O Porriño contrata a esterilización da súa poboación felina

O Concello do Porriño promove unha campaña de control da poboación felina en liberdade a través da cal se esterilizarán 150 gatos que forman parte das colonias controladas no municipio.

A concellería de Medio Ambiente, que dirixe Antía Carrera, vén de formalizar o contrato mediante o cal a clínica veterinaria Canis, sita no Porriño, levará a cabo a esterilización de 120 femias e 30 machos. O importe da campaña ascende a 9.540 euros.

Utilizarase o sistema CES (Captura, Esterilización e Solta) para evitar o crecemento descontrolado da poboación de gatos. Un equipo de voluntarias e voluntarios acreditados polo Concello encargaranse de coller aos animais e facer o seu seguimento.

“Imos seguir apostando por este sistema porque permite facer un control ético das colonias”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Temos o compromiso firme de alcanzar o máximo nivel de protección e benestar dos animais, ademais de asegurar a súa convivencia coa veciñanza.  Nesa liña traballamos”.

No mesmo sentido se manifestou a concelleira de Medio Ambiente. “No Porriño temos algunhas colonias felinas urbanas e periurbanas controladas e a esterilización mellora a vida dos animais e diminúe considerablemente o tamaño dos grupos”.

Persoal especializado limpará o manantial da fonte de San Sebastián para asegurar a súa potabilidade

O Concello do Porriño vén de recibir o resultado das analíticas realizadas ao manantial que abastece a Fonte de San Sebastián, que permanecía pechada tras detectarse contaminación na auga.

A análise realizada na mina determina que os valores paramétricos alterados (microorganismos aerobios 22ºC e bacterias coliformes) xa se atopan dentro dos límites que garanten a potabilidade da auga.

“Para maior seguridade dos usuarios e usuarias, é preciso que persoal especializado acometa a limpeza do manantial que abastece á fonte e valore, se é preciso, proxectar a canalización do caudal no tramo ata o grifo”, explicou o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, “Queremos asegurarnos de que non se producen filtracións contaminantes como a que obrigou a cortar o subministro”.

“Sabemos que esta fonte ten un gran valor, non só patrimonial senón tamén funcional, xa que son moitos os veciños e veciñas da vila que consumen esa auga cada día, e que supón un gran perxuizo que non esté en funcionamento”, concluíu o alcalde, “Pero estamos facendo o necesario para restablecer o subministro o antes posible con todas as garantías sanitaria, o importante é asegurar que a auga mantén a súa calidade e é apta para consumo”.

Dende o Concello informan tamén que xa se deu orden de retirar o valado que protexía a fonte e limitarase á zona do grifo, para permitir o uso e disfrute do resto do entorno.

 

O Concello do Porriño actuará con contundencia ante os verquidos ilegais

Dende a Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Antía Carrera, advertiuse hoxe que o Concello do Porriño actuará con contundencia ante os verquidos ilegais que se están a detectar no municipio.

A concelleira amosou a súa preocupación polo aumento de depósitos de residuos en zonas non permitidas do municipio e recorda que se trata de acción ilegais que conlevan importantes sancións económicas.

En moitos casos trátase de neumáticos que están sendo tirados en vertedoiros ilegais. “Tal e como recolle a normativa sobre a xestión de neumáticos fora de uso o almacenamento dos mesmos tense que levar a cabo en condicións de seguridade e salubridade adecuadas e en instalacións que cumpran coas condicións establecidas na deVandita normativa”, explicou a edil, Antía Carrera, “Do mesmo xeito , a norma que regula os residuos e solos contaminados recolle expresamente que está prohibido o abandono, verquido ou eliminación incontrolada de neumáticos fora de uso en todo o territorio nacional ao igual que o depósito en vertedoiro de neumáticos fora de uso”.

As sancións que conleva imcumprir esta norma son considerables: desfacerse de neumáticos non usados en zonas non autorizadas supón unha multa de 901 ata 45.000 euros.

Pola súa banda, o alcalde Alejandro Lorenzo, explicou que “estes verquidos non son só unha falla de civismo, senón que supoñen un deterioro grave para o medio ambiente e por iso dende o Concello serán perseguidos”. O rexedor concluíu apelando á colaboración cidadá para “poner fin a estas prácticas que nos perxudican a todos e todas”.

Número para a recollida de entullos: 665 571 555

Por outra banda, a concellería de Limpeza, que dirixe José Carlos González lembra que deixar enseres na vía pública sen previo aviso está prohibido conleva unha sanción de 600 euros.

 

O Porriño recupera un dos seus tesouros naturais: o Paseo do Louro

O Goberno Municipal do Porriño, que preside Alejandro Lorenzo, vén de poñer en marcha un plan de  recuperación e acondicionamento do paseo do río Louro a fin de recuperar este espazo como a alternativa verde de lecer saudable.

