80 composteiros para vivendas unifamiliares serán distribuídos polo Concello en colaboración co “Plan Revitaliza”

Oitenta composteiros individuais para vivendas unifamiliares serán repartidos próximamente a través do Concello do Porriño para extender a compostaxe nesta vila. Esta mañán persoal do “Plan Revitaliza” da Deputación Provincial fixo unha acción informativa e de recollida de solicitudes de composteiros, a través dun stand que montou na praza Arquitecto Antonio Palacios en colaboración co Concello. Sergio Casal, concelleiro de Medio Ambiente compartiu cos mestres composteiros as explicacións ós interesados en coñecer as vantaxes da compostaxe.

O compost converte os restos de comida e vexetais en fertilizante natural. Para compostar é preciso mesturar o lixo orgánico con restos leñosos e secos de podas, serraduras, follas… A transformación pódese realizar en calquera casa ou zona comunitaria mediante un composteiro, sen ningún tipo de mecanismo nin gasto de mantemento. Non esixe máis que o desexo de facelo e, en tempo, uns dez minutos á semana. O lixo diario que se xera nos fogares contén  un 53 % de materia orgánica que pode ser reciclada e retornada á terra en forma de humus para plantas e cultivos. De cada 100 quilos de lixo orgánico obtéñense entre 10 e 15 quilos de compost.

 

Por outra banda, o Concello do Porriño “tamén se acolle a compostaxe coa biotrituración dos restos das campañas de limpeza forestal e desbroce que se están a realizar”, manifestou o concelleiro de Medio Ambiente, Sergio Casal . A biotrituración realizouse en Cataboi en colaboración co Plan Revitaliza como se aprecia nas imaxes adxuntas,

 

 

 

O pleno ordinario de setembro marcado polo cambio climático

A corporación local do Porriño aprobou ata tres mocións diferentes para expresar a súa preocupación pola situación de emerxencia climática que terá expresión na participación o vindeiro venres na Xornada Mundial contra o Cambio Climático. Escolares e estudantes de todos os centros de ensino do Porriño concentraránse ante o consistorio a mediodía e contarán coa adhesión do Concello.
As mocións aprobadas polo pleno municipal son coincidentes no seu corpo argumental ainda que teñen matices. Foron presentadas polo PP, BNG e EU Son.

No que atinxe a outros asuntos, a petición de realizar cambio de sentido do tráfico na rúa Salgueira, prantexada por EU Son desestimouse.
A moción presentada polo PP sobre un suposto incumprimento de contratos da empresa “Ascan Servicios Urbanos” quedou enriba da mesa, a proposta do propio voceiro popular. Alejandro Lorenzo argumentou que prefería pospoñer o debate ata disponer “dun informe que revise os contratos o seu grado de cumprimento”.


Por unanimidade aprobouse establecer como os dous festivos locais no calendario laboral de 2020, o luns 13 de xullo (porque San Bieito caerá en sábado) e o 28 de setembro, Luns do Cristo.
Nesta sesión despidiuse como concelleira Ana Belén Crespo, do grupo municipal do BNG o que se comunicará á Xunta Electoral para iniciar o proceso de sustitución por outra integrante da candidatura do partido nacionalista.

Convocada para o venres 20 Comisión Municipal previa ó pleno ordinario de setembro

Esta mañan a alcaldesa Eva García firmou e comunicouse a convocatoria da Comisión Municipal previa ó Pleno da Corporación Local de Porriño. A comisión informativa convocada é a de Parques, Xardíns, Limpeza, Industria e Mercados. Reuniráse o venres 20, ás 19 horas.
Deberá informar sendas mocións. Unha presentada polo PP que prantexa un suposto incumprimento de contratos da empresa “Ascan Servicios Urbanos” polo que na súa dispositiva propon que “o Servizo de Contratación do Concello revise os contratos adxudicados a Ascan” e por outra banda “instar á empresa a realizar un informe sobre o cumprimento das súas ofertas nas respectivas licitacións”.

A outra moción que deberá informar a Comisión Municipal foi presentada polo BNG e atinxe á movilización mundial convocado para o vindeiro 27 de setembro polo clima. A moción do Bloque prantexa que a Corporación acorde apoiar a movilización do vindeiro día 27. Asimesmo a moción solicita que o Concello de Porriño acometa diversas iniciativas como reclamar á Xunta de Galicia que desenvolva un marco lexislativo de estratexias concertadas con todos os axentes para loitar eficazmente contar o cambio climático e crear un gabinete de acción en coordinación con outras institucións fronte á emerxencia climática”.

Ambas mocións e outras que xa foron informadas con anterioridade formarán parte da orde do día do pleno ordinario de setembro da Corporación Local que vaise celebrar o mércores 25.

