Presentada a 24ª feira de oportunidades “Merca na Rúa”

Sergio Casal, concelleiro de Comercio e Noelia Conde, xerente da asociación de comerciantes do Porriño (ACIPOR) presentaron hoxe a edición número 24 da feira de oportunidades “Merca na rúa” que terá lugar a vindeira fin de semana do sábado 1 e domingo 12 de setembro, co patrocinio do Concello do Porriño.

Haberá 26 postos de venda, colocados na zona peonil, cunha ampla representación de sectores e produtos. “Desde roupa e calzado ata lencería, mercería, óptica e accesorios. E con descontos do 50, 60 e ata o 70%”, segundo indicou a voceira de ACIPOR.

O concelleiro Casal Quintas chamou “a toda a veciñanza porriñesa a acudir, participar e mercar porque fai falla o noso máximo apoio ao comercio local neste intre de dificultades”.

Neste ano 2021 non houbo feira en primavera, debido ás restricións pola pandemia. 

Os organizadores anunciaron que os postos de venda estarán abertos o sábado 11 entre as 10:00 e as 21:00 horas; e o domingo 12, entre as 11:00 e as 20,30 horas.

Amais haberá actividades de entretemento e de lecer para cativos cun parque de inchables, xogos populares, títeres e personaxes de Disney. 

 

A xunta de voceiros municipais debateu novas propostas de axuda á economía local e futuros convenios coas comunidades de montes

 

O alcalde accidental, Pedro Pereira presidiu hoxe a reunión da xunta de voceiros municipais que abordou dous asuntos: novas propostas de axudas á economía local e a negociación de convenios coas comunidades de montes.
O concelleiro de Promoción Económica, David Alonso solicitou aos restantes grupos da corporación que fixeran as súas propostas sobre que destino darlle aos cartos sobrantes do fondo de axudas Covid que ao longo deste ano repartiu o Concello entre establecementos de hostalería, comercio, autónomos e micro empresas que as solicitaron. A partida era de 140.000 € dos que se entregaron achegas por importe de 112.280 € polo que a cantidade nos disposta é de preto de 28.000 €.
Acordouse que o concelleiro daralle forma a unha proposta para habilitar unha convocatoria de axudas á que poderán presentarse establecementos, autónomos e micro empresas que non tiveran recibido anteriormente achegas desta liña de axudas ”Porriño Impulsa”.
Por outra banda, Pedro Pereira, en condición de concelleiro de Patrimonio Municipal informou aos voceiros dos grupos da corporación que está a negociar coas comunidades de montes. Trasladoulles un borrador de convenio coa comunidade de montes de Budiño que establece unha cesión de uso dos locais namentres non haxa unha resolución xudicial firme. Pereira Fernández informoulles que tamén está a traballar e negociar outro convenio similar coa comunidade de montes de Atios.

 

Convocada xunta de voceiros municipais para debater novas propostas de axudas á economía local e convenios coas comunidades de montes de Atios e Budiño

O xoves 5 celebrarase xunta de voceiros municipais, convocada ás 12,30 horas, con dous asuntos na orde do día que se comunicou aos grupos políticos da corporación.

Por unha banda trasladase á consideración dos voceiros municipais, a proposta de convenios coas comunidades de montes de Atios e Budiño, negociados polo concelleiro de Patrimonio Municipal, Pedro Pereira.

E por outro lado, por iniciativa do concelleiro de Promoción Económica, David Alonso debateranse novas propostas de axuda á hostalería e outros sectores da economía local cos cartos sobrantes do fondo de axudas Covid, dotado con 140.000 euros que se habilitaron polo Concello para este exercicio. Dese total abonáronse nestes meses trancorridos, 112.280 euros en axudas económicas directas á hostalería, comercio, autónomos e micro empresas que se destinaron polos solicitantes a pagos de alugueres, hipotecas, mercadorías, subministracións e gastos xerais. 

De xeito que hai un sobrante de algo máis de 27.000 euros para destinar ás novas propostas de axudas que se traten pola xunta de voceiros municipais. 

O luns recuperarase a atención presencial nas oficinas do Concello, sen cita previa, agás en Servizos Sociais

 

A partires do vindeiro luns 2 de agosto, as oficinas do Concello do Porriño recuperarán a atención presencial en todas as dependencias agás no departamento de Servizos Sociais. Nas oficinas de Servizos Sociais manterase un control de aforamento e requirira cita previa para atención, aínda que se simplificará a petición por teléfono ou en persoa.