A tal fin, o rexedor anunciou hoxe que xa se traballa na licitación do mantemento e limpeza da senda fluvial. “O paseo do Louro é un lugar moi frecuentado polos veciños e veciñas para facer deporte ou pasear ao carón do río e é esencial que estea en boas condicións para poder disfrutar da contorna natural que ofrece”, explicou Lorenzo, “É o pequeno pulmón verde do centro urbano e neste momento atópase en moi malas condicións, por falta de mantemento, limpeza e iluminación”.

No marco deste plan de recuperación, iniciase tamén o acondicionamento funcional e estético da senda que discorre ao carón do río e das súas pontes. Unha labor que levarán a cabo os 10 alumnos/as traballadores/as da especialidade de carpintería do Obradoiro de Emprego Porriño Labora, promovido polo Concello do Porriño a través dunha subvención da Xunta de Galicia.

O rexedor, acompañado pola concelleira de Emprego, Rosario Costas,  persoal do Obradoiro de Emprego e técnicos municipais, visitou hoxe a zona para valorar sobre o terreo as accións que se van a acometer.

“Realizaranse reparacións no valado de madeira do paseo, repararemos os tramos das pontes que se atopan en mal estado e recuperaranse os bancos  que hai na senda que están deteriorados”, apuntou o Alcalde, “Tamén se ampliarán tramos con pavimento de madeira para poder pasear con comodidade, en definitiva, arranxaranse todos os elementos que se atopan na senda respectando a contorna natural”.

Pola súa banda, Rosario Costas, quixo destacar que estes obradoiros de emprego son “unha moi boa oportunidade para as persoas que carecen de formación xa que, se obteñen por un lado formación certificada con Certificados de Profesionalidade válidos en todo o país e á vez perciben un soldo”.  

A Xunta destina 3M de euros á retirada e descontaminación de lindano no Contrasto

A Xunta de Galicia investirá 3 milóns de euros nos traballos de retirada e descontaminación dos residuos de lindano no viario principal do Contrasto, en Torneiros, unha obra que comezará este ano.  Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao alcalde Alejandro Lorenzo nunha reunión que mantiveron esta semana para abordar este e outros asuntos de interese para O Porriño.

A conselleira explicou ao rexedor que con cargo aos orzamentos da Xunta deste ano xa se está actualizando o proxecto para intervir na pista municipal do Contrasto polo que estima que, tan pronto como se complete este paso, poderá iniciarse a tramitación do contrato para executar as correspondentes obras.

“Sempre defendín que problema do lindano hai que abordalo con decisión, non chega con discursos baleiros nin promesas”, defendeu o rexedor, “Para iso é necesario un plan de acción, un esforzo investidor e un compromiso firme de respaldo e colaboración entre administracións, co que dende logo contamos”.

Lorenzo incidiu en que “neste proceso é esencial ir da man dos veciños e veciñas máis afectados” e valorar xunto a eles cada paso. “A descontaminación do municipio é unha responsabilidade que debemos asumir non só para coidar a saúde dos porriñeses e porriñesas de hoxe, senón para deixar un Porriño mellor para os de mañá”, concluíu o alcalde, “Pero as adminsitracións temos que informar e, sobre todo, escoitar á veciñanza durante este proceso. Trátase dun proxecto común de presente e de futuro”.

O novo goberno municipal potenciará a atención cidadá e a transparencia, e dedicará unha concellería á terceira idade

 

O alcalde Alejandro Lorenzo fixo público hoxe o reparto de responsabilidades e delegacións entre os seus concelleiros. Destaca a creación das áreas de Atención Cidadá e Transparencia que dependerán da concelleira Antía Carrera.

A subliñar tamén a creación da área de Terceira Idade que desenvolverá Ascensión Rosario Costas. Trátase dunha concellería específica para dar resposta ás necesidades dos nosos maiores e garantir que a nosa vila ofreza a calidade de vida que merecen, traballando conxuntamente co resto de departamentos.

DISTRIBUCIÓN DE ÁREAS E DELEGACIÓNS 

O propio alcalde, Manuel Alejandro Lorenzo levará tamén as áreas de Economía e Persoal.

Abel Estévez, que será o primeiro tenente de alcalde dirixirá Seguridade, Policía Local, Protección Civil, Voluntariado, Deportes e Benestar Social.

Carolina González, segunda tenente alcalde, desenvolverá as delegacións de Educación, Uned e Programas Europeos; Igualdade; Sanidade e Normalización Lingüística.

Ramón Porto será o concelleiro responsable de Vías, Obras e Servizos

Antía Carrera levará Urbanismo, Patrimonio Municipal do Solo, Contratación, Comercio, Mercado, Atención Cidadá e Transparencia, e Medio Ambiente.

José Carlos González terá as competencias de Parques e Xardíns; Limpeza; Lixo e Cemiterios.

