A Xunta destina 3M de euros á retirada e descontaminación de lindano no Contrasto

A Xunta de Galicia investirá 3 milóns de euros nos traballos de retirada e descontaminación dos residuos de lindano no viario principal do Contrasto, en Torneiros, unha obra que comezará este ano.  Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao alcalde Alejandro Lorenzo nunha reunión que mantiveron esta semana para abordar este e outros asuntos de interese para O Porriño.

A conselleira explicou ao rexedor que con cargo aos orzamentos da Xunta deste ano xa se está actualizando o proxecto para intervir na pista municipal do Contrasto polo que estima que, tan pronto como se complete este paso, poderá iniciarse a tramitación do contrato para executar as correspondentes obras.

“Sempre defendín que problema do lindano hai que abordalo con decisión, non chega con discursos baleiros nin promesas”, defendeu o rexedor, “Para iso é necesario un plan de acción, un esforzo investidor e un compromiso firme de respaldo e colaboración entre administracións, co que dende logo contamos”.

Lorenzo incidiu en que “neste proceso é esencial ir da man dos veciños e veciñas máis afectados” e valorar xunto a eles cada paso. “A descontaminación do municipio é unha responsabilidade que debemos asumir non só para coidar a saúde dos porriñeses e porriñesas de hoxe, senón para deixar un Porriño mellor para os de mañá”, concluíu o alcalde, “Pero as adminsitracións temos que informar e, sobre todo, escoitar á veciñanza durante este proceso. Trátase dun proxecto común de presente e de futuro”.

O novo goberno municipal potenciará a atención cidadá e a transparencia, e dedicará unha concellería á terceira idade

 

O alcalde Alejandro Lorenzo fixo público hoxe o reparto de responsabilidades e delegacións entre os seus concelleiros. Destaca a creación das áreas de Atención Cidadá e Transparencia que dependerán da concelleira Antía Carrera.

A subliñar tamén a creación da área de Terceira Idade que desenvolverá Ascensión Rosario Costas. Trátase dunha concellería específica para dar resposta ás necesidades dos nosos maiores e garantir que a nosa vila ofreza a calidade de vida que merecen, traballando conxuntamente co resto de departamentos.

DISTRIBUCIÓN DE ÁREAS E DELEGACIÓNS 

O propio alcalde, Manuel Alejandro Lorenzo levará tamén as áreas de Economía e Persoal.

Abel Estévez, que será o primeiro tenente de alcalde dirixirá Seguridade, Policía Local, Protección Civil, Voluntariado, Deportes e Benestar Social.

Carolina González, segunda tenente alcalde, desenvolverá as delegacións de Educación, Uned e Programas Europeos; Igualdade; Sanidade e Normalización Lingüística.

Ramón Porto será o concelleiro responsable de Vías, Obras e Servizos

Antía Carrera levará Urbanismo, Patrimonio Municipal do Solo, Contratación, Comercio, Mercado, Atención Cidadá e Transparencia, e Medio Ambiente.

José Carlos González terá as competencias de Parques e Xardíns; Limpeza; Lixo e Cemiterios.

Bienvenido Estévez colle as competencias de Traída de Augas Veciñais; Asociacións; Parroquias; Novas Tecnoloxías; Xuventude; Cultura e Festas.

Por último, Ascensión Rosario Costas asume a nova área de Terceira Idade e ademais as deegacións de Industria, Turismo, Formación e Emprego.

“EQUIPO POR E PARA PORRIÑO”

As competencias repártense entre os oito concelleiros do equipo. A idea é desenvolver un traballo transversal e coordinado que beneficie á cidadanía”, explicou o alcalde.

Trátase de “un equipo por e para Porriño”, afirmou Alejandro Lorenzo como síntese do esquema de traballo que propón.

“Xorden problemas e demandas cotiáns que non afectan só a un ámbito senón ao conxunto do Concello e tamén a diversos sectores da poboación e por iso son necesarias actuacións integrais para optimizar os recursos dos que dispoñemos, aproveitar as sinerxías, e dar unha maior eficiencia e eficacia. calidade do servizo que prestamos”, engadiu o rexedor municipal.

