O Concello subvenciona ao Porriño Industrial con 60.000€

María Gracia Paniccia, presidenta do Porriño Industrial, acompañada de Mario López, coordinador de fútbol base, asinou hoxe co concelleiro de Deportes, David Alonso, o acordo de axuda municipal para este club consistente nunha subvención de 60.000 euros. 

O Porriño Industrial conta con 15 equipos, dos cales 5 son femininos, e un total de 261 licenzas.

O importe da achega municipal ao Porriño Industrial destinarase ao mantemento dos equipos base así como a sufragar parte dos gastos do equipo da Liga Nacional Xuvenil, mentres que o equipo da Rexional Preferente segue agardando a que se adopte unha decisión coa competición, condicionada polas restricións anti-Covid.

Neste ano 2021, o Concello do Porriño adica un total de 476.000 euros en subvencións aos principais clubs do municipio.

 

Presentación do equipo ciclista “La Sal Cocinas Louriña” para a tempada 2021

 

Hoxe celebrouse a presentación da tempada 2021 do equipo “La Sal Cocinas Louriña” en Porriño, xunto á escultura que honra a Oscar Pereiro, gañador do Tour de Francia do 2006.  Este club, nacido en 2020, ten 110 licenzas e 5 equipos en categorías elite e menos de 23 homes e mulleres; en xuvenís femininas; en BTT-XCO e na categoría máster (veteranos).

O Concello do Porriño é o principal patrocinador desta escuadra ciclista cunha axuda de 15.000 euros máis outras achegas na organización de probas ao longo da tempada.

O presidente do club, Juan José Alvarez Cerdeira destacou o acordo alcanzado co Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra para incorporar ao equipo xuvenil feminino a cinco das mozas que se forman neste centro de alto rendemento.  Entre elas a triatleta porriñesa, Carla Guisande e Elsa Pena. Mentres que Aida Valiño e Uxía Fernández liderarán o equipo de elite feminino.

No equipo masculino, Iago Lorenzo, en sub 23 e Gustavo Rodríguez, en elite, serán os referentes esta tempada ás ordes de Jacobo Ucha.

Rafa Pérez, no nome de “La Sal Cocinas”, principal patrocinador privado do equipo, explicou que a firma que representa “quixo asociarse cun proxecto deportivo que nos trouxo moitas alegrías no Porriño”.  De xeito especial, o representante da firma “La Sal Cocinas” referiuse “a aposta que fai este club polo ciclismo feminino, tanto en júnior como en elite e sub 23, sacando dous equipos, consolidando o ciclismo como actividade integradora” , dixo Rafa Pérez.

Finalmente, David Alonso, concelleiro de Deportes en Porriño, criticou que institucións “como a Xunta de Galicia dean as costas ao deporte de base e gastan nunha Volta a España, en definitiva, invisten mal, ao noso xuízo”.

O conselleiro compárao co gasto que veñen realizando outras administracións, como o Concello do Porriño.  Alonso Bargiela afirma que “desde 1996 este Concello apoia o ciclismo en deporte de base e categorías inferiores con máis de 1 millón de euros que serviron para conseguir tantos ciclistas como o val da Louriña produciu”.

O Concello concede 476.000 € en subvencións aos principais clubes deportivos do municipio

O Concello de Porriño destina un total de 476.000 € en subvencións aos principais clubs deportivos do municipio neste exercicio 2021, mediante convenios.  Hoxe a alcaldesa Eva García e o presidente da Unión Deportiva Atios, José Cebreiro, en presenza do concelleiro de Deportes, David Alonso, asinaron a correspondente achega a este club de fútbol, ​​consistente en 45.000 €. 

A U.D.  Atios, que ten un equipo en Terceira División e doce equipos máis en categorías inferiores, agrupa máis de 200 licenzas.

