Budiño será epicentro do ciclismo este domingo

O Porriño volverá ser este domingo epicentro do ciclismo . Máis de 600 deportistas subiranse á bici para pedalear polos montes da parroquia de Budiño nas dúas probas organizadas pola AD Avanza: o V TROFEO MINI BTT CONCELLO DO PORRIÑO e o II XCO TROFEO CONCELLO DO PORRIÑO.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, acompañados polo presidente da AD Avanza, David García, o vicepresidente, Oscar Estévez, e os presidentes da AC A Forna e da Comunidade de Montes de Budiño, Olga Romero e Manuel Rodríguez respectivamente, presentaron onte a proba no que será o punto neurálxico do evento: o centro cultural A Forna de Budiño.  Xunto a eles, representantes da Federación Galega de Ciclismo e a base do club porriñés.  

O alcalde felicitou á organización non só por “impulsar este tipo de eventos que poñen en valor tanto a práctica deportiva como a nosa contorna” senón tamén “polo impagable labor que fan coa súa canteira, dando a oportunidade a moitos pequenos e pequenas de coñecer, practicar e medrar no ciclismo”.

Pola súa banda, o presidente da AD Avanza quixo agradecer publicamente á Comunidade de Montes de San Salvador de Budiño “que colaboraron en todo momento con nós e permitíronnos facer o circuíto nos seus terreos”, á asociación de veciños de A Forna “que puxeron á nosa disposición as instalacións da casa cultural” e “aos veciños da zona por permitirnos o paso por algunhas fincas privadas e polo seu entusiasmo con nenos e nenas da escola”. Un agradecemento que fixo extensivo aos patrocinadores e colaboradores e “por suposto ao Concelllo toda a colaboración e axuda que nos brindan”.

V Mini BTT Trofeo Concello do Porriño

Arredor de 480 nenos e nenas, de entre 4 e  14 anos, participarán na quinta edición do torneo. A saída darase ás 9:30 h no Centro Cultural A Forna.

A proba consta de 6 categorías: Benxamíns, Promesas, Principiantes, Alevíns e infantís.

 II XCO Trofeo Concello do Porriño

A segunda edición do trofeo congregará arredor de 200 ciclistas.  A proba arrancará ás 17 h no Centro Cultural A Forna. A proba estará aberta para as categorías de Élite (masc-fem), Sub23 (masc-fem), Junior (masc-fem), Cadete (masc-fem) e Master30/40/50/60 (masc-fem).

200 ciclistas disputarán a “Enduro Faro de Budiño”

Un total de 200 deportistas participarán este domingo, día 10 de abril, na terceira edición da “Enduro Faro de Budiño”. O evento deportivo, organizado pola Asociación Deportiva A Forna en colaboración co Concello do Porriño, foi presentada esta mañá polo alcalde, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, e representantes da organización, Eloy Hermida e Manuel del Gesso, que ademais participará na categoría Master 30.

Eloy Hermida explicou que a proba, incluida na Copa de Galicia de Enduro, “disputarase na parroquia de Budiño e constará de 5 tramos de enlace e 5 cronometrados individuais que entre eles sumarán unha distancia aproximada de 30 km e desnivel positivo de 1200 m”.  

Serán nove as categorías que aglutinarán aos participantes na proba da que os organizadores destacaron a “súa vistosidade”.

O concelleiro de Deportes, destacou que “para o Concello do Porriño todas as modalidades deportivas son igual de importantes”  e tamén o feito de que “se leve a cabo na parroquia de Budiño, que conta cun entorno impresionante. O Faro de Budiño é un bo escenario para este tipo de probas”.

O edil explicou que un dos obxectivos do novo executivo é levar o deporte ás parroquias e reiterou o apoio do Concello á AD A Forna en todas as iniciativas deportivas que propoña. “Este é o inicio dunha relación, entre o Concello e o club,  que ten que durar moitos anos porque estou seguro que vai ser un club moi importante neste concello”

No mesmo sentido se expresou o Alcalde, que reiterou o seu apoio á AD A Forna e salientou o “gran traballo que fan”. “O Concello do Porriño seguirá apoiando o Deporte, abrindo os eventos deportivos a todo o termo municipal”, concluíu o Lorenzo, “Por iso vos animo a todos e todas a disfrutar este domingo da proba en Budiño e apoiar así a práctica deportiva e en especial á AD A Forna”.

