longa tramitación.

Unha das principais trabas é o alto custe da obra que se estima en 27 millóns de euros polo que a Xunta de Galicia estuda o seu posible financiamento en varias anualidades. A primeira partida orzamentaria será de 300.000 euros que será o custe aproximado da redacción do proxecto definitivo para a súa licitación.

Namentres o compromiso acadado por Pereira con Menéndez é que a Xunta de Galicia acometerá obras de calmado do tráfico e mellora da seguridade viaria da actual travesía na estrada PO-510.

O concelleiro e os representantes veciñais de Budiño acordaron manter unha interlocución permanente coa Consellería de Infraestruturas da Xunta para que o proxecto non se demore. 

Desconvocase a concentración da Vaquería ante o anuncio da Xunta de que informará do proxecto o luns 16

 

O Concello do Porriño anuncia que decidiu desconvocar a concentración de protesta que ía celebrarse o xoves 12 na Vaquería ante o anuncio da Xunta de Galicia de que o luns 16 informará sobre o proxecto de reforma e mellora da seguridade viaria desa travesía.
Este mediodía, recibiuse no Concello a chamada da Axencia Galega de Infraestruturas indicando que o seu director xeral, Francisco Menéndez recibirá o luns 16, ás 10 horas a Pedro Pereira, primeiro tenente de alcalde e responsable municipal de infraestruturas. Trátase da entrevista solicitada e varias veces reiterada por parte municipal para coñecer o estado do proxecto comprometido hai meses pola administración autonómica.
En consecuencia, o Concello ven de comunicar á Subdelegación do Goberno a desconvocatoria da concentración para a que tiña solicitada autorización.

Corte de subministro de auga en Torneiros por reparacións

O Concello do Porriño informa que HOXE MÉRCORES 4 de novembro, a partir das 23.30 horas terá lugar un corte no subministro de auga que afectará a toda a parroquia de TORNEIROS.

Trátase da reparación dunha avaría na rede principal de abastecemento, segundo informan os servizos técnicos municipais.

A previsión é que o corte de auga durará ata as 4 da madrugada do xoves 5.

Rogamos desculpen as molestias.

O Concello e veciños convocan unha concentración para demandar o proxecto pendente para a travesía de A Vaquería

 

O goberno municipal de Porriño e a veciñanza de A Vaqueria acordaron convocar unha concentración de protesta para demandar á Xunta de Galicia o proxecto pendente de reforma da travesía da estrada PO-510 ao seu paso por este barrio de Budiño.

O acordo de pasar ás mobilizacións adoptouse polo primeiro tenente de alcalde, Pedro Pereira cos veciños despois dunha reunión mantida hai poucos días e de solicitar por varias veces e sen resultado, unha entrevista ao director da Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia. Ese departamento comprometeuse hai meses a redactar o proxecto da Variante de A Vaquería. Este proxecto ten unha indubidable importancia tanto para a mellora da seguridade viaria nese tramo como tamén pola súa influencia na trama viaria do Porriño en relación co tráfico cara a outros concellos limítrofes e coa Autovía A-55.

O Concello ven de solicitar autorización á Subdelegación do Goberno para celebrar a concentración que terá lugar o xoves 12, a mediodía.

 

O Concello celebrará esta tarde tres comisións municipais telemáticas


O Concello do Porriño celebrará esta tarde tres comisións municipais informativas como preparación para o próximo pleno ordinario corporativo que terá lugar o mércores 28.
As tres comisións que se desenvolverán a partir das 19:00 horas serán telemáticas, a través da sede electrónica.
A primeira comisión será a de Economía e Facenda, que abordará a modificación do IBI (Imposto sobre Bens Inmobles) e do ICIO (Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras).
Seguiralle a comisión de Urbanismo e Medio Ambiente que informará sobre a aprobación definitiva da nova ordenanza que regula as terrazas, entre outros asuntos. Tamén tratará da actualización da ordenanza medioambiental reguladora de ruidos.
A última comisión da tarde será a de Servizos Sociais e Igualdade, que tratará a proposta dun manifesto e concentración institucional que se celebrará o 25 de novembro para conmemorar o Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres.

Concello e COGAMI debaten sobre a creación dunha comisión municipal de accesibilidade

Concello do Porriño e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade valoraron a creación dunha Comisión Municipal de Accesibilidade.  Sería un órgano participado polos grupos políticos da corporación e COGAMI.  Foi un dos asuntos tratados, na reunión celebrada hoxe no Concello, presidida pola alcaldesa Eva García, coa asistencia do concelleiro de Asuntos Sociais, David Alonso, así como de Anxo Queiruga, presidente de COGAMI que asistiu acompañado de Celso Álvarez e Isra Mercader.

COGAMI solicitou ao Concello unha posible subvención nominativa, a cambio da súa participación en cursos de formación e inserción laboral e de contar co asesoramento da Confederación de Persoas con Discapacidade en obras públicas e proxectos de mobilidade co fin de eliminar as barreiras arquitectónicas.

A subvención a COGAMI a cambio destas consideracións incluiríase no orzamento municipal para 2021, que está actualmente en preparación.