Alejandro Lorenzo mostrouse satisfeito de ter un equipo cohesionado que traballe xunto e témolo“. E citou como proba diso” o traballo da brigada de Deportes que se encarga de arranxar os parques infantís; ou a cooperación das concellerías de Vías e Obras, Servizos, Limpeza Viaria, Parroquias e Asociacións nas actuacións urxentes de lavado e limpeza como a que hoxe se leva a cabo no entorno da Igrexa de Santa María”, concluíu Alejandro Lorenzo.

Entrega do último lote de composteiros de 2021

 

A Concellería de Medio Ambiente citou hoxe a unha parte dos solicitantes de composteiros para vivendas unifamiliares que está a entregar o Concello do Porriño.

As veciñas e veciños aos que se adxudican este lote, de 50 composteiros, acudiron ás instalacións do Multiusos de Torneiros onde recibiron unha charla divulgativa a cargo de Emilio Rodríguez Cochón, mestre composteiro e técnico superior de residuos do Concello.

Mañá martes haberá unha segunda quenda, no mesmo lugar, para completar a información e entrega deste último lote de composteiros, correspondentes ao ano 2021.

“SOGAMA” cedeu eses 50 composteiros ao Concello do Porriño que se reparten entre os solicitantes no prazo que rematou hai uns días.

Anúncianse traballos de poda

 
A Concellería de Medio Ambiente comunica que o vindeiro luns 15 comezarán traballos de poda en diversas rúas do municipio. Xa se están colgando avisos veciñais con cuartéis como os das imaxes adxuntas.
Unha primeira quenda de obra afectará á rúa Codesal. Haberá que restrinxir o uso de seis prazas de aparcadoiro na rúa, entre as pitó da mañá e ás tres da tarde.
 
 

Novos contedores para o aceite usado nas parroquias e no centro

 
A Concellería de Medio Ambiente informa que comezou a instalación dos novos contedores de aceite usado que se distribuen en todas ás parroquias e no centro da vila.
 
O Concello procedeu a instalación destes contedores para a recollida de aceites vexetais usados domésticos, distribuídos polas parroquias de Atios (2 unidades), Budiño (3 unidades), Cans (1), Chenlo (1), Mosende (1), Pontellas (1), Torneiros (3) e Santa María de Porriño (11), ademais de un contedor no Punto Limpo municipal.
 
A xestión integral do residuo correrá a cargo dunha empresa externa especializada no sector. No convenio establecido coa empresa, inclúese a opción de adhesión por parte dos locais de hostalaría, colectividades e restauración para a xestión dos seus aceites vexetais usados domésticos.
 
Con esta acción o Concello de Porriño da cumprimento ao estipulado no novo marco legal autonómico sobre este fluxo residual e afonda na circularidade da súa xestión, xa que evita o seu vertido a rede de saneamento ou a súa mestura con outros residuos e facilita a súa recuperación para ser reutilizado.
 

Xornada de Formación sobre Compostaxe nos Centros de Ensino



O Concello de Porriño, a través da Concellería de Medio Ambiente, organizou unha Xornada de Formación sobre Compostaxe, realizada no Multiusos de Torneiros, dirixida a persoal docente e directivo de varios centros de ensino da vila que van realizar compostaxe.
Nesta quenda participaron CEIP da Ribeira; CPR Santo Tomás; ACEESCA; CPR Hermanos Quiroga e IES Ribeira do Louro.

Entregáronse composteiros polo Concello (cedidos por SOGAMA) aos centros solicitantes. A xornada impartida polo mestre composteiro Emilio Rodríguez Cochón, técnico do Concello, tivo coma finalidade estender a práctica da autocompostaxe polos centros de ensino do municipio, fomentando a prevención da xeración de residuos e así acadar unha xestión máis sostible do lixo.

O Concello terá unha iluminación especial en catro datas inminentes de conmemoracións

O edificio do Concello terá unha iluminación especial en catro datas conmemorativas nas próximas semanas. A OMIX do Porriño, xunto coa Concellería de Educación e a de Igualdade e Cultura, anunciaron estas accións reivindicativas para estas catro datas: o 19 de outubro, Día Mundial contra o cancro de mama; 24 de outubro, Día Internacional contra o Cambio Climático; o 20 de novembro, Día Universal da Infancia, e o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller.

A primeira destas accións celebrarase o vindeiro martes 19, cando tanto a fachada principal como o lateral do edificio do concello estarán iluminados de cor rosa claro con motivo do Día Mundial contra o cancro de mama, unha data que busca sensibilizar e concienciar as persoas de todo o mundo sobre a importancia de realizar un exame de mamas regularmente, coa finalidade de detectar calquera signo ou anomalía. Tamén se pretende facer un recordatorio do compromiso da sociedade contra o cancro de mama.

