O Porriño contará cunha área para autocaravanas

O Porriño contará cunha área de caravanas e autocaravanas en pleno centro urbano, un servizo que vén a sumarse aos que xa de por si ofrece o municipio.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado polo presidente da Asociación de Autocaravanas de Galicia (Aga),  Manuel Fernández-Arruti, e o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, visitou esta mañá a parcela na que se habilitará o aparcamento para valorar de maneira conxunta as actuacións a realizar para a súa pronta posta en marcha.  

A zona que se acondicionará ocupará uns 200 m2 da parcela de Leandro Diz habilitada como aparcamento gratuíto e estará acondicionada con todos os servizos necesarios.

“O turismo de autocaravana tense consolidado como unha alternativa ás viaxes tradicionais. É unha modalidade en auxe que se caracteriza pola liberdade que ofrece, por iso hai tanta demanda e por iso moitos concellos de todo o país dispoñen xa dese servizo. O Porriño non vai quedar atrás”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

Continúa a recuperación da fonte de San Sebastián coa reposición da pérgola

O Concello do Porriño continúa coa recuperación da emblemática fonte de San Sebastián. Tras levar a cabo as obras de acondicionamento do manantial e canalización do caudal para evitar focos de contaminación que afectaban á calidade da auga e causaban reiterados cortes no subministro, a concellería de Vías e Obras, que dirixe Ramón Porto, deu comezo hoxe aos traballos de reposición da pérgola que cubre o conxunto patrimonial.

“O entramado de madeira que cubre a fonte atopábase nun deficiente estado de conservación, supoñendo un perigo para a seguridade das persoas que fan uso deste espazo”, explicou o concelleiro, “Retiraranse todos os elementos e substituiranse por novas vigas e correas de madeira de iroko, coas mesmas dimensións e características que as actuais”.

A estrutura ten unha dimensión total de 13 m e 5 m e está formada por 18 pezas, dúas vigas lonxitudinais e cinco transversais, con oito correas transversais e tres lonxitudinais. 

“A fonte de San Sebastián é sen dúbida un icono patrimonial do Porriño e hai que poñelo en valor”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, “E non só hai que ter en conta o seu valor patrimonial, tamén o social, xa que se trata dun lugar ao que moitos veciñas e veciñas se achegan cada día a coller auga e tamén, como é ben sabido, moitos grupos de ciclistas. Por iso é importante que se atope en bo estado”.  

Os traballos termínanse que estén rematados no prazo dunha semana.

 

O Concello do Porriño repara a cuberta do CEIP Cruz Budiño

A Concellería de Vías e Obras, que dirixe Ramón Porto, vén de acometer os traballos de limpeza e reparación da cuberta do CEIP Cruz Budiño, ante o risco de que se produciran danos persoais pola caída de cascallos do tellado do centro.

 

As malas condicións meteorolóxicas dos últimos meses puxeron ao descuberto o mal estado no que se atopa parte da cuberta deste centro escolar.  “Dende a dirección do colexio trasladaron ao Concello o problema co que se atopaban, xa que se estaban a desprender tellas que caían ao patio, polo que este permanecía precintado para que os cativos non accederan á zona polo perigo que entrañaba”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Había anacos de tella soltos na cuberta que cun simple refacho de vento podían caír”.

 

Ante esta situación, acordouse actuar de maneira urxente e proceder á limpeza do tellado e reparación das partes danadas. Tal e como explicou o concelleiro, Ramón Porto, “estas melloras realizáronse con medios propios. A seguridade dos nenos e nenas é unha cuestión prioritaria e  hai que facer o preciso, non se pode dilatar no tempo”.

 

Comezan os traballos de reparación do Centro Cultural Alba

As obras céntranse na reparación dos elementos de cuberta e impermeabilización, e estenderanse ao parque Piñeiro, no que está proxectada a ampliación e mellora da zona de xogo infantil e o acondicionamento das instalacións deportivas

O Concello do Porriño deu comezo esta semana ás obras de reparación e mellora do Centro Cultural Alba, na parroquia de Torneiros.

Debido á antigüidade do inmoble e á falta de mantemento durante anos, as cubertas están danadas e non cumpren coa súa función de imperbealización producíndose humidades no interior que imposibilitan o uso do edificio.

