A concelleira de Vías e Obras, Lourdes Moure anuncia que “a parroquia de Mosende disporá dun novo Centro Cultural en condicións, atendendo deste xeito unha vella demanda veciñal que esta concelleira asumiu como un compromiso político e persoal”, segundo manifestou a segunda tenente alcalde.

O contrato sairá a licitación nas vindeiras semanas cun prezo base de 381.150 euros (IVE incluído). As obras deberán ter un prazo de execución de 9 meses.

A actuación pretende corrixir o problema de espazo actual no centro social existente e prestar un mellor servizo á parroquia de Mosende. A mellora do equipamento tal e como propón o anteproxecto encargado pola concelleira Moure, “permitirá dotar dunha moderna e cómoda instalación na que usuarios como visitantes dispoñan dos servizos axeitados ás súas necesidades”, declarou a edil socialista.

O anteproxecto propón un novo Centro Cultural no que se pretende ubicar un salón multiusos e unha aula polivalente nun novo inmoble de planta baixa nos terreos ao carón do centro social preexistente.

Pretendese executar unha nova edificación, formado por dous bloques, un para un gran salón multiusos e o outro como aula polivalente. Segundo o anteproxecto “trátase dun sólido con cuberta plana de 14 m x 15 m para o salón multiusos e conectado, outro sólido con cuberta plana de 6 m x 13 m para aula polivalente cos aseos e instalacións axeitadas para cubrir as necesidades para persoas con mobilidade reducida que utilicen este equipamento que ocupará una superficie total de 300 metros cadrados.