 

120 deportistas disputan no Porriño a XXVI Liga Galega de Baloncesto Adaptado

O Porriño converteuse unha vez máis na capital do baloncesto adaptado. Once equipos que reuniron a 120 deportistas participaron onte na primeira xornada da XXVI Liga Galega de Baloncesto Adaptado que disputou no Polideportivo Municipal.

Nesta primeira xornada da competición, organizada pola Federación Galega de Deporte Adaptado, disputáronse un total de 11 partidos nos tres campos habilitados.  Xogadores e xogadoras do Asdan, San Rafael, Celta Integra, Aspavi, Aspanaex, Saiar, Salacino C “A”, Saladino C “B”, Méndez Núñez e Saladino B disputaron os encontros ao longo de toda a mañá, nunha xornada na que se impuxeron o Asdan na categoría Competición e o Saiar na Adaptada.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, achegouse ao municipal a animar aos deportistas e animalos a “seguir esforzándose e, sobre todo, a seguir disfrutando do que resta de competición, polo menos tanto como disfrutamos nós do espectáculo deportivo que ofrecen”.

As próximas quendas serán o 4 de maio e o 2 de novembro, cando se pechará definitivamente a clasificación.

As pistas de tenis do Porriño dispoñerán de vestiarios equipados

Os tenistas do Club Tenis Porriño e todos aqueles que fagan uso das pistas municipais de tenis dispoñerán de vestiarios totalmente equipados. Ata o de agora, os usuarios e usarías destas instalacións carecían dun lugar apropiado para cambiarse e asearse tras a práctica deportiva e con esta actuación non terán que desprazarse ao polideportivo municipal como viñan facendo.

Para acometer estas obras, cuxo importe ascende a 48.389,49 euros, o Concello do Porriño asinou un convenio de cooperación coa Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. En virtude do mesmo, o ente autonómico aportará preto de 40.000 euros e o restante o asumirá o Concello con fondos propios.

“As instalacións contarán con dous vestiarios principais para xogadoras e xogadores, así como cun almacén”, explicou o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, “Ambos vestiarios contarán cun aseo adaptado independente. Para iso, acondicionarase un local do semisótano dunhas instalacións colindantes ás pistas”.

Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou que “se trata dunha obra moi necesaria que vén sendo reclamada polos usuarios e usuarias das pistas de tenis dende hai anos. Son moitos os deportistas que fan uso destas instalacións e a falta de vestiarios suponía un problema para eles”. O rexedor concluíu incidindo en que “o mantemento e acondicionamento das nosas instalacións deportivas é algo que está destacado na axenda deste goberno dende o inicio” reafirmando a súa aposta polo deporte no municipio “con atención a todas as modalidades non só ás maioritarias. O respaldo á práctica deportiva abrangue todas as disciplinas, tantas como os porriñeses e porriñesas practiquen ou desexen practicar”.

A danza urbana de máis alto nivel darase cita este domingo no Porriño

O polideportivo municipal do Porriño será este domingo epicentro da danza urbana. Uns 150 bailaríns e bailarinas chegados de toda a xeografía galega disputarán o I Trofeo Concello do Porriño de Hip-Hop, unha competición puntuable no ranking nacional da Federación Española de Baile Deportivo. 

No evento, organizado polo CBD Pasos-BaileGalicia, en colaboración co Concello do Porriño, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, os deportistas competirán en trece categorías, con premio para os tres primeiros de cada unha delas. 

O xurado está composto por tres bailaríns do máis alto nivel na modalidade: Max One, que chega dende Barcelona, Lidia Rioboo, de Madrid, e Julia Laport, que ven dende A Coruña. 

Dende a organización destacan  o nivel dos participantes e a vistosidade do evento. “Entre os deportistas que competirán no Porriño están grupos que son campións nacionais, bailaríns do máis alto nivel da Federación de Baile Deportivo”, explicou Miguel Abreu, “Convido a todo o mundo a disfrutar deste evento, que non defraudará pola súa espectacularidade”. 

Cabe destacar que a danza urbana é unha modalidade relativamente nova dentro da Federación de Baile Deportivo. O breaking será por primeira vez deporte olímpico en París 2024 tras ser recoñecido dende hai pouco como deporte polo Comité Olímpico Internacional. 

As xuvenís do BM Porriño proclámanse Campioas de Galicia

A falta de tres xornadas para que remate a liga o equipo xuvenil feminino do Club Balonmano Porriño proclamouse Campión de Galicia, obtendo o pase ao Campionato de España.