“O Centro Cultural non podía usarse xa que o seu estado supón un risco para os usuarios, por iso é necesario acometer de maneira urxente estas reparación integral que poñerá fin ás filtracións para que se poida retomar a actividade con seguridade”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

Os traballos, que comezaron esta semana, contemplan a sustitución e reparación de todos os elementos do edificio que se atopen deteriorados, a reparación integral da cuberta, reparación das canaletas exteriores e interiores, reparación e sellado das ventás, reposición das baixantes e a construcción dun canal de remate final da fachada no encontro co terreo.

Ampliación e mellora do parque infantil

“Falamos dun punto neurálxico da vida social e cultural da parroquia de Torneiros que non pode permanecer inutilizado, non só as instalacións do centro cultural senón a totalidade do parque Piñeiro para o que temos en marcha un proxecto de mellora e reacondicionamento que ampliará a zona de xogo infantil e reacondicionará as pistas deportivas”, apuntou Lorenzo, “Unha intervención integral que este parque viña necesitando hai anos”.

Refírese o rexedor ao proxecto posto en marcha polo Concello para dar resposta ao amplísimo número de veciños e veciñas de Torneiros con cativos que dan uso a estas instalacións municipais e que contempla a ampliación do parque infantil, reparando os xogos xa existentes que se atopan nun estado moi degradado e instalando novos elementos así como a de amortiguación. A zona de xogo abranguerá unha superficie total de 1.850 m2 e incluirá a instalación dunha gran tirolina de 20 m de percorrido. Tamén se actuará nas instalacións deportivas que se atopan no recinto.

As melloras que se efectuarán supoñen unha inversión de máis de 100.000 euros.

Obras de mellora da rede de saneamento para solucionar un problema de inundacións nun edificio da rúa Ourense

O Concello do Porriño, xunto ao Consorcio de Augas do Louro, acomete estes días obras de mellora da rede de saneamento da Avda. de Galicia para poñer fin ao problema de inundacións que os veciños dun dos inmobles, ubicado na transversal rúa Ourense,  viñan padecendo dende hai case unha década.

“A rede de colectores existente neste tramo da Avda. de Galicia presentaba unha sobrecarga que causaba graves inundacións nos garaxes do edificio durante os episodios de fortes choivas”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “A veciñanza viña denunciando reiterada o prexuízo que esta situación lle estaba a causar, unha situación límite para eles tras moitos anos de incidencias,  polo que acordamos executar estes traballos de maneira urxente con medios propios do Concello e do Consorcio”.

Os traballos consisten na execución dun desvío da rede que poñería fin ao problema de distribución que caudais que provocaba esta sobrecarga, co obxectivo de que a rede de colectores nese punto sexa capaz de absorber os caudais recollidos

A tal fin executarase un desvío do colector e un novo tramo, cunha lonxitude de 55 m que unirá a o outro pozo de rexistro máis próximo correspondente outro ramal. Ademais substituíronse 30 m de canalización da rede de abastecemento que se atopaba en mal estado.

O Porriño dá o seu maior impulso ao saneamento: en marcha 17 actuacións que suman unha inversión de 2M de euros

Dotar de saneamento a todo o municipio do Porriño foi dende o principio unha premisa do executivo local que preside Alejandro Lorenzo e, tras deseñar a folla de ruta necesaria para ultimar a rede municipal, pon en marcha actuacións que alcanzan unha inversión de case 5 millóns de euros.

Estas levaranse a cabo nas sete parroquias e centro urbano e darán servizo a unha poboación estimada de 1.850 veciños, estendendo máis de 28 km de rede que conectará 604 vivendas aos sistema de recollida de augas residuais do Louro.

Así o anunciou hoxe o alcalde, quen concretou que 1.997.211,93 euros corresponden a actuacións que se están a licitar e se executarán no primeiro semestre deste ano e  2.782.620,47 euros ás que se atopan na fase de redacción de proxectos ou tramitación de permisos sectoriais.

Neste sentido, cabe destacar que o pasado mes de xullo a oposición tumbou no pleno a proposta do Goberno Municipal de invertir parte do remanente de tesourería na redacción de todos os proxectos do plan director e agora, poderá levarse a cabo grazas a unha operación similar da entidade supramunicipal que preside Lorenzo. “No Consorcio aprobamos un crédito extraordinario, financiado co remanente líquido de tesourería, para levar a cabo traballos de abastecemento e saneamento nos catro concellos asociados e, tal e como establecen os estatutos, as contías repartense en función da participación de cada un deles nos ingresos da entidade polo que ao Porriño lle corresponden 1.025.054,46 euros”, explicou o rexedor, quen destacou que parte destas obras “incluíanse tamén no orzamento que presentamos o ano pasado e que tamén foi rexeitado pola oposición. Concretamente eran 3,5 millóns en proxectos de saneamento que agora se farán realidade grazas á xestión realizada por este goberno a través de partidas procedentes do Consorcio, da Xunta de Galicia, do Plan Concellos e fondos propios”.