O GOBERNO MUNICIPAL CO APOIO DA MAIORÍA SALVAGARDA OS PAGOS ÁS EMPRESAS E PROVEEDORES DE PORRIÑO

O Goberno Municipal de Porriño co apoio da maioría da corporación “garante o pagamento ós empresarios e proveedores de Porriño fronte á política de atrancos do PP que ainda non asumiu que non gobernará este concello neste mandato”, manifestou Eva García, alcaldesa da vila.

De xeito que a maioría da Corporación coa suma de votos de concelleiros do PSOE, EU Son, BNG e grupo mixto (Manuel Carrera) derrotou as propostas do Partido Popular durante a sesión celebrada este mediodía.


O PP pretendía con este pleno extraordinario convocado pola súa iniciativa, frear os pagos a proveedores e empresas oponiéndose ás mdoficacións de crédito prantexadas. Asimesmo o PP demandaba” unha revisión de oficio de toda a facturación dos exercicios 2016, 2017 e 2018 para depurar as irregularidades que se tiveran cometido”, segundo expusou o voceiro Alejandro Lorenzo.


“Iso suporía atrancar o funcionamento do Concello de Porriño durante anos e terminar pagando con xuros o que se debe” respostou Lourdes Moure, concelleira de Fazenda que lembrou o voceiro da oposición “cando vostede estivo no goberno municipal con Nelson Santos aprobaron pagos de facturas por 18 millóns de euros mediante modificións de créditos e recoñecementos extraxudiciais e ninguén falaba de revisións”, sinalou a voceira socialista.
“Unha revisión xeral de oficio da facturación pendente sería unha temeridade” segundo Manuel Carrera mentres que Pedro Pereira e Pedro Ocampo tamén coincidiron en manifestar durante o pleno o seu rexeitamento a unha revisión de oficio “que sería unha temeridade” apostillou o voceiro do BNG. Pola súa banda Ocampo fixo a observación de que na conta 413 “sí se revisarán algunhas das facturas segundo acordamos na comisión informativa”, extremo co que estiveron dacordo BNG e PSOE.
Os concelleiros do PP presentaron votos particulares contra as modificacións de crédito propostas polo goberno municipal. Os votos particulares foron derrotados e as propostas do goberno municipal sairon con 9 votos a favor (PSOE, EU Son, BNG e Carrera) e 8 abstencións (PP).
Unha desas modificacións de crédito, polo tanto aprobada hoxe, por importe de 473.000 euros é para pagar facturas con recoñecemento extraxudicial a dez empresas por servizos e obras. A aprobación da operación garante o pagamento en breve.
A outra modificación é por importe de 1.700.000 euros. O acordo adoptado hoxe pola maioría da Corporación determina a xeneración do crédito para o pagamento a 238 proveedores e empresarios do Concello de Porriño. Agás aquelas facturas que deban ser revisadas segundo acordaron en comisión PSOE, EU Son e BNG. Para as restantes ainda restará a súa ratiticación no seguinte pleno que será o ordinario de setembro.

Outro punto da sesión era a ratificación do contrato coa empresa “Ascan” para a limpeza viaria conforme decidiu hai meses a mesa de contratación. O PP pretendía derogar esa adxudicación alegando supostas deficiencias na prestación e tamén prantexou un voto particular que foi derrotado pola maioría da corporación. Sergio Casal, concelleiro de Medio Ambiente do goberno municipal defendeu a adxudicación que” foi decidida nunha mesa de contratación con catro técnicos sen intervención de políticos”.
A adxudicación a “Ascan” foi ratificada con 7 votos a favor (PSOE, EU Son e Carrera) e 10 abstencións (PP e BNG).

Por último, nesta sesión plenaria quedaron finalmente aprobadas as retribucións da alcaldesa e concelleiros que forman o goberno municipal en réxime de adicación exclusiva, asunto que quedou pendente no pleno municipal do pasado 12 de xullo.

RETIRADOS PERTO DUN CENTENAR DE NIÑOS DE VELUTINAS DENDE XUÑO POR TODO PORRIÑO

No que vai de verán, retiraronse no Porriño perto dun centenar de niños de velutinas tanto no centro urbán como nas diferentes parroquias do termo municipal en concidencia ca época estival.

Na última actuación, polo de agora, persoal do “Grupo Etano” e o concelleiro de Medio Ambiente, Sergio Casal retiraron o luns cinco niños de velutinas cuia presencia foi advertida polos veciños. Os niños retiraronse nos lugares de Cantoña, Pousadelas e Outeiro, na parroquia de Pontellas así como no barrio do Carracido. Estaban en árbores, nunha chimenea e no chan ó pé dun viñedo. Segundo o grado de dificultade e altura tiveron que empregarse os tres sistemas que utilizan as brigadas é dicir pértiga, disparo co inxección de veneno ou queima nos casos máis sinxelos. Tres deles aparecen nas fotografías que adxuntamos.