As xogadoras, acompañadas polas súas adestradoras Ana Alonso e Laura Barros, foron recibidas no Concello polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e o tenente de alcalde e concelleiro de deportes, Abel Estévez, que quixeron felicitalas polo seu logro en nome todas e todos os porriñeses.

“Temos un gran equipo”, indicou Estévez, “Queremos desexarlles a maior das sortes no sector do Campionato de España, lembrarlles que terán o apoio do Concello e que faremos as xestións necesarias para que o sector se xogue no Porriño e todos poidamos disfrutar con elas”.

Un apoio no que incidiu o alcalde, que lles pediu que seguiran “na mesma liña, erforzándovos e disfrutando do que facedes e das recompensas ao voso esforzo, xa que así será como seguiredes sumando éxitos”. Lorenzo quixo estender o seu recoñecemento ás dúas adestradoras e de maneira especial ao presidente do Club Balonmano Porriño, Abel Estévez, do que dixo “é sen dúbida o mellor concelleiro de Deportes que pode ter O Porriño”.

O Porriño será a saída de “O Gran Camiño”

O Porriño dará o pistoletazo de saída da proba deportiva que recuperará unha volta ciclista profesional en Galicia tras dúas décadas de suspenso, “O Gran Camiño”.

O que será un dos maiores eventos deportivos do ano na comunidade galega disputarase entre o 24 e o 27 de febreiro e constará de catro etapas, unha por cada provincia, asegurando espectáculo, valores deportivos e difusión mediática.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, interviu onte na presentación oficial da proba.

“Como alcalde e como porriñés é un orgullo que O Gran Camiño comece no Porriño”, manifestou o rexedor, “O noso é un concello berce de ciclistas, onde este deporte ten unha arraigada tradición. Tamén é un concello de comezos, que abre unha nova etapa na que perseguimos unha maior proyección cara o mundo”.  Neste sentido, Lorenzo afirmou con rotundidade que “O Porriño é un lugar único e o mundo debe coñecernos” e concluíu, que “`O Gran Camiño´ será un escaparate perfecto que nos axudará a conseguilo”.

O Porriño foi elixido como saída da primeira etapa que se disputará o 24 de febreiro. Percorrerá algo máis de 163 km finalizando en Vigo. Será unha etapa chaira na súa maior parte na que, a 23 km da meta, os corredores subirán a Peinador antes de chegar ao sprint no centro de Vigo.

 A segunda delas disputarase na Coruña, a terceira na provincia de Ourense e a última será en Lugo.

O Gran Camiño está incluida no calendario UCI, na categoría 2.1, conseguindo chamar a atención de equipos profesionais de alto nivel, tanto nacionais como internacionais. Xa está confirmada a participación de Movistar, Israel Start Up Nation, Education First, Cofidis, Tavira e Euskaltel Euskadi. Tamén do RP-Boa Vista, Eolo Kometa, Androni Giocattoli e Bardiani.

Conta co respaldo das cinco principais institucións galegas: a Xunta de Galicia e as catro deputacións provinciais.

 

Cancelada a Carreira Nocturna de Reis ante a imposibilidade de garantir a seguridade sanitaria no evento

Pola contra valorouse que no desfile conxunto de rondallas de Mos e O Porriño, sí poderán manterse as debidas garantías e distancias polo seu longo percorrido

O Goberno Municipal acordou a suspensión da Carreira Nocturna de Reis programada para o 8 de xaneiro ante a imposibilidade de garantir na mesma a seguridade sanitaria dos/as participantes, segundo anunciou hoxe o concelleiro de Deportes, Abel Estévez. A decisión obtivo un respaldo unánime na xuntanza da Comisión de Seguimento da Covid-19 que presidiu hoxe o alcalde Alejandro Lorenzo.
 
O feito de que os atletas participantes na carreira non leven a máscara de protección mentres corren e a imposibilidade de establecer a obrigatoriedade desta medida fixo que dende a organización se valoraran fórmulas alternativas como unha contrareloxo individual. Pero desestimouse xa que desvirtuaba a propia natureza lúdico-deportiva do evento.
 
Tamén se abordou a seguridade do Desfile Conxunto de Rondallas do Porriño e Mos que se celebrará o vindeiro día 2. O Goberno Municipal, tras analizar as características do evento, que se celebrará ao aire libre nun amplo percorrido que permite a distribución dos asistentes, mantendo a distancia de seguridade, acordou mantelo.
 

