O Concello do Porriño pon en marcha o proxecto Porriño Net-Zero, unha iniciativa necesaria que reforza o compromiso da administración local coa sustentabilidade e a economía circular.

As principais medidas de O Porriño Net-Zero son o cálculo da pegada de carbono do Concello como institución e a neutralización da mesma plantando árbores nos nosos montes, o acceso ás comunidades de montes ao mercado do carbono e facilitar ás empresas e comercios do Porriño a conversión en negocios Net-Zero axudándoas a rentabilizar esta inversión.

A iniciativa foi presentada onte ao tecido empresarial e comercial do Porriño da man de David Lemos, representante de Airco2.

“Como Concello, achegarse á neutralidade de carbono é tamén unha resposta a unha realidade incontestable, defendida pola sociedade, polo mercado e recollida na axenda 2030 coa que nos aliñamos”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Queremos que os porriñeses e porriñesas poidan sacar peito de pertencer a un concello responsable e referente no tocante ao medio ambiente. Responsable porque nos facemos cargo das emisións de CO2 que xera a nosa actividade profesional e traballamos para reducilas e neutralizala, e referente porque queremos ser un exemplo a nivel rexional e nacional de modelo de xestión municipal que vai por diante en materia de economía circular aplicada á pegada de carbono”.

Co lanzamento deste proxecto a administración local conseguirá ademais de preservar e manter os nosos montes, revalorizar o rural e promover a sustentabilidade da industria e comercio do municipio.

O interese demostrado polo tecido empresarial e comercial por este proxecto demostra, en palabras do rexedor, “o interés común de posicionar ao Porriño como un concello concienciado e comprometido co medio”.