Os comerciantes do Porriño celebran o Día do Pai sorteando varias tarxetas regalo.
Participar é moi doado. Desde hoxe e ata o 19 de marzo instalarán photocalls na rúa peonil, no barrio de San Benito e na rúa Antonio Palacios e toda aquela persoa que queira participar na campaña ten que facerse unha foto e subila as súas redes –Instagram e Facebook- etiquetando a CCA Morea
Entre todos os participantes sortearanse tres tarxetas regalo de 50 € para canxear nos establecementos pertencentes a Morea. Podes etiquetar tantas fotos como queiras e así terás máis opción! .
O sorteo realizarase o día 20 de marzo e anunciaranse os gañadores a través das redes sociais de CCA Morea, ACIPOR.
O Concello do Porriño xa puxo en marcha o proxecto de sustitución do alumeado público do polígono residencial de Torneiros e parque Piñeiro.
A primeira fase desta actuación xa está aprobada e contempla a renovación de 105 lámpadas por luminarias LED nas zonas peonís das fases II e III. Conta cun investimento de 40.000 euros ao abeiro dunha subvención do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia.
A intervención neste núcleo de vivendas, un dos que máis poboación concentra do municipio, é global e non se limita a esta área. O Concello ten proxectada unha segunda actuación nas fases I e IV, onde se instalarán 51 luminarias LED. Este proxecto supoñerá un investimento de máis de 34.000 euros.
“Trátase de mellorar a seguridade e a calidade na prestación do servizo de alumeado público nesta zona residencial, xa que a instalación actual está obsoleta, ten unha antigüidade de 30 anos”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Coa sustitución das luminarias non só melloraremos os niveis de iluminación e de eficiencia enerxética, tamén se reducirá o consumo, o gasto e contribuiremos á mellora medioambiental coa optimización dos recursos enerxéticos”.
O Porriño contará nas próximas semanas cun área de caravanas e autocaravanas no centro urbano.
Trátase dunha zona que ocupará uns 200 m2 da parcela de Leandro Diz habilitada como aparcamento gratuíto. Os traballos de acondicionamento da parcela xa comezaron e unha vez rematados ofrecerán aparcamento con todos os servizos necesarios para as autocaravanas, ademais da zona habilitada como aparcamento gratuíto que xa está en funcionamento.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, supervisou hoxe as obras de acondicionamento do aparcadoiro, no que se está a instalar a rede de abastecemento e acometidas, sinalización e a renovación do firme.
“Esta era unha demanda que considero tiña que ser atendida, xa que se trata dunha forma de turismo en auxe e o turismo e prestando este servizo potenciamos o turismo na vila, que é sen dúbida un factor de desenvolvemento”, explicou o alcalde, “É unha forma ademais de impedir que as caravanas e autocaravas que chegan ao Porriño se instalen noutros aparcadoiros ante a falta dun aparcamento municipal habilitado”.
O rexedor concluíu engadindo que “se están a estudiar outros espazos para habilitar novas áreas destinadas a este fin”.
O Concello Do Porriño acolleu onte o acto de entrega dos premios ás/os gañadores/as da Ruta de pinchos e tapas `D·Gusta Porriño 2023´, organizada por Ahospor en colaboración co Concello do Porriño.
As dez tarxetas por valor de 50 euros, para gastar no comercio e hostalería local, corresponderon a María Begoña Fernández, Mari Carmen Martínez, Uxía Relova, Ana Cristina Gómez, María Nieves Rey, Maria del Carmen Diz, Cristina Iglesias, Paula Saavedra e Xose Anxo Ferreira. O de maior valor, a tarxeta dotada de 500 euros, foi para o porriñés Iván Coto.
Eles/as foron os agraciados entre os máis de 5.000 trípticos selados que se entregaron e recibiron as súas tarxetas de mans do alcalde, Alejandro Lorenzo, o presidente de Ahospor, José Manuel Fernández, o director de Abanca no Porriño, Jorge García, e o concelleiro Marcos Martínez.
O Concello do Porriño avanza no deseño da súa axenda urbana, un marco de referencia para a planificación estratéxica do Porriño dos próximos anos. Esta inclúe unha diagnose da situación actual, que permitirá identificar e definir as necesidades do municipio e os principais retos a afrontar permitirá acceder de forma máis eficaz e competitiva á financiación precisa.
No marco desta folla de ruta atópase unha intervención global no barrio da Malladoura, que contempla varias intervencións de acondicionamento e humanización na contorna proxectadas para os próximos anos.
Tal e como explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “o barrio da Malladoura era unha das asignatura pendentes no desenvolvemento do centro urbano e a súa mellora vén sendo demandada pola veciñanza dende hai anos polo mal estado no que se atopa”. “A humanización da Malladoura e a súa posta en valor é esencial para conéctalo co resto da vila, máis anda cando o número de habitantes se incrementou notablemente nos últimos anos”, continuou o rexedor, “Por iso proxectamos varias intervencións dirixidas a ofrecer á cidadanía unha contorna máis habitable e un espazo público urbano de calidade”.
