O Porriño acolle esta fin de semana unha nova edición de “Merca na rúa”

O Porriño acolle esta fin de semana a XXVI edición da feira de oportunidades “Merca na rúa”, que como sempre se desenvolverá na zona peonil do centro urbano da vila.

Participarán máis de vinte stands con ofertas nunha ampla de produtos e sectores. Roupa, calzado, óptica, mercería ou accesorios son algún dos artigos nos que poderedes conseguir descontos desde 60% e ata o 70%.

O evento, organizado pola Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (Acipor) en colaboración co Concello do Porriño, terá lugar o sábado 10  en horario ininterrumpido de 10 a 21 h e o domingo 11 de 11 a 20 h.

Ademais, para facilitar as compras ás familias, haberá inchables para os máis pequenos e unha visita moi especial, a dos Bolechas que estarán no Merca na Rúa o sábado pola tarde a partir das 17: 30 h.

Esta edición garda unha sorpresa moi especial, a que nos ten preparada a pequena pianista Dasha, que ofrecerá un concerto o sábado a partir das 19:30 h na praza Arquitecto Antonio Palacios.  

O domingo pola tarde, a partir das 17 h recibiremos a visita das persoaxes máis famosas de Disney e pechará a programación un concerto a partir das 20h. 

O alcalde, Alejandro Lorenzo, convidou a toda a veciñanza “a encher as rúas unha vez máis e disfrutar da vila mentres se benefician dos mellores descontos, á vez que contribúen a dar pulo ao noso comercio local”.

O alcalde preside a inauguración da nova tenda de Avatel no Porriño

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, presidiu hoxe a inauguración da nova tenda de Avatel na localidade, acompañado polo tenente de alcalde, Abel Estévez, o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Bienvenido Estévez, a directora de Tendas de Avatel, Paola Mirasol, e o responsable da firma no Porriño, Carlos Garabatos.

O operador de telecomunicacións líder no segmento rural, implantou a súa infraestrutura de banda ancha no  Porriño co obxectivo de potenciar a súa transformación dixital, facilitando o mesmo nivel de conectividade a Internet que se goza nunha gran urbe. Grazas a iso, máis de 5.000 fogares e familias porriñesas xa teñen acceso dá a nova rede de fibra óptica que despregou a compañía, e que alcanza capacidades de 1GB.

Ademais, a infraestrutura da operadora levou conectividade a Internet por primeira vez ás vivendas do Polígono Torneiros, onde ata o de agora carecían dela.

O rexedor  e a directora de Tendas de Avatel, Paola Mirasol, mantiveron unha reunión sobre a marcha do proxecto con motivo da inauguración da tenda na localidade, situada na rúa Antonio Palacios. Nela, puxeron en valor o investimento da operadora no municipio, realizada con fondos propios, para crear a rede de conectividade ultrarrápida para o acceso a Internet no centro urbano. Así mesmo, este investimento fixo posible a creación postos de traballo de comerciais e técnicos. 

Lorenzo mostrou a súa satisfacción pola apertura dun novo establecemento na localidade e incidiu no “imprescindible de contar con fibra óptica para os veciños e veciñas de Porriño” Segundo o alcalde “a conectividade neste momento é algo tan importante como calquera outro dos servizos esenciais” e por iso ofrece toda a colaboración da administración local ás operadoraspara conseguir que o despregamento de fibra chegue a todas as vivendas do termo municipal.

Pola súa banda, Paola Mirasol agradeceu a colaboración municipal para facer posible o despregamento. Sinalou que “chegamos para quedarnos, para facer cidade e converternos en parte activa do tecido porriñés. Avatel conecta co Porriño no seu carácter emprendedor e innovador. E mantén o espírito do operador local, próximo ao cliente, escoitando as súas necesitades e implicándose co seu tecido social”. 

Pola súa banda, Carlos Garabatos, responsable de Avatel no Porriño, asegurou que “estamos moi ilusionados con este proxecto, que creou emprego local e vén sumar: a conectividade fai posible acceder a servizos dixitais avanzados, plataformas de lecer e abre oportunidades de desenvolvemento económico ligadas á dixitalización das empresas existentes e ao nacemento de outras”.

