O Concello do Porriño porá o broche de ouro á programación de Nadal o vindeiro domingo, día 7 de xaneiro, con deporte e música. Pola tarde terá lugar o tradicional encontro de Rondallas, pero a actividade comezará xa de mañá coa celebración da Carreira de Reis.

Será ás 11.00 horas polas rúas da vila e con saída dende a Praza Arquitecto Antonio Palacios. Terá un percorrido moi accesible, urbano, de tan só catro quilómetros (dúas voltas a un circuíto de dous quilómetros ) e está aberta a todas as idades.

As persoas interesadas en participar aínda están a tempo de facelo inscribíndose, antes de mañá, xoves días 4, ás 23.30 horas, a través da páxina web ecultura.net. Con todo, o propio día tamén se aceptarán inscricións, de 09.00 a 10.00 horas, nas inmediacións da zona de saída, no mesmo lugar onde se deben recoller os dorsais (de 09.30 a 10.45 horas).

O alcalde do Porriño Alejandro Lorenzo anima á participación de toda a veciñanza, así como de todas aquelas persoas de fóra que o desexen. “Despois de nadal, fin de ano e reis… despois de tanto comer e cear, presentamos unha proposta deportiva para rematar estas festas, o día 7 de xaneiro. Corramos todos xuntos na Carreira de Reis do Porriño o vindeiro domingo”

O evento ten tamén carácter solidario, xa que cada corredor depositará unha unidade de produtos ou alimentos para bebés ou pasta, os cales serán distribuídos entre as familias do Concello con menos recursos.