Desde a OMIX de Porriño, a Concellería de Educación e o Consello da Infancia e a Adolescencia do noso concello, “animámosvos a que compartades todo o que descubrades sobre o cancro de mama nas vosas redes sociais e a que motivedes ás mulleres para realizaren o auto diagnóstico co cancelo #DíaInternacionaldelCáncerdeMama.

 

A Alcaldesa anuncia que pedirá a colaboración de todos os grupos municipais para elaborar un plan de redución das emisións á atmosfera

O Concello do Porriño xa dispón dunha achega de 10.900 euros, con cargo aos fondos FEDER da Unión Europea, para a redacción dun Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable, coñecido como “PACES”.

O propósito é elaborar un plan de medidas que deberá terse redactado antes do 3 de decembro, que recolla accións concretas a executar no Porriño para a redución das emisións á atmosfera.

Coa ocasión de que a Xunta de Galicia notificase ao Concello a concesión da achega, a alcaldesa Eva García declarou hoxe que vai convocar unha xunta de voceiros para “pedir a colaboración de todos os grupos municipais para que fagan chegar as súas propostas”, declarou a rexedora.

A alcaldesa considera necesario “un acordo de todos os grupos para levar a cabo accións nas materias máis sensibles sexa a contaminación por lindano, sexa o impacto das explotacións mineiras”, engadiu Garcia de la Torre.

O Porriño é un dos 271 concellos galegos que se adheriron ao Pacto Europeo das Alcaldías polo Clima e a Enerxía Sustentable, coordinado en Galicia pola Xunta. O acordo de adhesión adoptouse polo pleno da Corporación Municipal porriñesa a partires dunha moción presentada polo Partido Popular.

En consecuencia, O Porriño solicitou á Consellería de Medio Ambiente acollerse á liña de achegas convocada por ese departamento autonómico para a elaboración dun Plan de Acción que deberá contemplar medidas que contribúan a eliminación de emisións contaminantes e que comprometan ao Concello e á veciñanza porriñesa.

 

Pleno municipal ordinario de xuño: a corporación coñecerá a oferta de “Servicios dos Concellos Galegos S.L” para facerse co contrato de recollida de lixo ao que renunciou “Valoriza”


Esta tarde, a corporación local do Porriño coñecerá a proposta da mesa de contratación para outorgar o contrato de recollida, transporte e tratamento de lixo e residuos e xestión do Punto Limpo do Concello á firma “Servicios dos Concellos Galegos S.L.”. Un contrato dun custe de 1.300.000 euros por ano e cunha duración de nove anualidades (8+1), ao que renunciou a empresa “Valoriza Servicios Medioambientales S.A.” que fora a mellor valorada na licitación convocada polo Concello.


Sen embargo, “Valoriza” ven de presentar o seu desistimento polo que a mesa de contratación propón á segunda empresa con mellor puntuación que resultou ser “Servicios do Concellos Galegos S.L.”.
O asunto ten que ter o preceptivo ditame da Comisión Municipal Informativa de Medio Ambiente e Limpeza que está convocada de urxencia ás 17,45 horas desta tarde, é dicir, quince minutos antes da hora na que está convocado o pleno da Corporación.

Deixamos “pdf” coa orde do día da sesión

DECRETO 2021-1455 [Decreto da convocatoria] (2)

O Porriño proxecta un gran parque público no Louro

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Patrimonio e Urbanismo dirixida polo nacionalista Pedro Pereira, anuncia que chegou a un acordo para a compra de aproximadamente 20.000 metros cadrados de terreos na contorna do río Louro.

Pedro Pereira ven de formalizar un acordo de compra con persoas propietarias de parcelas próximas ao río que permitirán crear un parque público tan necesario na contorna do Louro para mellorar a calidade de vida da veciñanza.

“Temos que apostar por abrir o río para as persoas. Pensamos que a contorna do Louro ten que ser a gran zona verde e de lecer do centro urbano do Porriño. Este  é o primeiro paso necesario para transformar este entorno. Queremos proxectar un parque público na zona, que gañe máis espazos para a xente e no que instalar novos equipamentos”, apuntou  Pedro Pereira.

Na imaxe adxunta pódese observar as parcelas que vai adquirir o Concello