O Concello do Porriño vén de iniciar o proceso para a creación dun refuxio de protección animal municipal. O executivo, que preside Alejandro Lorenzo, formalizou o contrato para a redacción do anteproxecto -cun orzamento de 17.545 euros- de construción dun refuxio municipal de acollida de animais como alternativa ao actual sistema de recollida, que terá como fin recoller, coidar e xestionar as adopcións responsables de cans e gatos. Todo baixo o principio de sacrificio cero.

As instalacións construiránse nunha parcela municipal ubicada no Polígono de A Granxa de preto de 3.500 m2 que, tras as reunións mantidas con asociacións de protección animal da zona para valorar e dar forma ao proxecto e tras ter o visto bo dos técnicos municipais, conta con todos os requisitos necesarios.

“Da man de protectoras, que teñen a experiencia necesaria, proxectamos un refuxio sostible, capaz de dar resposta ás necesidades do municipio e garantir o coidado dos animais que se recollan. Coidado tanto a nivel veterinario como a xestión da súa adopción e do tempo que pasen en acollida no centro”, explicou a concelleira, Antía Carrera, “Queremos un concello con sacrificio cero, que coide dos animais e lles procure calidade de vida e se algo tiña claro dende que me fixen cargo do departamento de Medio Ambiente é que O Porriño ten que contar cun refuxio de protección animal e mudar os sistemas de recollida”.

No mesmo sentido se manifestou o alcalde, Alejandro Lorenzo, que agradeceu á concelleira “o esforzo realizado para poñer en marcha este proxecto e facelo de maneira viable”. O rexedor incidiu en que o Refuxio de Protección Animal non só contará coas instalacións acaídas para a acollida e coidado, tamén cunha zona social onde se levarán a cabo actividades para a sensibilización sobre o abandono e a adopción animal”.