A Biblioteca Municipal organiza un ‘Obradoiro de Escritura Creativa’, os días 7,8,14 e 15 de xuño

A Biblioteca Municipal do Porriño informa de que está aberto o prazo de inscrición para o ‘Obradoiro de escritura creativa’, que impartido pola recoñecida escritora Clara do Roxo, os días 7,8,14 e 15 de xuño, de 6 a 8 da tarde, e que está dirixido a poboación adulta.

Trátase dun obradoiro intensivo centrado no desenvolvemento da creatividade, a experimentación literaria e o pracer de escribir, que ten coma obxectivo darlle un pulo a posibles escritores e escritoras.

As prazas son limitadas e reducidas -máximo 15 persoas- e, coma o resto dos obradoiros que realiza a Biblioteca Municipal, é necesaria a inscrición previa na biblioteca ou chamando ao teléfono 986337624, así como ter a condición de persoa socia da mesma. Trátase dunha actividade gratuíta e as prazas cóbrense por orde de inscrición, tendo preferencia as persoas empadroadas no Porriño. As persoas que non sexan do Porriño entrarán nunha lista de agarda.

Este obradoiro está enmarcado no ciclo de actividades formativas da Biblioteca Municipal do Porriño durante o 2017, con un programa que quere amosar a biblioteca coma un espazo de aprendizaxe e de inserción social.

Coa evolución das TIC, e moi especialmente de internet, as necesidades da cidadanía e da forma na que accedemos á información cambiaron. A web está transformando o papel das bibliotecas tradicionais. Deste xeito, faise necesario reorientar os servizos das bibliotecas públicas, pasando de entendelas só como centros culturais a tratalas tamén como centros sociais.

Neste contexto organízase esta programación en tres vertentes: biblioteca animadora e conservadora dos saberes tradicionais; biblioteca promotora e formadora de novos saberes; biblioteca integradora e difusora de ideas, co fin de que a Biblioteca Municipal se converta nun espazo de aprendizaxe, encontro e inserción social, e co obxectivo de acreditarse como un servizo de relevancia na sociedade actual.

O Concello solicita a UNED a apertura dunha aula no Porriño

O Pleno do Concello do Porriño aprobou solicitar ao Centro Asociado da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) en Pontevedra que permita a apertura dun aula da universidade na vila.

Hai que lembrar que o pasado 16 de marzo a alcaldesa, Eva García de la Torre, xunto coas concelleiras de Educación, Lourdes Moure, de Emprego, Soledad Girón, a voceira do Grupo Municipal de Non Adscriitos, Sabela Landín, e o presidente dos empresarios do Polígono de A Granxa, Indalecio Cuevas, mantivera unha entrevista coa directora da UNED de Pontevedra, Beatriz Rodríguez, para tentar de traer a O Porriño a devandita aula que, inicialmente, impartiría o Curso de Acceso á Universidade para maiores de 25 anos pero que, nun futuro próximo, en colaboración co Concello e os empresarios dos polígonos industriais, tendo en conta as necesidades de cualificación profesional dos mesmos, iríase ampliando a outras materias, con prácticas en empresas.

“A nosa prioridade é, dende que iniciamos este mandato, a xeración de emprego e o mellor xeito de facelo, como amosa a baixada das cifras do paro, é voltar a ollada aos polígonos industriais que temos no Porriño e que empregan a milleiros de persoas”, subliña a alcaldesa.

Con esa intención, “e entendendo que a existencia dunha aula da UNED non debe de ser iniciativa dun so grupo político, senón que toda a Corporación amose o seu compromiso de xeito que o mesmo se manteña, goberne quen goberne , presentamos esta iniciativa”.

Eva García de la Torre lembra que é “imprescindible” poder ofrecer aos cidadáns “unha formación de calidade, que atenda as necesidades das empresas e que facilite que as porriñesas e porriñeses accedan á formación universitaria sen ter que desprazarse a Pontevedra, Tui ou Vigo”.

Con este obxectivo, apenas 12 horas despois de que o Pleno aprobase que se solicite a instalación da aula da UNED, a propia alcaldesa, xunto coa concelleira de Educación, e o concelleiro de Urbanismo, Industria e Comercio, estivo visitando e considerando posibles localizacións para esta aula, localizacións que deben cumprir, característica principal a de poder medrar a medida que o faga o número de materias que se poidan estudar na mesma.