Unha delas é a obra de peonalización e construcción de beirarrúas entre a rúa Lugo e a rúa Malladoura. Estes traballos, cuxo preceptivo proxecto técnico xa está en redacción, humanizarán un tramo de preto de 250 m dunha zona de vivendas, na que se acometerán beirarrúas de formigón a ambas marxes da calzada e se dotará da necesaria iluminación.
Proxectase tamén a humanización da rúa Navuxil, con novas beirarrúas e mellora da calzada, nun tramo de 380 m que conecta o penedo da Malladoura coa travesía Antonio Palacios C. Unha zona de moito tránsito de vehículos e peóns ao albergar un colexio. Está mellora completa o proxecto xa redactado de acondicionamento e humanización das rúas que conectan Aloques con Antonio Palacios, que inclúe as rúas Tarela e inicio de Navuxil.
O asfaltado e mellora do saneamento da rúa Lugo e o proxecto de renovación da rede de pluviais que resolvería os problemas de auga na rúa Coruña, xa en redacción, completan as intervencións desta primeira fase.
O Concello de Porriño informa da publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) das bases para a concesión de axudas en materia de rehabilitación e vivenda no entorno residencial de Torneiros. Ábrese agora, pois, previamente á solicitude, un período de información e asesoramento para a obtención da documentación necesaria para o cal dende o Concello poñen a disposición da veciñanza interesada un servizo de asesoramento e atención personalizada, que poderá ser de xeito presencial, con cita previa, ou por teléfono, chamando ao 986 335 000, de luns a venres, de 09.00a 14.00 horas.
Para este proxecto o Concello do Porriño recibiu un millón de euros, no marco do Programa de axudas para a rehabilitación de contornas residenciais a nivel barrio, que se distribuirán en axudas para impulsar medidas de eficiencia enerxética.
Dentro do ámbito delimitado do proxecto, que comprende 945 vivendas en 81 edificios, programouse inicialmente a rehabilitación dun número estimado de 105 vivendas que ocupan 1,38 hectáreas, repartidas en diferentes bloques. Dese millón de euros, 127.575 euros será destinado á urbanización e mellora da contorna, “que se complementa con outras actuacións que estamos levando a cabo para humanizar a zona”, puntualiza o alcalde Alejandro Lorenzo. A parte restante será para axudas a particulares e/ou comunidades de propietarios destinadas á mellora de fachadas, mellora de cubertas, incluíndo aquí a eliminación de amianto, e a substitución de ventás e vidros exteriores, empregando carpintería de pvc e vidro eficiente termicamente, todo elo co obxectivo de conseguir un aforro enerxético.
“Deseñamos un proxecto global para a rehabilitación e posta en valor dos polígonos residenciais de Torneiros, un dos principais núcleos de poboación de Porriño”, explica o alcalde, asegurando que “esta aportación dun millón de euros é o primeiro paso que, seguindo nesta mesma liña de traballo, intentaremos se complemente cunha ampliación de fondos, para así atender ás necesidades que poidan presentar as preto de mil vivendas alí asentadas”.
O importe das subvenciones a particulares dependerá do grado de eficiencia enerxética que se alcance coas obras executadas, e pode ser do 40%, do 65% ou do 80% do orzamento, incluso do 100% cando se identifique un caso de vulnerabilidade
O Concello do Porriño comeza o ano cun sorteo entre os clientes do comercio local, da praza de bastas e da hostalería do municipio.
Ao longo destas festas, todos os establecementos están a repartir boletos cos tíckets de compra, os cales deben ser cubertos e depositados nas urnas instaladas para tal fin no Concello e na praza de abastos ou tamén se poden entregar no propio establecemento.
O sorteo celebrarase na véspera de Reis, o venres 5 de xaneiro, e del sairán os cinco boletos premiados con cadansúa cesta de produtos. O Concello repartiu máis de 6.000 boletos entre todos os establecementos para que os entregasen aos seus clientes trala compra.
“Trátase dunha nova iniciativa de impulso do comercio de proximidade e da hostalería local, a primeira doutras moitas que chegarán ao longo deste 2024 co fin de apoiar os establecementos porriñeses, incentivando entre a veciñanza o consumo e as compras na propia vila”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo.
Logo do acendido das luces e instalación de decorado de Nadal, o inicio da música das rondallas e outras actividades propias destas datas, quedaba por inaugurar o mercadillo de Nadal no Porriño. Será o vindeiro luns cando as dez casetas de madeira instaladas na Praza do Cristo abran ao público en horario e mañá e de tarde ata o domingo 7 de xaneiro, no que se ofrezan produtos artesanais, decoración, alimentación, complementos ou agasallos, entre outros artigos, todos eles relacionados co Nadal.
Nesta primeira quenda, que se prolonga ata o 27 de decembro, os dez postos son os que seguen:
O horario de apertura dos postos será de luns a xoves e domingos, de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas; os venres e sábados, de 12.00 a 22.00 horas; os días 24 e 31 de decembro e 5 de xaneiro abrirán só de mañá e os días 25 de decembro e 1 de xaneiro permanecerán pechados