O presidente Cebreiro expresou o agradecemento do club “ao Concello de Porriño, á alcaldesa e ao concelleiro Alonso pola súa implicación cos deportes neste municipio” e expresou “o desexo de seguir progresando e de que esta tempada a UD Atios acade manterse na Terceira División Nacional e levando adiante o nome de Porriño por Galicia “, dixo o máximo dirixente da U.D.Atios.

No nome do goberno municipal, David Alonso sinalou que “para nós é unha satisfacción seguir colaborando cos clubs”.  O concelleiro de Deportes considerou que o destino desta subvención municipal “en momentos como o que atravesamos é, entre outros, para gastos de protocolos antic-Covid para a seguridade dos deportistas”.

Nos vindeiros días seguirán asinándose os respectivos convenios cos demais clubs das distintas modalidades que subvenciona o Concello.

Audios do presidente da U.D. Atios e do concelleiro de Deportes 

O Concello expresa o seu pésame pola morte do atleta Alejandro Gómez

O Concello do Porriño expresa o seu pesar pola morte do atleta Alejandro Gómez e traslada as súas condolencias aos seus familiares e amigos. Sufría unha grave enfermidade que acabou hoxe coa súa vida, aos 53 anos.
Este atleta, alcumado como “Galgo de Zamans” acudía regularmente a Porriño e mantivo fortes lazos coa comarca da Louriña.
Alejandro Gómez foi o principal referente do atletismo na área de Vigo e un exemplo para xeracións de atletas do Porriño e doutros concellos.
Gómez foi un dos mellores atletas españois na décadas dos oitenta e dos noventa, presente en tres Xogos Olímpicos (Seúl 88, Barcelona 92 e Atlanta 96) e gañador de infinidade de probas.

 

O Concello suspende temporalmente o mercado ambulante, pecha parques infantís, recintos deportivos e centros culturais e anuncia unha nova liña de axudas á hostalería, comercio e autónomos

O Concello do Porriño suspenderá temporalmente o mercado ambulante durante as tres vindeiras semanas, segundo acordou hoxe a Comisión Municipal de Seguimento da Covid. Tamén durante ese período de tempo pecharanse os parques infantís e os recintos culturais, sociais e deportivos, conforme ás restricións que acordou a Xunta de Galicia e vixentes ata o 17 de febreiro.

A alcaldesa, Eva Garcia explicou que estas medidas locais de acompañamento ás restricións autonómicas “adóptanse para garantir a seguridade de todos limitando ao máximo a interacción e o contacto social”.

Por outra banda, a proposta do goberno municipal e co acordo dos participantes na Comisión Municipal de Seguimento, determinouse a celebración dun pleno municipal extraordinario para aprobar unha modificación orzamentaria para habilitar un fondo de axudas económicas directas, semellante ao que funcionou en 2020 e repartiu achegas por un importe total superior aos 80.000 €.

“A idea é axudar de xeito especial á hostalería, como sector máis damnificado polas restricións, pero tamén ao comercio e aos autónomos”, engadiu a alcaldesa.
Eva Garcia manifestou, tamén, que agarda “chegar a un consenso con todos os grupos políticos da corporación a contía desas axudas para que esta proposta saia coma unha iniciativa común de toda a corporación”.

A Concellería de Deportes avisa aos clubs do Porriño das novas restricións

A Concellería de Deportes enviou unha circular aos clubs do Porriño indicando as novas restricións no deporte autonómico federado, comunicadas hoxe pola Xunta de Galicia. Como consecuencia da suspensión de todas as competicións deportivas federadas no ámbito galego que entrarán en vigor a partir deste xoves, segundo a Consellería de Sanidade.

En consecuencia, a Concellería de Deportes do Porriño informa aos clubs da suspensión temporal das actividades programadas nos pavillóns municipais. Só se manterán as competicións rexidas polo Consello Superior de Deportes e a nivel federado nacional.

David Alonso, o concelleiro responsable, informou de que as instalacións da piscina municipal, as pistas de tenis e as pistas de atletismo permanecerán abertas.

O concelleiro pide aos clubs que teñen dúbidas que se poñan en contacto co Servizo de Deportes para obter as aclaracións oportunas.