O concelleiro Sergio Casal explicou que están a atender semanalmente “unha media duzia de casos dende o 21 de xuño”. Ponderou “a colaboración dos veciños que diariamente comunican a presenza de niños de velutinas, a través do teléfono do Concello (986 335000) ou ben en persoa, unha cooperación que lles agradecemos”, rematou o concelleiro.

O Catrastro insta ó Concello de Porriño a acometer unha revisión pendente dende hai 34 anos

Fernando Baena, xerente da Oficina do Catastro para a provincia de Pontevedra, reuniuse hai uns días coa alcaldesa Eva García, membros do equipo de goberno e staff técnico do Concello para prantexar “a urxente necesidade de abordar unha revisión dos valores catastrais no termo municipal”.

Segundo as explicacións de Baena, o Catastro advirte ó Concello de Porriño de que o retraso en revisar a ponencia de valores que está vixente dende 1985, “constitue un agravio comparativo cos outros concellos da provincia xa que existe a obriga legal de revisión cada cinco ou dez anos”.

Durante estes 34 anos intentouse actualizar os valores catastrais no periódo 2003/2010 pero a proposta de revisión tumbouse por falla de apoio político pola maioría da corporación municipal.

Neste novo mandato, o equipo de goberno do Concello ante esta advertencia do Catastro convocará cando se reanude o novo curso político, á volta das vacacións, unha xuntanza de portavoces para trasladar este asunto ós voceiros dos restantes grupos municipais da corporación e procurar un consenso o máis amplo posible para afrontar a revisión catastral.

“Debería acometerse unha actualización dos valores catastrais que son os que se empregan para determinar o Imposto de Bens Inmobles (IBI)  tanto nas construccións urbanas como no rural así como nos polígonos industriais que non cotizan –agás no de As Gándaras- posto que resulta evidente que nestes 34 anos transcurridos Porriño medrou moítisimo tanto en poboación como en inmobles, particularmente nos asentamentos industriais existestes no termo municipal”, indicou a alcaldesa.

Nestas tres décadas transcorridas a poboación aumentou máis de 5.000 habitantes polo que Eva García engadiu  que “a máis veciños no Porriño, hai máis demanda de servizos públicos pero acontece que a maior fonte de financiación do Concello que son os ingresos por impostos, de xeito sobranceiro polo IBI, está menoscabada pola falta de actualización do Catastro” explicou a alcaldesa.

A xuizo de Eva García “a situación máis rechamante dase nos polígonos de promoción industrial (PPI´s) que proliferaron nestas tres décadas e que non cotizan IBI e por tanto as empresas radicadas neles non contribuen ni cumpren co principio de igualdade”, engadiu Eva García de la Torre. Tamén suliñou Eva García “a necesidade de correxir situacións de agravio comparativo como a que se da, por exemplo, entre Torneiros, unha das zonas máis deprimidas do termo municipal onde os veciños están a pagar percentualmente máis IBI que os veciños do centro de Porriño onde o valor de mercado das vivendas é indiscutiblemente moito maior”.

O Concello de Porriño recaudou en 2018 algo máis de 1,7 millóns de euros polo IBI. Estimase que a inclusión das numerosas altas que se producirían xunto coa actualizaciñon de valores podería supoñer triplicar esa recaudación o que redundaría en máis capacidade orzamentaria para atender e mellorar servizos para a comunidade. 

PLENO DE ORGANIZACIÓN DA NOVA CORPORACIÓN MUNICIPAL: HABERA SEIS ADICACIÓNS EXCLUSIVAS COAS MESMAS RETRIBUCIÓNS DO 2018

A Corporación Local de Porriño terá catro grupos políticos (PP, PSOE, BNG y EU Son) e un concelleiro polo grupo mixto que será Manuel Carrera. Conforme a lexislación vixente Carrera non pode constituirse en grupo político da UDDL por ter tan só un concelleiro.
Asimesmo determinaronse os voceiros de cada grupo: polo PP, Manuel Alejandro Lorenzo; polo PSOE, Lourdes Moure; polo BNG, Pedro Pereira; por EU Son Porriño, Pedro Ocampo y Manuel Carrera polo grupo mixto.
A sesión tamén determinou por maioría (PSOE, BNG, EU Son e Carrera) a periodicidade dos plenos corporativos que serán mensuais, o último mércores, ás 18 horas. Na semana anterior e tamén en mércores, terán lugar as reunións das comisións municipais informativas. En ambos puntos, o PP abstívose porque entendía mellor celebrar plenos cada dous meses e do mesmo xeito coas comisóns.
Finalmente haberá sete comisións informativas:
Urbanismo, Medio Ambiente, Obras e Infraestructuras
Economía, Fazenda e Persoal
Contas
Seguridade, Policía, Protección Civil e Mobilidade
Parques, Xardíns, Limpeza, Industria e Mercados
Deportes, Cultura, Xuventude e Festas
E finalmenete Servizos Sociais e Igualdade.
En cada comisión o PP terá 4 concelleiros; PSOE, 2; BNG, 1; EU Son, 1 e Grupo Mixto, 1.

