O Servizo de Infraestruturas da Deputación de Pontevedra fixo chegar ao Concello do Porriño as actuacións previstas no “III Plan Móvese” para aumentar a seguridade viaria nas estradas provinciais que, no que atinxe a este municipio, proxectan instalar “lombos” e pasos de peóns sobreelevados, na E.P. 2401. Concretamente nun treito de 5 quilómetros entre O Porriño e Mosende, proxéctanse 5 redutores físicos de velocidade (lombos) e 8 pasos de peóns sobreelevados.

Ademais estas actuacións de calmado do tráfico levarán aparelladas pequenas reformas dos tramos de beirarrúas e dos espazos de aparcadoiro ao carón dos pasos de peóns para facilitar a visibilidade neses treitos da estrada., como se pode apreciar no gráfico adxunto

As actuacións definidas polos técnicos da Deputación son produto dun proceso participativo co Concello do Porriño e despois dun traballo de campo para analizar as necesidades demandadas para deseñar as solucións técnicas en cada caso.