Catro novos traballadores incorpóranse ao persoal do Concello

O Concello do Porriño contará durante un ano con catro traballadores máis no seu cadro de persoal que reforzarán as áreas de emprego e formación, urbanismo e administración xeral. Todos/as eles/as son mozos/as que terminaron os seus estudos hai menos de tres anos e que se atopaban en situación de desemprego.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado pola concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, recibiunos no seu primeiro día de traballo para darlles a benvida e poñerse á súa disposición. “Esta é unha oportunidade para vós, xa que ides adquirir experiencia e coñecementos que de seguro vos servirán na vosa carreira profesional, pero tamén o é para o Concello e para o Porriño”, afirmou o rexedor, “Sodes moi necesarios, así que benvidos e imos traballar en equipo”.

Trátase de dous graduados/as en Dereito, unha graduada en Educación Social e unha graduada en Psicoloxía contratados ao abeiro do programa provincial “Primeira Experiencia Profesional” que ten por obxecto dotar ás persoas mozas desempregadas, mediante un contrato de traballo, dunha primeira experiencia para a adquisición de competencias e habilidades sociais e profesionais.

Os nenos e nenas protagonistas do día do mercado

Coincidindo coa celebración do Día Internacional do Mercado, os nenos e nenas do Porriño foron hoxe os clientes preferentes da Praza de Abastos.

Os participantes no “MercaPorri”, actividade organizada pola concellería de Mercado que dirixe Antía Carrera, fixeron as súas compras na praza co seu “diñeiro MercaPorri”, que lles daba acceso a agasallos. Os máis pequenos puideron coñecer así aos praceiros e praceiras da vila, a súa profesionalidade, o seu bo facer e a gran variedade de produtos que ofrecen.

No seu empeño de poñer en valor a Praza de Abastos municipal, o Concello do Porriño sumouse á campaña da Xunta “Quere o teu mercado”, que a nivel internacional está organizada pola World Union of Wholesale Markets (Unión Mundial de Mercados Mayoristas) con motivo do do Día Internacional do Mercado.

Ademais das actividades infantís, todos os usuarios e usuarias da praza levaron hoxe as súas bolsas e mandís de regalo.

O Porriño contará cun Punto de Información Catastral desde este mércores

O Concello do Porriño contará desde este mércores  cun Punto de Información Catastral, un servizo gratuíto que estará ubicado nas oficinas do departamento de Urbanismo (2ª planta-Casa Consistorial).

A través deste servizo a veciñanza poderá obter certificacións, localizar parcelas, realizar trámites en liña como presentación de documentación catastral, recursos, contestar requerimentos catastrais, cambios de dominio, así como asistencia e información en materia catastral. Tan só é preciso a presentación do DNI.

O PIC estará aberto ao público os mércores de 16 h a 19 h. É recomendable solicitar cita previa, indicando o trámite a realizar. Pode facerse a través do teléfono 986 335 000, a través da Sede Electrónica ou presencialmente no Departamento de Urbanismo.

O Concello pecha coa CMVMC de Torneiros a cesión dunha parcela para habilitar aparcamentos na Fase I

 O Concello do Porriño e a Comunidade de MontesVeciñais en Man Común de Torneiros asinaron hoxe o convenio de cesión que permitirá á administración local facer uso duns terreos situados frente á Fase I do polígono residencial de Torneiros.


Concretamente, trátase dunha parcela segregada de 914 m2, propiedade dos comuneiros, que o Concello do Porriño destinará a ampliación do viario e a habilitar novas prazas de aparcamento na zona.


O acordo asinado hoxe transmite a propiedade e a posesión do terreo á administración local e lexitima ao Concello á ocupación do solar e a realizar no mesmo as obras oportunas.


“Trátase dun acordo que levaba tempo negociándose e que permitirá reordenar o tráfico nesa zona e habilitar algunhas prazas de aparcamento para a veciñanza da Fase I, que carece de zonas onde estacionar preto das súas vivendas”, explicou o rexedor, Alejandro Lorenzo, quen agradeceu á CMVC de Torneiros “a súa disposición a chegar a acordos en beneficio dos veciños da súa parroquia”.