Yago Martínez, campión de España sub 18 de motocross por segundo ano consecutivo, agradeceu o apoio do Concello

O piloto porriñés, Yago Martínez, proclamado por segundo ano consecutivo, campión de España sub 18 de motocross, agradeceu persoalmente ao Concello do Porriño o apoio recibido na tempada que acaba de rematar.  Yago recibiu a través do contrato de patrocinio que asinou co Concello, unha achega de 3.000 euros en 2020.

O piloto entregou a través do concelleiro de Deportes, David Alonso, agasallos para o Concello como se mostra na imaxe do encontro celebrado no Polideportivo Municipal.

De cara a esta nova tempada, o concelleiro de Deportes informou a Yago Martínez de que se convocará unha bolsa de axuda para deportistas individuais de alto nivel, cunha partida do orzamento municipal de 2021 á que poderá acceder para recibir unha vez máis o apoio do Concello do Porriño.

Comisión municipal anti-Covid: ante a melloría dos datos, amplíanse aforos deportivos e reabriranse os parques infantís

O goberno municipal porriñés, á vista da melloría que reflicten os datos de contaxios e incidencia da pandemia, decidiu aliviar algunhas das restricións existentes. Hoxe o SERGAS comunicou que no Porriño os novos contaxios baixaron a 39 casos activos aínda que seguimos cunha incidencia acumulada de máis de 150 e menos de 250. 

Entre as novas medidas, o Concello acordou:

-Ampliar os aforos nos eventos deportivos. En pavillóns e recintos pechados, haberá 250 espectadores. Nos campos de fútbol e recinto ao aire libre, permitiranse 500 espectadores, medida que poderá estrear mañá martes o C.D. Pontellas no seu campo, coa ocasión do partido de Liga de Terceira División contra o Arenteiro.

– Reapertura de todos os parques infantís que leven pechados dende o 22 de outubro. Estes recintos de xogo volverán a estar dispoñibles a partir do venres 11, segundo indicou o concelleiro responsable, Sergio Casal.

Estas medidas comentáronse hoxe pola alcaldesa Eva García cos representantes dos grupos políticos da corporación e demais membros que forman a Comisión Municipal de Seguimento da Covid.

Tamén lembrouse que mañá martes volverá a celebrarse o mercado semanal, despois de seis semanas de suspensión aínda que coa metade dos postos.

Hernán Sío e demais membros do club Ximnasia Porriño recibidos no Concello

O Concello do Porriño rendeu hoxe unha recepción de recoñecemento aos membros do Club Ximnasia do Porriño encabezados polo infantil Hernán Sío que ven de proclamarse subcampión de España de ximnasia rítmica, na proba celebrada en Valencia,

 


Na recepción ofrecida por David Alonso, concelleiro de Deportes participaron tamén outros integrantes do club que tiveron unha sobranceira participación no campionato nacional.

O goberno municipal levará a licitación o novo contrato da Piscina Municipal

 

Este xoves o Concello do Porriño celebrará cinco comisións municipais informativas preparatorias do vindeiro pleno ordinario da Corporación que terá lugar o día 25. As comisións están convocadas entre as 19 e as 20,30 horas e serán telemáticas.

Entre os asuntos que se abordarán cabe subliñar o expediente para levar a licitación o novo contrato da piscina municipal. Segundo informará na comisión correspondente o concelleiro de Deportes, David Alonso, o prezo base da licitación será un millón e medio de euros, a razón de 545.000 por exercicio xa que a vixencia do contrato será por un máximo de 3 anos.

Entre as condicións que se formularán no prego da licitación figuran a subrogación do persoal actual da piscina (máis de 20 traballadores). Asemade a empresa que resulte adxudicataria deberá asumir a prestación de clases de instrución e formación tanto na auga como no ximnasio da piscina.

Segundo estima o concelleiro responsable, se a tramitación do expediente non sufre atrancos, a licitación podería abrirse a primeiros do 2021.