“Estas actuacións son fundamentais para garantir uns servizos esenciais para a veciñanza que redundan directamente na súa calidade de vida”, concluíu o alcalde, “Por iso o gran reto deste concello é a consecución do saneamento integral. A estes 5 millóns de euros habería que sumar outros 9 máis para chegar aos 14 que se necesitan para completar o plan director e, pese que son consciente de que é un un obxectivo a largo prazo, isto é e seguirá a ser unha prioridade para min polo que seguiremos avanzando na redacción de proxectos con fondos propios”.

Comezan as obras de construción dun muro de contención na Buraca, en Cans

 

O Concello do Porriño, a través da concellería de Vías e Obras que dirixe Ramón Porto, comezou hoxe as obras de execución dun muro de contención de pedra en Lourido, na parroquia de Cans.

Trátase dun muro de 10 ml de lonxitude e unha altura de entre 1,5 e 5 m proxectado para asegurar a estabilidade deste camiño da Buraca que estaba a desplomarse. 

“A situación na que se atopa este camiño supón un risco para os usuarios e o derrube de terras que se estaba a ver agravado coas inclemencias do tempo requería dunha actuación urxente”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

As obras contan cun orzamento de 9.018,09 euros.

O Concello reforza o mantemento do alumeado público para resolver de maneira urxente as avarías causadas polo clima

O Concello do Porriño vén de contratar por emerxencia o reforzo do mantemento do alumeado municipal ante os danos causados polas recentes treboadas.
 
A situación climatolóxica dos últimos meses ten ocasionado moitos danos. Son centos as intervencións do persoal do Concello e moitas máis as incidencias atendidas polos servizos municipais, debido aos fortes ventos, precipitacións que xeraron a caída de lámparas, queima de cadros eléctricos, caída do tendido en lugares con auga encourada que xeran perigo de descarga aos viandante, en suma, inseguridade cidadá tamén por falta de iluminación nos viais públicos. Si a isto lle sumamos a falta de mantemento que a instalación sufríu ao longo dos anos, fai que o persoal propio do Concello non sexa suficiente para repáralo e mantelo en condicións.
 
Por iso, o Concello do Porriño acordou contratar polo procedemento de emerxencia o mantemento do alumeado municipal. Cun orzamento de 27.000 euros reforzarase o traballo do persoal municipal de resolución de avarías e tamén se auditará o estado actual da instalación.
 
“A situación na que se atopa o alumbrado público require de medidas urxentes, xa que co persoal co que contamos no é suficiente e son moitas as incidencias”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo , “Moitos veciños e veciñas están a verse perxudicados por isto e hai que darlles solución, xa que se trata dun servizo público ao que teñen dereito”.
 
 

O Concello do Porriño acomete a reforma da cuberta do Multiusos

O Concello do Porriño vén de tramitar por emerxencia as obras de reparación da cuberta do Multiusos de Torneiros.

Como consecuencia da absoluta falta de mantemento a cuberta do edificio atópase en moi mal estado polo que, dende hai varios anos, estanse a producir entradas de augas pluviais.  Dado inusual réxime de precipitacións e treboadas dos últimos meses as entradas de auga téñense incrementado en grado tal que imposibilitan a práctica das actividades que se desenvolven no mesmo e están a producir importantes danos no interior. ademais de supoñer un risco para usuarios e usuarias das instalacións.

Con tal motivo, dende a concellería de Vías e Obras, que dirixe Ramón Porto, acometeranse de maneira inmediata os traballos de reparación que, tal e como explicou o edil,  inclúen “a limpeza da totalidade dos canalóns perimetrais de recollida de pluviais, reposición das últimas de tella, reposición da estrutura e a xanela de acceso á cuberta e a reposición dos entronques”.

“A situación na que se atopa o edificio nos últimos anos é insostible e, ademais de imposibilitar o normal uso das instalacións, supón un risco para os usuarios e usuarias das mesmas xa que os pasillos e aulas anéganse cando chove”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “A falta de mantemento de moitas instalacións municipais está a causar moitos problemas e traballamos para solventalos á maior brevidade”. 

As obras a executar supoñen un investimento de 22.286 euros.