O goberno municipal de Porriño cos votos dos concelleiros do PSOE, BNG, EU Son e Manuel Carrera acadou desbloquear parte dos pagos pendentes de facturas que se viñan arrastrando desde hai tempo. Do total que se levaba a aprobación plenaria acadouse aprobar ós pagos de case que 1,7 millóns.
Os acordos económicos foron o aspecto máis sobranceiro do pleno municipal ordinario de outubro que se celebrou onte anoite cunha duración de tres horas e media e vinte asuntos na orde do día.
A tal fin aprobaronse dous créditos extraordinarios para ir pagando 1.738.000 euros de facturas da conta 413 e para abonar 473.000 euros de facturas que xa contan con sentencias xudiciais favorables.
Ademáis aprobouse outro crédito extraordinario por importe de 468.000 euros para satisfacer a débeda con “Eulen” pola prestación de servizos na piscina municipal.
Mediante os acordos plenarios aprobados na sesión de onte anoite, serán pagadas asimismo unha primeira remesa de facturas incluídas na conta “413”. Abonaránse 389.000 € polos traballos de descontaminación do lindano; 202.000 € a “Naturgy” por suministros eléctricos; 119.000 € a “Eulen” por traballos na piscina municipal e 10.800 € ó Consorcio de Augas do Louro.
A cantidade restante ata completar a partida de 1.738.000 euros quedou pendente de completar os informes para ser levada en breve a un pleno extraordinario que se celebrará no vindeiro mes de novembro segundo anunciou Eva García, alcaldesa de O Porriño.

No transcurso do pleno aprobouse por unanimidade, de xeito definitivo, a Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello do Porriño feito que agradeceron funcionarios municipais presentes no salón de plenos cun aplauso ós corporativos.

Tamén aprobaronse por unanimidade a adxudicación do servizo de axuda no fogar (SAF); os costes do servizo de recollida de lixo así como do Punto Limpo do Concello do Porriño e a partida orzamentaria para os salarios dos membros do goberno municipal (modificación da base 27 dos orzamentos do Concello). Precisamente nesta sesión tomou posesión do seu escano e estreouse a nova concelleira do BNG, Cami Moreira.

Polo contrario quedou pendente a ratificación da adxudicación do servizo de limpeza viaria á firma “Ascan” que será levada a un próximo pleno municipal.

Noutra orde de cousas acordouse nomear ós representantes do Concello de O Porriño para a Comisión Especial de deslinde co Concello de Mos. Finalmente a proposta da alcaldesa e coa conformidade dos restantes grupos municipais, o PP integrará unha concelleira, Antía Carrera á devandita comisión. Os restantes representantes serán Eva García (PSOE), Pedro Ocampo (EU Son), Pedro Pereira (BNG) e Manuel Carrera (UDDL), todos eles ratificados polo pleno corporativo.

Entre as mocións debatidas aprobouse por maioría a proposta por EU Son para revisar o contrato de renting para renovación do parque móbil municipal ainda que o asunto quedou supeditado a comparecencia da concelleira de Seguridade nun vindeiro pleno extraordinario que se vai celebraro o mércores 6 de novembro. Tamén por maioría acordouse implementar unha achega extraordinaria ó Porriño Baloncesto Base así como ós clubs de futbol de Mosende e Budiño e á asociación de enfermos de silicose.
E por unanimidade a corporación porriñesa acordou solicitar á Consellería de Educación a reforma integral ou ben a construcción dun novo edificio para o CEIP Fernández López que xa ten 40 anos de antiguidade.