O novo goberno municipal potenciará a atención cidadá e a transparencia, e dedicará unha concellería á terceira idade

 

O alcalde Alejandro Lorenzo fixo público hoxe o reparto de responsabilidades e delegacións entre os seus concelleiros. Destaca a creación das áreas de Atención Cidadá e Transparencia que dependerán da concelleira Antía Carrera.

A subliñar tamén a creación da área de Terceira Idade que desenvolverá Ascensión Rosario Costas. Trátase dunha concellería específica para dar resposta ás necesidades dos nosos maiores e garantir que a nosa vila ofreza a calidade de vida que merecen, traballando conxuntamente co resto de departamentos.

DISTRIBUCIÓN DE ÁREAS E DELEGACIÓNS 

O propio alcalde, Manuel Alejandro Lorenzo levará tamén as áreas de Economía e Persoal.

Abel Estévez, que será o primeiro tenente de alcalde dirixirá Seguridade, Policía Local, Protección Civil, Voluntariado, Deportes e Benestar Social.

Carolina González, segunda tenente alcalde, desenvolverá as delegacións de Educación, Uned e Programas Europeos; Igualdade; Sanidade e Normalización Lingüística.

Ramón Porto será o concelleiro responsable de Vías, Obras e Servizos

Antía Carrera levará Urbanismo, Patrimonio Municipal do Solo, Contratación, Comercio, Mercado, Atención Cidadá e Transparencia, e Medio Ambiente.

José Carlos González terá as competencias de Parques e Xardíns; Limpeza; Lixo e Cemiterios.

Bienvenido Estévez colle as competencias de Traída de Augas Veciñais; Asociacións; Parroquias; Novas Tecnoloxías; Xuventude; Cultura e Festas.

Por último, Ascensión Rosario Costas asume a nova área de Terceira Idade e ademais as deegacións de Industria, Turismo, Formación e Emprego.

“EQUIPO POR E PARA PORRIÑO”

As competencias repártense entre os oito concelleiros do equipo. A idea é desenvolver un traballo transversal e coordinado que beneficie á cidadanía”, explicou o alcalde.

Trátase de “un equipo por e para Porriño”, afirmou Alejandro Lorenzo como síntese do esquema de traballo que propón.

“Xorden problemas e demandas cotiáns que non afectan só a un ámbito senón ao conxunto do Concello e tamén a diversos sectores da poboación e por iso son necesarias actuacións integrais para optimizar os recursos dos que dispoñemos, aproveitar as sinerxías, e dar unha maior eficiencia e eficacia. calidade do servizo que prestamos”, engadiu o rexedor municipal.

Alejandro Lorenzo mostrouse satisfeito de ter un equipo cohesionado que traballe xunto e témolo“. E citou como proba diso” o traballo da brigada de Deportes que se encarga de arranxar os parques infantís; ou a cooperación das concellerías de Vías e Obras, Servizos, Limpeza Viaria, Parroquias e Asociacións nas actuacións urxentes de lavado e limpeza como a que hoxe se leva a cabo no entorno da Igrexa de Santa María”, concluíu Alejandro Lorenzo.

O alcalde Alejandro Lorenzo encarga a reparación urxente dos parques infantís do concello

Unha das primeiras medidas ordenadas polo alcalde Alejandro Lorenzo, é a reparación urxente de columpios e outros elementos de todos os parques infantís do concello.

As actuacións iniciaronse esta mañá no Parque Infantil onde tres operarios do Servizo de Deportes comezaron a reparar o tobogán e outros elementos deste espazo, que se atopa en estado de abandono. O alcalde, en compañía do concelleiro Abel Estévez, acudiu a comprobar o inicio dos traballos.

Alejandro Lorenzo decidiu que “o mantemento dos preto de trinta parques infantís pase directamente á competencia da Concellería de Deportes, que conta con medios propios para acometer esta actuación de emerxencia que se estenderá a todos os parques infantís do municipio que se atopen nun estado lamentable”,  segundo manifestou o novo alcalde.

Alejandro Lorenzo anunciou que se fará un “mantemento diario” e que “a principios de ano trataremos de destinar un orzamento para mellorar os parques infantís do Porriño cunhas instalacións acordes ao século que vivimos”, concluíu o rexedor porriñés.