A vangarda da investigación e a innovación ten selo porriñés

O novo executivo continúa a súa rolda de visitas nos polígonos industriais para coñecer a fondo a situación actual da actividade empresarial e de I+D+i do Porriño, co obxectivo de establecer posibles vías de colaboración en materia de emprego e formación, entre outras.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Urbanismo, Antía Carrera, visitaron esta mañá as instalacións do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) acompañados polo seu director xeral, Luis Moreno, e o director da división de ITS e Electrónica, Francisco Sánchez.

Con máis de 900 empregados, o 80% deles titulados superiores, o centro tecnolóxico ubicado no Porriño sitúase á vangarda da investigación e da innovación, con máis de 50 proxectos colaborativos en marcha.

“O potencial da CTAG reside sen dúbida nos seus recursos humanos, que tal e como nos refire o seu director, son o seu maior activo”, apuntou o rexedor, “Isto supón unha enorme oportunidade para O Porriño, pois as nosas mozas e mozos poden formarse e desenvolver a súa profesión ao máis alto nivel sen necesidade de marcharse”.

Lorenzo destacou que a “capacidade innovadora do centro tecnolóxico e o seu volume  de investimento en ensaios e estudos fai que necesiten incorporar persoal cualificado de maneira constante”  e nese sentido tendeu a man do  concello para colaborar en materia de recursos humanos.

Lanzadeira de CTAG

Os representantes municipais coñeceron tamén en profundidade un dos seus proxectos máis recentes, o shuttle (lanzadeira) do CTAG, un vehículo de aspecto futurista que abre a porta ao transporte de pasaxeiros eléctrico, intelixente, autónomo e sostible.

Tras coñecer as características do proxecto e incluso realizar un recorrido de proba, valórase a posta en marcha dunha experiencia piloto en Porriño que permita coñecer o funcionamento deste bus nunha contorna aberta no que teña que interactuar con tráfico real. 

O Porriño propón a contratación de 43 persoas desempregadas para apoiar os servizos municipais

O Concello do Porriño vén de presentar un plan de apoio á prestación de servizos municipais que permitirá a contratación de 43 persoas desempregadas que desenvolverán función nos diferentes departamentos municipais.

“Os cidadáns do Porriño cumpren co seu deber e pagan os seus impostos e o Concello debe cumprir co seu e prestar en condicións os servizos públicos”, explicou o Alcalde, Alejandro Lorenzo, “Moitos destes servizos non se estaban a prestar de maneira axeitada,  a situación que nos atopamos é nefasta e o persoal co que contamos insuficiente. Por iso deseñamos este plan de reforzo do persoal que nos permitirá non só poner a funcionar o Concello e impulsar novas iniciativas, senón tamén incorporar ao mundo laborar a 43 persoas que neste momento se atopan en situación de desemprego”.

A tal fin, o Concello fará a maior aportación de fondos que se fixo ata o de agora. O custe deste programa laboral roza o medio millón de euros: 450.489 euros, dos cales 226.489 corresponden á solicitude cursada ao ente provincial e os 224.061 corren a cargo do Concello.

As persoas que se van contratar terán que estar inscritas no Servizo Público de Emprego que será o encargado de facer a preselección, por iso é importante que todos aqueles interesados se inscriban xa nas diferentes ocupacións para cando se presenten as correspondentes ofertas de emprego.

Impulso dos servizos municipais

 Os traballadores integraranse nos diferentes servizos e departamentos municipais. No departamento de Obras contrataranse a dous oficiais de primeira  carpinteiro, un oficial de primeira soldador, tres oficiais de primeira albaneis, sete peóns de obra pública, dous oficiais de primeira electricista, un oficial de primeira fontaneiro e un oficial de primeira tractorista/conductor de grúa.

Entre as funcións que desempeñarán neste departamento está o mantemento e reparación de parques infantís e instalación deportivas, construcción e reparación de beirarrúas, mantemento de instalacións municipais, transporte de material ou roza.

No caso do departamento de Parques e Xardíns incorporaranse doce peóns forestais, que desempeñarán tarefas de rozado e retirada de vexetación e maleza nos viais das parroquias e traballos de recollida de entullos e o mantemento e mellora dos xardíns.

Un auxiliar de enfermería dará respaldo á Unidade Asistencial a Drogodependentes, un auxiliar administrativo ao Departamento Servizos Sociais e dous para o Departamento de Cultura que desenvolverán función de información e atención aos usuarios da Biblioteca municipal.

