Porriño é un dos concellos elixidos para un programa de descontaminación e recuperación de terras afectadas por líndano

 

A alcaldesa Eva Garcia anunciou aos membros da Comisión Especial do Líndano que O Porriño é un dos cinco municipios seleccionados, entre 33.000 ubicacións existentes en Europa afectadas por líndano, para desenvolver un programa de localización, bio-remediación e recuperación dos terreos afectados.

 “É un programa piloto da Unión Europea, ben dotado economicamente, que tamén pon o acento no aspecto social para evitar a estigmatización de territorios contaminados e recuperar a súa posta en marcha”, engadiu.

A rexedora explicou que horas antes da reunión da Comisión Especial Municipal, mantivo unha reunión de traballo con técnicos da empresa pública aragonesa “Sarga” (Sociedad Aragonesa de Gestión Agroambiental) que é unha das concesionarias do financiamento con fondos europeos que resultou elixida pola UE para o desenvolvemento do programa.

Garcia de la Torre sinalou que todos os traballos en marcha “éste con financiamento da Unión Europea é o máis emocionante e ambicioso xa que non só pretende a localización e remediación dos puntos do verquido, tamén propón avanzar na recuperación da terra como solo residencial”.

A alcaldesa participou esta información aos portavoces dos grupos municipais de PP, PSOE, EUSON e BNG que asistiron á Comisión Especial, xunto con representantes da plataforma de afectadas, asociacións veciñais, sindicatos e a organización “Ecoloxistas en Acción” que se incorporou desde onte.

No transcurso da reunión da Comisión, realizada de xeito presencial, o primeiro tenente de alcalde, Pedro Pereira informou das calicatas que está facendo “Geocysa” en preto de 80 puntos do término municipal, por encargo da Xunta de Galicia.  Tamén informouse dos traballos doutra empresa, “Edafotec” para desenvolver un sistema de biodegradación do líndano.

O mércores 24 reunirase de novo a Comisión Especial do Líndano

 

A alcaldesa Eva Garcia asinou hoxe a convocatoria da Comisión Especial para a Descontaminación de Líndano, que se reunirá de novo o mércores 24, ás 19:00 horas, no salón de plenos do Concello.

Nesta reunión, o goberno local informará sobre as calicatas que están a desenvolver no municipio as empresas “Geocysa” e “Edafotec”.

Esta Comisión constituíuse o 19 de febreiro de 2020, para cumprir un mandato da corporación que aprobou unha moción formulada polo grupo municipal de EU SON que propiciou o acordo plenario unánime para a creación desta Comisión Especial.

Forman parte da mesma todos os grupos políticos da corporación (PP, PSOE, EU SON, BNG e UDDL). Tamén están representadas as Consellerías de Medio Ambiente e de Sanidade da Xunta de Galicia; os tres principais sindicatos (CCOO, UXT e CIG); representantes veciñais de Relva, Alba e San Salvador; a Plataforma de Afectados polo Líndano e, a partir deste vindeiro mércores, incorporase a asociación “Ecoloxistas en Acción”.

Un contedor amarelo xigante fronte á Casa Consistorial explica o reto “Recicla e Supérate”

Un contedor amarelo xigante instalado fronte á Casa Consistorial, actuando de expositor efémero para aprenderlle á cidadanía como reciclar adecuadamente no colector amarelo e así superar o reto “Recicla e Supérate”, promovido dende Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en colaboración coa entidade sen ánimo de lucro, dedicada á reciclaxe e á economía circular, Ecoembes.

Esta acción de impacto na rúa desenvólvese de simultaneamente nos 15 concellos galegos convocados nesta segunda edición do reto que ten como obxectivo último incrementar a conciencia de reciclaxe e seguir afianzando o hábito continuado entre a poboación.

Este reto ten unha premisa sinxela: os concellos participantes que melloren, cando menos un 10% a súa achega ao contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks) entre o 1 de febreiro e o 30 de abril, comparado co mesmo período do ano anterior, conseguirán un premio de 2.000 euros para dedicar a unha causa social local da súa elección.

O reto está convocado nos 15 concellos que participan nesta segunda edición e que terán que superarse a si mesmos. Concretamente, <<Recicla e supérate. Únete ao reto!>> desenvólvese en Ourense, Ferrol, Arteixo, Carballo, Ribeira, Ponteareas, Lalín, O Porriño, Boiro, Teo, A Estrada, Sanxenxo, Tui, Viveiro e Cambados.

Para conseguir que os concellos superen o Reto, están programadas unha serie de accións de comunicación coas que preténdese comprometer aos concellos e á cidadanía na mellora das cifras de reciclado de envases de plástico, latas e briks, nos seus respectivos municipios.

É por isto que durante os 3 meses de duración do reto, desenvolveranse diferentes actividades de comunicación como a instalación de contedores amarelos xigantes e stands/colectores, a planificación de intensas campañas en medios de comunicación e redes sociais etc. que teñen como finalidade animar á cidadanía a participar á vez que se lles aprende como reciclar mellor.

O Concello realizou unha nova entrega de trampas contra a velutina

A Concellería de Medio Ambiente, a través do seu responsable, Sergio Casal, entregou a José Porto, en representación dos apicultores do Porriño, materiais para a loita contra o avance da vespa velutina.

O concelleiro entregou 120 litros de líquido atractivo e 30 trampas para protexer as colmeas da abella autóctona e a produción do mel galego.

Sergio Casal explicou que con esta nova achega xa hai máis de 300 trampas instaladas e distribuídas entre os produtores de todo o municipio para combater a praga da avespa velutina.