Bienvenido Estévez colle as competencias de Traída de Augas Veciñais; Asociacións; Parroquias; Novas Tecnoloxías; Xuventude; Cultura e Festas.

Por último, Ascensión Rosario Costas asume a nova área de Terceira Idade e ademais as deegacións de Industria, Turismo, Formación e Emprego.

“EQUIPO POR E PARA PORRIÑO”

As competencias repártense entre os oito concelleiros do equipo. A idea é desenvolver un traballo transversal e coordinado que beneficie á cidadanía”, explicou o alcalde.

Trátase de “un equipo por e para Porriño”, afirmou Alejandro Lorenzo como síntese do esquema de traballo que propón.

“Xorden problemas e demandas cotiáns que non afectan só a un ámbito senón ao conxunto do Concello e tamén a diversos sectores da poboación e por iso son necesarias actuacións integrais para optimizar os recursos dos que dispoñemos, aproveitar as sinerxías, e dar unha maior eficiencia e eficacia. calidade do servizo que prestamos”, engadiu o rexedor municipal.

Alejandro Lorenzo mostrouse satisfeito de ter un equipo cohesionado que traballe xunto e témolo“. E citou como proba diso” o traballo da brigada de Deportes que se encarga de arranxar os parques infantís; ou a cooperación das concellerías de Vías e Obras, Servizos, Limpeza Viaria, Parroquias e Asociacións nas actuacións urxentes de lavado e limpeza como a que hoxe se leva a cabo no entorno da Igrexa de Santa María”, concluíu Alejandro Lorenzo.

Entrega do último lote de composteiros de 2021

 

A Concellería de Medio Ambiente citou hoxe a unha parte dos solicitantes de composteiros para vivendas unifamiliares que está a entregar o Concello do Porriño.

As veciñas e veciños aos que se adxudican este lote, de 50 composteiros, acudiron ás instalacións do Multiusos de Torneiros onde recibiron unha charla divulgativa a cargo de Emilio Rodríguez Cochón, mestre composteiro e técnico superior de residuos do Concello.

Mañá martes haberá unha segunda quenda, no mesmo lugar, para completar a información e entrega deste último lote de composteiros, correspondentes ao ano 2021.

“SOGAMA” cedeu eses 50 composteiros ao Concello do Porriño que se reparten entre os solicitantes no prazo que rematou hai uns días.

Anúncianse traballos de poda

 
A Concellería de Medio Ambiente comunica que o vindeiro luns 15 comezarán traballos de poda en diversas rúas do municipio. Xa se están colgando avisos veciñais con cuartéis como os das imaxes adxuntas.
Unha primeira quenda de obra afectará á rúa Codesal. Haberá que restrinxir o uso de seis prazas de aparcadoiro na rúa, entre as pitó da mañá e ás tres da tarde.
 
 

Novos contedores para o aceite usado nas parroquias e no centro

 
A Concellería de Medio Ambiente informa que comezou a instalación dos novos contedores de aceite usado que se distribuen en todas ás parroquias e no centro da vila.
 
O Concello procedeu a instalación destes contedores para a recollida de aceites vexetais usados domésticos, distribuídos polas parroquias de Atios (2 unidades), Budiño (3 unidades), Cans (1), Chenlo (1), Mosende (1), Pontellas (1), Torneiros (3) e Santa María de Porriño (11), ademais de un contedor no Punto Limpo municipal.
 
A xestión integral do residuo correrá a cargo dunha empresa externa especializada no sector. No convenio establecido coa empresa, inclúese a opción de adhesión por parte dos locais de hostalaría, colectividades e restauración para a xestión dos seus aceites vexetais usados domésticos.
 
Con esta acción o Concello de Porriño da cumprimento ao estipulado no novo marco legal autonómico sobre este fluxo residual e afonda na circularidade da súa xestión, xa que evita o seu vertido a rede de saneamento ou a súa mestura con outros residuos e facilita a súa recuperación para ser reutilizado.
 

Xornada de Formación sobre Compostaxe nos Centros de Ensino



O Concello de Porriño, a través da Concellería de Medio Ambiente, organizou unha Xornada de Formación sobre Compostaxe, realizada no Multiusos de Torneiros, dirixida a persoal docente e directivo de varios centros de ensino da vila que van realizar compostaxe.
Nesta quenda participaron CEIP da Ribeira; CPR Santo Tomás; ACEESCA; CPR Hermanos Quiroga e IES Ribeira do Louro.

Entregáronse composteiros polo Concello (cedidos por SOGAMA) aos centros solicitantes. A xornada impartida polo mestre composteiro Emilio Rodríguez Cochón, técnico do Concello, tivo coma finalidade estender a práctica da autocompostaxe polos centros de ensino do municipio, fomentando a prevención da xeración de residuos e así acadar unha xestión máis sostible do lixo.