Tamén se contratará un titulado na Diplomatura ou Grao de Turismo para traballar no desenvolvemento do Departamento de Turismo e un técnico en informática que se precisa no Departamento de Novas Tecnoloxías.

Posta en marcha de Porremprego

No tocante ao Departamento de Emprego e Formación proponse a contratación de dous orientadores laborais. Un dos piares básicos da xestión deste novo goberno será a posta en marcha de novo de Porremprego:  restablecer as acción formativas e as relacións co tecido empresarial da contorna e a bolsa de emprego local, como ferramenta clave para aumentar as posibilidades de empregabilidade.

Conserxes para a praza de abastos, aula de estudio e pavillóns municipais

 Incorporaranse seis conserxes aos departamentos de Deportes, Mercados, Persoal e Cultura que se encargarán da apertura, peche, vixilancia e atención ao cidadá dos pavillóns municipais, o Concello, aula de estudio e a Praza de Abastos.

 

 

 

 

 

 

 

 

Por un Porriño máis habitable: en marcha un plan de mellora das beirarrúas do casco urbano

O Concello do Porriño executará un ambicioso plan de obras para mellorar a accesibilidade das rúas do centro urbano.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado do edil de Vías e Obras, Ramón Porto, e a arquitecta municipal, visitaron a zona onde se proxectan as primeiras intervencións.

Intervirase en seis viarios e as obras consistirán na renovación das beirarrúas das rúas Pinar, José Fernández López, Enrique Peinador, Doutor Paz Varela e Tranvía, que presentan un importante e crecente estado de deterioro. Tamén se acometerán melloras nas das rúas  Codesal e  Cruceiro,  onde se eliminarán os afundimentos existentes, e repararanse os bordos e baldosas rotos ou desprazados.

Planéase tamén ampliar beirarrúas en varios tramos para mellorar o tránsito de peóns, conservando as árbores existentes e plantando algúns exemplares novos, e intervir en puntos nos que se detectaron barreiras arquitectónicas que limitan a accesibilidade a persoas con mobilidade reducida.

A planificación do  concello inclúe tamén a renovación do firme de varios destes viais.

En definitiva, trátase de adecuar, potenciar e acondicionar o que é un dos principais itinerarios peonís da vila.

“Falamos dunha obra moi necesaria para o tránsito de peóns que ao mesmo tempo recuperará a estética dunha das zonas máis concorridas do Porriño”, explicou o alcalde, “Estas rúas dan acceso ao Centro de Saúde, ao instituto, aos colexios e a moitos servizos que cada día usan os porriñeses, ademais que contar coa maior densidade de poboación do centro urbano. É unha das principais arterias do municipio e debe ser accesible, habitable e  disfrutable”.

O rexedor concluíu explicando que se trata só do primeiro dos proxectos de obra encargados dentro do plan de mellora da accesibilidade do centro urbano. “Somos conscientes de que non é o único punto do centro que presenta carencias neste sentido”, afirmou, “As necesidades que presenta Porriño son moitas e é necesario planificar as actuacións.  Desa maneira poderemos dar resposta a todas elas”.

 

O novo Goberno Municipal presentará un recurso para recuperar 645.000 euros perdidos do REACPON para humanizar Antonio Palacios

O novo goberno municipal, presidido por Alejandro Lorenzo, recurrirá o ditame da Deputación de Pontevedra que desestima a achega ao Concello do Porriño ao abeiro do programa REACPON. 

O proxecto de humanización e prolongación da rúa Antonio Palacios presentado polo anterior executivo local para a súa financiación con fondos provinciais non acadou o 50% da puntuación requerida nas bases.

“Falamos de 645.000 euros que nos permitirían levar a cabo unha obra de gran interese para o casco urbano e moi demandada polos veciños á que non podemos renunciar por unha mala xestión”, explicou Alejandro Lorenzo, “Faremos o que estea nas nosas mans para recuperala, comezando pola presentación dun recurso de reposición para que se revise o proxecto”.

A rúa Antonio Palacios ten un gran tránsito, tanto rodado como peonil, polo que sería adecuado levar a cabo as obras precisas que garantan a seguridade peonil e de circulación, proxectar pasos de peóns sobre elevados, plantar árbores e ademais de dispor zonas de uso e disfrute para a veciñanza e a creación dun carril bici.