A resolución adoptouse este mediodía na reunión da Comisión Municipal de Seguimento da Covid, que implementou o acordo que tomou o pleno da corporación local na sesión do pasado mércores.

Na reunión da Comisión de Seguimento da Covid que presidiu a alcaldesa, Eva García de la Torre comentáronse as medidas que a Xunta de Galicia aplicará no Porriño, nomeadamente no sector da hostalería, ao atoparse este concello no nivel alto de restricións.

A Comisión decidiu non aplicar medidas adicionais agás o incremento da vixilancia a cargo da Policía Local no mercado ambulante dos martes.

Ao termo da reunión a alcaldesa Eva García declarou o seu malestar porque “de novo sexa o sector da hostalería o que ten que cargar coa maioría das restricións”.

Coa terceira quenda de solicitudes resoltas, o Concello adxudicou un total de 112.280 € en axudas económicas pola Covid

Un total de 112.280 euros e o importe final das axudas económicas directas adxudicadas polo Concello ao longo deste ano 2021 para paliar as consecuencias das restricións pola Covid entre os sectores da hostalería, comercio, autónomos e micro empresas do Porriño.

Coa resolución da terceira quenda de peticións que decidiu o tribunal avaliador, rematouse esa parte do proceso. Aínda resta rematar cos pagos das últimas axudas concedidas. Ata o momento abonáronse axudas por un importe de 60.667 euros e restan por pagar 50.112.

Segundo os datos do expediente tramitado polo Servizo de Intervención Municipal, das 115 solicitudes presentadas, tan só denegáronse 29 peticións por non cumprir cos requisitos da convocatoria.

O destino destas axudas, segundo as solicitudes presentadas, é para pagar alugueres, hipotecas, seguros, mercadorías, subministracións e gastos xerais.

Como finalmente dispuxéronse 112.280 euros con cargo ao fondo total de 140.000 euros que acordou por unanimidade o pleno da Corporación Local do Porriño, o goberno municipal deberá decidir o destino do remanente sobrante de común acordo cos restantes grupos políticos, previa consulta nunha xunta de voceiros para escoitar propostas.  

O fondo de 140.000 euros para axudas Covid foi dotado mediante recursos propios do Concello, a través dunha modificación de crédito, e coa achega concedida pola Deputación de Pontevedra.

 

Terceira quenda de axudas económicas municipais pola Covid á hostalería, comercio e autónomos

Este xoves 15 reunirase o tribunal de avaliación das solicitudes que aínda restaban por atender para acceder ás axudas económicas directas municipais para establecementos de hostalería, comercio, micro empresas e autónomos do Porriño afectados polas restricións durante este ano 2021.

Será a terceira quenda de achegas pola Covid, ás que se presentan medio cento de solicitantes que tiveron que aportar documentación que lles faltaba, segundo adiantou David Alonso, concelleiro de Promoción Económica.

Ata o momento dispuxéronse de 96.393 euros con cargo ao fondo total de 140.000 euros que acordou o pleno da Corporación Municipal do Porriño, dotado mediante recursos propios do Concello, a través dunha modificación de crédito, e coa achega concedida pola Deputación de Pontevedra.

O destino destas axudas, segundo as solicitudes presentadas, é para pagar alugueres, hipotecas, seguros, mercadorías, subministracións e gastos xerais.

O Concello resolve unha segunda quenda de axudas pola Covid, por importe de 35.647 € para hostalería, comercio e autónomos

O Concello do Porriño informa da resolución dunha segunda quenda de axudas económicas directas pola Covid deste exercicio 2021, que atenden a 27 solicitantes entre establecementos da hostalería, comercio, micro empresas e autónomos do municipio.

O importe das achegas municipais desta segunda quenda é de 35.647 euros. De esa cantidade total, 23.726 € son para peticionarios de axudas por peche total da súa actividade, namentres que os 11.741 € restantes son para atender solicitudes por cese parcial da actividade.

Este lote de axudas únese ao primeiro que supuxo achegas por un valor de 60.926 euros. O destino destas axudas, segundo as solicitudes presentadas, é para pagar alugueres, hipotecas, seguros, mercadorías, subministracións e gastos xerais.

Ata o momento dispuxéronse de 96.393 euros con cargo a fondo total de 140.000 euros que acordou o pleno da Corporación Municipal do Porriño, mediante recursos propios do Concello, a través dunha modificación de crédito, e coa achega concedida pola Deputación de Pontevedra.