O derradeiro punto da orde do día determinaba as adicacións e retribucións do mebros do goberno municipal.
Haberá 6 adicacións exclusivas que corresponden á Alcaldesa Eva García e ós concelleiros Lourdes Moure, Sergio Casal e David Alonso, polo PSOE, e Pedro Pereira e Ana Belén Crespo, polo BNG como resultado do pacto de goberno que está prácticamente negociado entre ambas as dúas forzas políticas.

As retribucións dos membros do goberno municipal serán as mesmas contempladas no Orzamento Municipal en vigor sen o incremento que debería engadirse polo que determina o Real Decreto 24/2018. Ese natiz deu lugar a un debate intenso entre os voceiros do BNG e EU Son.
Finalmente Os votos dos 8 concelleiros do PP e os 2 de EU Son Porriño, derrotaron a proposta que votaban PSOE, BNG e Manuel Carrera.
Deste xeito e ata a elaboración dun novo orzamento Municipal, as retribucións dos membros do goberno serán as mesmas que tiñan en 2018.

As brigadas municipais están a traballar nos desbroces e limpeza nas parroquias

As brigadas municipais están a traballar nestes días nas labouras de desbroce e limpeza, baixo a dirección do novo concelleiro Sergio Casal. Os traballos fixeronse en Chenlo, Mosende Atios e tamén en parques públicos de Porriño.
As tarefas desenrolanse en colaboración coas comunidades de montes para dar cumprimento á normativa da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia sobre franxas de seguridade pola prevención de lumes forestais.

Comezou polo edificio de “Instalauto” a colocación de xaulas para controlar a poboación de pombas na cidade

Persoal especializado da empresa “Rentokil” comezou a colocación de xaulas para controlar a poboación de pombas. Na imaxe adxunta observase a que se situou no edificio abandoado de “Instalauto”, o carón da Praza Central. Precisamente nese punto do casco urbán así como noutros producironse queixas reiteradas de taxistas, locais de hostalería e moitas comunidades de veciños de edificios o que motivou que o Concello de Porriño, ante estas peticións contratase á empresa “Rentokil” para controlar a poboación de pombas mediante métodos de loita biolóxica.

A empresa que ten sede no polígono porriñés da Granxa, obtivo a semana pasada a correspondente autorización da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia para iniciar as labouras de trampeo que se alongarán durante un ano, a través de accións mensuais.

Polas estimacións dos técnicos de “Rentokil”, uns 300 exemplares compoñen a poboación de pombas que actualmente hai no centro urbán da cidade.

A colocación de xaulas para a captura destes animais realizaráse tamén no edificio do Concello, na praza Arquitecto Antonio Palacios. En ambos os dous comprobouse que as pombas colocan os seus niños e polo tanto se concentran en eles a meirande parte destas aves.

CONCELLO DE PORRIÑO SUBVENCIONA UNHA CAMPAÑA DE ESTERILIZACIÓN DE GATOS PROMOVIDA POLA PROTECTORA DE ANIMAIS

Directivas da asociación “Lena Protectora de Animais” estiveron hoxe no Concello de Porriño para comentar os preparativos da campaña de esterilización de gatos que emprenderán a partir da vindeira semana no centro urbano da cidade. Reunironse coa alcaldesa, Eva García e a concelleira de Seguridade, Lourdes Moure.
Segundo as estimacións que deu a coñecer a protectora hai no Porriño trece colonias que acumulan 165 gatos que viven nas rúas cos riscos de saude pública conseguintes.
A protectora trasladou hai tempo este problema ó Concello e prantexou que a administración municipal subvencionase unha campaña de esterilización para deter o aumento de gatos nas rúas.
Voluntarios da Protectora, coa colaboración dunha clínica veterinaria local,levarán a cabo a campaña que segue o método “CES” (coller, esterilizar e soltar) conforme as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS).
A duración da campaña será de doce meses e o importe que subvencionará o Concello de 3.000 euros.