Obradoiro para nenos “Coidemos o mar. Podemos!”

A Biblioteca Municipal organiza o obradoiro para nenos ‘Coidemos o mar. Podemos!’, no que participarán dúas investigadoras do Centro Oceanográfico de Vigo

Os nosos mares están en perigo, pero nós podemos facer moito para conservalos. A Biblioteca Municipal do Porriño, sensibilizada co respecto ao medio ambiente, quere contribuír a protexelos, e para iso actúa dende o ámbito da información e a formación.

Por iso, organiza o vindeiro luns, día 5 de xuño, coincidindo co ‘Día Mundial do Medio Ambiente’, o obradoiro infantil “Coidemos o mar, podemos!” .

A Biblioteca contará coa colaboración do Centro Oceanográfico de Vigo, pertencente ao Instituto Español de Oceanografía, que está a celebrar os seus 100 anos de historia. As investigadoras do IEO, María Sainza e Esther Román, coordinarán esta actividade onde se tentará ensinar, de forma divertida, como coidar e conservar o mar a través do coñecemento científico -bioloxía, vida mariña- e da presentación de accións que leven á conservación e sustentabilidade dos mares, evitando a contaminación -plásticos, ecosistemas vulnerables, educación responsable-.

Trátase dunha actividade gratuíta e aberta para público infantil entre 8 e 13 anos. Desenvolverase na biblioteca o luns de 6 a 7 e media da tarde. Para participar é necesario ser socio/a da biblioteca e inscribirse previamente, de forma presencial ou chamando por teléfono (986337624). As prazas son reducidas e cóbrense por orde de inscrición, tendo preferencia as persoas empadroadas no Porriño.

Representantes de Burdeos, visitan unha canteira e o @festivaldecans

Marie-France Regis, alcaldesa de Mouillac e vicepresidenta da Communauté de Communes du Fronsadais; Joël Caurraze, presidente do Comité de Hermanamiento Europeo deste organismo; Caroline Lescoul, tenente de alcalde do Concello de Galgón e responsábel de Asuntos Sociais, e Edwige Obledillo,profesor del Instituto Profesional de Blaye, representantes concellos de Burdeos de visita oficial a O Porriño, visitaron este xoves o Festival de Cans e unha das canteiras do Concello.

Estes representantes desta comunidade de Burdeos, que integra a 18 concellos franceses cos que o Goberno local ven de establecer unha relación de cooperación en diferentes eidos, estarán no Porriño do mércores, día 21, ao domingo, día 28.

Nestos días, ademáis de manter varias xuntanzas de traballo co tenente de alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Manuel Carrera, de Limpeza e Seguridade, Orlando Mázquez, de Educación Lourdes Moure, e de Benestar, Soledad Girón, visitarán a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Guillarei, dependente do Consorcio de Augas do Louro, presidido pola alcaldesa, Eva García de la Torre; terán a oportunidade de coñecer unha as Adegas La Val; asistirán a diferentes actos do Festival de Cans, este mesmo xoves viaxaron nun dos chimpins, asistirán á proxección dunha das curtas e, ademáis, gozarán da gastronomía da zona.

Representantes de concellos de Burdeos chegan este mércores a O Porriño

Representantes de concellos de Burdeos chegan este mércores a O Porriño para impulsar proxectos conxuntos en Educación, Turismo, Viticultura ou Comercio

Catro representantes da Communauté de Communes du Fronsadais, entidade que integra a 18 concellos franceses cos que o Goberno local ven de establecer unha relación de cooperación en diferentes eidos, estarán no Porriño do mércores, día 21, ao domingo, día 28.

Marie-France Regis, alcaldesa de Mouillac e vicepresidenta da Communauté de Communes du Fronsadais; Joël Caurraze, presidente do Comité de Hermanamiento Europeo deste organismo; Caroline Lescoul, tenente de alcalde do Concello de Galgón e responsábel de Asuntos Sociais, e Edwige Obledillo,profesor del Instituto Profesional de Blaye, chegarán a O Porriño este mesmo mércores para coñecer a realidade so noso concello e seguir cos contactos inciados hai varios meses.