En breve haberá unha terceira quenda de concesión de axudas para atender outras solicitudes que aínda deben completar documentación requirida e que serán revisadas polo tribunal de avaliación, segundo manifestou David Alonso, concelleiro de Promoción Económica.

Concedido o primeiro lote de axudas económicas directas do Concello á hostalería, comercio e autónomos por un importe de 60.926 €

O tribunal de avaliación formado por técnicas municipais e presidido polo concelleiro de Emprego, David Alonso resolveu hoxe o primeiro lote de axudas económicas directas outorgadas polo Concello do Porriño a establecementos de hostalería, comercio e autónomos que as solicitaron polo impacto dos peches derivados da pandemia.

Nesta primeira quenda, adxudicáronse axudas por un total de 60.926 euros. Trinta desas axudas por peche total da actividade por un importe de 42.926 € e quince por cese parcial da actividade, por un valor global de 18.000 euros.

O destino destas axudas, segundo as solicitudes presentadas, é para pagar alugueres, hipotecas, seguros, mercadorías, subministracións e gastos xerais.

Nesta primeira quenda denegáronse 20 solicitudes de axudas que xa notificáronse aos interesados para que resolvan a deficiencias e volvan a presentarse. Nas vindeiras semanas, haberá unha próxima reunión do tribunal de avaliación para outorgar novas axudas con cargo ao fondo total de 140.000€ que acordou o pleno da Corporación Municipal do Porriño.

Os concelleiros de Comercio e Emprego apadriñaron a presentación da plataforma “ROOMBO” para reparto a domicilio no Porriño

Os concelleiros, David Alonso, de Emprego e Novas Tecnoloxías, e Sergio Casal, de Comercio, apadriñaron a presentación da plataforma “ROOMBO” de reparto a domicilio que leva funcionando semana e media no Porriño. O seu franquiciado local, Alberto Parada e representantes do sector hostaleiro local asistiron ao acto informativo, celebrado esta mañá no salón de plenos do Concello.

“ROOMBO” funciona como una aplicación (“app”) que pode descargarse gratuitamente para teléfonos móbiles “IOS” ou “Android”. Permite encargar comida a domicilio e pagar a golpe de “clic”. O reparto faise con tres persoas nun radio de 8 quilómetros e de momento, hai sete establecementos do Porriño adheridos á plataforma que son: “Hamburguesería Alhambra”, “Galibar”, “Pastelería D’Carlo”, “Argentino2”, “Don Kebab”, “Pantera” e “A Tentación”.

O promotor local, Alberto Parada explicou que “é unha plataforma 360, é dicir que estamos abertos non só a restaurantes senón tamén para calquera comercio que desexe incorporarse e utilizar este escaparate para realizar as súas vendas”.

O presidente da Asociación de Hostaleiros do Porriño, José Manuel Fernández subliñou que “parécenos unha aplicación moi interesante xa que non ten custe engadido nin require investimento algún e tan só supón un pequeno desconto da comisión que cobra a plataforma”, manifestou o máximo responsable de “AHOSPOR”.

Sergio Casal felicitou ao promotor da plataforma e aos primeiros hostaleiros que se adheriron namentres David Alonso eloxiou “a idea que mellora a competividade dos hostaleiros, a accesibilidade da veciñanza a novos servizos e que ademais crea postos de traballo”.

Outorgada licenza de obras á empresa que vai xestionar a futura gardería do Polígono da Granxa

A empresa que vai xestionar a futura escola infantil no Polígono Industrial A Granxa dispón de licenza municipal do Concello do Porriño para executar as obras de acondicionamento do local cedido pola Zona Franca. O espazo ten una superficie de 448 metros cadrados e o orzamento estimado das obras é de algo máis de 55.000 euros.

A documentación aportada pola mercantil que dirixe Beatriz Cabaleiro informouse favorablemente e a licenza de obra outorgouse con data de onte, 20 de maio, firmada polo concelleiro responsable de Infraestruturas, Pedro Pereira.

Zona Franca cedeu e entregou as chaves en abril de seis locais na planta baixa do Centro de Servizos en A Granxa onde a firma “Trastes” xestionará una escola infantil con 74 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos, así como servizos complementarios de 3 a 8 anos.

A futura entrada en funcionamento desta gardería “atenderá unha vella demanda dos empresarios e traballadores dos polígonos industriais do Porriño. Como institucións públicas temos que favorecer e facilitar a conciliación familiar e laboral”, segundo declarou a alcaldesa, Eva García de la Torre.