“Porriñesa de Canteiras S.A.” (POCASA) realizará o vindeiro mércores 11 o acto final da restauración do terreo da “Canteira Ferro” despois de 6 anos de traballos para a súa rehabilitación e devolución ó Concello de O Porriño. A alcaldesa, Eva García de la Torre asistirá ó acto.
O terreo, como pode observarse nas fotografías, xa está preparado para acoller a prantación dun milleiro de piñeiros que terá lugar ese día. Alumnos dos centros de educación “Aceesca”, de O Porriño, e “Juan María”, de Nigrán serán os encargados de facer a prantación das árbores.
Segundo informa Jorge Massó, responsable da firma “POCASA”, necesitaronse medio millón de metros cúbicos de materiais para o recheo da vella explotación de granito “Rosa Porriño”. De feito “POCASA” foi “a primeira entidade en presentar un proxecto de rehabilitación ó abeiro do Real Decreto 975. Deste xeito liberase unha parcela de 3 hectáreas que deixa de ser mineira e devolvese ó Concello do Porriño, unha vez rehabilitada”, explicou o responsable da firma graniteira.
No acto do mércores, previsto a partires das 10,30 da mañán, tamén asistirá Juan Gónzalez, alcalde de Nigrán (pola súa relación co centro “Juan María”) e por suposto unha representación da Dirección Xeral de Minas.