Devolven, deste xeito, a visita que os concelleiros de Limpeza, Seguridade e Parques e Xardíns, Orlando Márquez, e Educación, Lourdes Moure, fixeran a Francia o pasado mes de marzo e que serviu para que O Porriño poida desenrolar con Fronsadais proxectos semellantes aos que estes concellos de Burdeos xa teñen en marcha con rexións de China e Italia, e que abranguen ámbitos de tanto interese coma a educación, xuventude, cultura, economía, comercio, viticultura, alimentación ou turismo.

Os catro días que os representantes da Communauté de Communes du Fronsadais estarán no Porriño visitarán a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Guillarei, dependente do Consorcio de Augas do Louro, presidido pola alcaldesa, Eva García de la Torre; tamén terán a oportunidade de coñecer unha as Adegas La Val; asistirán a diferentes actos do Festival de Cans, coma ‘Debuxa Cans’, a saída dos chimpins ou asistirán á proxección dunha das curtas; terán unha cita nunha das canteiras da vila e tamén gozarán da gastronomía da zona.

Representantes porriñeses e franceses manterán distintas xuntanzas nas que concretarán varias das propostas que estiveron en estudo durante a viaxe dos concelleiros Orlando Márquez e Lourdes Moure a rexión de Burdeos e porán en marcha os primeiros acordos de colaboración.

Dentro destes está moi avanzada a presentación dun proxecto europeo conxunto en base a propostas educativas que permitan, nun primeiro paso, o intercambio de coñecementos entre estudantes e profesores de Educación Secundaria desta comunidade de vilas de Francia e dos centros educativos do Porriño.

O Concello do Porriño pon en marcha o programa “Cociñar sen glute”

O Concello do Porriño, por medio da súa Biblioteca Municipal, pon en marcha o programa ‘Cociñar sen glute’

A Biblioteca Municipal do Porriño, en colaboración con ACEGA (Asociación de Celíacos de Galicia), pon en marcha o programa “Cociñar sen glute“. Trátase dun proxecto baseado en tres actividades distintas: un obradoiro familiar de cociña sen glute, unha exposición bibliográfica sobre enfermidade celíaca e cociña sen glute, e unha guía de lectura sobre o mesmo tema que se publicará en internet en aberto.

Con este proxecto, que o Concello do Porriño deserola por medio da Biblioteca Municipal, coincidindo co “Día Nacional do Celíaco”, que se celebra o 27 de maio, quere sensibilizar e dar a coñecer esta enfermidade, pero tamén aportar formación, información e ferramentas prácticas ás persoas celíacas da nosa vila.

Obradoiro Familiar de cociña sen glute
Obradoiro práctico no que se aprenderán receitas e técnicas, impartido por membros de ADEGA, pensado para familias -pais, nais, nenas e nenos a partir de 6 anos-, que se celebrará en instalacións de cociña reais, no Centro Municipal Multiusos de Torneiros, este martes, 23 de maio, de 5 a 8 e media da tarde.

Exposición bibliográfica sobre enfermidade celíaca e cociña sen glute
No Recuncho da biblioteca haberá unha exposición na que se presentará unha nutrida selección de títulos sobre celiaquía e cociña sen glute. Estará exposta entre o 22 de maio e o 2 de xuño. Esta selección pasará logo a formar parte da colección da biblioteca, para que estea a disposición de todos os usuarios e usuarias interesadas.

Guía de lectura
Este mesmo luns, día 22, estará publicada, en aberto na páxina web da Biblioteca Municipal-https://bibliotecadoporrino.com/- e nas redes sociais da mesma, unha guía de lectura sobre enfermidade celíaca e cociña sen glute, con numerosos recursos sobre o tema, para que poda servir como apoio e información permanente a todas as persoas interesadas.

 

Dous novos talleres no punto SmartPeme do Porriño

Dous novos talleres no punto SmartPeme do Porriño: Fotografía de Produto e A túa páxina web en menos de 90 minutos

O punto SmartPeme do Porriño organiza esta semana varios talleres: o martes 23 de maio, ás 7 da tarde: Fotografía de produto: especial sector téxtil e o venres, día 26, á mesma hora, ‘A túa páxina web en menos de 90 minutos’.

As persoas interesadas en participar nestes talleres poden anotarse chamando ao teléfono 886 20 20 20, entrando no portalwww.smartpeme.depo.es e inscribirse nestes ou noutros talleres ou solicitar asesoramento TIC, sen custo algún para autónomos e pequenas empresas.